Carroucha de umbela

especie de planta
(Redirección desde «Erica umbellata»)

A carroucha de umbela ou queiroga de umbela[1] (Erica umbellata) é unha urce (familia das ericáceas) común en Galiza, aínda que é máis termófila ca outras uces.

Descrición editar

Arbusto de 15 cm a 1 m de altura, coas pólas algo tortas. Follas en verticilos de 3 , curtas, de 3 a 4 mm, sen vilosidade, lineares, aciculares e coa marxe revirada ocultando o envés case totalmente. As flores deste mato permite recoñecer a especie de xeito doado. Inflorescencias terminais con 3-6 flores ovoides, máis estreitas no extremo. Sépalos ovais curtamente ciliados. Estames saíntes e sen apéndices nas anteras. A cor das flores é rosada – lila, os pétalos están fusionados en forma de pequenos globos piramidais que penduran nos acios das terminacións das franzas, en número de 3 a 6, polos que sobresaen os estames mouros. Florea na primavera e no verán.[2] O froito é unha cápsula. As sementes son ovais e de cor moura ou rubia.

Hábitat editar

Medra en terreos silíceos empobrecidos e descarnados, a miúdo areentos, e en climas algo húmidos e suaves. Desde os areais e dunas subcosteiras ascende até por riba dos 1.300 m de altitude.

En Galiza medra en solos acedos (silíceos) empobrecidos. Representan a etapa de degradación dos bosques clímax de Galiza das zonas húmidas por baixo dos 1300 m de altitude. Esta carroucha é algo máis termófila que outras.

Distribución editar

Medra na metade occidental da Península Ibérica e o noroeste de África [3]

Ecoloxía e ameazas editar

As ameazas pasan pola redución especialmente en Galiza dos ecosistemas costeiros e especialmente pola substitución das uceiras, carroucheiras e toxeiras por plantacións forestais de eucaliptos e piñeiros. Outros problemas son a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da gandaría rústica extensiva, a creación de vías forestais, a instalacións de enerxía eólica, ou a minaría. A desaparición das toxeiras e carroucheiras ten un efecto moi negativo na recuperación da vexetación e do solo.

Etimoloxía editar

A orixe do nome vulgar galego carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín carex -icis, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras con carba: carballo ou carpaza, cuxa orixe probábel é unha raíz prerromana preindoeuropea car- ou k-ar-, que significa rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza, é que derive do latín carpere, que significa rañar e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra carapaccia, étimo que suxestiona para o castelán calabaza[4].

Nomes comúns editar

Tamén recibe os nomes comúns galegos de queiroa de umbela, carrasco de umbela, carpaza etc.

En portugués chámana:queiró; en inglés:dwarf Spanish heath.

Notas editar

  1. Nomes vulgares galegos preferidos en Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004; e Nomenclatura vernácula da flora vascular galega. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991
  2. Penas, A.; Diez J., Llamas F., Rodríguez M. (1991). Plantas Silvestres de Castilla y León. Valladolid:Ámbito. ISBN 84-86770-40-8. 
  3. López, Ginés (2007). Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares (3ª ed.). Madrid:Mundi-Prensa. ISBN 10: 84-8476-312-9. 
  4. Atlas Xeobotánico de Galicia

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

http://www.vexetaciondegalicia.es/ma-erica-umbellata.html