Sapoconcho da Florida
Sapoconcho da Florida | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sapoconcho da Florida (Trachemys scripta elegans) | |||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||
|
O sapoconcho da Florida,[2] tamén chamado sapoconcho americano[3] (Trachemys scripta) é unha especie de tartaruga acuática (sapoconcho) da familia Emydidae.
Vive en lameiros, brañas, encoros e outras augas doces. Aliméntase de diversos animais e plantas. É orixinaria das zonas tropicais e subtropicais das Américas, mais actualmente é coñecida como mascota no oriente de Asia, en Europa e outros lugares do mundo onde foi introducida, especialmente a subespecie da Florida Trachemys scripta elegans. Prohibiuse a introdución desta subespecie en Europa por mor a que se crearon poboacións en moitos lugares do continente pola ceiba incontrolada de exemplares que se adquiriran coma mascotas, e que provocaron danos nos ecosistemas locais.
Taxonomía
editarSubespecies antigas
editarAntigamente contábanse 15 subespecies:
- Trachemys scripta callirostris (Gray 1856) Colombia e occidente de Venezuela. (Hoxe Trachemys callirostris callirostris)
- Trachemys scripta cataspila (Gunther 1885) golfo de México. (Hoxe Trachemys venusta cataspila)
- Trachemys scripta chichiriviche (Pritchard & Trebbau 1984) Venezuela. (Hoxe Trachemys callirostris chichiriviche)
- Trachemys scripta dorbigni (Dumeril & Bibron 1835) O Brasil, Paraguai, a Arxentina e o Uruguai. (Hoxe Trachemys dorbigni)
- Trachemys scripta elegans (Wied 1839) Centro e sur dos Estados Unidos
- Trachemys scripta emolli (Legler 1990) Nicaragua. (Hoxe Trachemys emolli)
- Trachemys scripta grayi (Boucourt 1868) Centroamérica. (Hoxe Trachemys venusta grayi)
- Trachemys scripta hartwegi (Legler 1990) Durango. (Hoxe Trachemys nebulosa hartwegi)
- Trachemys scripta hiltoni (Carr 1942) Golfo de California, río Fuerte. (Hoxe Trachemys nebulosa hiltoni)
- Trachemys scripta nebulosa (Van Denburgh 1895) Baixa California. (Hoxe Trachemys nebulosa nebulosa)
- Trachemys scripta ornata (Gray 1831) Dende México deica o occidente de Colombia. (Hoxe Trachemys ornata)
- Trachemys scripta scripta (Schoepff 1792) Florida, sueste dos Estados Unidos. Sapoconcho da Florida[3]
- Trachemys scripta taylori (Gray 1831) Coahuila (Hoxe Trachemys taylori)
- Trachemys scripta troostii (Holbrook 1836) Tennessee e Kentucky.
- Trachemys scripta venusta (Gray 1855) Sur de México, Guatemala e Belize. (Hoxe Trachemys venusta venusta)
- Trachemys scripta yaquia (Legler & Webb 1970) Sonora, norte de México. (Hoxe Trachemys yaquia)
Cada subespecie ten unha coloración diferente na coiraza e a testa.
Subespecies actuais
editarActualmente coñécense 3 subespecies
Sapoconcho de orellas vermellas[2] (Trachemys scripta elegans): Texas, Oklahoma, Novo México, Kansas, Kentucky, Indiana, Alabama, Tennessee, Arkansas, Illinois e Missouri. É a especie de tartaruga máis coñecida no mundo. Importouse en grandes cantidades a moitos países do mundo, onde a xente ceibounas e comezan a ser unha praga. Ten a coiraza verde, que co tempo se torna marrón, con algunhas pintas amarelas. O plastrón (peiteira) é amarelo con máculas negras. A súa característica máis distintiva é unha gran mancha vermella tralas orellas. Até 28 cm.
Sapoconcho de orellas amarelas[2] (Trachemys scripta scripta): Virxinia, Carolina do Norte, Florida, Carolina do Sur e Xeorxia. Coiraza de cor negra cunhas raias verticais sutís de cor marrón. O plastrón é amarelo, sen máculas ou cunhas poucas de cor negra. A testa é escura cunhas grandes pintas de cor amarela intensa. Até 25 cm.
Sapoconcho de Cumberland[2] (Trachemys scripta troosti): Tennessee e Kentucky. Coiraza verde con algunhas pintas claras e plastrón amarelo con máculas negras. Na testa ten unha mancha amarela pálida. É probábel que sexa a evolución de híbridos entre T.s. elegans e T.s. scripta, xa que posúe caracteres de ambas as dúas especies e a súa distribución está tamén situada entre a de ambas as dúas especies. Até 21 cm.
Descrición
editarEstas subespecies poden acadar de 20 a 30 cm de longo, aínda que non é frecuente que superen os 25 cm. Os machos son de menor tamaño mais teñen as unllas e a cola máis longas. As femias acadan un tamaño maior ca os machos, porén teñen a cola e as unllas moito máis curtas.
Carácter invasor
editarPor mor do seu potencial colonizador e constituíren unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, esta especie foi catalogada no Catálogo Español de Especies exóticas Invasoras, aprobado polo Real Decreto 1628/2011, de 14 de novembro,[4] estando prohibida en España, e polo tanto en Galicia, a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio.
Notas
editar- ↑ van Dijk, P.P., Harding, J. & Hammerson, G.A. (2011). "Trachemys scripta". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 5 de marzo de 2014.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 González González, Manuel (ed.). "Sapoconcho da Florida". Tergal. Consultado o 23/12/2024.
- ↑ 3,0 3,1 Nome galego en Boletín Oficial del Estado (versión oficial galega)
- ↑ http://www.boe.es/boe/dias/2011/12/12/pdfs/BOE-A-2011-19398.pdf Real Decreto 1628/2011, de 14 de novembro
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sapoconcho da Florida |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sapoconcho da Florida |