Marcial Fernández Vázquez
Marcial Fernández Vázquez, nado en Ferrol o 3 de setembro de 1898 e finado en Veracruz en 1963, foi un mestre e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de setembro de 1898 Ferrol, España |
Morte | 1963 (64/65 anos) Veracruz, México |
Actividade | |
Ocupación | mestre, político |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Traxectoria
editarNado nunha familia vinculada ao movemento obreiro. Influenciado por Manuel Cordero Pérez afiliouse ao PSOE e á UGT, fundou e dirixiu o periódico El Obrero e colaborou en La Lucha da Coruña e Solidaridad de Vigo.
Defendeu a necesidade de presentarse ás eleccións en coalición cos republicanos, o cumprimento das leis da xornada de oito horas, as normas de previsión e o descanso dominical. Tamén defendeu a ensinanza laica, e opúxose nun primeiro momento ao nacionalismo, argumentando que era a forma de penetración no sistema democrático das forzas do antigo réxime.
Mestre, traballou como enfermeiro no Hospital de Mariña. Defendeu a conxunción republicano-socialista durante os dous primeiros anos da República, pero nos últimos meses do bienio logrou que a Agrupación coruñesa, con maioría de militantes de Ferrol, se distanciase da postura oficial do Partido, criticando abertamente ao Goberno pola lentitude das reformas. En 1934 afiliouse á masonaría co nome de Voltaire. Na folga xeral revolucionaria de 1934 participou no intento de toma de poder por parte dos folguistas, e foi encarcerado. Co triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 foi nomeado Director Provincial de Carabineiros.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, logrou fuxir de Galicia desde Cariño na noite do 23 ao 24 embarcando no barco pesqueiro Arkale co seu fillo Eladio de 18 anos, despois dunha marcha a pé desde Ferrol e de atravesar os montes da Capelada e pasar a noite na casa dun militante de Izquierda Republicana de Mera. O barco conseguiu chegar a Francia logo de 42 horas de viaxe, arribando preto de San Xoán de Luz. De alí pasou a España a través de Irún, para combater aos sublevados.[1] Instalouse en Barcelona onde fundou con Manuel Cordero Pérez, Ramón Troncoso Fernández e José Gómez Osorio, El Socialista Gallego. En 1938 foi nomeado Director Xeral de Carabineiros. Ao rematar a guerra en Cataluña, saíu rumbo a Francia por Darnius, Perpignan e Cherburgo. Despois embarcou no "Queen Mary" xunto con Ramón Suárez Picallo no barco Queen Mary rumbo a Nova York grazas á axuda da Frente Popular Antifascista Gallego, sección das Sociedades Hispánicas Confederadas que contribuíu á evacuación de refuxiados con destino nos Estados Unidos, Santo Domingo e México. Chegaron a Nova York o 29 de marzo de 1939. Foi invitado por Ramón Mosteiro a falar xunto con Ramón Suárez Picallo a prol das actividades da Frente Popular Antifascista Gallego en Nova York e nos Estados Unidos, co galego José Lores como chofer. Marchou a México en 1942.
En 1942, xa instalado en Cidade de México, fundou con Edmundo Lorenzo Santiago a Agrupación Socialista Gallega. Cambiou a súa actitude contraria ao nacionalismo e participou na fundación da Alianza Nazonal Galega en 1943. Colaborou en Saudade (que dirixiu na súa segunda etapa) e Vieiros. Foi profesor do instituto Ruiz Alarcón.
Vida persoal
editarCasou con Josefa Losada en 1918.
Obras
editar- Trascendencia y hondura de Castelao. Ediciones Triskele, México, 1951.
Notas
editar- ↑ "Guerra civil e represión en Ferrol e Comarca". Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2007. Consultado o 21 de marzo de 2014.
Véxase tamén
editarBibliografía
editarLigazóns externas
editar- David Miranda Barreiro: "Fernández Vázquez, Marcial" Galician New York: a Cultural History.
- Ficha na Secretaría de Gobernación. Departamento de Migración de México