Por respiración enténdese xeralmente o proceso fisiolóxico indispensable para a vida dos organismos aerobios.

Diagrama do intercambio pulmonar de gases na respiración (en italiano).

Características editar

Segundo os distintos hábitats, os distintos seres vivos aerobios desenvolveron diferentes sistemas de intercambio de gases: cutáneo, traqueal, branquial, pulmonar. Consiste nun intercambio gasoso osmótico (ou por difusión) co seu ambiente no que se capta osíxeno, necesario para a respiración celular, e refúgase dióxido de carbono, como subproduto do metabolismo enerxético.

Plantas e animais, o mesmo que outros organismos de metabolismo equivalente, relaciónanse a nivel macroecolóxico pola dinámica que existe entre respiración e fotosíntese. Na respiración utilízanse o osíxeno do aire, que á súa vez é un produto da fotosíntese osixénica, e refúgase dióxido de carbono; na fotosíntese utilízase o dióxido de carbono e prodúcese o osíxeno, necesario logo para a respiración aeróbica.

A reacción química global da respiración é a seguinte:

C6 H12 O6 + 6O2 → 6CO2 + 6H2O + enerxía (ATP)

Na respiración dos mamíferos hai unha fase inicial de respiración pulmonar, na cal o aire entra e sae dos pulmóns e prodúcese o intercambio de gases co sangue dos alvéolos. Despois intervén o sistema circulatorio, que transporta por vía sanguínea os gases desde os pulmóns ao corpo (o osíxeno) e desde o corpo aos pulmóns (o dióxido de carbono). Prodúcese o intercambio de gases entre sangue e células, no que as células captan osíxeno e ceden o dióxido de carbono. Finalmente ten lugar a fase bioquímica nas mitocondrias, que é a chamada respiración celular aerobia, na que se produce a enerxía que necesita a célula e o osíxeno respirado funciona como aceptor de electróns da cadea de transporte de electróns mitocondrial. Nos insectos o aire chega directamente ás células mediante o seu sistema traqueal, polo que non intervén o sangue como transportador de gases.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar