O espiráculo[1] (do latín spiraculum, "respiradeiro"), é o orificio respiratorio que moitos animais, terrestres e especialmente acuáticos, teñen como contacto do aire (ou a auga) e o seu sistema respiratorio interno.

Espiráculo duplo dunha balea azul (Balaenoptera musculus).
Imaxe sinalando os espiráculos dunha eiruga de bolboreta (Actias selene).

Características

editar

Todos os animais con espiráculo teñen en común o feito de que a localización deste é na parte superior do corpo, xeralmente detrás dos ollos.

No caso dos mamíferos mariños, o espiráculo conduce o aire que respiran cara aos pulmóns. O orificio é controlado polo animal, con capacidade para se abrir ou pechar a fin de conter a respiración baixo a auga. Cetáceos como os golfiños teñen un espiráculo único e outros como a balea azul teñen un espiráculo duplo.

Cando os cetáceos saen á superficie da auga para respiraren, expulsan con forza o aire almacenado nos seus pulmóns a través do orificio nasal. Ademais de aire, expulsan moco e nitróxeno formado no seu metabolismo.[2]

Outros animais mariños, como os tiburóns, teñen espiráculo para conducir a auga cara ás súas branquias (para despois "exhalala" polas galadas), e xeralmente téñeno permanentemente aberto.

Tamén se chama espiráculo o orificio respiratorio no exoesqueleto dos insectos e algúns arácnidos, que comunica o exterior coas traqueas, así como ao orificio respiratorio das larvas dos anfibios ou cágados.