Florencio Delgado

escritor galego
(Redirixido desde "Florencio Delgado Gurriarán")

Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego.[1]

Florencio Delgado
Nome completoFlorencio Manuel Delgado Gurriarán
Nacemento27 de agosto de 1903
 Córgomo
Falecemento14 de maio de 1987
 Fair Oaks
SoterradoCórgomo
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Valladolid
Ocupaciónescritor, político e avogado
Xénerospoesía
EstudosDereito
Florencio Delgado Gurriarán firma 1970.jpg
editar datos en Wikidata ]

Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.[2]

Familia Delgado Gurriarán no ano 1919, Florencio é o primeiro da dereita na fila de arriba.[3]

TraxectoriaEditar

Fillo de Florencio Delgado Prada e Consuelo Gurriarán Díaz. O pai era perito agrícola (enxeñeiro técnico agrícola) e tamén foi profesor da Escola de Peritos Agrícolas de Valladolid, estivo destinado en Ourense, Palencia, Valladolid e A Coruña como empregado de Fomento. Estudou na aldea en escolas particulares e aos seis anos marcharon a Palencia onde estivo nos Maristas e no instituto. Rematou o bacharelato en Valladolid e na universidade desa cidade licenciouse en Dereito aos 20 anos de idade. Volveu a Córgomo, pasou a exercer como avogado no Barco de Valdeorras mentres preparaba oposicións a Rexistros, que non aprobou.[4]

Comezou a colaborar con artigos e poemas no xornal Heraldo Orensano co pseudónimo de "Corgomófilo" e tamén en Heraldo de Galicia e A Nosa Terra.[1] En 1933 ingresou no Partido Galeguista. Tamén se achegou ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que foi socio protector. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 logrou escapar da represión iniciada en Valdeorras polos sublevados, estivo en Zamora e Valladolid e conseguiu pasar a Portugal pola raia galega ata chegar a Porto, desde onde puido trasladarse en barco (escondido debaixo dunha cama) a Bordeos (Francia) para chegar á Barcelona republicana en xaneiro de 1938 traballando na Subsecretaría de Armamento e despois no Servizo de Información Periférica. Nese mesmo ano accedeu á executiva do PG como Secretario de Propaganda. Viaxou a Francia en misión oficial e xa non regresou a España.[4]

O exilio en MéxicoEditar

 
Florencio Delgado a bordo do Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro e Elixio Rodríguez.[5]

Trala guerra civil chegou ao exilio a México a través de Francia en 1939 a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América, na compañía de Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro, Elixio Rodríguez etc.[5] Xa establecido en México, realizou diversos traballos (delegado do SERE, vendedor de fertilizantes, zapatos, aceites) ata que se asentou na empresa farmacéutica Queralt Mir, onde traballou ata a súa xubilación.

Alí foi un dos fundadores da revista Vieiros con Luís Soto e Carlos Velo, tamén do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista, A nosa xente, o Ateneo de Galicia e a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas.[6] Colaborou nas publicacións Saudade - Verba galega das Américas, Galicia, Heraldo de Galicia, Nova Galicia e Opinión Gallega.[1] Foi un dos representantes de Galicia na delegación de Galeuzca de México, xunto co profesor López Dura.

Durante a época de Vieiros, mantivo unha especial relación con intelectuais do exilio interior como Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz-Andrade, ademais de contactar cos mozos do Grupo Brais Pinto. Tamén se relacionou con Rodolfo Prada e outros de Arxentina.

Volveu temporalmente a Galiza en 1968, 1976 e 1981. Foi membro correspondente da Real Academia Galega[7], que lle outorgara en 1981 a condición de Académico Correspondente en México. Nun acto solemne e memorable celebrado no Casino do Barco, nese ano, foille imposta a medalla, sendo apadriñado polos académicos Xulio Francisco Ogando, Ramón Piñeiro e Valentín Paz-Andrade, coa presenza de Lauro Olmo, Isaac Díaz Pardo e o presidente da Xunta, Xosé Quiroga.[8] Así homenaxeou O Barco ao "poeta do viño e a viña".

Foi medalla Eduardo Pondal en 1975 da asociación A Nosa Xente de México. Desde 1940 tivo a nacionalidade mexicana.

Finou en maio de 1987, aos 79 anos de idade, cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California. As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo o 12 de xullo dese ano.[9]

EscritorEditar

Bebedeira (1934) é un poemario vinculado á escola hilozoísta de Amado Carballo. Por este libro pertence o autor á Xeración de 1922 ou 1925.[10] Segundo Carballo Calero é unha turbulenta visión da dionisíaca terra de Valdeorras. É unha descrición poética de forte alento xeórxico, dun ruralismo moi animista e sanguíneo.[11]

Foi responsable intelectual e principal colaborador da colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México. A súa contribución nesta edición de “poesía de combate” é a máis variada e significativa e inclúe poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda.[6]

Colaborou con Plácido R. Castro e Lois Tobío no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946), que foi premiado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina. Delgado Gurriarán verteu ao galego a Arthur Rimbaud, Stéphane Mallarmé ou Paul Valéry.

