Castelo de Soutomaior

castelo e Ben de Interese Cultural en Soutomaior

O castelo de Soutomaior é un castelo medieval do século XII, lugar de orixe e centro de poder dunha das liñaxes máis significativas da Galicia medieval, os Soutomaior.

Castelo de Soutomaior
ben de interese cultural
ConcelloSoutomaior
ProvinciaPontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°19′46″N 8°34′05″O / 42.329347222222, -8.5681111111111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico (século XII)
Estilo actualmestura (século XIX)
Estado actualReconstruído. Visitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Situación

editar

O castelo de Soutomaior atópase na parroquia de San Salvador de Soutomaior, no concello de Soutomaior pertencente á comarca de Vigo, provincia de Pontevedra.

Sitúase na cima do monte Viso, a 119 metros sobre o nivel do mar, dominando a unión dos ríos Oitavén e Verdugo, nun lugar clave para o control entre o suroeste e o centro de Galicia. O conxunto ocupa 25 hectáreas de terreo.

Historia

editar

A orixe desta fortaleza non está moi clara. A lenda fala da fundación nos tempos anteriores á chegada dos musulmáns á península e a historiografía decántase, pese a non existir probas documentais que o corroboren, por situala no século XII por orde de Paio Méndez Sorrelle, o primeiro en utilizar o apelido Soutomaior.

Baixa Idade Media

editar
 
Torre da homenaxe do castelo

Desde entón os Soutomaior participaron como personaxes protagonistas na maioría de acontecementos políticos e sociais da época en Galicia (como a guerra civil entre Pedro I de Castela e Henrique de Trastámara, as guerras con Portugal, as revoltas irmandiñas, ou os múltiples enfrontamentos entre os bispados de Tui e Santiago de Compostela e casas nobres galegas entre si).

Entre todos os membros desta familia destacou a figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido polo alcume de Pedro Madruga.

Preto deste castelo estaba o Castro da Peneda, onde no ano 1477, o Arcebispo de Santiago Alonso II de Fonseca e Ulloa construíu o castelo de Castrizán para controlar ao de Soutomaior, e o que ao seu regreso do seu cativerio en Castela, Pedro Madruga conquistou e derribou, ocupando o seu lugar na actualidade a ermida da Virxe das Neves.

Trala morte do Madruga, no ano 1486, as disputas sucesorias polo seu legado fan que o protagonismo desta familia se esvaeza.

Séculos XIX e XX

editar

Os problemas sucesorios non se resolveron ata que no ano 1795 a Chancelería de Valladolid resolveu o conflito fallando a favor de Benito Fernando Correa de Soutomaior, IV marqués de Mos, pero o castelo proseguiu o seu decadente camiño cara á ruína.

 
Castelo de Soutomaior (1877)

Non parou ata o ano 1870 cando Antonio Aguilar y Correa, marqués de la Vega Armijo, fixou nel a súa residencia de verán e procedeu á súa restauración, remodelación e ampliación, actuacións que o converteron nunha palaciana residencia estival, imaxe esta que é a que conserva na actualidade.

No seu interior, nestes tempos, desenvolveuse unha activa vida social e política, sendo incluso visitado polo rei Afonso XII. Esta actividade, así como a realización de máis reformas (convertendo o lugar nunha granxa modelo e incluso construíndo un sanatorio), continuou coa nova propietaria (a partir de 1902), sobriña dos anteriores, a marquesa de Ayerbe María Vinyals e Correa, coñecida popularmente como a Dama vermella (precursora do movemento feminista en España), e o seu marido o doutor Lluría (promotor da militancia marxista en Cuba), ata que estes, acusados de intrigas políticas, perderon a súa propiedade en pública poxa en outubro de 1917, comezando un novo período de decadencia e abandono para o enclave.

Finalmente foi adquirido pola Deputación Provincial de Pontevedra no ano 1982, que realizou novas tarefas de restauración rematadas no ano 1987.

Descrición

editar
 
Galería das Damas

Descoñécese se se construíu sobre un edificio anterior, pero existen indicios que levan a pensar nisto, xa que o tipo de labra no paramento da torre principal, onde se atopan moi erosionados e irregulares pequenos perpiaños, superpostos a soga e tizón, a mesma técnica que se empregou nas torres fronteirizas portuguesas de comezos e finais do século XII.

As murallas

editar

Trátase dun dobre perímetro amurallado de planta oval e irregular adaptándose ao terreo no que se asenta.

A primeira muralla ábrese en dúas portas: a sur, usada na actualidade e que conserva o escudo do marqués de Mos, e a norte, a primitiva porta principal co escudo da familia Soutomaior e Zúñiga.

A Revolta Irmandiña danou gravemente o castelo, polo que tivo que ser reformado. Foi nestes tempos cando se traza o segundo cinto amurallado (non se sabe se substituíndo a outro anterior), que sería construído ex novo, posto que non aparece ningún resto anterior. Presenta novidades construtivas como as troneiras, testemuñas da comunicación do paso da garda, hoxe en día tapiadas.

Nas reformas de finais do século XIX constrúense a maior parte do parapeto e ameas do recinto exterior, así como seteiras e gárgolas que rematan os muros exteriores.

A torre da homenaxe

editar
 
Torre da homenaxe

O edificio principal conserva a primitiva torre da homenaxe. De estrutura rectangular con case 150 metros cadrados de planta e 15 metros de altura e uns muros cun espesor, nalgúns lugares, de máis de 3 metros e medio. Componse de varias plantas tendo a entrada na primeira planta onde se atopaba a ponte levadiza orixinaria.

O palacio

editar

O palacio unido á torre da homenaxe esténdese cara ao norte ata unha segunda torre do século XV da que se conservan os seus primitivos perpiaños.

É froito da reconstrución e obras realizadas polos marqueses de la Vega de Armijo, obras que seguiron o estilo historicista en voga na época, configurándose como un palacio neogótico.

Ábrense galerías, portas e vans con arcos oxivais cara ao exterior; no interior constrúense novas escaleiras, unha capela, salóns con artesoado de madeira e chemineas.

De todo o conxunto destaca, polo encanto romántico que a envolve, a coñecida como galería das damas, delicada obra neogótica que mira cara ao patio de armas.

 
Castiñeiro, duns 800 anos, no xardín.

O xardín

editar

Duns 15.700 m2, é froito dos labores do marqués de la Vega e Armijo e posteriores propietarios. Nel pódense atopar preto de 200 especies botánicas (algunhas con máis de oitocentos anos de antigüidade), coma cedros do Líbano, eucaliptos, abetos e piceas, palmeiras, camelias (entre elas o exemplar de japonica máis voluminoso de Galicia), castiñeiros, laranxeiras, magnolias, plátanos, acivros, alciprestes (Cupressus spp.), abetos de douglas (Pseudotsuga menziesii), criptomeria ou cedro xaponés (Cryptomeria japonica), alciprestes de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), cedros do incenso de California (Calocedrus recurrens), carballos, araucarias, e sequoias, inclusive doce exemplares do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, e multitude de especies de fentos ou plantas florais como a hortensia.

En 2012, no transcurso do Congreso Internacional da Camelia celebrado en Chuxiong, China, foi declarado Xardín de Excelencia Internacional, o único de España. En Europa so hai seis máis.[1]

Situación actual

editar

Consérvase en excelente estado e, pese ás numerosas reformas sufridas, conserva o seu carácter medieval.

Dedícase a actividades culturais e é visitable.

Galería de imaxes

editar
Véxase tamén a galería de imaxes do castelo de Soutomaior

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar