A hornblenda ou hornablenda, horneblenda[1][2][3], é o nome dun grupo de minerais pertencente á clase dos silicatos ou dos aluminosilicatos. A súa fórmula xenérica é Ca2(Mg,Fe,Al)5(Al,Si)8O22(OH)2. A hornblenda forma parte da composición de moitas rochas ígneas e metamórficas, tales como granitos, gneises, sienitas, dioritas, gabros, basaltos, andesitas e xistos... Forma parte do grupo dos anfíbolos, constituídos por mestura isomorfa de silicatos de calcio, magnesio, ferro, aluminio e, por veces, tamén de sodio, magnesio ou titanio. O termo horneblenda non se refire a un mineral en particular, senón que é unha designación xenérica dada aos anfíbolos de cor moi escura que non poden ser facilmente identificadas sen a análise da súa composición química.

Hornblenda
Fórmula químicaCa2(Mg,Fe,Al)5(Al,Si)8O22(OH)2
ClaseSilicatos
SubclaseInosilicatos
Sistema cristalinoMonoclínico 2/m
CorNegra, verde escura
BrilloDe vítreo a mate
Dureza5-6 (escala de Mohs)
FracturaIrregular
ExfoliaciónImperfecta a 56º e 124º
RaiaGris pardusca
Densidade2,9-3,4 g/cm3

O nome provén do alemán Horn (corno) e Blende (de blenden = relucir) , en referencia ao brillo do mineral.

Estrutura

editar

Na súa rede cristalina, os ións de ferro, magnesio e aluminio poden substituírse mutuamente sen problema e, entón, é difícil distinguir as diferentes variedades minerais deste mineral, que se denominan magnesiohornblenda, ferrohornblenda e aluminohornblenda, segundo o elemento predominante. Hai máis variedades aínda, como a pargasita, a hastingsita, a tschermakita... Como regra xeral, pódese indicar que os minerais con maior contido de ferro teñen cores máis escuros.

Aínda que a hornblenda é un mineral extensamente distribuído, non se adoita formar en cristais vistosos.

Características

editar

É de cor escura a verde escura. Os cristais xeralmente son opacos, aínda que algúns exemplares poden ser transparentes. O seu hábitat cristalino vai desde pequenos prismas até agullas. O corte polos cristais pode ser hexagonal, aínda que raras veces son simétricos. Tamén se adoita atopar en forma masiva. Creba de forma imperfecta en dúas direccións, a 56º e a 124º. A fractura é irregular. Deixa raia parda ou agrisada na táboa de porcelana.

Ten como minerais asociados: cuarzo, feldespato, auxita, magnetita, mica

Depósitos

editar

Hai depósitos importantes en: Bancroft (Ontario, Canadá); Noruega; Bohemia; Monte Vesuvio (Italia); Nova York.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para horneblenda.
  2. Definición de horneblenda no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. BUScatermos horneblenda