Erica

xénero de plantas

Erica, coñecidas como uces, urces ou carrouchas, é un xénero de fanerógamas que inclúe unhas 700 especies da familia Ericaceae. Son plantas resistentes á seca, á acidez edáfica e aos lumes.

Son moi comúns en Galicia e, en xeral, na Europa atlántica, formando parte da matogueira, mesturándose con toxos e outros matos, e formando as uceiras, unha das paisaxes e ecosistemas máis representativos da zona. Moitas especies son tamén endémicas de Suráfrica (breixos do Cabo). As restantes 70 especies son nativas doutras partes de África, das Illas Canarias ou de Europa. Reciben moitos outros nomes comúns galegos, como torgas, breixos, carrascos, carrascas, queirogas etc., moitos deles comúns a outras especies dos xéneros relacionados Calluna e Daboecia.

EtimoloxíaEditar

Crese que Erica deriva do grego ἐρείκειν (ereikein), "quebrar", en alusión ás súas ramas fráxiles.

DescriciónEditar

A meirande parte das especies son arbustos de 0,2-1,5 m de altura, aínda que algunha especie é máis alta, como a Erica arborea (uz branca) ou a Erica scoparia (uz das vasoiras), que poden acadar máis de 6–7 m de altura. Todas as especies son de folla perenne, con follas diminutas semellantes a agullas duns 2–15 mm de longura.

As flores, tamén miúdas e de cores abrancazadas ou malvas, poden ser axiais e, ás veces, en umbelas terminais ou en espigas. Hai flores dispostas cara arriba e outras viradas cara abaixo. Atópanse agrupadas de xeito masivo. Cultívanse tamén como plantas de xardíns paisaxistas polo seu efecto floral.

O xénero estreitamente relacionado Calluna, cuxas especies son tamén chamadas uces, adóitase confundir co Erica; diferénciase por teren as súas especies as follas máis pequenas, de menos de 2–3 mm de longura, e presentar unha corola máis dividida en pétalos diferenciados. Ademais, a marxe das follas é serrada en Calluna, mentres que en Erica, de follas lineares, a marxe é enteira.

As plantas deste xénero serven de alimento para as larvas dalgunhas especies de Lepidoptera, incluída a Lycophotia porphyrea.

UsosEditar

Ademais de ter función formadora de solos nos terreos áridos ou degradados nos que adoitan medrar, as uces serven como alimento do gando e dos animais salvaxes. Suxeitan o terreo tras os lumes, pola súa resistencia a el e a súa capacidade para regromar despois dos incendios forestais. Adoitan ser indicadoras de solos acedos con certa humidade.

Estas plantas presentan unha cepa grosa baixo o chan da que agroman as pólas. Estas cepas téñense empregado en zonas rurais como combustíbel polo seu alto poder calorífico. Por seren os breixos de madeira moi dura e sen veas, úsanse tamén para a fabricación de gaitas, pipas de fumadores, cubertos e outros obxectos.

É común o uso dalgunhas especies e variedades en xardinaxe coma cobertoiras, xardíns de rocalla, de coníferas ananas e incluso en vasos. Salientan pola cor das súas folliñas, así como pola súa floración prolongada, que vai da cor branca á púrpura.

EspeciesEditar

Presenta unhas 700 especies, entre as que se inclúen as seguintes:

En GaliciaEditar

En Galicia existen arredor de 12 especies do xénero Erica:

OutrasEditar

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar