Pazo de Lourizán

pazo en Pontevedra

O Pazo de Lourizán é unha casa señorial situada no lugar de Herbalonga da parroquia de Santo André de Lourizán do concello de Pontevedra.

Pazo de Lourizán
ConcelloPontevedra
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°24′34″N 8°39′53″O / 42.409444444444, -8.6647222222222Coordenadas: 42°24′34″N 8°39′53″O / 42.409444444444, -8.6647222222222
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século XV)
Estilo actualromanticismo e modernismo (século XIX;1909-1912)
Estado actualdeteriorado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

No século XV este predio foi habilitado como "granxa"[1] e pertencía á familia Montenegro. Desta época conserva o pombal ameado de planta circular. Na leira construíuse unha casa-torre fortificada na que Luis de Góngora pasou unha tempada en 1609 e escribiu unha parte do seu libro Soledades.[2]

No século XVII, a propiedade, coñecida como Granxa da Serra, era propiedade do Marquesado da Serra. Posteriormente tivo diferentes propietarios, comerciantes e empresarios.[3] No século XIX, o pazo pertencía a Buenaventura Marcó del Pont Bori, tras compralo aos herdeiros de Francisco Genaro Anxo, irmán da súa esposa.[4]

Máis tarde converteuse en casa residencial e lugar de veraneo, cando residiu nela Eugenio Montero Ríos.[5] En outubro de 1876 Montero Ríos alugou a propiedade e adquiriuna o 16 de maio de 1879.[3] Naquela época a propiedade estaba moi preto da ría de Pontevedra e tiña embarcadoiro propio. Entre 1893 e 1894 levou a cabo a primeira gran reforma do pazo. Consistiu na creación dunha galería de madeira na á sur, que encerraba a capela do edificio. O pazo converteuse nunha residencia ostentosa con funcións representativas institucionais, ademais de espazo de vivenda, de lecer e recreativo.[6] Nos seus salóns asinouse o Tratado de París tras a guerra cos Estados Unidos en 1898, na que España perdeu Cuba, Porto Rico, Filipinas[7] e Guam.[8]

Sendo ao final do século XIX os salóns sociais dos pazos e mansións as principais galerías de arte en Pontevedra, o pazo de Lourizán, serviu tamén en 1898 de escenario á obra do pintor Ovidio Murguía.[9]

Eugenio Montero Ríos encargou ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a completa remodelación do pazo a principios do século XX. O obxectivo foi converter o pazo nun gran palacete residencial imitando e superando en tamaño a tipoloxía dos hôtels particuliers á moda do estilo Segundo Imperio Francés.[6] O proxecto de fachada data do 20 de febreiro de 1909 e integrou e harmonizou elementos de diferentes etapas construtivas para crear unha unidade arquitectónica. A remodelación deu ao pazo un novo aspecto, tanto no exterior como no interior. As obras comezaron en setembro de 1909[10] e terminaron en 1912.[11] Na súa orixe as estatuas de mármore da grande escalinata central de acceso ao pazo conformaban a denominada avenida das estatuas, pero con esta gran reforma do edificio terminaron recolocándose na escalinata.[2] Eugenio Montero Ríos viviu no pazo de Lourizán ata a súa morte en 1914.

A Deputación de Pontevedra adquiriuno en 1943, comprándollo á Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e (unha quinta parte) á marquesa viúva de Alhucemas.[12] Nese mesmo ano cedeullo ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1946 converteuse en Escola Técnica Superior de Montes.[1]

O centro pasou a formar parte do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INIA) en 1973 e en 1984 foi transferido á Xunta de Galicia.[13][14] Actualmente está integrado na estrutura do Centro de Desenvolvemento Sustentábel da Consellería de Medio Ambiente desde 1991. O Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán ten por obxectivos principais a protección, conservación e mellora do patrimonio forestal de Galiza.[15]

O 19 de maio de 2023 o pazo pasou a ser propiedade da Xunta de Galicia.[16]

Descrición editar

O edificio editar

O edificio do pazo é de aire romántico e foi obra de Jenaro de la Fuente Domínguez.[17] É un edificio ecléctico con influencias do Art Nouveau, o clasicismo e a arquitectura francesa do Segundo Imperio.[6][10]

A estrutura do pazo é simétrica, monumental e con predominio de volumes horizontais.[10] Ten planta baixa e dous pisos.[3] O corpo central ten forma de U con tres torres coroadas por mansardas francesas[3][10] e tellado de lousa. A fachada ten columnas e pilastras xónicas. A parte central está realzada por un brasón e un reloxo,[18] no lugar do escudo que locen os pazos galegos.

Diante deste corpo central, adiantado con respecto aos laterais, hai unha gran escaleira de corte imperial de pedra de dous tramos, custodiada por estatuas neoclásicas de mármore branco que personifican a xustiza e a prudencia[3] e representan virtudes, valores e devocións.[1] No comezo das escaleiras atópanse as estatuas de Xermánico, Discóbolo, o Escravo moribundo e Sófocles, mentres que sobre os extremos da rotonda están as de Palas Atenea e Diana de Gabies. Nos templetes da fachada principal, á beira da porta de entrada ao vestíbulo, pódense observar as alegorías da Primavera e do Verán.[2] O tipo de escaleira con formato rotondo xera un miradoiro desde o que contemplar as vistas a imitación do barroco francés.[6] Esta escaleira conduce á entrada principal e a unha terraza semicircular (que serve de miradoiro) sobre unha gruta artificial que simula unha cova de pedra calcaria volcánica chamada a Gruta dos Espellos.[17] Neste punto ábrense dúas ás laterais formadas por galerías lixeiras de pedra e cristal que envolven o antigo pazo.[10] Na primeira planta, as fachadas das ás laterais perden protagonismo, resaltando o corpo central e creando terrazas con balaustradas. Na parte superior, unha terraza ocupa unha extensión importante. Nestes corpos laterais repítense as altas xanelas, pilastras, balcóns, bufardas e cúpulas forradas de escamas de zinc do tipo dôme à l’impériale, que reforzan a elegancia do palacio.[6]

Destaca o gran número de xanelas e balcóns, que achegan luminosidade e lixeireza á estrutura. A decoración destaca pola fusión de elementos neoclásicos e Art Nouveau.[10] As columnas, balcóns e ornamentos mostran recursos clacisistas. O frontón triangular do corpo central está decorado cos símbolos da profesión de Eugenio Montero Ríos e os atributos da xustiza, un escudo cun libro e unha pluma.

Accédese ao interior a través dunha porta sinxela que ten impresas no vidro as iniciais maiúsculas dos seus antigos donos, "E e A", "Eugenio e Avelina".[3]

O interior do palacio organízase ao redor dos tres pisos en altura visibles desde o exterior, nos que a planta baixa e o primeiro piso conteñen restos dos muros da primeira casa e pazo. As estancias distribúense en función de dúas metades separadas por un longo corredor que percorre a totalidade lonxitudinal do edificio, do mesmo xeito que nas arquitecturas de carácter palaciano, deixando as estancias de maior rango, as habitacións para recepción de visitas, salóns e despachos, cara á fachada dianteira mirando o parque, e as pezas accesorias como dependencias da servidume, cociña e despensas cara a traseira orientada ao curral.[6]

As terras editar

O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo, que mostran os distintos usos aos que se dedicou durante os séculos: granxa, xardín señorial e centro de investigacións forestais. Ten un arboledo dos máis importantes de Europa, con especies vexetais traídas doutras latitudes ou mesmo modificacións singulares de especies para adaptalas ao clima de Pontevedra, dando como resultado un conxunto forestal único.[6]

Medran nel numerosas árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e bidueiros, pradairos e foráneas, como ciprestes, araucarias, cedros, magnolias ou alfaneiros, moitas delas traídas por xardineiros franceses. Varias destas árbores aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza. Hai arboretos con todas as variedades de castiñeiros, piñeiros, eucaliptos ou camelias, co exemplar máis alto do mundo, unha Camelia do Xapón de 20,5 metros de altura. Tamén hai un rimu de Nova Zelandia e un pequeno xardín taiwanés.[17]

