Queiroa

especie de planta

A queiroa (Calluna vulgaris (L.) Hull), coñecida tamén como queiroga, queiroga de cruz, uz de monte ou, simplemente, uz é unha especie fanerógama do xénero Calluna pertencente á familia das ericáceas.

Etimoloxía

editar

A orixe do nome xenérico Calluna deriva da palabra grega que significa "varrer" xa que a planta se usaba para facer vasoiras. O nome específico vulgaris provén da verba en latín "común".

O nome de queiroa, queiroga ou queiruga, parece derivar da forma latina karioka, ou da raíz prerromana Kar-(rocha, duro), de xeito equivalente á orixe da palabra carrasco/a, e carpaza/o.[1]

Nomes galegos

editar

Todas as especies principalmente dos xéneros Erica e Calluna reciben o nome común de uces, urces ou breixos en Galicia.

Esta especie en concreto recibe tamén os nomes de queiroa, carrasca, carrasco, queiroga, quiroga, queiruga, queiruga de cruz , carroucha, foupa, queiroga de cruz, urce de monte, uz montés.[2]

Distribución e hábitat

editar

É natural de Europa, Norte de África e América, moi difundido en terreos estériles e acedos como turbeiras e brañas. É unha planta que mora en matogueiras e landas. Medra en solos acidófilos, non calcarios e asollados. É máis frecuente atopala nas clareiras das fragas mais tampouco é estraño atopala en zonas opacas. Pódese localizar dende o nivel do mar deica os 2600 metros malia ser máis abondosa nas zonas montañosas. A presenza desta planta nun bosque amosa un grande empobrecemento do solo.

É un dos matos máis frecuentes de Galicia. Grazas ás súas amplas marxes de tolerancia aparece por todo o territorio, desde o nivel do mar até as máis altas montañas. Forma parte dos matos con toxos e uces, e dos matos de substitución dos bosques que foron queimados ou tallados. Desenvólvese sobre solos acedos (silíceos) pobres, de espesor xeralmente menor de 50 cm e humidade variábel. A miúdo forman extensas manchas sobre solos empobrecidos.[1] As formacións denomínanse uceiras, breixeiras, mourais, urceiras ou uzais.[3]

 
Flores.
 
Follaxe.

Descrición

editar

É un subarbusto de 20-50 cm. de altura que presenta gran cantidade de pólas erguidas de cor marrón avermelladas, con follas miúdas e moi numerosas con flores tamén cativas de cor malva que forman un acio terminal. Florece a finais de primavera, no verán até o outono. O froito é unha cápsula redondeada con peluxes que contén numerosas sementes. Ábrese en 4 valvas. As sementes son ovais, de cor rubia.

Propiedades

editar

Ten semellantes propiedades e características que a Erica cinerea Calluna vulgaris contén os compostos fenólicos: ácido cloroxénico, 3-O-glicósido, 3-O-galactosido e 3-O-arabinósido.[4]

Cultivo

editar

Para cultivar esta uz cómpre dispor de espazos asollados e pouca auga. É conveniente que ao empezar e ao finalizar a época de crecemento, é dicir, a principio de primavera e final de verán, se engada un pouco adubo orgánico. Tamén cómpre termos en conta que pode verse afectada por fungos co exceso de humidade. A floración vai dende primeiros de xullo na alta montaña até xa entrado o outono nas terras baixas. A queiroga de monte úsase moito na xardinaría como planta ornamental.

A partir da queiroga elaborábase carbón vexetal usado nas ferrarías de Galicia, aínda que o máis cobizado era o da uz branca. Tamén se empregaban para facer vasoiras, como noutras partes de Europa.[1] As urces son unha importante fonte de alimentación para as ovellas e especies como os veados xa que poden pacer as puntas das plantas cando a neve cobre a vexetación nas montañas durante o inverno. A pita do monte tamén se alimenta dos agromos e sementes desta planta.[5]

Algúns escaravellos como a Lochmaea suturalis (escaravello da queiroga) aliméntanse tamén da queiroga e, nalgúns casos, poden causar mortalidade. As larvas dun certo número de especies de lepidópteros tamén se alimentan destas plantas, en particular as da bolboreta Saturnia pavonia.

