Falange Española de las JONS (1934)

partido político español

Falange Española de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FE de las JONS, en galego: Falanxe Española das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista) foi un partido político español de extrema dereita.

Bandeira da FE de las JONS.

FE de las JONS fundouse o 15 de febreiro de 1934 en Madrid, como resultado da unificación de Falange Española e Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista. Os primeiros serían máis próximos ao fascismo italiano; os segundos aos nazis. Con todo, ambos partidos mantiñan estreitos vínculos coa dereita antirrepublicana, en especial cos partidarios de Afonso XIII. Os afonsinos foron, de feito, a principal fonte de financiamento das súas actividades.[1]

En 1937 FE de las JONS fundiuse cos carlistas de Comuñón Tradicionalista, dando lugar a FET de las JONS. Esta nova organización funcionou como o partido único da ditadura franquista, se ben o franquismo utilizou sempre a denominación de "Movemento" para referirse a ela.

Historia e características

editar

Durante as negociacións José Antonio Primo de Rivera, líder de FE, aceptou boa parte da simboloxía das JONS, dirixidas por Ramiro Ledesma Ramos. Emporiso o poder da nova organización quedou en mans dos falanxistas por medio dun triunvirato no que participaban dous falanxistas e un xonsista. As relacións entre xonsistas e falanxistas non foron fáciles e xa en setembro Primo de Rivera desmontou o triunvirato e asumiu a dirección do partido. En outubro o partido adoptou a camisola azul á que se opuñan os xonsistas por considerala unha medida fascista que os arredaba das bases traballadoras e revolucionarias.

Durante a Revolución de outubro, Primo de Rivera apoiou ao goberno mentres os de Ledesma Ramos eran máis reticentes a darlle o seu apoio, buscando unha alianza coa CNT. A loita entre as dúas faccións fíxose máis dura co gallo da elaboración do programa do partido, os 27 puntos. Na redacción deste programa, presentado a finais de novembro de 1934, impuxéronse finalmente as teses de Primo de Rivera, o que motivou que o 14 de xaneiro de 1935 Ledesma Ramos e outros dirixentes da antiga JONS marchasen da FE de las JONS. Non obstante, poucos militantes máis marcharon canda eles, de xeito que non conseguiron refundar a antiga JONS.

Nas eleccións de 1936 FE de las JONS presentouse en solitario. Primo de Rivera tivo só o 4.6% dos votos e quedou sen escano, pero o triunfo da Fronte Popular produciu unha radicalización da dereita e as Juventudes de Acción Popular pasáronse en bloque á Falanxe e na guerra civil española apoiou ao bando franquista e as autoridades republicanas detiveron a Primo de Rivera que foi fusilado o 20 de novembro de 1936.

As organizacións de FE de las JONS foron sendo integradas nas estruturas do bando nacional a medida que o poder se centralizaba en Franco nos primeiros meses da guerra. O 25 de setembro de 1936 un decreto prohibiu no bando franquista toda propaganda e actividade política.[2] Con todo a Falanxe seguiu a actuar contando coas súas propias milicias, prensa e organizacións.[3] Un novo decreto do 25 de decembro someteu as milicias de todos os partidos á disciplina militar, acabando coa súa autonomía.

Disolución

editar

Un novo decreto de 19 de abril de 1937 unificou o falanxismo co carlismo. Constituíuse así a Falange Española Tradicionalista y de las JONS, en cuxo seo se disolveron tanto FE de las JONS como a Comuñón Tradicionalista. A nova organización, con Franco como dirixente, incorporou no seu programa os 27 puntos do programa de FE de las JONS, a excepción do último dos puntos, que estabelecía a determinación de FE de las JONS de pactar o mínimo posíbel con outras forzas políticas.

Así mesmo, FET de las JONS incorporou toda a simboloxía de FE de las JONS, como o seu himno, o "Cara al Sol".

Ideario

editar

O ideario do partido resúmese nos 27 puntos. Este texto foi debatido no máximo órgano do partido, o Consello Nacional, durante as primeiras semanas do outono de 1934. A principios de outubro, cando xa se camiñaba cara a súa aprobación, os traballos foron suspendidos polo inicio da Revolución de outubro. O texto definitivo foi publicado no xornal ABC o 30 de novembro de 1934.[4] Os seus principais aspectos programáticos poden resumirse nas seguintes ideas:

  • Ultranacionalismo. Os puntos 1-5 afirman a unidade de España e a súa relación histórica con Hispanoamérica. Á gloria de España, segundo o punto 1, deberán supeditarse "os intereses dos individuos, dos grupos e das clases [sociais]". Así mesmo, tal e como se recolle no punto 23 a educación terá como obxectivo "conseguir un espírito nacional forte e unido".
  • Militarismo. Os puntos 4 e 5 afirman a necesidade de dotar a España dunhas forzas armadas "tan capaces e numerosas como sexa preciso para asegurar a España en todo instante a completa independencia e a xerarquía mundial que lle corresponde". Así mesmo, defenden que "un sentido militar da vida informe toda a existencia española." No punto 23 estabelécese que "todos os homes recibirán unha educación premilitar" que lles permita incorporarse ao exército.
  • Corporativismo e antiliberalismo. Os puntos 6-8 inciden na necesidade de prohibir os partidos políticos e o parlamentarismo. Afírmase que os españois participarán no goberno do Estado "a través da súa función familiar, municipal e sindical." As liberdades individuais estarán supeditadas á "unidade, a fortaleza e a liberdade da Patria." Os sindicatos serán verticais e estarán "ao servizo da integridade económica nacional".
  • Anticapitalismo. Segundo se estabelece no punto 8, permitirase "toda iniciativa privada compatíbel co interese colectivo". Con todo, abomínase das desigualdades económicas (punto 12), dos "abusos do gran capital financeiro, dos especuladores e dos prestamistas" (punto 13) e abógase pola nacionalización da banca e dos "grandes servizos públicos" (punto 14).
  • Populismo agrario. Os puntos 18-23 refiren un amplo conxunto de medidas relacionadas coa agricultura e a gandaría. Entre elas poden destacarse o estabelecemento de prezos mínimos para os produtos agropecuarios, a reorganización da propiedade agraria, o estímulo dos regadíos e da repoboación foresta e gandeira, a creación de instrumentos financeiros destinados á actividade agrogandeira ou a reorganización do tamaño das propiedades para facelas máis eficientes.
  • Confesionalismo católico. O punto 25 afirma a necesidade de construír un novo estado sobre o "sentido católico", que recoñece como "predominante en España". Con todo tamén se afirma que nas relacións entre Igrexa e Estado non se aceptará "intromisión ou actividade algunha que menoscabe a dignidade do Estado ou a integridade nacional.
  • Antimarxismo. No punto 10 afírmase que o marxismo resulta contrario ao "sentido nacional e espiritual" dos falanxistas.

O programa foi criticado pola súa vaguidade e provocou numerosas defeccións dentro do partido. Ao sector máis próximo ao conservadorismo pareceulle excesiva a súa chamada á revolución social, o seu anticapitalismo e escaso compromiso coa Igrexa católica. En cambio, os sectores máis próximos ao totalitarismo atopárono tépedo.

  1. González Calleja, Eduardo (2011). Contrarrevolucionarios: Radicalización violenta de las derechas durante la Segunda República, 1931-1936. Alianza. pp. 146–172. ISBN 9788420664552. 
  2. José Peña Historia política del constitucionalismo español.Librería-Editorial Dykinson, páxina 369
  3. Josep Fontana (ed.) España bajo el franquismo, Editorial Crítica, páxina 42
  4. "El programa de Falange Española de las J. O. N. S.". Diccionario filosófico. Manual de materialismo filosófico. Una introducción analítica (en castelán). Consultado o 31/05/2022.