A propiedade decórase con estanques, hórreos, un pombal do século XV, un invernadoiro de vidro de estrutura férrea de 1900, unha mesa de granito dunha peza (disque extraída dun penedo da Illa de Tambo), estatuas de mármore branco e varias fontes, como a da Cuncha, a dos Tres Canos, a do Patio e a da Gruta dos Espellos. Os xardíns organízanse en avenidas, a das Camelias, a dos Eucaliptos e a da Gruta dos Espellos.[1][19] O invernadoiro destaca pola súa estrutura ampla e lixeira de planta rectangular. O seu punto máis alto é de 7 metros no espazo central, no que se cultivan as especies de máis tamaño, quedando os espazos laterais para plantas de menor envergadura.[2]

Cultura editar

A escritora Lola Fernández Pazos publicou en 2022 a novela El Pazo de Lourizán, ambientada no pazo.[4][20]

A illa de Tambo formou parte do territorio do pazo.[4] Montero Ríos comprou tres quintas partes da illa en 1884 e outra quinta parte en 1894. En 1940, os seus fillos vendérona á Armada Española para uso da Escola Naval Militar.[21]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Los Roteiros de Outono recalan en los pazos de Lourizán y Salcedo". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de outubro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Los otros tesoros del Pazo de Lourizán de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de maio de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "El Pazo de Lourizán de Pontevedra, la decadencia de un palacio señorial caído en el olvido". El Español (en castelán). 8 de xullo de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "El pazo de Lourizán: los 20 millones que costará salvar el pazo donde se asumió la pérdida de Cuba y Filipinas". El Mundo (en castelán). 14 de agosto de 2022. 
  5. "Pazo de Lourizán, la antigua residencia de Montero Ríos". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de xullo de 2003. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 "RESOLUCIÓN de 9 de mayo de 2023, de la Dirección General de Patrimonio Cultural, por la que se incoa el procedimiento para declarar bien de interés cultural el Pazo de Lourizán, situado en el término municipal de Pontevedra.". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 10 de maio de 2023. 
  7. "El Pazo de Lourizán resurgía de la ruina y recuperaba su belleza tras su restauración". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xaneiro de 2016. 
  8. "Los arquitectos sugieren un concurso público para restaurar el Pazo de Lourizán". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xullo de 2022. 
  9. "Cuando empezamos a ser espectadores del arte". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2012. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 "El pazo en el que se perdió Cuba". Atlántico Diario (en castelán). 24 de febreiro de 2018. 
  11. "El Pazo de Lourizán será Ben de Interese Cultural". Diario de Pontevedra (en castelán). 10 de maio de 2023. 
  12. "La Xunta seguirá al frente del Pazo de Lourizán al menos durante un año más". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de maio de 2021. 
  13. "Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF). Reseña histórica". Xunta de Galicia (en castelán). 10 de xaneiro de 2021. 
  14. "El Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) celebrará en junio los 75 años de su fundación". Europa Press (en castelán). 11 de marzo de 2018. 
  15. "Un paraíso forestal lleno de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de agosto de 2015. 
  16. "La Deputación de Pontevedra aprueba la transferencia de la Finca de Lourizán a la Xunta". Diario de Pontevedra (en castelán). 19 de maio de 2023. 
  17. 17,0 17,1 17,2 "El infinito jardín del ministro antojadizo en Pontevedra: de una cueva "volcánica" a 700 especies". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de outubro de 2021. 
  18. "El reloj del Pazo Lourizán da la hora tras 100 años parado". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de decembro de 2016. 
  19. "10 sitios que enamoran". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de febreiro de 2020. 
  20. "Lola Fernández Pazos, escritora: «'El pazo de Lourizán' es una historia inspirada en hechos reales»". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de maio de 2022. 
  21. "Los vecinos de Combarro perdieron Tambo en 1875 por las deudas de un juicio que ganaron sobre la isla". Faro (en castelán). 14 de abril de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. pp. 114–115. ISBN 978-8403509344.
  • Arcay Barral, Ángel; Barrecheguren Fernández, Jorge; Martínez Soto, Eloy; Piñeira Edreira, Santiago; Vázquez-Rey Farto, Ernesto; (2017), Relatorio para a protección do Pazo de Lourizán. Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra.
  • Fernández de Ana Magán, Francisco Javier (e outros) (1994). Lourizán: de pazo solariego a Centro de Investigaciones Forestales (en castelán). Pontevedra: Artes Gráficas Portela.
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. pp. 466–469. ISBN 978-84-8457-327-2.
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. pp. 86–87. ISBN 9788482890852.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar