Teodorico o Grande
Teodorico o Grande (Dacia, 454 - Rávena, 526). Rei dos ostrogodos (474-526).
Teodorico o Grande | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 12 de maio de 454 |
Pannonia | |
Falecemento | 30 de agosto de 526 e 26 de agosto de 526 |
Ravenna | |
Soterrado | Mausoléu de Teodorico |
Nacionalidade | Reino ostrogodo |
Etnia | Ostrogodos |
Relixión | Arianismo |
Ocupación | Xefe tribal e monarca |
Pai | Teodomiro |
Nai | Erelieva |
Cónxuxe | Audofleda |
Fillos | Amalasunta, Teodegoda e Ostrogoda |
Irmáns | Amalafrida |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Fillo do caudillo ostrogodo Teodomiro, da liñaxe dos Amalos, foi enviado polo seu pai como refén á cidade de Constantinopla (actual Istambul), sendo un neno (462). Alí recibiu unha educación baseada na cultura grecolatina. Sucedeu en 474 ao seu pai, como líder dos ostrogodos.
Foi nomeado patricio e magister militum polo augusto Zenón, emperador de Oriente. Este en 488 cedeulle o goberno de Italia coa condición de vencer a Odoacro, rei dos hérulos que depuxera a Rómulo Augústulo, último emperador romano de Occidente (476). Teodorico penetrou na península itálica á fronte do seu pobo, cuxo número se estima nunhas cen mil persoas. Conseguiu ocupar Rávena, onde finalmente morreu Odoacro (493).
Proclamouse rei de Italia (494) fixando a súa residencia en Rávena e foi recoñecido como rex Italiae polo augusto Anastasio, emperador de Oriente, en 497, a quen debía unha teórica submisión. Mantivo as diferenzas entre os ostrogodos, de relixión ariana, que retiveron o poder militar, e os romanos, católicos, que concentraron o poder civil, dentro dun difícil equilibrio.
Teodorico considerábase herdeiro do mundo romano e por iso respectou as institucións imperiais rodeándose de conselleiros latinos, como Boecio e Casiodoro. Desexaba crear un imperio xermánico de Occidente, herdeiro do romano, que englobase a francos, vándalos, visigodos e ostrogodos. Con este obxectivo, realizou unha hábil política de alianzas matrimoniais entre a súa familia e os reis dos outros pobos xermánicos, que, aínda que non chegaría a materializar o seu soño, converteuno no principal soberano occidental da súa época.
En 511 interveu de forma decisiva na resolución da crise da monarquía visigoda, aberta a raíz da morte de Alarico II na batalla de Vouillé (507), derrotado polos francos. Depuxo ao usurpador Xesaleico e coroou ao seu neto Amalarico, fillo de Alarico e da súa filla Teodogoda. Asumiu o goberno do reino visigodo como titor do seu neto, a quen colocou baixo a protección de Teudis, un dos seus xenerais. A rexencia mantívose ata a morte do monarca ostrogodo (526), cando Amalarico puido gobernar libremente ao seu pobo.
Favoreceu o desenvolvemento da agricultura e do comercio. Fixo de Rávena, a súa capital, un destacado centro artístico e cultural fomentando o cultivo das artes e as letras.
Permitiu a coexistencia do catolicismo e do arianismo durante a maior parte do seu reinado, pero esta tolerancia finalizou nos últimos anos da súa vida, debido aos enfrontamentos co Papado e co Imperio Bizantino, que o levaron a encerrar e decapitar ao seu conselleiro Boecio (524) e a encarcerar ao papa Xoán I.
Deixou como sucesor ao seu neto, fillo da súa filla Amalasunta, falecendo o 30 de agosto do 526. O estalido dunha guerra civil permitiu ao emperador Xustiniano converter Italia nunha nova provincia bizantina e dispersar aos ostrogodos, que desapareceron como pobo (555).
Reino ostrogodo | ||
---|---|---|
Segue a: Teodomiro |
Teodorico o Grande | Precede a: Atalarico |
Reino de Italia | ||
---|---|---|
Segue a: Odoacro |
Teodorico o Grande | Precede a: Atalarico |
Reino visigodo | ||
---|---|---|
Segue a: Xesaleico |
Teodorico o Grande | Precede a: Amalarico |
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teodorico o Grande |