Xosé Otero Espasandín

científico e escritor galego
(Redirección desde «José Rogelio Otero Espasandín»)

Xosé Rogelio Otero Espasandín, nado en Santa Baia de Castro (Cerdedo) o 9 de novembro de 1900 e finado en Bethesda (aforas de Washington) o 15 de outubro de 1987, foi un científico e escritor galego.

Xosé Otero Espasandín
Nacemento9 de novembro de 1900
 Castro
Falecemento15 de outubro de 1987
 Washington, D.C.
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor e divulgador científico
CónxuxeAlicia Ortiz Alonso
Fillosunha filla
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Otero Espasandín viviu na súa parroquia natal ata que en 1914 comezou os estudos de Maxisterio en Santiago de Compostela. Cando rematou en 1921, foi mobilizado a Melilla polo desastre de Annual. Alí coincidiu con Rafael Dieste, Amado Villar e Xosé María Brea Segade.

Otero Espasandín non participou na elaboración da revista Charamuscas, na cal escribiron o autor rianxeiro xunto con Brea Segade e Jesús Romero Sánchez.

Actividade literaria editar

A partir da campaña de África, de onde regresou en 1923, Otero estableceu fortes lazos cos seus compañeiros, sobre todo con Rafael Dieste: publicacións, inquedanzas e angueiras en común, ademais dunha fonda amizade. Con Amado Villar, que durante varios anos dirixiu as páxinas literarias de Faro de Vigo, mantivo unha asidua colaboración. Asemade continuou a relación con Xosé Mª Brea Segade, xa que en 1923 ambos os dous comezaron a traballar como mestres nos Pósitos de Pescadores; Otero no de Ribeira –ao cal se incorporou tamén, aínda que brevemente, Rafael Dieste como docente no ano 1926– e Brea Segade no da súa vila natal, Rianxo.

Ademais do seu traballo como mestre, Otero Espasandín comezou a colaborar en varios xornais e publicacións galegos: Galicia, Faro de Vigo, Nós e El Pueblo Gallego. Os seus primeiros escritos en lingua galega publicáronse neste último xornal a partir do ano 1926.

En 1929 foi ampliar os seus estudos á Escola Superior de Maxisterio de Madrid, onde se especializou en ciencias. Na capital comezou unha etapa en que desenvolveu unha vizosa vida intelectual e profesional. Traballou como profesor de matemáticas na Escola Plurilingüe Internacional –onde coñeceu a quen sería a súa dona, Alicia Ortiz Alonso– e colaborou tamén no Museo de Ciencias.

As Misións Pedagóxicas editar

Mergullouse xunto co seu amigo Rafael Dieste na anovadora proposta educativa que supuxeron as Misións Pedagóxicas e que os levou por diversos puntos da xeografía española. Amais, colaborou en xornais como Nueva España ou, xa no ámbito galego e como poeta, en revistas como Nós ou Universitarios.

Nestes anos, Otero Espasandín foi tamén un asiduo dos parladoiros que tiñan lugar nos madrileños Café de las Flores e La Granja El Henar, onde un nutrido grupo de asistentes se reunía arredor de Eduardo Dieste –na altura cónsul do Uruguai en España– no primeiro, e de Ramón María del Valle-Inclán no segundo.

Nesta época, e a modo de novo punto de reunión dos homes que se xuntaban nos parladoiros da capital, naceu a revista PAN Revista epistolar y de ensayos (1935), impulsada polo máis vello dos Dieste e baixo a dirección de Otero. Nos sete números que saíron da revista colaboraron, entre outros, Jesús Bal y Gay, Antonio Baltar, Roberto Blanco Torres, Eduardo e Rafael Dieste, Eugenio Fernández Granell, Cándido Fernández Mazas, Enrique Fernández Sendón, Ramón Gaya, Lorenzo Varela e Antonio Sánchez Barbudo.

Guerra e exilio editar

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e a Guerra Civil truncaron a vida de Xosé Otero Espasandín, que foi mobilizado no bando republicano. Pasou os anos da guerra en Barcelona, nunha oficina de aviación, ata que o 9 de febreiro de 1939 cruzou a fronteira pirenaica e conseguiu chegar a Francia acompañado de Rafael Dieste, Sánchez Barbudo e Ramón Gaya, compañeiros das Misións Pedagóxicas e da revista PAN.

Nese mesmo mes foi a Inglaterra, onde estaba a súa dona e a súa filla. En abril de 1941 marcharon a Buenos Aires. Ante a imposibilidade de convalidar o título de mestre, sobreviviu grazas a traducións e á elaboración de libros de divulgación en castelán. En 1947 marchou aos Estados Unidos, onde traballou como lector de castelán en Waynesburg, Pensilvania.

Do longo exilio, Xosé Otero Espasandín xa non retornou.

Obra editar

  • Maravillas de las regiones polares (Atlántida, 1941)
  • La Grecia clasica (Atlántida, 1943)
  • La Grecia heroica (Atlántida, 1943)
  • Narraciones mitológicas (Atlántida, 1943)
  • Roma, la República (Atlántida, 1943)
  • Nuestro planeta (Atlántida, 1943)
  • La Antártida como mito y como realidad (Pleamar, 1943)
  • El deporte griego (Pleamar, 1944)
  • Gigantes marinos (Atlántida, 1942)
  • Animales viajeros (Atlántida, 1945)
  • Pobladores del mar (Atlántida, 1945)
  • Prodigios de las aves (Atlántida, 1945)
  • Los seres microscópicos (Atlántida, 1945)
  • Los átomos (Atlántida, 1945)
  • Sociedades de insectos (Atlántida, 1946)
  • El mundo de los reptiles (Atlántida, 1946)
  • El cortejo solar (Atlántida)
  • Un paseo por el cielo (Atlántida)
  • La civilización del Nilo (Atlántida)
  • Cuentos que me contó Dieste (Ediciós do Castro, 1984)
  • Obra galega (CRPIH; 2006)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar