Grupo Brais Pinto
Brais Pinto[1] foi un grupo galeguista de intelectuais, artistas e escritores galegos que tiñan como obxectivos principais o antifranquismo, a defensa do galego e unha renovación da cultura galega claramente influída polas vangardas. Foi fundado en Madrid no ano 1958. O seu obxectivo foi a preocupación por Galiza e os seus problemas, o profundo atraso en que se encontraban as artes galegas e a escasa actividade política, nacionalista e democrática da época. Foron responsábeis da creación dun espazo de reflexión política sobre Galiza que permitiu a creación doutras organizacións desa índole e mais dun amplo labor cultural que culminou na creación da súa propia editorial e na participación en proxectos como o movemento plástico A Gadaña. Os seus compoñentes principais son: Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Alexandre Cribeiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Ben-Cho-Shey, Herminio Barreiro e César Arias.
Grupo Brais Pinto | |
---|---|
Tipo | colectivo de artistas |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Orixe do nome
editarCon respecto ao personaxe cuxo nome leva o grupo, hai varias versións que intentan responder a esa pregunta. Algúns especulan incluso coa hipótese de que Xosé Fernández Ferreiro era o seu inventor e que o heroe dunha das súas novelas, A saga dun afiador (1993), podería estar inspirado en Brais Pinto. Incluso que as historias sexan paralelas, o cal non é certo.[2]
Segundo relatou Crespón Azul —o cronista do grupo— Brais Pinto foi un afiador de Cortecadela —aldea situada na parroquia de Santa Cruz de Rubiacós— que marchou coa roda aos vinte anos para percorrer o mundo alá polo 1900. Estivo en Portugal e América e percorreu varios países europeos, incluída Rusia, mais, finalmente, morreu atropelado por un autobús na Praza de Cibeles de Madrid. Foi soterrado no cemiterio da Almudena, onde os membros do Brais Pinto ían facerlle homenaxes.
Dar un nome descoñecido ao grupo, segundo Fernández Ferreiro, «foi un acerto. Non soaba nada a cousa literaria, como case sempre ocorre nestes casos. Por iso a todos intrigou desde o primeiro momento. Non sabían quen era Brais Pinto e querían coñecer a identidade de semellante personaxe: un afiador, un home inquedo e soñador, solitario e libre, amigo dos camiños e de novos eidos, que levaba no peito un grande amor e un xardín de caraveis vermellos».[3]
Descrición
editarOs integrantes do grupo Brais Pinto definíronse como estudantes e traballadores galegos que vivían en Madrid e compartían un certo interese en continuar co legado do Partido Galeguista[4]. Estiveron moi influídos polos movementos de vangarda, pois un dos seus obxectivos consistía en renovar o panorama cultural galego coas novas formas e movementos literarios que existían no ámbito internacional. Pese á súa orixinaria intención política, o Brais Pinto viu a súa actividade limitada ao campo cultural. Fundaron unha editorial de poesía -un xénero marxinado pola editorial Galaxia- na que publicaron un total de cinco poemarios; o primeiro deles foi Bocarribeira (1958), de Ramón Otero Pedrayo, quen mantivo unha relación próxima cos membros do grupo.
A partir do inicio da década dos sesenta, o Brais Pinto organízase como unha sociedade anónima e unha editorial lexitimada. Nesta época aparece un logotipo estilizado no que se vía unha roda de afiar impresa na segunda folla do libro e mais na parte inferior da contraportada. O grupo esvaece co paso dos anos, mais varios dos seus integrantes, con ideoloxías desenvoltas cara ao marxismo, participaron na refundación da UPG (Unión do Povo Galego) en 1964.
Historia
editarO Grupo Brais Pinto tivo o seu punto de orixe en Madrid, no ano 1958, e constituírono un grupo de estudantes e traballadores galegos que alí vivían[5]. O grupo concretouse no café madrileño Os Mariscos[6], unha orixe humilde que encaixaba cos seus propósitos. Os seus primeiros integrantes foron Bautista Álvarez, César Arias, Xosé Cribeiro, Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Ramón Lourenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín e Reimundo Patiño; a eles incorporouse Herminio Barreiro un ano máis tarde. Todos eles estaban dispostos a traballar pola causa galega, un interese que conformou un dos trazos característicos do grupo.
