Modernismo

corrente de renovación artística e literaria de finais do século XIX e comezos do XX

Modernismo é o termo co que se designa a unha corrente de renovación artística e literaria desenvolvida a finais do século XIX e principios do XX. Segundo os distintos países, recibiu diversas denominacións: Art Nouveau (en Bélxica e Francia), Sezession (en Austria), Jugendstil (Alemaña), Liberty (Inglaterra) e Floreale (en Italia). En catalán, modernisme ou Estilo modernista.

Casa Batlló (1905) do catalán Antoni Gaudí, en Barcelona.
Fachada principal do edificio Simeón (1906) dos irmáns galegos Gómez Román, en Vigo.

Características editar

As características máis importantes de dita corrente literaria son o preciosismo, exotismo, a alusión ós nobres, mundos desaparecidos (a idade media cabaleiresca, as cortes dos Luíses en Francia, as monarquías chinesas e xaponesas). Mención dos obxectos preciosos. Símbolo: cisne.

O modernismo opón o latino ó anglosaxón. O modernismo é unha reacción que vai en contra do positivismo, e interésase pola teosofía. Na narrativa oponse ó realismo, optando pola novela histórica ou a crónica de experiencias da alucinación e a loucura; a descrición de ambientes de refinada bohemia. Introduce o personaxe da muller fatal, que leva ós homes ó pracer e a morte

De acordo con Francisco Rico, a palabra modernismo, foi un calco dunha tendencia heterodoxa con respecto ó catolicismo tradicional, condenada como modernismo por Pío X e León XII, e que foi debatido nas dúas últimas décadas. Posteriormente foi un calco despectivo do moderno. Ata que os modernistas a adaptaron como signo de identidade. (Rico, Francisco "O Modernismo como actitude" p. 46).

Unha arte nova editar

Todas estas denominacións fan referencia á intención de crear unha arte nova, levando a cabo unha rutura cos estilos dominantes na época, tales como o historicismo ou o eclecticismo. Trátase de crear unha estética nova, en que predominen a inspiración na natureza á vez que se incorporen novidades derivadas da revolución industrial. E así en arquitectura é frecuente o emprego do ferro e o cristal. Así a todo, é igualmente unha reacción á pobre estética da arquitectura en ferro, tan en voga por eses anos.

En gran medida as súas aspiracións baséanse nas ideas de John Ruskin e William Morris, que podemos resumir en democratizar a beleza no sentido de que ata os obxectos máis cotiáns teñan valor estético e sexan accesibles a toda a poboación (socialización da arte), grazas ás técnicas de produción masiva facilitadas pola revolución industrial. Por iso o modernismo non só se dá nas artes maiores, senón tamén no deseño de mobiliario e todo tipo de obxectos útiles na vida cotiá. A miúdo os artistas modernistas son artistas "integrais", pois non só deseñan edificios, senón os mobles e outros aparellos de uso diario. Así pois moitos arquitectos modernistas son tamén deseñadores, pois as súas creacións non se limitan ó edificio en si, dado que tamén elaboran a súa decoración e os utensilios que ha de conter.

Consecuentemente, deuse en arquitectura, pintura, escultura e nas artes decorativas e menores (mobles, lámpadas, xoias, carteis etc. ).

Unha das súas características é o uso da liña curva e a disimetría, tanto na plantas e o alzado dos edificios como na decoración. Nesta última é moi frecuente o uso da chamada "liña látego". Unha derivación deste estilo na década de 1920 é a denominada Art déco.

Artistas máis destacados editar

Galegos editar

Outros editar

Arquitectura modernista en Galicia editar

 
Torre dos Moreno, en Ribadeo.
 
Casa Rey, na Coruña.

O modernismo entra en Galicia no ano 1900, aínda moi influenciado polo eclecticismo burgués, o modernismo puro chega a Galicia algo máis tarde ca no resto de Europa (1908-1914) seguindo o modernismo ou art nouveau europea. Salientan obras nas cidades da Coruña, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela. A partir de 1914, co estoupido da primeira guerra mundial a arquitectura volve ao eclecticismo para rematar no racionalismo contra o ano 1930[1] O modernismo en Galicia vén da man de burgueses enriquecidos co comercio ultramarino e pola incipiente industria naval e conserveira, que amosaba a súa prosperidade económica e cultural á sociedade do seu tempo.

O modernismo galego caracterízase polo uso de fábrica de pedra de granito e de galerías por mor da necesidade de luz no interior dos edificios, onde salienta a cidade da Coruña, coas súas belas galerías de fermosos enfeites na decoración das fachadas. Estas galerías constrúense en madeira e sempre van pintandas en cor branca e apoian en canzorros de pedra. Tamén salientan os balcóns de ferro forxado.[2].

A Coruña editar

Entra da man do arquitecto asturiano Julio Galán Carvajal, diferentes casas. Con Ricardo Boán fai a casa da rúa de Juana de Vega; e segue co Pazo de Xustiza e coa Casa Rey. Tamén salientaron os galegos Antonio López Hernández e Andrés Reboredo

Pontevedra editar

 
Edificios modernistas na praza da Ferrería en Pontevedra.

Salientou Antonio López Hernández coa súa casa da Praza da Estrela ou a casa de Prudencio Landín.

Ferrol editar

Salientou Rodolfo Ucha Piñeiro, foi arquitecto municipal en 1908 despois de volver licenciado de Madrid.

Vigo editar

 
Edificio Banco de Vigo, ecléctico con toques modernistas.

O modernismo vigués caracterízase pola sinxeleza e o uso do granito, que lle proporciona características de seu. O seu representante máis salientábel foi Benito Gómez Román, que xa no seu edificio de García Barbón de 1901 inclúe elementos premodernistas. En 1906 crea o espectacular Edificio Simeón, moi influenciado pola obra viguesa de Michel Pacewicz. A morte prematura de Benito fai que a súa obra sexa rematada polo seu irmán Manuel Gómez Román. Tamén salientan Luis Vidal e especialmente o vigués José Franco Montes, consciente do seu modernismo.

Santiago de Compostela editar

O vigués José Franco Montes realiza unha casa na zona vella, para despois abandonar o modernismo polo eclecticismo. En Compostela o modernismo sofre a presión da Igrexa. Jesús López de Rego impuxo o seu modernismo de grande elegancia influenciado pola escola de Glasgow entre 1906 e 1912. Antonio Palacios viuse premido pola Igrexa na construción do Pavillón de Recreo Artístico e Industrial de 1909.

Ourense editar

O modernismo chega máis tarde. Salienta Daniel Vázquez-Gulías Martínez, arquitecto municipal entre 1909 e 1914, cando usou elementos do modernismo internacional nalgúns dos seus edificios eclécticos, influenciado polo modernismo coruñés e pola obra de Otto Wagner.

  • Casa para Ricardo Sampayo, (1909), de Daniel Vázquez-Gulías Martínez.
  • Casa na Praza Maior (1909), de Daniel Vázquez-Gulías Martínez, clara influencia da obra de Julio Galán Carvajal na Coruña.
  • Casa Alfonso Junquera (1913), de Daniel Vázquez-Gulías Martínez.

Sada editar

Os arquitectos do grupo coruñés: Julio Galán Carvajal, Ricardo Boán e Antonio López Hernández, desenvolveron obras modernistas na vila de Sada.

Ribadeo editar

Obras importantes fóra de Galicia editar

  • Azul (de Darío, en Nicaragua)
  • Casa Batlló (de Gaudí, en Barcelona)
  • Bocas do Metro (de Guimard, en París)
  • Casa Tassel (de Horta, en Bruxelas)
  • Friso Beethoven (de Klimt, en Viena)
  • Escola de Arte (de Mackintosh, en Glasgow)
  • Edificio Sezession (de Olbrich, en Viena)
  • Edificio da Caixa Postal (de Wagner, en Viena)

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Henríquez Ureña, Mac. Breve historia do modernismo. México: Fondo de cultura Económica, 1978.
  • Rico, Francisco. Historia y crítica de la Literatura española: Modernismo y 98. Barcelona: Editorial Crítica, 1980.
  • Schmutzler, Robert. El modernismo. Madrid: Alianza Forma, 1985.
  • Ward, Thomas. "Los posibles caminos de Nietzsche en el modernismo". Nueva Revista de Filología Hispánica 50.2 (2002): 489-515

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar