Danza e contradanza de Darbo

danza branca de Darbo, Cangas

A danza e contradanza de Darbo é unha danza branca propia da parroquia canguesa de Darbo. Encádrase dentro das danzas gremiais (ou danzas brancas) que se escenifican no día da romería consagrada a Santa María, o 8 de setembro no adro da igrexa parroquial,[1] logo da misa das 12:30 e a procesión.[2] Danzan xuntos damas e galáns e na súa orixe pretendía combater enfermidades pandémicas e pestes.[3] Estivo esquecida durante décadas e foi recuperada anos 80 por vontade popular.

Atrio da igrexa durante a celebración da danza e contradanza de Darbo 2009.

Estrutura

editar

A distribución dos danzantes é a seguinte: fórmanse tres ringleiras paralelas con cinco individuos en cada unha, nas exteriores póñense os homes ou galáns. Na ringleira central van as mulleres ou damas máis o guía, os primeiros de cada fila son os contraguías.[1]

Consta de dúas partes, a primeira é a máis lenta onde se levan a cabo intercambios das posicións das ringleiras ao tempo que se desprazan cunha coreografía. A segunda parte amenízase con muiñeiras.[1] Adoitan tamén acompañar a danza con melodías de valses, pasodobres, alboradas e outras melodías interpretadas por gaiteiros.[3]

Vestimenta

editar
 
Dama co traxe e sombreiro floral típico
 
Traxes de damas e galáns 2009
 
Traxe completo do guía 2009 07
 
Contraguía 2009 03
 
Detalle dos pendentes masculinos (cuño de 2009).

O traxe dos homes (galáns) está formado por pantalóns e chalecos negros, faixa, camisa branca, cirolas, polainas e chapeus, ademais os homes levan pendentes. As mulleres portan camisa branca e faldas brancas con puntilla, mandil negro, un pano na cabeza e sobre os ombros mantón de caxemira.[1] O máis salientable é que adornan a súas cabezas con sombreiros florais feitos de maneira artesanal par cada danzante.[2] O guía de damas leva entre as flores plumas de pavón e o mantón cruzado.

A recuperación da danza perdida

editar

O pulo máis importante para a recuperación da danza propiciouno a Asociación Cultural Lembranzas da Ría —que se encarga de recuperar o folclore típico do Morrazo—. No ano 1985 comezaron a investigación para traer de volta esta singular danza, esquecida durante 71 anos, botando man das memorias dos veciños no principio. Pero o que marcou a diferenza foi dar con Antonia Martínez Seijas,[1] unha muller da Coruña que rexistrara tempo atrás en papel a música e os pasos.

Consultáronse tamén cancioneiros entre os que destacan os de Casto Sampedro.[3]

Para contrastar as fontes botaron man dos arquivos fotográficos do entroido recuperados das fotos de Mil Homes —taberna histórica da comarca— e do Museo de Pontevedra.[2]

Xunto a Lembrazas da Ría tamén destaca a figura de Belén Guimeráns, presidenta da Asociación da Danza de Darbo ata a súa retirada no 2018. Durante 31 anos dedicouse a recuperar e conservar esta danza e contradanza.[2]

A singularidade desta representación folclórica fai que, xunto as danzas do Hío e Aldán —cunhas características similares— a Xunta decidise incluílas na lista de festa galegas de interese turístico baixo a denominación de Danzas ancestrais.[4]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Manolo Cobas Paredes, "A.C Lembranzas da Ría II. Traballo etnográfico de de recuperación", A illa dos ratos, 27/07/2021
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "La danza de Darbo tendrá por primera vez a un inglés". Faro de Vigo. 08/09/2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Anxo Coya Otero, "Os entrados tradicionais de Cangas I", A illa dos ratos, 18/02/2023
  4. Mónica Torres (10/09/2022). "Darbo vuelve a bailar sus ancestrales danzas". La Voz de Galicia. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar