Matogueira

Ecosistema arbustivo

Matogueira é o conxunto espeso de matas ou maleza. Aínda que pode existir mato como sotobosque, considéranse matogueiras as formacións vexetais compostas maioritariamente por arbustos que crean ecosistemas de por si sen estrato arbóreo ou con árbores moi dispersas. En galego son sinónimos de matogueira: breña, coucheira, fraguiza, matagueira, mato, e vedramio[1].

Matogueira típica galega: Toxo molar (Ulex minor) en amarelo con queiroas (Calluna vulgaris) en rosa, que forman toxeiras e uceiras.
Matagueira no condado Prince Edward.

Son formacións naturais importantes en Galicia, especialmente as toxeiras e as uceiras, ecosistemas predominantes nos montes e cantís galegos. Porén a súa superficie diminuíu no último século por mor das reforestacións con especies foráneas como piñeiros e eucaliptos.

Características editar

Son logo as matogueiras ecosistemas cunha vexetación máis fechada que a da sabana, o que dificulta a circulación de animais maiores. Diferénciase do bosque ou foresta por non posuír árbores en número suficiente para que as copas destas se fechen, o que impediría normalmente o crecemento dos arbustos por insuficiencia de luz solar. Por outra banda é un ecosistema que a miúdo adoita conter plantas de porte herbáceo, e plantas xeófitas. Atopamos matogueiras en zonas de solos pobres ou degradados como bicos dos montes, dunas, turbeiras etc.

 
Vexetación de mato no "Texas Hill Country".

A matogueira pode tamén xurdir coma consecuencia da actividade humana.[2] Pode ser a vexetación madura nunha rexión particular e seguir dun xeito estábel durante un período de tempo, ou unha comunidade transitoria que se desenvolva temporalmente como resultado dun disturbio, tal como o lume. A matogueira pode ser inadecuada para a habitación humana por mor do perigo de catástrofes como os incendios. En inglés, o termo correspondente a matogueira, "shrubland", foi impreso por vez primeira en 1903.[3]

Concepto editar

En botánica e ecoloxía, un mato ou arbusto está definido como unha planta máis ramificada ca unha árbore, con menos de 8 m de altura e usualmente con moitos talos. Considérase mato alto se ten entre 2 e 8 m, baixo de 1 a 2 m e un subarbusto (coñecido normalmente como gamallo en galego) se é menor de 1 m.[4] Por outra banda considérase que se a follaxe é mesta cunha cobertura maior do 70%, será unha matogueira fechada, e se é menor de 70% unha matogueira aberta.[5]

Matogueira xerófila editar

Artigo principal: Matogueira xerófila.
 
Mato xerófilo da chaira de Nullarbor en Australia.

A matogueira xerófilo prodúcese nos semidesertos ou en áreas de rápida drenaxe dos solos areentos en rexións máis húmidas. Estas matogueiras compóñense de plantas con adaptacións ao clima seco (xerófilas), o que inclúe follas miúdas para limitaren a perda de auga, espiños para se protexer dos animais de pasto, follas ou talos suculentos, órganos para almacenamento de auga e raíces pivotantes longas para acadaren augas subterráneas.

Matogueiras mediterráneas editar

 
Fynbos en Suráfrica.

As matogueiras atópanse dun xeito natural no bioma do bosque mediterráneo, localizado nas cinco ecorrexións do mundo de clima mediterráneo. As matogueiras son máis comúns preto da beiramar, e téñense adaptado a miúdo ao vento e ao ar cargado de sal do mar. As matogueiras baixas, con follas macías que se atopan derredor da conca mediterránea coñécense como:

Matogueiras atlánticas editar

As matogueiras son moi comúns na paisaxe natural da Europa atlántica. O estrato arbóreo de fragas e carballeiras adoita ocupar os vales e zonas baixas, mentres que o mato de toxos, uces e queiroas cobre os montes e outeiros (as chamadas uceiras). Este mato era foi aproveitado coma estrume e alimento do gando. En Galicia, en contraposición con outras zonas atlánticas coma Irlanda, Escocia, Bretaña, a superficie forestal ten aumentado no último século pola substitución destes ecosistemas por reforestacións de especies alóctonas, principalmente piñeiros e eucaliptos. Tamén son moi comúns as matogueiras costeiras que cobren toda a zona da beiramar e de cantís, onde poucas especies arbóreas logran medrar, adaptadas aos fortes ventos do océano cargados de sal. Formacións de arbustos ou arboriñas coma as abeleiras, os estripeiros ou os loureiros non se consideran matogueiras.

Matogueiras en Galicia editar

Páramo editar

Artigo principal: Páramo (ecosistema).
 
Páramo no Kilimanjaro

O páramo é un ecosistema tropical de montaña de mato baixo que se desenvolve por riba da foresta montana e ten o seu límite nas neves perpetuas. Nos Andes, os páramos atópanse dende o cordal de Mérida (Venezuela), atravesando as cadeas montañosas de Colombia e Ecuador, ata os páramos do Cordal Central no Perú. Atópanse tamén en Costa Rica, África, Asia e Nova Guinea.

Matogueiras de interior editar

As matogueiras de interior encóntranse dun xeito natural en zonas semiáridas onde os solos son pobres en nutrientes, tales como nos matos de Portugal que están determinados polos xistos cámbricos e silúricos. O breñal de Florida, en Estados Unidos de América, é outro exemplo de matogueira de interior.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para matogueira.
  2. "Chapter 12 Scrub Management". Natural England. [Ligazón morta]
  3. Merriam-Webster's Collegiate Dictionary, 11th Edition (2003).
  4. Flora of New South Wales, Vol.4 ed. Gwen J. Harden, Royal Botanic Gardens, Sydney ISBN 0-86840-188-9
  5. Costermans, L. F. (1993) Native trees and shrubs of South-Eastern Australia. rev. ed. ISBN 0-947116-76-1
  6. Web de Mini Atlas Xeobotánico de Galicia

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Outros artigos editar