Bohemia
Bohemia[1] (en checo: Čechy; en alemán: Böhmen) é unha rexión histórica de Europa Central, tendo a súa capital na cidade de Praga. Ocupa 52.750 km² e ten máis de seis millóns de habitantes. Forma parte da República Checa xunto ás rexións de Moravia e Silesia.

XeografíaEditar
Limita ao norte con Polonia, ao sur con Austria, ao leste, con Moravia e Silesia, e ao oeste con Alemaña. É unha chaira rodeada de elevados sistemas montañosos, delimitada polas Montañas dos Xigantes, a Selva de Bohemia e os Montes Metalíferos, tamén coñecidos como Erzgebirge ou Krušné hory. Os principais cursos fluviais son o río Moldova e o río Elba e mailos seus afluentes, o río Vltava e o río Ohře.
HistoriaEditar
O topónimo de Bohemia deriva dos boios, un pobo celta que habitaba aquela zona cara ao século V a. C. Os boios foron expulsados pola tribo xermánica dos marcómanos cara ao século I. Entre os séculos V e VIII Bohemia foi ocupada polos eslavos e, máis tarde, polos ávaros.
Durante o século IX o cristianismo foi introducido na rexión, que daquela formaba parte da Gran Moravia. A primeira dinastía bohemia, a familia dos Přemyslidas, fíxose co poder no século X.
En 950 Bohemia foi obrigada a recoñecer a supremacía alemá, converténdose en parte do Sacro Imperio Romano. En 1212, por medio da Bula de Ouro de Sicilia, o emperador Federico II creou o Reino de Bohemia. O reino estivo rexido pola casa de Luxemburgo entre 1310 e 1437. Durante a última etapa deste período os husitas, grupo relixioso seguidor de Jan Hus, rebeláronse contra a Igrexa católica, o que comportou unha intervención internacional e un longo período de conflitos bélicos, as guerras husitas, que remataron en 1436 cun acordo entre os bohemios e a igrexa.
A maioría das cuestións políticas e relixiosas implicadas na loita ficaron sen solucionar, pero o movemento husita estimulou sentimentos pre-nacionalistas entre os bohemios, o que supuxo un freo á inicial tendencia cara á xermanización.
Entre 1471 e 1526 Bohemia foi gobernada por unha liñaxe de reis húngaros, período no que non houbo conflitos significativos malia que a situación relixiosa foi tensa. En 1526 Fernando I (da Casa de Habsburgo) foi elixido Rei de Hungría e Bohemia. Baixo o mandato desta dinastía, que se prolongou até 1918, a historia de Bohemia estivo vencellada á historia de Austria.
Durante a Reforma (1517-1648), os Habsburgo católicos reprimiron o crecente movemento protestante en Bohemia. A Primeira defenestración de Praga, no que os bohemios, furiosos, botaron a dous representantes dos Habsburgo pola ventá abaixo, foi a causa inmediata da guerra dos Trinta Anos (1618-1648).
A batalla da Montaña Branca (1620) supuxo a restauración da monarquía dos Habsburgo, que viu seguida da implacable erradicación do protestantismo, a supresión dos privilexios nacionais e o uso obrigado do alemán como lingua oficial.
As reformas de Xosé II, que reinou entre 1765 e 1790, comportaron un renacemento dos sentimentos nacionalistas en Bohemia. Despois de 1848, ano en que se sufocou unha rebelión nacionalista, a loita pola autonomía checa dentro do Imperio Austro-Húngaro continuou.
Coa caída do Imperio trala I Guerra Mundial, en 1918 Bohemia converteuse en provincia da recentemente creada Checoslovaquia.
En marzo de 1939, logo da ocupación militar de Checoslovaquia polas tropas de Adolf Hitler, creouse o protectorado de Bohemia e Moravia. Coa fin da segunda guerra mundial, volveuse integrar en Checoslovaquia. O 1 de xaneiro de 1993 pasou a formar parte da República Checa.
EconomíaEditar
As principais actividades económicas da rexión son a industria, a agricultura e a minaría.
Os cultivos máis importantes son o millo, trigo, vide e lúpulo. En Bohemia creouse a cervexa de curta fermentación tal e como hoxe se coñece.
A industria, especialmente nos centros de Mladá Boleslav, Praga, Plzeň e Liberec, producen automóbiles (a empresa Skoda, inicialmente dedicada á fabricación de armas, e pertencente na actualidade ao grupo alemán Volkswagen), ferro e aceiro, produtos químicos, maquinaria, téxtiles e comestibles.
Bohemia posúe importantes xacementos de carbón, grafito, ferro, prata e uranio.
|
- ↑ López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419.