Un dos primeiros labores que emprendeu o Brais Pinto como grupo foi a edición dunha colección de poesía en cinco números: Bocarribeira de Ramón Otero Pedrayo (1958), A Noite de Xosé Fernández Ferreiro (1959), O que se foi perdendo de Ramón Lorenzo (1959) e Acoitelado na espera de Xosé Alexandre Cribeiro (1960). Este último libro tiña o anuncio da seguinte edición de Bandeiras Neboentas de Reimundo Patiño, mais non se publicou até 1992 na editorial Espiral, sete anos despois da súa morte. Pola súa parte, Bocarribeira contiña unha breve declaración dos motivos do grupo para publicaren a colección de poesía:
"BRAIS PINTO é unha coleución de poesía fundada por un fato de mozos galegos residentes en Madrid. É a única coleución escrusivamente poética que subsiste no ámbito cultural galego. Pretende incorporar aos seus números as voces mozas e as derradeiras actitudes da modernidade creadora, sen esquecer aos mestres de sempre nin ás figures (sic) representativas do intre actual en Europa, coidadosamente traducidas (sic) e anotadas."
O propio Otero Pedrayo dirixiuse a Madrid para a presentación do libro e así se iniciaron as boas relacións entre este autor e mais o grupo Brais Pinto.
O grupo tivo outras actividades salientábeis, destacando os seráns literarios na honra de Ramón Cabanillas (4 de novembro de 1959) e de Luís Pimentel (12 de febreiro de 1960). Tamén organizaron, no 1960, un curso de lingua e literatura galegas que impartiu Ramón Lorenzo no Centro Gallego de Madrid. En outubro do mesmo ano, o Brais Pinto celebrou un certame de poesía galega dotado cun premio de mil pesetas e a publicación da obra gañadora. O poema "A cidade é gaivota", de Afonso Gallego Vila, resultou gañadora; mais non a publicaron polos problemas económicos que afrontaba o grupo xacando.
As actividades do grupo foron remitindo co paso do tempo, se ben Reimundo Patiño e César Arias fan un intento de renovar a editorial no 1974. O grupo non se disolveu oficialmente en momento algún. Os seus membros distanciáronse entre eles e algúns participaron, posteriormente, en movementos políticos de ideoloxías galeguistas e marxistas.
Integrantes
editarO Brais Pinto evoluciona a partir da Asociación Castelao[7], fundada en 1958 e que agrupaba a estudantes galegos preocupados polo atraso económico e cultural de Galiza. Este novo grupo, creado en 1958, supón unha evolución cara a unha agrupación de carácter literario-artístico. Estes galegos participarían en debates literarios nos que dan a coñecer a produción literaria galega,discutindo sobre ela e os camiños que debería seguir. Ademais, case todos fan por entón obra de creación.
Expresións artísticas
editarAínda que a maioría dos integrantes especializábanse nas letras, había algúns outros que eran máis coñecidos polo cultivo doutras artes, como Tino Grandío, quen orbitaba ao redor do grupo; Maniel Coia, quen era coñecido como escultor-mariñeiro e facía unhas figuras da raíz dos toxos e dos piornos; ou Ánxel G. Doreste, fillo do poeta Ánxel Xohán.
Luís Seoane, coñecido como redactor de La Noche en Santiago, fixo os debuxos que ilustran a primeira novela de Xosé Fernández Ferreiro: A morte de Frank González.
Virxilio Fernández, Mikal Forcada, Reimundo Patiño, Alfonso Gallego; estes últimos nomearanse máis adiante citando cales foron as súas participacións nas publicacións literarias.
Movementos literarios
editarO grupo Brais Pinto ten unha clara relación coa Nova Narrativa Galega, movemento de vangarda que, segundo Guillermo de la Torre é «un novo estado do espírito manifestado na incorporación de novos temas e na imposición de certas convencións formais, distintas das inmediatamente anteriores»[8]. Estes novos narradores tiñan a intención de renovar a narrativa galega dentro da diversidade creativa e intentar superar a precariedade cultural en que se situaban Galiza e o resto de España como consecuencia da consolidación da ditadura franquista.
Estes autores tamén cultivaron unha narrativa marcada por outras tendencias, influída por unha irrupción do alleo e diminuíndo trazos relacionados co ruralismo e o autóctono. Destaca unha primeira etapa con trazos do existencialismo de Kafka e cunha ruptura cos temas tratados pola literatura galega anterior. De 1964 a 1980 callou o alleo no autóctono cunha tendencia cara a indagación formal e o experimentalismo enunciativo.
Obras destacábeis da Nova Narrativa Galega son Nasce un árbore (1954) de G. Rodríguez Mourullo, Retorno a Tagen Ata (1971) de Xosé Luís Méndez Ferrín ou O camiño de abaixo (1970) de Xohán Casal.
Centros de reunión
editarO café Lion d’Or, o máis relevante centro de reunión do grupo, xa tiña unha reputación como centro de reunión para debates e coloquios, mais os membros do futuro grupo Brais Pinto destacaron pola súa índole política. O café estaba preto da estación do metro Sevilla, na rúa de Alcalá e cerca da Porta do Sol; alí reuníanse galegos cun interese profundo nos asuntos literarios e galeguistas. Estaba este grupo de reunión presidido por Ramón Cabanillas e Ben-Cho-Shey, persoeiros que os integrantes admiraban en gran medida. Ademais, Cabanillas era xa coñecido noutro café de Santiago, o Derby; deste café foron invitados algúns galeguistas ao café El Bombero, na rúa do Franco.
O grupo non se reunía só en cafés, aínda que por motivos de organización era o máis sinxelo. Facíano tamén en parques, en particular nos días laborables, pois tiñan obrigacións no traballo o nos estudos. As fins de semana eran, en definitiva, os días en que o grupo era máis numeroso.
Así, non usaban locais alugados nin centros especializados, senón que se reunían no mesmo sitio que outras persoas cun gusto polo debate e os coloquios. Alí empezaron a debater os seus ideais e as correntes que seguirían máis adiante.
Publicacións periodísticas
editarO espazo de reflexión política e cultural que foi Brais Pinto permitiu tanto a creación de organizacións de tipo político como o desenvolvemento dun labor cultural. Así, varios dos membros do grupo participaron en publicacións periodísticas de diversa índole[9].
Vieiros é unha das manifestacións periodísticas en galego máis importantes. Defende un pluralismo ideolóxico marcado polo nacionalismo galego, o progresismo e un rigoroso monolingüismo. Trataron temas de antropoloxía, economía, historia, poesía e agricultura, e recollían os problemas do campo galego e doutras temáticas variadas. Entre outros, colaboraron neste esforzo Xosé Luís Méndez Ferrín e Reimundo Patiño.
No tema do desenvolvemento da súa carreira xornalística, Xosé Fernández Ferreiro foi redactor de La Noche e La Voz de Galicia.
Por outro lado, algúns dos membros fixeron tamén colaboracións puntuais en diferentes periódicos. Por exemplo, Xosé Ramón Fernández-Oxea enviou crónicas ao periódico ourensán La Zarpa sobre o conflito bélico de Annual; Xosé Luís Méndez Ferrín publicou un artigo en Faro de Vigo e Celso Emilio Ferreiro publicou unha carta aberta en Chan e logo en Correo de Galicia, ademais de facer unha recensión no periódico ABC.
Outras publicacións salientábeis foron Galicia Emigrante e Outeiro. Esta última publicación dedicaba un par de páxinas á poesía galega e non prosperou moito.
Publicacións literarias
editarAntes de crear unha editorial legal, publicaron varias obras de forma clandestina. Unha vez creada a editorial en Madrid, os libros imprimíanse en Gráficas Numen de Vigo. Neste obradoiro verían a luz entre outras:
- Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro (1962).
- Voz y voto, do propio Celso Emilio Ferreiro. A edición clandestina, publicada en 1955, foi o libro que abriu a colección de Brais Pinto.
Na súa primeira época (1958-1962)[10] Brais Pinto publicou 5 títulos de poesía:
- Bocarribeira (1958), o primeiro libro de poesía de Otero Pedrayo, ilustrado por Reimundo Patiño.
- Poema do home que quixo vivir (1959), de Bernardino Graña, cun limiar de Méndez Ferrín e ilustrado por Alfonso Galego.
- A Noite, por Fernández Ferreiro, ilustrado por Reimundo Patiño (1959).
- O que se foi perdendo (1959), de Ramón Lorenzo, con debuxos de Virxilio Fernández.
- Acoitelado na espera (1960), de Alexandre Cribeiro, debuxado por Mikal Forcada.
Ningún destes poemarios foi reeditado, a excepción de Bocarribeira, de que Anxo Angueira fixo unha edición que publicou Galaxia en 2005. Ningún destes cinco libros supera as 55 páxinas e tamén eran pequenas as súas tiraxes (500 exemplares). Non se vendían nas librerías, senón que se enviaban contra reembolso por correo aos subscritores (entre 70 e 75).
Na segunda etapa (1974-1989) editouse máis de media ducia de títulos por Reimundo Patiño e César Arias, que eran os que quedaban en Madrid. Presentaron os títulos:
- O volume de contos Fin do mundo (1974) de Bernardino Graña.
- O volume de contos O Naranxo (1974) de Ramón de Valenzuela.
- 2 viaxes, a primeira obra de banda deseñada de ciencia ficción en galego.
Fin do mundo foi o único que foi reeditado. Houbo moitos máis, pero non puideron ser publicados pola censura.
Dentro da colección Cuadernos da Guadaña, patrocinada pola Irmandade Galega de Madrid, aparecerían:
- Textos encol da arte galega, de Luís Seoane (1979).
- Poemas caligráficos, de Uxío Novoneyra (1979).
- Orixe certa do grao de Alexandría e outros contos, de Xoán Guisán (1980).
- Muíño de antrasaugas, de Xavier Vaz (1979).
- O home que falaba vegliota, de Antón Patiño (1972).
Notas
editar- ↑ Ledo, Bieito (1999-). Enciclopedia Galega Universal 3. Ir Indo. p. 509. ISBN 84-7680-288-9.
- ↑ Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto : memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 163. ISBN 9788499143477.
- ↑ Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 163. ISBN 9788499143477.
- ↑ Ermida Meilán, Xosé Ramón (2008). "Brais Pinto, o Consello da Mocidade e a orixe da UPG: unha evolución discontinua". Terra e Tempo (145-146): 100.
- ↑ Gonçales Blasco, Luís (2000). "Algo sobre Brais Pinto e as minhas relaçons com o fato". Agália (63-64).
- ↑ Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto : memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 80. ISBN 9788499143477.
- ↑ Rodríguez Iglesias, Francisco (2000). Galicia, literatura 34. A Coruña Hércules de Ediciones. pp. 96–102. ISBN 8489468656.
- ↑ Rodríguez Iglesias, Francisco (2000). Galicia, literatura. Hércules de Ediciones. ISBN 8489468656.
- ↑ Santos Gayoso, Enrique (2014). Historia de la prensa gallega 2. Do Castro. ISBN 9788474927672.
- ↑ Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto : memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 119. ISBN 9788499143477.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gonçales Blasco, Luis (2000). "Algo sobre Brais Pinto e as minhas relaçons com o fato". Agalia: 63–64.
- Ledo, Bieito (1999-). Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. ISBN 8476802889.
- Ermida Meilán, Xosé Ramón (2008). "Brais Pinto, o Consello da Mocidade e a orixe da UPG: unha evolución discontinua". Terra e Tempo (145-146).
- Rodríguez Iglesias, Francisco (2000). Galicia, literatura. Hércules de Ediciones. ISBN 8489468656.
- Santos Gayoso, Enrique (2014). Historia de la prensa gallega. Do Castro. ISBN 9788474927672.
- Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde. Xerais. ISBN 9788499143477.