Ra verde
Ra verde Pelophylax perezi | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Pelophylax perezi (López-Seoane, 1885) [1] | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
A ra verde,[2][3] Pelophylax perezi, é unha especie de anfibio anuro da familia dos ránidos.
Características
editarÉ unha ra de corpo robusto (sobre todo os exemplares vellos) de tamaño de mediano a grande, xa que pode alcanzar os 10 cm de lonxitude nas femias, aínda que non adoita superar os 7,5 cm, coa cabeza tan longa como larga, co fociño acabado en punta ou lixeiramente arredondado e os ollos moi grandes, elevados, prominentes e moi xuntos, coa pupila vertical. Os membros anteriores son robustos e teñen catro dedos longos; os posteriores, moi longos, fortes e musculosos, rematan en cinco dedos unidos por unha membrana interdixital completa.[2]
A coloración do dorso é moi variábel, pero adoita ser verde, máis ou menos clara, con tendencia á parda conforme se avanza cara a parte posterior do corpo, e cunhas manchas de cor verde máis escura, ás veces negras, na cabeza, tronco e patas, e unha liña vertebral verde máis clara e sen a característica mancha temporal das ras pardas. O ventre é de cor agrisada.[2][3]
Variacións
editarHai unha grande variación individual na cor e no deseño das manchas dorsais. Porén, non se coñecen tendenxiaas xeográficas concretas. Até hai poucos anos todas as ras verdes ibéricas considerábanse como unha subespecie da especie europea Rana ridibunda, que fora descrita por Víctor López Seoane en 1885 como Rana esculenta perezi, a partir de individuos da Coruña. Porén, baseándose nalgunhas diferenzas morfolóxicas e, sobre todo, bioquímicas e xenéticas, foi elevada hai pouco ao rango de especie, Rana perezi López-Seaoane, 1885.[2]
E moi recentemente foi reclasificada no xénero Pelophylax, como Pelophylax perezi (López-Seoane, 1885), que é o nome científico válido na acualidade, conservando a primacía do célebre naturalista galego que a describiu por primeira vez.[1]
Dimorfismo sexual
editarOs machos posúen dous sacos vocais externos nas comisuras bucais; son de cor branca agrisada ou gris, e vense como dobras cutáneas cando están desinchados. Como ocorre noutros anuros, os machos teñen os membros anteriores moito máis fortes e musculosos que as femias, e cunhas rugosidades de cor escura na cara interna do primeiro dedo, para facilitar o amplexo. As femias, en cambio, son máis voluminosas e alcanzan xeralmente maior tamaño.[2]
Distribución
editarA ra verde é unha especie endémica, e bastante abundante, da Península Ibérica e do sur de Francia, aparecendo até case os 2 400 m de altitude. [4]
O límite de distribución setentrional non está claro. Constatouse a súa presenza até as proximidades de Lión polo leste e até o departamento de Vendée, polo oeste.[5]
Tampouco se coñece o límite na parte central da distribución francesa, onde é posíbel que se encontre ao sur da conca do río Loira. Cara ao sur, a especie non supera o estreito de Xibraltar, non aparecendo, por tanto, na África continental.[5]
Foi introducida nas illas Baleares (Mallorca, Menorca, Ibiza e Formentera), Canarias (agás en El Hierro e Lanzarote), Azores e Madeira. [4]
En Galicia pode verse en todo o país, aínda que é máis abundante nas zonas cálidas do centro e o sur. Encóntrase desde o nivel do mar até os cumios das montañas, chegando aos 1800 m de Pena Trevinca.[2][3]
Nas provincias da Coruña e Lugo é menos montana, e non e doado vela por riba dos 700 m de altitude.[2]
Bioloxía
editarHábitat
editarÉ unha especie moi ligada á auga, podéndose encontrar tanto en pequenas charcas, estanques, pozas, lagos, lagoas e marismas como nos ríos, grandes e pequenos, sempre que sexan de augas estancadas ou de curso moi lento.[3] Os adultos prefiren particularmente as augas permanentes, tranquilas, de certa profundidade e con moita vexetación nas beiras. Os xuvenís e subadultos adoitan aparecer tamén en zonas marxinais como brañas, prados húmidos, arroios, regos de prados e charcos temporais.
Actividade
editarEn Galicia a maioría dos espécimes adultos hibernan (cousa pouco común nos anfibios galegos) de novembro a marzo, sobre todo os que viven nas zonas máis frías. Pola contra, os xuvenís e subadultos poden verse activos nos meses invernais. Poden ser activos tanto de día como de noite e, durante o día, gústalles tomar o sol nas beiras, ou sobre plantas ou obxectos flotantes.[2]
Comportamento
editarA ra verde é un animal moi áxil, excepcional saltadora (pode dar brincos de até 2 m de lonxitude), nadadora e mergulladora. É unha especie gregaria, e adoita vivir en grandes e ruidosas colonias. É moi asustadiza, e salta rapidamente á auga cando advirte o máis lixeiro perigo. Despois de saltar á auga adoita afastarse moito da beira, e tentan agocharse entre a vexetación somerxida ou enterrada na lama do fondo; este comportamento difire notabelmente do das outras ras galegas, que regresan rapidamente á terra despois de saltaren á auga. Moi competitiva, cando un insecto voa sobre a auga moitas ras acoden ao lugar, molestándose entre si e saltando unhas sobre as outras até que unha delas consegue a captura. Pode cazar insectos en voo saltando a considerábel altura (até medio metro). Cando se aproxima un depredador, por exemplo unha cobra, ínchase de aire e baixa a cabeza para dificultar a trabada do agresor, sobre todo cando se trata dunha ra de bo tamaño. Outra estratexia defensiva que practica con relativa frecuencia é a expulsión dun chorro de urina pola cloaca que desconcerta ao predador.[2]
Alimentación
editarMoi voraces, comen practicamente calquera animal máis pequeno que elas que se lles achegue. A maior parte da súa dieta compóñena os artrópodos, seguidos de moluscos e vermes, aínda que tamén se coñecen capturas de pequenos vertebrados, como peixes, roedores e outras ras (mesmo da súa mesma especie).[2][3]
Os cágados aliméntanse de algas, detritos orgánicos, plantas fanerógamas, fungos e, ás veces, de pequenos artrópodos e vermes nematodos.[2]
Reprodución
editarAs ras verdes galegas adoitan entrar en celo ao saíren do letargo invernal no mes de marzo. Durante este mes e até comezos de xuño os machos cantan ruidosamente e perseguen ás femias cos sacos vocais inchados. O amplexo é axilar e as femias poñen os ovos (cada unha entre 800 e 10 000, segundo o seu tamaño) que son depositados en masas globosas nas charcas ou nos remansos dos ríos nos que viven. Os ovos miden de 1 a 2 mm de diámetro, pero están recubertos dunha cápsula xelatinosa de 7 a 8 mm. A eclosión ten lugar ao cabo de 5 ou 6 días.[2][3]
No momento da eclosión, as larvas miden de 5 a 6 mm, aínda que os cágados máis desenvolvidos acadan 60 ou 70 mm (cítanse larvas de até 90 mm de lonxitude total, cabeza-cola). O espiráculo sitúase no lado esquerdo da cabeza, e o ano ábrese máis atrás. A coloración é apardazada ou verdosa na rexión dorsal, con ou sen manchas, e branca nacarada na ventral. O desenvolvemento larvario é bastante lento (de 2 a 4 meses). Cando acaba a metamorfose as pequenas ras miden entre 1,8 e 2,45 cm (cunha media de 2 cm). A coloración dos xuvenís é moi semellante á dos adultos, pero os seus costumes son máis terrestres, e pódense ver con frecuencia bastante lonxe da auga, en herbazais húmidos.[2][3]
Ameazas e estado da poboación
editarDepredación
editarA ra verde ten unha ampla lista de depredadores debido á súa abundancia. Entre eles están moias aves (miñatos, garzas, cegoñas, mouchos, curuxas etc.), pequenos carnívoros (teixugos, furóns, xenetas, londras etc.) e réptiles como as cobras acuáticas (Natrix natrix e N. maura. Os individuos xuvenís son tamén presa frecuente das ras adultas. Así mesmo, o home pode considerarse un depredador desta especie, pois as ancas de ra son moi apreciadas en moitos lugares de Galicia.[2]
Estado actual
editarÉ a especie de anfibio máis abundante e máis amplamente distribuído da fauna galega, e as súas poboacións en Galicia, a pesar do consumo das súas ancas, e á desaparición do seu máis grande hábitat, a lagoa de Antela, non só non diminúen, senón que mesmo están aumentando os seus efectivos, debido principalmente á proliferación de minicentrais eléctricas.[2][3]
Porén, noutras zonas de España as súas poboacións están diminuíndo de forma alarmante nos últimos tempos debido ao aumento do uso de herbicidas e outros produtos fitosanitarios.[3]
A nivel global, a especie aparece no anexo III do Convenio de Berna e no anexo V da Directiva Europea de hábitats naturais. Está rexistrada no Libro vermello de especies ameazadas de España e en varios libros vermellos autonómicos. Porén está presente en moitas áreas protexidas, como nos Parques Nacionais de Cabañeros e de Doñana en España e, en Portugal no de Peneda-Gerês. A UICN cualfiucou en 2009 a situación da especie como "LC" (pouco preocupante).[6]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Pelophylax perezi (López-Seoane, 1885) no SIIT.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 Galán e Fernández (1993), pp. 180-184 e 201-202.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Asensi, M. (2006), pp. 80-81.
- ↑ 4,0 4,1 "Enciclopedia Virtual de los Vertebrados Españoles. Hábitat de P. perezi" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2009. Consultado o 30 de outubro de 2013.
Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid-CSIC.
- ↑ 5,0 5,1 "Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles de España" (en castelán).
Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente e Alimentación, España
- ↑ Jaime Bosch, Miguel Tejedo, Pedro Beja, Iñigo Martínez-Solano, Alfredo Salvador, Mario García-París, Ernesto Recuero Gil & Trevor Beebee (2009): Pelophylax perezi na Lista vermella da IUCN, versión 2013.1.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ra verde |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ra verde |
Bibliografía
editar- Asensi Cabirta, Moisés (2006): Guía dos anfibios e réptiles de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96526-29-1.
- Galán Regalado, Pedro e Fernández Arias, Gustavo (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-722-6.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Vipera seoanei en Carrascal, L. M. & Salvador, A. (eds). Enciclopedia virtual de los vertebrados españoles. Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid. España
- Vipera seoanei en ADW.
- Fotos en Amphibians and Reptiles of Europe[1]