A súa man organizadora tamén estivo detrás do volume colectivo Presencia de Galicia en México (Padroado da Cultura Galega, 1956), no que colaboraron intelectuais extragalegos como o historiador catalán Pere Bosch i Gimpera.[6]

Galicia infinda (1963) reuniu boa parte da súa poesía de posguerra. Son cinco apartados: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos. No libro conviven tendencias heteroxéneas como a adopción dunha arquitectura modernista, motivos neorrománticos e a recreación de situacións e presenzas pouco habituais ata entón na literatura galega.[12] Hai tres tipos de poemas, uns que prolongan a liña do libro anterior, a evocación animista da terra natal, outros na tradición novecentista de neorromantismo na forma modernista representada por Ramón Cabanillas. E, finalmente, os poemas mexicanos que recollen paisaxes e ambientes aztecas, escritos nunha especie de galego crioulo mexicano.[11]

Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981). Recolle as de Bebedeiras e outras novas: Valdeorresas e Dionisias. O autor pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético, regresando á terra da infancia que tanto o marcou, á que homenaxeou empregando en ocasións como pseudónimo o nome Corgomófilo.

O soño do guieiro (1986), subtitulado Xeiras dun galeguista, está dedicado a Castelao. Volve recoller poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. O volume inclúe ademais algúns dos seus poemas sociolingüísticos, unha das facetas máis notables da súa poética. Recompilación da poesía de loita, de combate, desde a guerra civil, a posguerra e o exilio.

Nos dous últimos libros hai mostras elocuentes do seu talento satírico, cando retrata o ditador Franco ou describe o desleixo lingüístico de certos falantes.[6]

 
Dedicatoria de Delgado Gurriarán a Manuel Iglesias Corral nun exemplar de Bebedeira.

ObrasEditar

PoesíaEditar

Obras colectivas
  • Cancioneiro da loita galega (1943). Partido Galeguista, México.[15] Inclúe dezaseis poemas de F. Delgado, baixo o pseudónimo Nadel.[16]

TraduciónsEditar

  • Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949). Federación das Sociedades Galegas de Bos Aires. Con Plácido Castro e Lois Tobío.

Vida persoalEditar

 
Mural en Córgomo, obra de Anxo Baranga.[17]

Casou en México en 1944 con Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos, e tiveron cinco fillos.

Día das Letras Galegas 2022Editar

En 2021 o proxecto “As Letras de Florencio” iniciou unha campaña para que lle fose dedicado o Día das Letras Galegas.[18] A Real Academia Galega, na sesión plenaria do 2 de xullo de 2021, decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2022:[6]:

O Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta mañá renderlle homenaxe o ano que vén ao autor ourensán, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora. A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea.

No Plenario, a candidatura do valdeorrés acadou 14 votos fronte aos 4 de Fiz Vergara Vilariño e os 4 da conxunta entre Ánxel Casal e Federico García Lorca.[19] A súa candidatura fora presentada polos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Rosario Álvarez Blanco.[20]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Enciclopedia Galega Universal.
  2. "Pseudónimos galegos en ogalego.eu:d". www.ogalego.eu. Consultado o 5/7/2021. 
  3. Raigame n.º 23. 2006
  4. 4,0 4,1 Pla Brugat, Dolores. "Entrevista a Florencio Delgado Gurriarán realizada en la ciudad de Guadalajara, por Dolores Pla, los días 23, 24 y 25 de agosto de 1979". Instituto Nacional de Antropología e Historia de México. 
  5. 5,0 5,1 F. Freixanes, Víctor (4/7/2021). "A bordo do Ipanema". La Voz de Galicia. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "As Letras Galegas 2022 homenaxearán a Florencio Delgado Gurriarán". Real Academia Galega. 2/7/2021. 
  7. Membros correspondentes da RAG
  8. Blanco, Aurelio (26/7/2014). "Florencio Delgado Gurriarán: O poeta do viño e da viña". La Región (en castelán). Consultado o 5/7/2021. 
  9. "Delgado Gurriarán, Florencio Manuel". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo. 2010-2011. p. 324. 
  10. Pérez Pena, Marcos (3/7/2021). "Florencio Delgado chegaba cargado de literatura galega feita en México, publicacións moi importantes para os resistentes". Praza.gal. Consultado o 6/7/2021. 
  11. 11,0 11,1 Carballo Calero 1975, p. 727.
  12. Vilavedra 1995, pp. 171-72.
  13. Vilavedra, D., ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Galaxia. pp. 227–229. ISBN 84-8288-365-8. 
  14. Con limiar de Xosé Gayoso Díaz.
  15. Cancioneiro da loita galega. Sada, A Coruña: Ediciós do Castro. 1996.  Facsímile. ISBN 84-7492-805-2.
  16. Lama López, María Xesús (2006). "A Guerra Civil española na obra dos escritores exiliados galegos". Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos. Editorial Galaxia. p. 40. 
  17. "Córgomo lleva el arte a la fachada" (11/10/2018). La Región (en castelán)
  18. Prieto, Susana (12/5/2021). "Reto por la candidatura de Florencio Delgado como homenajeado de las Letras Galegas en 2022". ValdeorrasDeCerca (en castelán). Consultado o 21/6/2021. 
  19. "Delgado Gurriarán será o homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2022". Nós Diario. Consultado o 6/7/2021. 
  20. "Florencio Delgado Gurriarán será el homenajeado en las Letras Galegas 2022". Axencia EFE (en castelán). Consultado o 6/7/2021. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar