Casiodoro (Magnus Aurelius Cassiodorus Senator) foi un político e escritor latino, fundador do mosteiro de Vivarium, naceu en Squillace sobre o 485 e morreu sobre o 580. A vida de Casiodoro artéllase, esencialmente, en torno a dous períodos separados pola conversión (conversión que o levou a abandonar a vida pública).

Modelo:BiografíaCasiodoro

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Cassiodorus
(la) Flavius Magnus Aurelius Cassiodorus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 487 Editar o valor en Wikidata
Scylletium, Italia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte583 Editar o valor en Wikidata (95/96 anos)
Scylletium, Italia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Senador romano
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico, escritor, teórico da música, musicólogo, historiador, filósofo Editar o valor en Wikidata
Período de tempoImperio Romano Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Dicionario Musical Riemann (1901–1904)
Biblioteca dixital BEIC Editar o valor en Wikidata
BNE: XX878991

Vida de Casiodoro antes da súa conversión

editar

Casiodoro era descendente dunha familia de orixe siria (de onde procedería o nome de Κασσιόδωρος) instalada, tras varias xeracións, en Squillace (Scyllacem), en Calabria. A familia dos Cassiodori xa desempeñou unha importante misión política despois da súa chegada a Italia: o bisavó de Casiodoro serviu na armada de Valentiniano III, rexeitando os vándalos cando intentaron desembarcar en Calabria e en Sicilia (sobre o 420); o seu avó formou parte da delegación enviada por Atila en 452, o seu pai foi comes sacrarum largitionum de Odoacro e foi nomeado, en 495, corrector Lucaniae et Bruttiorum por Teodorico o Grande, e accedeu, en 503 á praefectura praetoriana.

Casiodoro estaba predestinado, polo tanto, a exercer unha carreira política de primeira orde, incluso o seu nome (Magnus Aurelius Cassiodorus Senator, nome que el se deu a si mesmo na subscrición das Variae en 538) dá testemuño da súa pertenza á aristocracia da época: Aurelius significa a alianza de Casiodoro cun membro eminente da gens Aurelia Símaco (sogro de Boecio), e o apelido Senator fai relación ao seu cargo de senador (ao cabo da súa vida, Casiodoro, só asinará como Cassiodorus Senator).

Aínda que non se ten constancia dos estudos que realizou, cabe deducir polas súas obras posteriores que profundou na aprendizaxe das artes liberais e, especialmente, na gramática. Casiodoro comezou a súa carreira política na corte de Rávena (en 503), exercendo como conselleiro (consiliarius) do seu pai e apuntouse no cursus honorum. Faise aquí pequena mención da carreira política de Casiodoro:

  • Consiliarius praefecti (503-506: Casiodoro foi conselleiro do seu pai, prefecto do pretoriado. O seu cargo (unha especie de pre-cuestura) foille dado pola recitación dun eloxio de Teodorico o Grande (Ordo generis).
  • Quaestor sacri palatii (506-511): As actas deste cargo de chanceler están conservadas nos volumes I a IV das Variae.
  • Consul ordinarius (514): Tratábase só dun título honorífico. Aínda que algúns supoñen que sería nomeado despois, tal como o foron o seu bisavó e o seu pai: corrector Lucaniae e Bruttiorum, non existe ningún documento que permita confirmar esta hipótese.
  • Magister officiorum (523-527): Parece ser que Casiodoro substituíu neste cargo a Boecio (arrestado en 523 e executado en 524), este feito bota unha sombra de dúbida sobre a súa carreira política. (Casiodoro daba a imaxe dun funcionario dilixente, oportunista, que sucedeu a un Boecio que se presentou na Consolación da Filosofía como un defensor dos febles). Casiodoro converteuse no amigo íntimo e conselleiro de Teodorico, conservando o seu poder, mesmo trala morte deste e baixo a rexencia da súa filla Amalasunta. En 527, Casiodoro desapareceu provisionalmente da escena política (retirouse, talvez, ás súas terras de Squillace, retomando o goberno da Lucania e do Bruttium).
  • Praefectus praetorio (533-538): Casiodoro conservou o seu cargo malia os moitos e confusos acontecementos que se sucederon neste período: morte do mozo Atalarico, fillo de Amalasunta (534), división do trono entre a rexente Amalasunta e o seu adversario Teodato (534-535), asasinato de Amalasunta (30 de abril de 535). Acceso ao cargo de Vitixes, matrimonio forzado da neta de Teodorico, Matasunta co usurpador (536). En 537, Belisario tomou Roma e puxo sitio a Rávena ata que a conquistou en 540 (o que provocou o exilio de Vitixes, Matasunta e os seus fieis a Constantinopla); pero Casiodoro foi oportunamente apartado do seu cargo en 538.
  • Patricius (538): Probabelmente Casiodoro obtivo este título despois da súa marcha da prefectura do pretoriado (mantivo, con todo, unhas excelentes relacións coa corte de Rávena).

A conversión e o retiro de Casiodoro

editar

Como a maior parte dos políticos da época, Casiodoro era católico. En termos xerais, a política dos arianos aos que servía era tolerante cos católicos. Porén, nos comezos da súa carreira, Casiodoro non parecía sentir demasiado interese polas cuestións relixiosas.

O troco que experimentou produciuse durante a prefectura do pretoriado de Casiodoro (533). Casiodoro, a través dos seus escritos, fai saber que practicaba a lectio divina para manterse nos seus principios; tiña unhas boas relacións co Papa Xoán II (interveu xunto a el en favor dos monxes escitas no 534) e mantivo unha relación máis estreita co sucesor de Xoán II, o Papa Agapito I, co que proxectou no 535 a fundación dunha escola de teoloxía en Roma (a toma de Roma por parte de Belisario en 536 atrasou este proxecto).

O momento crucial na conversión de Casiodoro orixinouse por mor da redacción do seu tratado De Anima (538) e, de forma sobranceira, polos seus comentarios sobre os salmos: Expositio psalmorum que escribiu posibelmente durante a súa estadía en Constantinopla (onde tivo que refuxiarse trala toma de Rávena por Belisario no 540).

O feito máis transcendental deste período de retiro de Casiodoro é, sen dúbida algunha, a fundación do mosteiro de Vivarium; a data da súa fundación non se coñece con certeza: uns opinan que a fundación se remonta ao 540, pero iso non resulta moi verosímil, xa que Casiodoro non tivo tempo de fundar o mosteiro antes da súa marcha a Constantinopla, e non volveu a Calabria ata o 555 (o 13 de agosto), a Pragmática sanción de Xustiniano autorizou aos emigrados italianos a regresar ao seu país). Polo tanto, sería nesa época cando Casiodoro fundaría o mosteiro nas súas terras familiares (Squillace). De todos modos, é posíbel que puidese fundar o Vivarium durante o tempo no que foi prefecto do pretoriado (arredor do 535) e que regresase ao seu país moito máis tarde (555).

O mosteiro de Vivarium debe o seu nome á dársena de mariñeiros que Casiodoro faría acondicionar ao pé do mosteiro (situado nun outeiro); a igrexa do mosteiro está dedicada a San Martiño e xunto ao mosteiro áchase o outeiro de Mons Castellum, dedicada aos eremitas (nome que Casiodoro deu nas Institutiones describindo o lugar: De positione monasterii Vivarensis siue Castellensis –Inst. Div. 1,29) Casiodoro describiu o mosteiro de Vivarium utilizando o topos de locus amoenus (Variae 12, 15; Exposotio psalm. 103, 17; Inst. 1,29). O mosteiro de Vivarium constitúe unha especie de cidade na cal os ciues religiosi non terán que preocuparse da súa subsistencia material, debéndose consagrar aos oficios litúrxicos, ao exercicio das artes e, sobre todo, á copia e corrección de libros: Vivarium ten que ser un centro de primordial importancia para a transmisión de numerosos textos, tanto bíblicos, como litúrxicos ou pagáns.

Casiodoro retirouse a Vivarium, consagrando o seu prolongado retiro á súa obra literaria (Institutiones, Expositio epistulae ad Romanos, liber memorialis ou liber titulorum, Complexiones apostolorum, De orthographia'', que escribiu aos 90 anos).

Non se coñece con exactitude a data do falecemento de Casiodoro; despois da redacción do seu tratado De Orthographia (escrito aos 93 anos) continuou corrixindo a súa obras anteriores (especialmente as Institucións), pero tendo en conta que a súa obra literaria se terminou con (Iam tempus est ut totius operis nostri conclusionem facere debeamus, un prefacio para De Orthographia), pode situarse a data da súa morte sobre o 580.

Algunhas obras de Casiodoro

editar
  • Laudes (panexíricos reais): compostos por Casiodoro desde o 506.
  • Chronica: lista consular, destinada a Eutarico, xenro de Teodorico, presunto herdeiro morto en 519.
  • Historia Gothorum: obra recollida en doce libros, composta por encarga de Teodorico. Desta obra, actualmente perdida, consérvase o resumo de Xordanes (De orixine actibusque Getarum).
  • Variae: recompilación de 468 cartas e formularios oficiais, en doce libros (conteñen as actas redactadas por Casiodoro como administrador: l. I-IV, como mestre de oficios: l. V e VIII-IX, e como prefecto do pretoriado: l. X-XII; os libros VI e VII conteñen as fórmulas de promoción ou de decretos redactadas por Casiodoro); Casiodoro limitouse a transcribir, nesta recompilación, só aquelas actas que puido atopar (o que lle permitiu eludir o que afectaba ao seu honor, entre outros todo aquilo que trataba do arresto de Boecio acontecido no 523).
  • Ordo generis Cassiodororum: lista dos escritores e eruditos da familia (escrita de maneira aleatoria e, sen dúbida, resumida).
  • Liber de anima: tratado sobre a alma baseado nas Escrituras e nos textos filosóficos citados por Claudiano Mamerto no seu De statu animae; o liber de anima, escrito, probabelmente, en 538 sinala o comezo da conversión de Casiodoro.
  • Expositio psalmorum: proxecto concibido e iniciado en Rávena en 538, é a obra máis considerabel de Casiodoro, que consiste nun comentario gramatical, literario, ascético e teolóxico acerca dos Salmos. Esta obra está inspirada nas Enarrationes de Agostiño. Foi revisada polo propio Casiodoro durante o seu retiro en Vivarium.
  • Institutiones: é a obra máis coñecida de Casiodoro, escrita, expresamente, para os monxes de Vivarium (introdución ás Escrituras e ás artes liberais), é posterior á estancia de Casiodoro en Constantinopla. O primeiro libro das Institutiones subtitúlase Institutiones divinarum litterarum (baseado nas Escrituras), e o segundo Institutiones saecularium litterarum (dedicado ás artes liberais). Casiodoro revisou estes textos nos seus últimos anos, e era xa moi vello cando escribiu o codex archetypus,
  • Expositio Epistulae ad Romanos: remodelación do comentario de Pelaxio sobre as trece epístolas paulinas.
  • Codex de grammatica
  • Liber memorialis ou liber titulorum
  • Complexiones apostolorum
  • De Orthographia: compilación de extractos de Cornuto, Velio Longo, Curcio Valeriano, Papiriano, Adamantio Martirio, Eutiques, Ceselio e Prisciano.
  • Historia ecclesiastica ou Historia tripartita.
  • Antiquitatum Iudaicarum libri XXII: tradución de Flavio Xosefo, que tivo unha grande influencia na Idade Media.
  • Adumbrationes in Epistulas canonicas: extractos traducidos e purgados das Hypotyposes de Clemente de Alexandría.
  • Commenta Librorum Regum.
  • Comentario de Xerome «in propria IV evangeliorum».
  • Recueils canónicos.
  • Recueils haxiográficos.
  • Florilexios dogmáticos.
  • Psalterium archetypum: un manuscrito que contén todos os Salmos, puntuado polo propio Casiodoro.
  • Codex grandior da Biblia prevulgata: recompilación de todo o conxunto das Escrituras destinado á lectura pública.
  • Vulgata casiodoriana, obra realizada a partir duns manuscritos que pasaban por ser autógrafos de Xerome; esta recompilación foi, sen dúbida, a orixe do texto da Vulgata no Codex Amiatinus, que é o manuscrito no que se basea a nosa Vulgata actual.
  • un Tratado da alma.
  • catro tomos das Artes liberais, titulado De institutione divinarum Litterarum (aritmética, astronomía, xeometría, música).
  • os tratados do Discurso, de Orthografía, 12 libros de Cartas, dos Comentarios sobre os Salmos etc. Casiodoro escribira unha Historia dos Godos, da que só queda un extracto feito por Xordanes; e atribúeselle unha Historia tripartita, abreviada de Sócrates, Sozomeno e Teodoreto da que o seu verdadeiro autor foi Epifanio o Escolástico. A edición máis apreciada de todas as súas obras é a de dom Garet, 2 vol. in-fol., Ruán, 1679, e de Venecia, 1729. Denis Sainte-Marthe escribiu a súa Vida.

M. Olleris, conservador dos libros latinos, publicou en 1841 unha tese sobre Casiodoro.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar