Granito

rocha ígnea, composta por seixo, micas e feldespato potásico

O granito é unha rocha ígnea holocristalina, composta esencialmente por seixo, micas e feldespato potásico, tendo como minerais accesorios frecuentes circón, apatita ou anfíbolos. O granito é unha rocha empregada coma pedra ornamental e na construción. A súa densidade é de 2700 kg/m³

Granito.

Características editar

A composición mineralóxica dos granitos é así definida por asociacións moi variables de seixo, feldespato, micas (biotita e/ou moscovita) e anfíbolos (principalmente hornblenda). Algúns deses constituíntes poden estar ausentes en determinadas asociacións mineralóxicas. Seixo, feldespatos, micas e anfíbolos son os minerais dominantes nos granitoides.

Macroscopicamente, o seixo é recoñecido como o mineral incoloro ou afumado, xeralmente translúcido, moi común nos granitos, podéndose tamén encontralo na cor azulada en rochas metamórficas coma no ollo de sapo.

Os feldespatos (microclina, ortoclasio e plaxioclasios), son os principais balizadores do padrón cromático das rochas silicáticas, conferindo as coloracións avermellada, rosada e creme-acincentada nos granitos homoxéneos (isótropos) e orientados/movimentados (anisótropos).

A cor negra variablemente impregnada na matriz das rochas silicáticas é conferida polos minerais máficos (silicatos ferro-magnesianos), sobre todo anfíbolo (hornblenda) e mica (biotita).

Nos granitos máis leucocráticos ("claros"), polo tanto con menor cantidade de minerais ferro-magnesianos, o seixo e o feldespato compoñen normalmente entre o 85% e 95% da rocha.

A textura das rochas silicáticas é determinada pola granulometría e hábito dos cristais, sendo a estrutura definida pola distribución deses cristais. Composición, textura e estrutura representan así parámetros de moito interese para caracterización de granitos e a súa distinción dos mármores.

Na construción editar

Para o sector de rochas ornamentais e de revestimento, o termo granito designa un amplo conxunto de rochas ígneas, tales coma monzonitas, granodioritas, charnockitas, sienitas, dioritas, diabases/basaltos e os propios granitos.

 
Variedade Rosa Porriño.

En Galicia practicamente toda a construción pétrea está feita con granito, tamén chamado pedra de gra; ás veces combinado con muros de xisto. Denomínase cantaría cando o muro está formado por bloques regulares e ben labrados denominados perpiaños, típico na construción culta: igrexas, pazos etc. Ou nos cantos e linteis das construcións populares. Cando o muro se constrúe con pezas irregulares falamos de cachotaría. Os cachotes poden ir en seco ou cintados con cemento, barro etc.

Inicialmente pensábase que as Pirámides de Gizé estaban construídas con bloques de granito, pero isto desmentiuse polo estudo das mesmas , o que indicou que eran rochas sedimentarias carbonatadas. Os exipcios esculpían a rocha calcárea e facían bloques de medidas rectangulares que encaixaban perfectamente as unhas coas outras.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar