Rocha magmática

(Redirección desde «Rocha ígnea»)

As rochas ígneas (do latín igneus, lume) son aquelas rochas que se forman pola solidificación do magma ante unha redución de temperatura, sexa dentro da codia terrestre; co que se producen rochas plutónicas; ou ao agromar á superficie; producindo rochas volcánicas. Tamén existiría outro grupo de rochas ígneas que serían as filonianas ou porfíricas.

Diorita, unha rocha ígnea intrusiva.

De acordo ao modo de arrefriamento presentan distintos tipos de cristalización, indo dende cristais visibles á primeira ollada nas rochas de arrefriamento máis lento, ata a estrutura vítrea da obsidiana, producida por unha violenta redución de temperatura no curso dunha erupción volcánica.

Polo xeral as rochas ígneas, xunto coas metamórficas, son máis competentes[Cómpre referencia] cás sedimentarias. Por esta razón, algunhas utilízanse con frecuencia na construción a xeito de pedra ornamental (pranchas para revestimentos) ou elemento resistente (xambas, linteis...). Tamén se usan para facer áridos, que se usan nos formigóns.

Exemplos de rochas ígneas son o granito, a diorita, a riolita, o pórfiro, o gabro e o basalto; hai máis de 700 tipos de rochas ígneas.

Compoñen, aproximadamente, o noventa e cinco por cento da parte superior da codia terrestre, aínda que normalmente están ocultas da superficie da Terra por unha capa relativamente fina pero extensa de rochas sedimentarias e metamórficas.

Rochas ígneas intrusivas editar

As rochas ígneas intrusivas (coñecidas tamén como plutónicas ou abisais) formáronse a partir do arrefriamento do magma no interior da codia terrestre, nas partes profundas da litosfera, sen contacto coa superficie. Chegan á superficie despois de desfacerse o material sedimentario ou metamórfico que se atopaba por riba. En xeral, o arrefriamento é lento e ocorre a cristalización de todos os seus minerais, presentando entón unha textura holocristalina (gran número de cristais observábeis a simple vista). Normalmente as rochas plutónicas ou intrusivas teñen unha estrutura maciza. A súa estrutura máis corrente é granular, isto é, os minerais preséntanse equidimensionais ligados entre si. A clasificación detallada das rochas magmáticas require un estudo microscópico da mesma. En liñas xerais, poden considerarse as seguintes familias de rochas magmáticas, entre as cales existen un tipo rochas intermedias:

Rochas ígneas extrusivas editar

 
Calzada dos Xigantes, formado por basalto, unha rocha ígnea extrusiva.

As rochas ígneas extrusivas (coñecidas tamén como volcánicas ou efusivas) formáronse a partir do arrefriamento do magma na superficie ou próxima a ela. O arrefriamento é rápido, o que fai que estas rochas, por vexes, sexan amorfas, posuíndo unha textura vidrosa (vítrea), ou sexa, unha textura que non presenta cristais, ou pode ter unha textura hemicristalina, existindo algúns cristais formados no seo dunha masa amorfa. Hai unha grande diversidade de rochas volcánicas que se agrupan nalgúns tipos xerais: riolitas, traquitas, andesitas e basaltos, ou os vidros volcánicos.

Rochas filonianas ou hipoabisais editar

Son rochas ígneas, formadas por cristalización do magma a pequenas profundidades, que se consideran intermedias entre as intrusivas e extrusivas, mais teñen máis relación coas intrusivas, e encóntranse entre elas. Son exemplos de rochas filonianas as aplitas, a pemgatitas e os lamprófiros.

Clasificación editar

As rochas ígneas poden ser clasificas de acordo ao modo de ocorrencia (descrita arriba), textura, mineraloxía, composición química e a xeometría do corpo ígneo.

A clasificación dos moitos tipos diferentes de rochas ígneas pode provernos de datos sobre as condicións baixo as cales estas se formaron. Dúas importantes variables usadas para a clasificación da rochas ígneas son o seu tamaño de partícula, que depende do modo de arrefriamento, e a súa composición mineralóxica. Feldespatos, cuarzo, olivinas, piroxenos, anfíbolos, e micas, son importantes minerais que se atopan en case todas as rochas ígneas. Todos os outros minerais que teña a rocha son vistos como "non esenciais", e son chamados minerais accesorios. Hai tipos de rochas ígneas formadas con minerais esenciais, mais son casos moi raros, como algúns tipos de rochas carbonatadas.

Grao de cristalinidade editar

Cando o arrefriamento do magma ocorre dunha forma moi rápida, e o tempo non é suficiente para que os átomos e ións se agrupen orixinando unha estrutura cristalina, obtense a formación dun vidro a consecuencia duna solidificación.

Existe unha clasificación segundo a cantidade de vidro contido:

Holohialinas: aquelas rochas que están formadas por máis do noventa por cento en cantidade de vidro, e que polo xeral son as rochas volcánicas lávicas, como a obsidiana ou a pumita.

Holocristalinas: aquelas que se compoñen por máis dunha cantidade de noventa por cento de cristais en relación ó volume, o que adoita ser característica das rochas plutónicas como o granito.

Hialocristalinas: están compostas por unha cantidade de vidro e outra de cristais, sen que a suma destes supere o noventa por cento do volume. Isto, polo xeral, é característico de rochas volcánicas e de rochas filonianas.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar