Universitarios. Revista de la F.U.E.

Universitarios. Revista de la F.U.E. foi unha publicación que xurdiu e se desenvolveu durante os anos da II República (1932 e 1933) en Santiago de Compostela. Constou soamente de dous números e definíase coma unha revista de cultura, “revista universitaria, en el amplio y noble sentido de la palabra”.

Universitarios.
Revista de la F.U.E.
Fundación1932
Remata1933
DirectorFrancisco Fernández del Riego
EditorialF.U.E.
Linguacastelán (e galego)
Ámbitouniversitario
Periodicidadeanual
Prezo50 cts. de peseta
Arquivofacsímiles dispoñibles en 1 e 2
editar datos en Wikidata ]

Contexto histórico e social editar

En España, nos últimos anos da Ditadura de Primo de Rivera (1923-30), había descontento e oposición de moitos sectores sociais. Á par disto, os graves problemas económicos remataron por desencadear a crise e fin do réxime, e a instauración da Segunda República Española.

Neste contexto de axitación social e política, a comunidade estudantil era unha das que erguía a voz contra o réxime e comezaba a mobilizarse co fin de mellorar o eido académico. Os estudantes opoñíanse aos vellos modelos universitarios e demandaban a modernización e apertura da Universidade de Santiago de Compostela e a galeguización dos estudos superiores.

As diferentes iniciativas que os universitarios organizaron deron o seu froito:

  • A chegada das primeiras rapazas á Universidade de Santiago de Compostela, institución que ata 1925 era moi tradicional e que estaba de costas á realidade galega.[Cómpre referencia]
  • Creación da Facultade de Filosofía e Letras en 1922 na USC, tras anos dunha insistente campaña por parte de diferentes sectores galeguistas, universitarios e mais polo Concello de Santiago.[1].
  • Traballos e actividades realizados polo Seminario de Estudos Galegos, co fin de estudar as diferentes vertentes da realidade cultural galega formando investigadores e fomentando o estudo científico de Galicia e da súa cultura dende o ámbito universitario.
  • Estableceuse a cooficialidade do galego e do castelán en tódolos campos da vida pública.[Cómpre referencia] Isto foi apoiado por El Pueblo Gallego.

A F.U.E. editar

 
Cunqueiro, Fernández del Riego e Carballo Calero.

A Federación Universitaria Escolar (F.U.E.) fundouse en Madrid no ano 1927. Foi a protagonista no ensino universitario, pola organización de mobilizacións en contra do réxime, sobre todo nos últimos anos da ditadura de Primo de Rivera e nos primeiros da década dos 30. O seu obxectivo era renovar e modernizar os estudos superiores en España.

No ano 1929, a organización constituíuse en Santiago de Compostela co fin de unir aos estudantes que neses días participaban en protestas e mobilizacións. Algúns deses estudantes que acabaron por formar parte da F.U.E. foron Ricardo Carballo Calero, Luís Seoane ou Álvaro Cunqueiro.

A revista editar

A revista Universitarios. Revista de la F.U.E. foi unha publicación vinculada á Federación Universitaria Escolar e na que a presenza e colaboración de membros da USC –estudantes e profesores– foi moi importante. Universitarios, da editorial Nós, só publicou dous números e o prezo era de 50 ctms. de peseta.

O equipo directivo da revista non consta, mais Francisco Fernández del Riego afirmaba desempeñar a función de director da mesma.

As linguas empregadas eran o castelán e o galego, con predominio da primeira, e a temática era docente, cultural e académica, e a xuventude e a universidade eran un dos seus eixes. No interior destes dous números pódense atopar poesías, prosa narrativa ou artigos relacionados co folclore e figuras históricas de Galicia, entre outros temas.

Os números orixinais desta publicación atópanse no Museo do Pobo Galego.

Número 1 editar

O primeiro número da revista publicouse en marzo de 1932. Constaba de 18 páxinas, máis 12 do suplemento e máis dúas de publicidade -sen paxinar-, que facían un total 32 páxinas. O formato de páxina deste primeiro número era de 25,5 x 17,5 cm.

A revista abría cunha ‘presentación’.[2]., onde se poñía de manifesto que Universitarios era “una revista de estudiantes y para estudiantes”. Os colaboradores eran estudantes e profesores da Universidade de Santiago, así como tamén membros da F.U.E.

Das oito colaboracións, dúas delas estaban escritas en galego. O Suplemento de 12 páxinas estaba ocupado por unha mostra anónima da literatura universal de todos os tempos, dividida por épocas e países. Por último, nas dúas páxinas de publicidade sen numerar anunciábanse profesionais do ámbito do dereito e da medicina así coma establecementos comerciais.

Cabe destacar deste número o predominio do castelán con respecto ao uso do galego. Tamén o reducido número de ilustracións, elementos característicos do selo editorial Nós.

A creación desta revista foi apoiada e recibida con entusiasmo por outras publicacións, coma El Pueblo Gallego, un xornal vigués que dicía que Universitarios era “una promesa juvenil de gente joven”.

Número 2 editar

O segundo e derradeiro número da revista publicouse en xaneiro de 1933. Constaba de 26 páxinas e dúas de publicidade -sen paxinar-, que facían un total 28 páxinas. O formato de páxina deste segundo número era máis amplo que o anterior: 27,5 x 19,5 cm.

Este número 2 levaba na cuberta un debuxo de Luís Seoane e dá paso ao sumario e ‘limiar’, no que se explica o propósito desta publicación: “aprehender en sus páginas el esfuerzo común de todo cuanto signifique juventud y Universidad”. Segue a isto un texto escrito polo reitor da USC, Alejandro Rodríguez Cadarso, no que animaba os estudantes a colaborar na campaña cultural que a república desenvolve no medio rural.

Figuran 22 colaboracións -prosa e verso- das cales oito están en galego. A estes textos hai que engadir a sección ‘Archivo Bibliográfico’, onde aparecen recensionados varios libros, e tamén hai notas e comentarios de Resol, Cristal, Galiza, Nós e Yunque –revistas coetáneas–. Aparecen dúas novas seccións: ‘Vida universitaria’, dedicada a noticias e comentarios sobre a Universidade, e ‘Chinitas’, de carácter crítico e ton irónico-burleiro.

Por último, e como no primeiro número, nas dúas páxinas de publicidade anunciábanse profesionais de distintos ámbitos: doce anuncios, entre os que destaca o da Librería Cervantes.

Con respecto ao número anterior, o incremento do uso do galego é notable, coma tamén é acusado o aumento de ilustracións e pequenos debuxos, que identifican a revista da F.U.E. como unha máis das que saíron do prelo de Nós. Por isto, o segundo número considérase máis completo e coidado que o primeiro.

Porén, a vida de Universitarios foi efémera e a pesar de ter xa preparado o terceiro número, por razóns de financiamento, este nunca saíu á luz.[3].

Colaboradores e ilustradores editar

Os colaboradores desta publicación apoiaban o movemento do galeguismo universitario e pertencían ao ámbito académico da USC, ben sendo estudantes ou ben profesores. Participaban tamén membros da F.U.E. e incluso figuras que escribían noutras publicacións da época. Universitarios deu voz á xuventude e foi un medio de difusión de cultura e ideas.

Os artigos e autores que colaboraron na revista foron:

Nas dúas revistas: editar

  • Ricardo Carballo Calero: A Maruxa Abad, pol-os seus bucles mortos (poema), nº1, pp. 17–18 e Pedra alume (poema), nº2, p. 5.
  • Gómez Naveira, Camilo: Tesis y antítesis, nº1, pp. 7–8 e El clasicismo en la angustia, nº2, p. 11.

Na revista número 1: editar

  • Álvarez Zurimendi, Mariano: Evolución de la Facultad de Ciencias, nº1, pp. 2–5.
  • C.M.B.: Sobre la escuela pública. Algunos aspectos, nº1, pp. 10–12.
  • Calvo Alfageme, Álvaro: Importancia de la asignatura, nº1, pp. 8–9.
  • La Redacción: Presentación, nº1 (s.p.)
  • Lourenzo, Xurxo: Vieiros pro estudo da Galiza medieval, nº1, pp. 12–14.
  • Martínez Barbeito, Carlos: La exposición de Carlos Maside. En el casino de Vigo, nº1, pp. 15–16.
  • S.S.: La representación escolar en los claustros, nº1, pp. 5–7.
  • S.S.: Obras escogidas de la literatura universal. (Suplemento), nº1, 12 páxinas.

Na revista número 2: editar

  • Fermín Bouza Brey: Parranda mariñeira (poema), nº2, p. 14.
  • Carpintero, Bautista Francisco: La Universidad y los deportes, nº2, p. 20.
  • Cuadrado, Arturo: Una mujer en la Universidad, nº2, p. 4
  • Álvaro Cunqueiro: Centenarios extraños. Pedro Bernardo Díaz, nº2, pp. 15–16.
  • Doval González, Antonio: Infragreguerías, nº2, pp. 16–17.
  • Francisco Fernández del Riego: Esprito de Prisciliano: alma da raza, nº2, pp.(6)-7.
  • Fraguas, A.: O pazo, nº2, p. 9.
  • Gorlin, Michael: La Universidad (poema), nº2, p. 5.
  • Hermida, María de los Ángeles: El deber de la mujer universitaria, nº2, p. 13.
  • Jorge Etcheverry, Ángel: Medicina y tradición popular en Galicia, nº2, pp. (8)-9.
  • Martín Sauras, J.: Las colectividades en España, nº2, p. 7.
  • Montequi, R.: Signos de los tiempos, nº2, pp.(12)-13.
  • Outeiro Espasandín: Costa aberta (poema), nº2, p.(10).
  • R.C.C.: Encol da inademisibilidade teórica da instituzón do Jurado, nº2, pp. (3)-4.
  • Alejandro Rodríguez Cadarso: Limiar, nº2, pp.(1)-2.
  • Rolán Vicente, F.: Tiempo-luz y sombra (poema), nº2, p.(10).
  • S.S.: Archivo bibliográfico. –Vida universitaria. –Chinitas, nº2, pp. 21–26.
  • Solobio: Tu sola me piaci, nº2, p. 19.
  • Viqueira, J.V.: La canción gallega, nº2, pp. (18)-19

No que ten que a ver coas ilustracións, tres foron os autores que adornaron estes dous números:

  • Luís Seoane: debuxo na páxina 11 do número 1 e debuxo na cuberta do número 2.
  • Colmeiro: serie de viñetas e pequenos debuxos no número 2 .
  • Bernardino Vidarte: copia dun debuxo de Pedro Bernardo, tamén no número 2 (p. 15).

Notas editar

  1. [1] Gallaecia Fvlget (1495-1995). Cinco séculos de historia univerisitaria páxina 508.
  2. [2] Hermida, Modesto (1987). As revistas literarias en Galicia na II República. Ediciós do Castro. p. 43. 
  3. [3] Hermida, Modesto (1987). As revistas literarias en Galicia na II República. Ediciós do Castro. p. 43. .

Véxase tamén editar

Bibliografía editar