Antigamente usábase a uz para tinxir a la de cor amarela e curtir o coiro. Xunto co malte, a urce é un ingrediente do gruit, unha mestura de aromas usada na fabricación de cervexa de urce típica na Escocia durante a Idade Media, antes do uso do lúpulo. Thomas Pennant escribiu na súa obra A Tour in Scotland (1769) (Unha viaxe pola Escocia) que na illa escocesa de Islay: A cervexa adóitana elaborar coas puntiñas das uces, mesturando dous terzos de uz cun de malte, ás veces, engadindo lúpulo".[6]

O mel de uz é un produto altamente valorado nas áreas onde abundan as uceiras, breixeiras, polo que moitos cortizos múdanse das abellarizas a estas zonas a finais do verán. Porén non sempre foi tan valorado coma hoxe [7] e de feito Dioscórides rexeitouno considerándoo mel improbum [8] O mel de urce ten un característico sabor forte, e unha textura infrecuente, tixotrópica, xelatinosa, que fai que non sexa doado esmelgar os favos, e por iso é moitas veces véndense directamente os favos.

Cultural

editar

As queirogas e uces tamén eran consideradas plantas sagradas para os celtas, e por iso en Galicia e noutras zonas da Europa atlántica hai lendas e tradición arredor desta planta. Emprégase na Festa dos maios. A uz branca considérase como amuleto de sorte en Escocia, de feito vese como unha icona do país onde, ao igual ca en Galicia, é moi abundante.

Sinonimia

editar
 
Ilustración de Otto Wilhelm Thomé.
  • Calluna vulgaris var. pubescens W.D.J.Koch
  • Erica vulgaris var. alba Weston
  • Calluna sancta Gand. [1884]
  • Calluna sagittifolia var. hirsuta Gray [1821]
  • Calluna pyrenaica Gand. [1884]
  • Calluna oviformis Gand. [1875]
  • Calluna olbiensis Albert
  • Calluna erica var. condensata (Lamotte) Rouy [1908]
  • Calluna erica proles olbiensis (Albert) Rouy [1908]
  • Calluna erica proles beleziae (Rouy) Rouy [1908]
  • Calluna brumalis Gand. [1884]
  • Calluna beleziana Rouy [1895]
  • Calluna atlantica Seemen [1866]
  • Calluna alpestris Gand. [1884]
  • Ericoides vulgaris (L.) Merino [1906]
  • Erica vulgaris L. [1753]
  • Calluna sagittifolia Gray [1821]
  • Calluna erica DC.[9]
  • Calluna beleziae Rouy
  • Calluna erica var. hirsuta (Gray) Rouy in Rouy & Foucaud
  • Calluna sagittifolia Gray
  • Erica sagittifolia var. villosa Stokes
  • Erica sagittifolia Stokes
  1. 1,0 1,1 1,2 http://www.vexetaciondegalicia.es/ma-calluna-vulgaris.html
  2. Uz Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no Dicionario da Real Academia Galega.
  3. Uceira Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no Dicionario da Real Academia Galega.
  4. Phenolic composition and its seasonal variation in Calluna vulgaris. Mahbubul A.F. Jalal, David J. Read and E. Haslam, Phytochemistry, Volume 21, Issue 6, 1982, páxinas 1397–1401, doi 10.1016/0031-9422(82)80150-7
  5. Moss R & Parkinson J (1972) The digestion of heather (Culluna vulgaris) by red grouse (Lagopus lagopus scoticus) Br.J.Nutr. 27, 285-296
  6. Thomas Pennant, A Tour in Scotland and Voyage to the Hebrides (1772), New Ed. (Birlinn Ltd, 1998) ISBN 1-874744-88-2
  7. "Most people today consider it the best of all honeys, but this was not always so." Alice M. Coats, Garden Shrubs and Their Histories (1964) 1992, s.v. "Calluna".
  8. Translated as "noughty honey" by William Turner: noted in Coats (1964) 1992.
  9. Sinónimos en Tela Botánica Arquivado 17 de outubro de 2008 en Wayback Machine.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar