Pórfiro

rocha volcánica

O pórfiro[1] é o nome que se lle dá a granitos ou rochas ígneas de cristais de gran groso como feldespatos ou cuarzos dispersos nunha matriz de gran fino rica en silicatos xeralmente afanítica. Os cristais máis grandes denomínanse fenocristais.[2] No seu uso tradicional non xeolóxico o termo pórfiro adoita referirse á forma de cor vermella-púrpura desta pedra, moi valorada pola súa aparencia, pero tamén se usan outras cores decorativas de pórfiro como a "verde", "negra" e "gris".[3][4]

"Pórfiro imperial" do mar Vermello, montañas de Exipto.
Un canto desgastado pola auga de pórfiro.
Pórfiro de riolita do Colorado; barra de escala abaixo á esquerda de 1cm.

O termo pórfiro procede do grego antigo πορφύρα (porphyra), que significa 'púrpura'. A cor púrpura era a cor da realeza e o "pórfiro imperial" romano era unha rocha ígnea púrpura intenso con grandes cristais de plaxioclasio. Algúns autores afirmaron que a rocha era a máis dura coñecida na antigüidade.[5] Por esa razón, o pórfiro era moi aprezado nos monumentos e construcións na Roma imperial e posteriormente.

Despois, o nome déuselle a calquera rocha ígnea con grandes cristais. O adxectivo porfírico agora refírese a certa textura de rochas ígneas sen importar cal é a súa composición quimica e mineralóxica. As súas principais características son unha gran diferenza en tamaño entre os pequenos cristais da matriz e os fenocristais moito máis grandes inmersos nela. Os pórfiros poden ser afanitas ou faneritas, é dicir, a matriz pode ter cristais microscópicos como no basalto, ou cristais doadamente distinguibles a simple vista, como no granito.

Formación editar

A maioría das rochas ígneas teñen certo grao de textura porfírica. Isto débese a que a maioría do magma a partir do cal se solidifica a rocha ígnea prodúcese por fusión parcial dunha mestura de diferentes minerais.[6] Ao principio a mestura fundida arrefría lentamente nas profundidades da codia. No magma empezan a cristalizar os minerais de maior punto de fusión máis próximos á composición global, nun proceso chamado cristalización fraccionada. Isto forma fenocristais, que xeralmente teñen moito espazo para crecer e forman cristais grandes e ben formados con caras do cristal características (cristais euhédricos).[7] Se son de densidade diferente á do fundido restante, estes fenocristais adoitan depositarse fóra da solución, creando finalmente acumulados; porén, se o magma parcialmente cristalizado erupciona despois á superficie como lava, o fundido restante arrefría rapidamente arredor dos fenocristais e cristaliza moito máis rapidamente para formar unha matriz vítrea de gran moi fino.[8]

O pórfiro pode tamén formarse incluso a partir de magma que solidifica completamente mentres está aínda baixo terra. A matriz será así visiblemente cristalina, aínda que non tan grande coma os fenocristais. A cristalización dos fenocristais durante a cristalización fraccionada cambia a composición do magma líquido remanente, movéndose máis preto do punto eutéctico, cunha composición mesturada de minerais. A medida que a temperatura continúa decrecendo, alcánzase este punto, e a rocha está totalmente solidificada. A cristalización simultánea dos minerais restantes produce a matriz de gran fino que rodea os fenocristais, a medida que se aglomeran.[8]

O significado da textura porfírica como indicador de que o magma se forma pasando por diferentes etapas de arrefriamento foi recoñecido primeiramente polo xeólogo canadense Norman L. Bowen, en 1928.[9]

A textura porfírica é especialmente común na andesita, cos fenocristais máis prominentes compostos tipicamente de feldespato plaxioclasio.[10][11] O plaxioclasio ten case a mesma densidade que o magma basáltico, así que os fenocristais de plaxioclasio é probable que permanezan suspendidos no magma en vez de depositarse.[12]

Pórfiro rombo editar

O pórfiro rombo é unha rocha volcánica con fenocristais de feldespatos (xeralmente anortoclasa) grandes brancos cincentos porfíricos con forma de rombo incluídos nunha mariz marrón avermellada de gran moi fino. A composición do pórfiro rombo sitúao no grupo da traquitalatita do diagrama QAPF.[13]

O pórfiro rombo encóntrase en áreas continentais de rift, como o rift de África oriental (incluíndo o Kilimanjaro),[14] o Monte Erebus preto do mar de Ross na Antártida,[15] a fosa tectónica de Oslo en Noruega,[13] e a parte central sur da Columbia Británica.[16]

Uso na arte e arquitectura editar

 
Os tetrarcas é unha escultura en pórfiro saqueada do palacio bizantino Philadelphion en 1204, Tesouro de San Marcos, Venecia
 
Carmagnola, unha cabeza de pórfiro imperial en Venecia que se cre representa a Xustiniano

Antigüidade e Bizancio editar

Para os romanos esta rocha coñecíase como lapis porphyrites. Na Historia Natural de Plinio o Vello afírmase que o "pórfiro imperial" fora descuberto nun sitio illado de Exipto no século I.[17] Os antigos exipcios usaban outras pedras decorativas porfíricas de composición e aparencia parecida. Tamén foi ás veces usada na arte minoica, e xa no ano 1850 a.C. en Creta na cidade minoica de Knossos había grandes bases de columnas feitas de pórfiro.[18]

Este pórfiro foi chamado "imperial" porque as minas, como moitas outras cousas no Imperio, eran propiedade do emperador.[19] Todo o pórfiro vermello procedía da canteira de Gabal Abu Dukhan (ou Mons Porphyrites)[20] no deserto oriental de Exipto, dun xacemento de andesita de 600 millóns de anos de antigüidade do escudo árabe-nubio. A vía que ía desde a canteira cara ao oeste ata Quena (para os romanos Maximianópolis) no Nilo, que Tolomeo situou no seu mapa do século II, describiuna primeiramente Estrabón, e foi coñecida ata os nosos días como Via Porphyrites, a estrada do pórfiro, cuxo trazado estaba sinaldo polos hydreumata, ou postos de descanso con pozos de auga que facían viable viaxar por aquelas paisaxes totalmente secas. Foi utilizado para facer todas as columnas de pórfiro de Roma, as togas sobre os bustos dos emperadores, os paneis de revestimento do templo do Panteón,[17] a Columna de Constantino en Istambul (Constantinopla),[21] así como os altares e xerróns e pías de fontes reutilizadas no Renacemento e espalladas despois tan lonxe como en Kíiv.

Os romanos tamén usaron o "porfirio verde" (lapis Lacedaemonius,[22] de Grecia, tamén chamado hoxe serpentina),[23] e o "pórfiro negro" da mesma canteira exipcia.[24]

Despois do século I perdéuselle a pista á canteira durante moitos séculos. O erudito especializado no imperio Bizantino Alexander Vasiliev suxeriu que isto foi consecuencia do Concilio de Calcedonia do ano 451 e dos subseguintes problemas na provincia romana de Exipto.[25] Os científicos que participaron na expedición francesa de Napoleón buscárona en van e só cando se abriu o deserto oriental para o seu estudo baixo o mandato de Muhammad Ali puido redescubrirse o sitio grazas aos exiptólogos James Burton e John Gardner Wilkinson en 1823.

O pórfiro foi moi utilizado nos monumentos do imperio Bizantino, por exemplo na igrexa de Santa Sofía[26] e na "Porphyra", a habitación de parto oficial que usaban as emperatrices preñadas no Gran palacio de Constantinopla, dando lugar á frase "nacido na púrpura".[27]

A elección do pórfiro como material era unha declaración atrevida e específica para a Roma imperial tardía. Como se non fose dabondo que o pórfiro fose explicitamente para uso imperial, a rareza da pedra poñía os emperadores por riba dos seus súbditos como os seus superiores. A viveza comparativa do pórfiro respecto doutras pedras subliñaba que estas figuras non eran cidadáns correntes, senón que estaban a moito maior nivel, incluso ao nivel dos deuses, e eran merecentes do respecto que esperaban recibir. O pórfiro facía os emperadores inaccesibles en poder e natureza, como pertencentes a outro mundo, o mundo dos deuses poderosos, presentes na terra por curto tempo.[28]

O pórfiro tamén representaba as vestimentas púrpuras físicas dos emperadores romanos lucidas para mostrar status, debido á súa cor púrpura. Igual que o pórfiro, o tecido púrpura era extremadamente difícil de fabricar, xa que se tinguía co que hoxe chamamos púrpura de Tiro, que se obtiña duns raros caracois mariños.[29] A propia cor lembraba á xente como comportarse en presenza dos emperadores, cun respecto que rozaba a adoración polo autoproclamado rei-deus.[30]

Sarcófagos romanos e da Roma imperial tardía editar

 
Sarcófago de pórfiro no Museo Arqueolóxico de Istambul

Un uso prestixioso do pórfiro foi como material para facer os sarcófagos ou sartegos imperiais nos séculos IV e V. Esta tradición parece que empezou co sarcófago de pórfiro de Diocleciano do seu mausoleo, que foi destruído cando o edificio foi dedicado a igrexa, pero do cal hai probables fragmentos no Museo Arqueolóxico de Split, Croacia.[31] Os máis antigos e mellor conservados están agora nos Museos Vaticanos e coñécense como sarcófagos de Helena e Constantina.

Outros nove sarcófagos de pórfiro imperiais foron conservados durante longo tempo na igrexa dos Santos Apóstolos de Constantinopla. Foron descritos por Constantino VII Porfiroxénito no libro De Ceremoniis (de metade do século X), que especificaba que eran respectivamente de Constantino I o Grande, Constancio II, Xuliano, Xoviano, Teodosio I, Arcadio, Aelia Eudoxia, Teodosio II e Marciano. Deles, a maioría aínda existen en forma completa ou fragmentaria, malia as depredacións feitas por emperadores bizantinos posteriores, os cruzados da Cuarta Cruzada e conquistadores otománs.[25] Catro actualmente adornan a fachada do edificio principal do Museo Arqueolóxico de Istambul,[32] incluíndo un cuxa forma redonda levou a que Alexander Vasiliev o atribuíse ao emperador Xuliano baseándose na descrición de Constantino Porfiroxénito. Segundo as conxecturas de Vasiliev, os nove sarcófagos imperiais, incluíndo un que levaba a crux ansata ou cruz exipcia, foran labrados en Exipto antes de ser embarcados e traídos a Constantinopla.[25]

Sarcófagos de pórfiro na Europa occidental posterior ao imperio Romano editar

A tradición dos sartegos de pórfiro imperial foi imitada polo rei ostrogodo Teodorico o Grande (454-526), cuxo mausoleo en Rávena aínda contén unha cuba (de baño) de pórfiro que orixinalmente fora usada como o seu sarcófago. Igualmente, Carlos o Calvo, rei de Francia Occidental e emperador romano, foi enterrado na Basílica de Saint-Denis nunha cuba de pórfiro[33] o cal debe ser o mesmo coñecido como "bañeira de Dagoberto" (cuve de Dagobert), agora no Louvre.[34]

A tumba de Pedro III de Aragón, no Monasterio de Santes Creus preto Tarragona, reutiliza unha bañeira de pórfiro ou alveus, que se supón foi orixinalmente o sarcófago de Constante, o último emperador romano, no seu mausoleo de Centcelles, que é un lugar próximo cunha rotonda ben conservada do século IV.[35]

Na Sicilia dos séculos XII e XIII realizáronse outro grupo de sartegos de pórfiro desde o reinado de Roger II en adiante e usáronse para enterramentos de reis e de emperadores do Sacro Imperio Romano, concretamente os do rei Roger II, o rei Guillerme I, o emperador Henrique VI, a emperatriz Constanza e o emperador Federico II. Todos eles están agora na catedral de Palermo, agás o de Guillerme, que está na Catedral de Monreale. A erudita Rosa Bacile argumenta que foron labrados en obradoiros locais con pórfiro importado de Roma, os últimos catro probablemente (baseándose en observacións das súas acanaladuras) procedentes todos dun só fuste de columna que puido ser retirada dos Baños de Caracalla ou dos Baños de Diocleciano. Esta experta sinala tamén que estes sartegos de pórfiro sicilianos "son os primeiros exemplos de tumbas medievais seculares separadas das paredes en occidente e, por tanto, teñen un posto único na historia da arte sepulcral italiana (as tumbas anteriores e posteriores están pegadas a paredes)."[36]

Hai seis grandes sarcófagos de pórfiro ao longo das paredes da Cappella dei Principi (Capela dos Príncipes) octogonal que se construíu como unha das dúas capelas no complexo arquitectónico da Basílica de San Lourenzo, de Florencia, Italia, para a familia Medici. Utilizouse profusamente o pórfiro púrpura por todo o resto da capela tamén, cun revestimento de mármores, incrustado con mármores doutras cores e pedras semipreciosas, que cobren as paredes completamente. Concibida por Cosimo I, gran duque da Toscana (1537–1574), foi iniciada por Fernando I de Medici, seguindo un deseño de Matteo Nigetti que gañou unha competición informal organizada en 1602 por Don Giovanni de Medici (un fillo de Cosimo I), que foi alterado en parte durante a execución por Buontalenti.[37]

A tumba de Napoleón nos Inválidos de París, deseñada polo arquitecto Louis Visconti, está centrada no sarcófago do finado emperador que a miúdo foi descrita como feita de pórfiro vermello, aínda que isto non é correcto, xa que está feito de cuarcita; non obstante, o seu pedestal está feito de pórfiro de andesita verde procedente dos Vosgos.[38] O sartego de Arthur Wellesley, duque de Wellington na catedral de San Paulo de Londres completouse en 1858, e está feito dunha soa peza de pórfiro de Cornualla,[39] dun tipo chamado luxullianita, que se encontra nun campo preto de Lostwithiel.[40]

Usos modernos editar

En países onde moitos automóbiles teñen que usar pneumáticos de inverno tacholados con pinchos, como Suecia, Finlandia e Noruega, é común que as autoestradas e estradas estean pavimentadas coun asfalto especial feito cun agregado de pórfiro que poida resistir mellor o extremo desgaste causado por ese tipo de pneumáticos.[41]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pórfiro.
  2. Troll, Valentin R.; Chadwick, Jane P.; Ellam, Robert M.; McDonnell, Susan; Emeleus, C. Henry; Meighan, Ian G. (novembro de 2005). "Sr and Nd isotope evidence for successive crustal contamination of Slieve Gullion ring-dyke magmas, Co. Armagh, Ireland". Geological Magazine (en inglés) 142 (6): 659–68. Bibcode:2005GeoM..142..659T. ISSN 1469-5081. doi:10.1017/S0016756805001068. 
  3. BRADLEY, M. (2006). COLOUR AND MARBLE IN EARLY IMPERIAL ROME. The Cambridge Classical Journal, 52, 1–22. http://www.jstor.org/stable/44698291
  4. Mari 2015: Z. Mari, “The Marbles from the Villa of Trajan at Arcinazzo Romano (Rome)” en P. Pensabene, E.Gasparini (editado por) Interdisciplinary Studies on Ancient Stone, ASMOSIA X, International Conference (Rome, 2012), Roma 2015
  5. "porphyry". Oxford Dictionary of Byzantium. New York & Oxford: Oxford University Press. 1991. p. 1701. ISBN 0195046528. 
  6. Philpotts, Anthony R.; Ague, Jay J. (2009). Principles of igneous and metamorphic petrology (2ª ed.). Cambridge, UK: Cambridge University Press. p. 16. ISBN 9780521880060. 
  7. Wilson, Majorie (1993). "Magmatic differentiation". Journal of the Geological Society (London) 150 (4): 611–624. Bibcode:1993JGSoc.150..611W. doi:10.1144/gsjgs.150.4.0611. 
  8. 8,0 8,1 Philpotts & Ague 2009, pp. 199-200.
  9. Bowen, N.L. (1928). The evolution of the igneous rocks. Princeton University Press. ASIN B01K2DN0N8. 
  10. Blatt, Harvey; Tracy, Robert J. (1996). Petrology : igneous, sedimentary, and metamorphic. (2ª ed.). New York: W.H. Freeman. p. 57. ISBN 0716724383. 
  11. Philpotts & Ague 2009, p. 376.
  12. Philpotts & Ague 2009, p. 321.
  13. 13,0 13,1 Corfu, Fernando; Larsen, Bjørn Tore (decembro de 2020). "U-Pb systematics in volcanic and plutonic rocks of the Krokskogen area: Resolving a 40 million years long evolution in the Oslo Rift". Lithos. 376-377: 105755. Bibcode:2020Litho.37605755C. doi:10.1016/j.lithos.2020.105755. hdl:10852/83877. 
  14. Nonnotte, Philippe; Guillou, Hervé; Le Gall, Bernard; Benoit, Mathieu; Cotten, Joseph; Scaillet, Stéphane (xuño de 2008). "New K–Ar age determinations of Kilimanjaro volcano in the North Tanzanian diverging rift, East Africa" (PDF). Journal of Volcanology and Geothermal Research 173 (1–2): 99–112. Bibcode:2008JVGR..173...99N. doi:10.1016/j.jvolgeores.2007.12.042. 
  15. McIver, JR; Gevers, T.W. (1970). "Volcanic vents below the Royal Society Range, Central Victoria Land, Antarctica". South African Journal of Geology 73 (2): 65–88. 
  16. Ross, John V. (1 de agosto de 1974). "A Tertiary Thermal Event in South-Central British Columbia". Canadian Journal of Earth Sciences 11 (8): 1116–1122. Bibcode:1974CaJES..11.1116R. doi:10.1139/e74-106. 
  17. 17,0 17,1 "Via Porphyrites". Saudi Aramco World. Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2010. Consultado o 2012-10-14. 
  18. C. Michael Hogan (2007). "Knossos fieldnotes". The Modern Antiquarian. Consultado o 2012-10-14. 
  19. A. M. Hirt, IMPERIAL MINES AND QUARRIES IN THE ROMAN WORLD. ORGANIZATIONAL ASPECTS 27 bc–ad 225. Oxford: Oxford University Press, 2010. isbn 9780199572878 p 368
  20. "Archaeology". Arch.soton.ac.uk. 2012-09-25. Arquivado dende o orixinal o 2008-03-21. Consultado o 2012-10-14. 
  21. Pórfiro en Google Books.
  22. Pliny Nat. Hist., 36,55
  23. Pensabene P., I marmi nella Roma antica, Rome 2013, pp. 59-62.
  24. Paul T. Nicholson, Ian Shaw, Ancient Egyptian Materials and Technology, Cambridge University Press 2000 p 49
  25. 25,0 25,1 25,2 A. A. Vasiliev (1848). "Imperial Porphyry Sarcophagi in Constantinople". Dumbarton Oaks Papers 4: 1+3–26. JSTOR 1291047. doi:10.2307/1291047. 
  26. Emerson Howland Swift. [Pórfiro en Google Books. Hagia Sophia] |url= incorrecto (Axuda). Consultado o 2012-10-14. 
  27. A. G. Paspatēs (2004-04-30). [Pórfiro en Google Books. The Great Palace Of Constantinople] |url= incorrecto (Axuda). Consultado o 2012-10-14. 
  28. Nees, Lawrence (2002). Early Medieval Art-Oxford history of art. Oxford University Press. pp. 22. ISBN 9780192842435. 
  29. Schultz, Colin. "In Ancient Rome, Purple Dye Was Made from Snails." Smithsonian magazine. Smithsonian Institution, 10 de outubro de 2013. Web. 30 de novembro de 2017. <http://www.smithsonianmag.com/smart-news/in-ancient-rome-purple-dye-was-made-from-snails-1239931/?no-ist>
  30. Haynes, D. E. L. “A Late Antique Portrait Head in Porphyry.” The Burlington Magazine, vol. 118, no. 879, 1976, pp. 357. JSTOR, JSTOR, www.jstor.org/stable/878411. Consultado o 30 de novembro de 2017.
  31. Zrinka Buljević (2019). "Diocletian's Porphyry Sarcophagus (?)". Prilozi Povijesti Umjetnosti U Dalmaciji 44 (1): 429–441. 
  32. Roger Pearse (18 de decembro de 2013). "More on the tombs of the emperors at the Church of the Holy Apostles in Constantinople". Roger Pearse. 
  33. Geneviève Bührer-Thierry; Charles Mériaux (2010). La France avant la France, (481–888). Paris: Belin. p. 412. 
  34. "Cuve dite "de Dagobert "". Musée du Louvre. 
  35. Mark J. Johnson (2008). "The Porphyry Alveus of Santes Creus and the Mausoleum at Centcelles". Deutsches Archäologisches Institut, Abteilung Madrid. Madrider Mitteilungen (Wiesbaden: Reichert Verlag) (Sonderdruck 49). 
  36. Rosa Bacile (2017). Romanesque and the Mediterranean: Patterns of Exchange Across the Latin, Greek and Islamic Worlds c.1000-c.1250. Routledge. 
  37. Touring Club Italiano, Firenze e dintorni (Milan, 1964), p. 285f.
  38. Jacques Touret; Andrey Bulakh (2016). The Russian contribution to the edification of the Napoleon tombstone in Paris (PDF). Vestnik of Saint Petersburg University. Series 15. pp. 70–83. doi:10.21638/11701/spbu15.2016.306. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de marzo de 2023. Consultado o 14 de marzo de 2023. 
  39. Pearsall, Cornelia D. J. (1999). "Burying the Duke: Victorian Mourning and the Funeral of the Duke of Wellington". Victorian Literature and Culture 27 (2): 384. JSTOR 25058460. doi:10.1017/S1060150399272026. Consultado o 1 de xaneiro de 2023. 
  40. Lobley, J. Logan (1892). "Building stones, their structure and origin". Stone: An Illustrated Magazine V (xuño-novembro): 46. Consultado o 1 de xaneiro de 2023. 
  41. Lundqvist, Thomas (2009). Porfyr i Sverige: En geologisk översikt (en sueco). pp. 42–43. ISBN 978-91-7158-960-6. 

Ligazóns externas editar