Granodiorita

rocha ígnea

A granodiorita é unha rocha ígnea estreitamente relacionada co granito, pero con máis plaxioclasio que feldespato alcalino,[1] que se distribúe por todo o mundo e supón un 34% das rochas plutónicas da codia terrestre.[2]

Mostra puída de granodiorita de Hauzenberger (Hauzenberg, leste de Baixa Baviera).
En vermello o campo que lle corresponde á granodiorita no diagrama de Streckeisen.
anteira de granodiorita na República Checa.
Granodiorita de Freistadt utilizada como pedra de construción (Freistadt im Mühlviertel, Austria)
Granodiorita de Piégut-Pluviers de gran relativamente groso (noroeste do Macizo Central, Francia).
A pedra de Rosetta está feita de granodiorita.
Cabeza masculina, feita de granodiorita, do Imperio Antigo exipcio, 4ª dinastía, arredor de 2550 a.C., Museo Exipcio de Múnic.

Historia

editar

Os antigos exipcios utilizábana nas súas obras de arte e construcións e a famosa pedra de Rosetta[3] está feita de granodiorita. Na época romana, a granodiorita chamábase Claudianus, e extraíase do deserto de Arabia en Gebel Fatireh (Mons Claudianus).[4] O termo "granodiorita" foi utilizado por primeira vez por G. F. Becker nos mapas do Cinto do ouro de Serra Nevada (América do Norte) a finais do século XIX. A rocha foi descrita por primeira vez por W. Lindgren en 1894.

Descrición da rocha

editar

É unha rocha masiva na súa maioría de gran groso ou medio, de cor branca-cincenta a cincenta. As granodioritas similares ao pórfiro cunha estrutura de gran desigual poden alcanzar tamaños de gran de varios centímetros nos feldespatos. Os grans minerais parecen estar dispostos sen unha dirección determinada, pero nunha inspección máis detallada pode verse algunha estrutura nos feldespatos. As estruturas de orixe tectónica tampouco son infrecuentes.

Composición e composición mineral

editar

A granodiorita apenas difire dos granitos, xa que tamén contén feldespato, cuarzo e mica. A diferenza do granito, a granodiorita contén significativamente máis plaxioclasio que feldespato potásico; o contido de plaxioclasio dos feldespatos está entre o 65 e o 90% en volume; o contido modal de cuarzo varía entre o 20 e o 60% en volume. Ademais, o contido de minerais máficos adoita ser maior que no granito. En xeral, consisten en horneblenda (un anfíbolo) e biotita (unha mica), que lle dan á granodiorita unha cor lixeiramente máis escura. Co seu maior contido en ferro e magnesio, a granodiorita é intermedia entre o granito e a diorita (diorita de cuarzo), de aí o seu nome. [5]

Os minerais accesorios adoitan ser alanita, apatita, titanita e circón, ocasionalmente tamén epidota e zoisita. A ilmenita e a magnetita actúan como minerais opacos.

Se as granodioritas teñen menos do 5% por cento de minerais escuros, especialmente biotita e horneblenda, chámanse leucogranodioritas e con máis do 25% melagranodioritas.

Contido mineral modal

editar

As granodioritas teñen a seguinte composición mineral modal (en porcentaxe de volume):

  • Cuarzo: 19 a 26%
  • Feldespato alcalino: 17 a 21 %
  • Plaxioclasio: 44 a 48%
  • Contido en anortita: desde o 30 %
  • Biotita: 3 a 10 %
  • Horneblenda: 0 a 7%
  • Clinopiroxeno: pode estar presente en casos raros
  • Os accesorios e outros poden representar ata o 1,5%.

Composición química

editar

Quimicamente, as granodioritas son equivalentes ás dacitas, polo que no diagrama TAS (Total Alkali vs. Silica) sitúanse no campo O 3. As granodioritas ricas en SiO2 tamén poden migrar ao campo R das riolitas. A codia continental como media ten a mesma composición aproximada que unha granodiorita. A granodiorita tamén pertence á serie tonalita-trondhjemita-granodiorita.

As granodioritas son rochas sobresaturadas en SiO2 e corindón ou diópsido. O seu contido de SiO2 xeralmente varía entre o 63 e o 68%, pero tamén pode ser moito maior (ata o 73% en peso). Para distinguir as variedades tamén se adoita medir o seu contido en Na, K, Mg, Fe e a aluminosidade.

Variedades e tipos

editar

Coñécense as seguintes variedade de granodiorita:

  • Granodiorita biotítica
  • Granodiorita de horneblenda
  • Granodiorita de biotita-horneblenda

Igual que cos granitos, nas granodioritas tamén se poden distinguir as de tipo I e as de tipo S, nas que as de tipo S teñen máis do 1% de corindón.

Cristalización

editar

A presenza de biotita e especialmente horneblenda indica un contido de auga do 3 ao 5% nos magmas granodioríticos. Os experimentos de cristalización confirman a posición dominante do plaxioclasio durante o proceso de cristalización, no que cristaliza xunto con biotita, horneblenda, accesorios e outros nun amplo rango de temperaturas. O cuarzo e o feldespato alcalino cristalizaon só pouco antes de alcanzar o estado sólido, xeralmente como recheos entre os plaxioclasios relativamente grandes, na súa maioría isomorfos.

Inclusións

editar

As granodioritas poden conter ocasionalmente inclusións ou enclaves de rochas estrañas máficas, xeralmente rochas pobres en SiO2 como diorita, diorita de cuarzo ou gabro. Ás veces tamén hai xenocristais e inclusións ricas en biotita. Ao contrario, as granodioritas tamén poden estar encerradas noutras rochas.

Distribución

editar

Igual que as dacitas equivalentes, están ligadas principalmente a zonas de subducción de marxes continentais activos.

Hai afloramentos de granodiorita en moitas partes do mundo; os máis grandes están en Serra Nevada no oeste dos Estados Unidos e no batólito costeiro peruano. Hai granodioritas do Paleozoico no Lachlan Fold Belt de Australia. En Europa, atópase en Finlandia, Francia (Macizo Central e Pireneos), Italia (Adamello, Elba, Giglio, Presanella, Vedrette di Ries, Toscana), Eslovaquia e a República Checa. En Alemaña, encóntrase principalmente no bosque de Baviera, Montes Metálicos, Fichtelgebirge, Harz, Montes de Lusacia, Odenwald e a Selva Negra, en Austria preto de Freistadt no Mühlviertel. En Galicia tamén se encontran afloramentos de granodioritas (granodioritas precoces e tardías da oroxenia herciniana).

Propiedades físicas

editar

A granodiorita é unha rocha relativamente lixeira cunha densidade que oscila entre 2,64 e 2,70 g/cm3.

As granodioritas teñen propiedades técnicas similares aos granitos. Poden procesarse de todas as maneiras e puírse. Moitas veces a granodiorita comercialízase co nome de granito.

Galería

editar
  1. "Granodiorite". Encyclopædia Britannica Online (en inglés). Consultado o 11-08-2020. 
  2. W. Maresch, O. Medenbach: Steinbachs Naturführer Gesteine. 1996, páx. 48.
  3. The Journal of Egyptian Archaeology, Volums 89-90 (en inglés). Egypt Exploration Fund, 2003, p. 209-215.
  4. Marc Waelkens, Norman Herz, Luc Moens: Ancient Stones. University Press, Lovaina 1992, S. 167.
  5. «Granodiorite» (en anglès). Mindat. [Consulta: 3 de marzo de 2023].

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • M. G. Best, E. H. Christiansen: Igneous petrology. Blackwell Science, 2001, ISBN 0-86542-541-8.
  • R. W. Le Maitre: Igneous Rocks. A Classification and Glossary of Terms. Cambridge University Press 2002, ISBN 0-521-61948-3.
  • W. Maresch, O. Medenbach: Steinbachs Naturführer Gesteine. Múnic 1996, ISBN 3-576-10699-5.

Ligazóns externas

editar