Amalasunta
Amalasunta, tamén Amalasuntha, Amalasuentha, Amalaswintha ou Amalasuintha (en gótico: Amalaswinþa), nada en Rávena cara o 495[1] e finada no lago Bolsena o 30 de abril do 535,[2][3] gobernou os ostrogodos como rexente durante a minoría do seu fillo entre o 526 e o 534 e, como raíña propiamente do 534 ao 535.[4] Era a filla máis nova de Teodorico o Grande e de Andefleda ou Audefleda, unha princesa franca filla de Clodoveo,[2] e cría firmemente na defensa das virtudes e valores romanos. É máis coñecida pola súa relación diplomática con Xustiniano, quen invadiu Italia en resposta ao seu asasinato no na illa Martana do lago Bolsena cara o 535.[5]
Amalasunta | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 498 |
Lugar de nacemento | Ravenna |
Falecemento | 30 de abril de 535 e 535 |
Lugar de falecemento | Isola Martana |
Nacionalidade | Reino ostrogodo |
Relixión | arianismo |
Ocupación | política e escritora |
Pai | Teodorico o Grande |
Nai | Audofleda |
Cónxuxe | Eutarico |
Fillos | Atalarico e Matasunta |
Irmáns | Teodegoda e Ostrogoda |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Traxectoria Editar
Criada no arianismo, a relixión do seu pai. Procopio e Casiodoro, o seu magister officiorum, descríbena como moi culta e profundamente influenciada pola cultura romana coñecedora, ademais do gótico, da lingua latina e grega. No 515, casou con Eutarico, neto de Beremundo, un nobre ostrogodo da liñaxe dos amalos que, daquela, estaba cos visigodos en Hispania, e que era un curmán afastado destinado a suceder a Teodorico, que non tiña descendencia masculina directa. Este príncipe morreu poucos anos máis tarde, no 522, deixando dous fillos: Atalarico, de cinco anos e a quen Teodorico nomeou herdeiro, e Matasunta.
Segundo Gregorio de Tours, no 526, trala morte de seu pai, Amalasunta, a quen súa nai, Audefleda, quería volver casar cun membro dunha familia real, fuxiu cun dos seus servintes, Traguilan. A nai enfureceuse e enviou un grupo armado en procura da filla e cando a atoparon, estrangularon ao servinte e devolvérona á Corte.[6]
Rexencia Editar
Cando morreu Teodorico no 526, o trono pasou a Atalarico polo que Amalasunta gobernou como rexente deste,[7] quen morreu moi novo, o 2 de outubro do 534.[8] Como rexente, tratou de reconciliar os ostrogodos coa poboación de orixe romana e cos romanos de Oriente. Así, por exemplo, trala adhesión ao trono de seu fillo, enviou unha embaixada a Xustiniano, o emperador de Oriente, buscando a renovación dos poderes outorgados a Teodorico, e devolveu a Septimania ao seu sobriño Amalarico e tamén devolveu os bens confiscados polo seu pais aos fillos de Boecio e de Flavio Símaco.[9][10] Escolleu persoas moderadas para os altos cargos, como ao godo Tuluin, a quen confiou o mando do exército.
Tamén procurou unha educación clásica romana para o seu fillo, o que provocou os primeiros descontentos entre os godos que comezaron a conspirar para matala. Consciente do perigo, Amalasunta ordenou executar a tres dos principais conspiradores mentres negociaba con Xustiniano, pedíndolle asilo en caso de que tivera que fuxir de Italia co tesouro dos ostrogodos que, segundo Procopio, era de 2.880.000 sólidos de ouro. Os godos temían que Amalasunta volvera casar e apartara ao fillo da sucesión para poder gobernar ela soa en toda Italia e impor a súa fe ariana.[11]
Durante esta época, estableceu tamén embaixadas e apoiou a política de Xustiniano participando na guerra contra os vándalos, na que tomou a fortaleza de Lilibeo (actual Marsala) en Sicilia, que pertencera anteriormente aos godos dende o ano 491. Esta fortaleza foi parte do dote de Amalafrida, a irmá do seu pai Teodorico, e nai, á súa vez, de Teodato, cando casou co vándalo Trasamundo.[12] Porén, a apropiación de Lilibeo non foi recoñecida por Xustiniano, quen a reclamou como parte do botín, ao que se negou Amalasunta.
Ao mesmo tempo, no 533, comezaron complexas negociacións entre os ostrogodos e Xustiniano sobre problemas políticos e cuestións teolóxicas (a controversia teopasquita), durante as cales Amalasunta asegurou ao enviado do emperador que cedería o goberno de Italia[13] ao Imperio Romano de Oriente no caso de que a morte do seu fillo, daquela gravemente enfermo, as súas malas relacións coa nobreza goda impediran que ela gobernase.
Reinado Editar
Ao morrer o fillo no 534, e dadas as malas relacións coa nobreza goda, enviou embaixadas a Xustiniano para saber se lle daría asilo en caso de ter que marchar de Italia, ao que Xustiniano respostou afirmativamente e preparoulle un palacio en Dirraquio.[14] Finalmente, Amalasunta non marchou e escolleu como rei ao seu curmán Teodato, duque de Tuscia e fillo de Amalafreda, irmá de Teodorico, ao que asociou ao trono. A pesar das malas accións e ambicións deste en Tuscia e da opinión desfavorable entre godos e romanos, tratou de utilizar a Teodato como un elemento de equilibrio na súa política, tranquilizando ao bando godo (pois era da liñaxe de Teodorico) e asegurando as boas relacións con imperio oriental.
Chamouno a Rávena e fíxoo xurar que ela non tería menoscabo do seu poder cando el se convertera en rei;[15] Teodato botouse aos seus pés e xurou todo o que lle pediu[16] mais, contrariamente aos xuramentos, afastouna do poder despois de ter despedido aos seus servintes. Tamén espallou o rumor de que, Amalasunta, era a responsábel da sospeitosa morte da súa nai Audefleda e tras acusala e perseguila dende Rávena, a recluiu nunha illa do Lago Bolsena.
Ante a crítica e a presión de Xustiniano por tela encarcerada, Teodato, fixo que escribise unha carta indicando que recibía bo trato na prisión e cando, Xustiniano, non contento coas explicacións mandou ao seu embaixador Pedro o Patricio para que se encontrase con Teodato en Rávena para ceibar a Amalasunta, Teodato permitiu que fora esganada no baño polos seus inimigos.[17]
Guerra gótica de Italia Editar
Este crime foi o casus belli alegado por Xustiniano para ordenar a Belisario a invasión de Italia, dando comezo á Guerra gótica de Italia[1] que devastou a península durante case vinte anos. Por outra banda, os príncipes francos, curmáns de Amalasunta, esixiron unha reparación, polo que Teodato houbo pagarlles unha multa (wergeld) de 50.000 sólidos, o que ocasionaría a división entre os irmáns pola repartición do ouro.[18]
A súa filla, Matasunta, casou co futuo rei Vitixes e, á morte deste, con Xermano, curmán de Xustiniano.
Etimoloxía Editar
"Amalasunta" significa "Virxe dos Amalos".
Amalasunta na literatura Editar
- Amalasunta é un dos personaxes clave na peza Antiochus de Corneille en 1672.
- A vida de Amalasunta foi o tema dunha ópera, a primeira obra escrita por Carlo Goldoni en 1732, e presentada en Milán.
- Tamén é o título dunha traxedia de Philippe Quinault (editada en Ámsterdam en 1697).
Notas Editar
- ↑ 1,0 1,1 Sirago (1999), p. 11.
- ↑ 2,0 2,1 Sirago (1999), p. 101.
- ↑ Heather (1996), p. 262.
- ↑ "Amalasuntha". oxfordreference.com (en inglés). Consultado o 30-12-2019.
- ↑ Sarantis (2009).
- ↑ Santinelli (2003), p. 221.
- ↑ Roy Willis (1993), pp. 201-213.
- ↑ En Procopio de Cesarea (2007), indícase o 10 de outubro (nota en páxina 66).
- ↑ Chastagnol (1976), p. 59.
- ↑ Procopio de Cesarea (2007), p. 57.
- ↑ Esta tese é recollida por Gregorio de Tours, hostil a Amalasunta por ser ariana, na súa obra Libros, Historias, 15
- ↑ Procopio de Cesarea (2007), pp. 63-65.
- ↑ Procopio de Cesarea (2007), p. 65.
- ↑ Le Beau (1827), p. 286-287.
- ↑ Procopio de Cesarea (2007), p. 67.
- ↑ Le Beau (1827), p. 290.
- ↑ Annales du Moyen Age III. Libraire Lagier. 1825. p. 13.
- ↑ Dumézil (2013), p. 165.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Amalasunta |
Bibliografía Editar
- Chastagnol, André (1976). La fin du monde antique (en francés). París: Nouvelles Éditions Latines.
- Dumézil, Bruno (2013). "L’ascension des Francs en Gaule au vie siècle et leur prise de possession de la Provence". En Guyon, Jean; Heijmans, Marc. L’Antiquité tardive en Provence (ive-vie siècles) : naissance d’une chrétienté (en francés). Arles / Venelles: Actes Sud Éditions / Aux sources chrétiennes de la Provence. ISBN 978-2-330-01646-3.
- Heather, Peter (1996). The Goths (en inglés). Oxford: Blackwell Publishers. ISBN 0-631-16536-3.
- Ibo Alfaro, Manuel (1871). Compendio de la historia universal y de la general de España (en castelán). Madrid: Imprenta de la viuda e hijos de M. Álvarez.
- Le Beau, Charles (1827). Histoire du Bas-Empire (en francés) VIII. París: Imprimerie de Firmin Didot.
- Procopio de Cesarea (2007). Historia de las guerras. Colección Biblioteca Clásica Gredos nº 355 (en castelán). Libros V-VI Guerras góticas. Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-2862-9.
- Roy Willis, F. (1992). Civilisation Occidentale, Tome 1: De l'Antiquité au seizième siècle (en francés). Montreal: Guérin éditeur. ISBN 9782760125636.
- Santinelli, Emmanuelle (2003). Des femmes éplorées? Les veuves dans la société aristocratique du haut Moyen Age. Colección Histoire et civilisations (en francés). Villeneuve d'Ascq: Presses Universitaires du Septentrion. ISBN 978-2859397777.
- Sarantis, Alexander (2009). "War and Diplomacy in Pannonia and the Northwest Balkans during the Reign of Justinian: The Gepid Threat and Imperial Responses". Dumbarton Oaks Papers (en inglés) (63): 15-40. JSTOR 41219761.
- Sirago, Vito Antonio (1999). Amalasunta: la regina. Colección Donne d'Oriente e d'Occidente (en italiano). Milán: Jaca Book. ISBN 88-16-43509-7.