Os vándalos foron un pobo de Europa central, un dos pobos indoeuropeos da familia xermánica que habitaban as rexións ribeiregas do Báltico (na zona das actuais Alemaña e Polonia). Os lugiones ou vándalos ocupaban o territorio ao oeste do Vístula e xunto ao Oder, ata o norte de Bohemia. A palabra vándalo parece ter un dobre significado e querería dicir «os que cambian» e «os hábiles», mentres que o seu outro nome, lugii ou lugiones, tamén con dobre significado, querería dicir «mentireiros» e «confederados».

A reputación tradicional dos vándalos: unha visión idealizada do saqueo de Roma en 455 por Heinrich Leutemann, cara a 1870.

Parece ser que nun principio as tribos dos vandulii (ou vandali) e a dos lugii (ou lugiones), xunto coas dos silingos, omanos, buros, varinos (seguramente chamados tamén auarinos), didunos, helvecones, arios ou charinos, manimios (talvez denominación variante de omanos), elisios e naharvales correspondían a pequenos grupos de orixe similar (aínda que non está claro que todas as citadas fosen da mesma orixe), integrando outra rama do grupo dos hermiones (unha rama do cal eran os suevos e tribos afíns), formándose despois un gran grupo identificado xeralmente como lugiones, cuxo nome predominaba para designar a todos os pobos compoñentes, incluídos os vándalos. Máis tarde (século II) acabou prevalecendo o nome de vándalos para o conxunto de pobos. Tamén pobos celtas, como os osen ou osos e os cotinos, entraron na agrupación dos lugiones.

Historia editar

A chegada dos godos obrigounos a desprazárense cara ao sur e a asentárense nas ribeiras do Mar Negro, sendo, xa que logo, veciños e, en ocasións, aliados dos godos.

Durante o século I, as tribos do grupo dos lugiones ou lugii (incluíndo entre elas ás tribos da rama dos vándalos) estiveron en guerra frecuente cos suevos e os cuados, contando ocasionalmente coa alianza doutras tribos, especialmente os hermunduros. A mediados de século derrocaron a un rei dos suevos, e no 84 someteron temporalmente aos cuados. Durante parte deste século e no seguinte, fundíronse as diversas tribos de lugiones e deron orixe a un grupo maior coñecido por vándalos.

En tempos das Guerras Marcomanas xa predomina a denominación de vándalos e aparecen divididos en varios grupos: os silingos, os lacringos e os victovales, estes últimos gobernados pola liñaxe dos Astingos ou Asdingos ou Hasdingos, e cuxo nome evocaba a súa longa cabeleira. Xunto aos longobardos, os lacringos e victovales ou victofalios cruzaron o Danubio cara ao 167 e pediron establecerse en Panonia.

Os asdingos ou victovales, dirixidos por Rao e Rapto (cuxos nomes son traducidos como «tubo» e «viga»), non foron admitidos en Panonia (onde se estableceron longobardos e lacringos) polo que avanzaron cara ao 171 en dirección á parte media dos Cárpatos durante as Guerras Marcomanas, e, de acordo cos romanos, instaláronse na fronteira setentrional de Dacia. Máis tarde apropiáronse da Dacia Occidental. Ao parecer, os vándalos quedaron divididos unicamente en asdingos (ou victovales) e silingos, desaparecendo - mesturada entre ambos os grupos e cos longobardos - a tribo os lacringos durante o século III.

A partir do 275, os asdingos enfrontáronse aos godos pola posesión do Banato (abandonado por Roma), mentres que os silingos, seguramente baixo presión dos godos, abandonaron os seus asentamentos en Silesia e emigraron xunto aos burgundios para acabar establecéndose na zona do Meno. Os seus ataques a Recia foron rexeitados por Probo.

O rei asdingo Wisumarh (Visumaro) combateu contra os godos procedentes do leste ao mando de Xeberico, que atacaron os seus territorios. Wisumarh morreu en loita contra os godos, e os integrantes das tribos de vándalos que non quixeron someterse aos godos, tiveron que pasar a territorio imperial, establecéndose en Panonia, onde tamén se asentaron os cuados. A principios do século V abandonaran Panonia (como tamén os cuados) e uníronse aos suevos e alanos para invadiren as Galias. Nas primeiras loitas do ano 406 morreu o rei Godexiselo (Godexisilo). Poucos anos despois, os dous grupos vándalos acabaron fusionados.

Chegaron a Hispania no 409, onde se establecen como federados. No 426 tomaron a cidade de Sevilla con Gunderico ao mando. Mais non se quedarían na península por moito tempo: vinte anos exactamente, pasando logo a África no ano 429 e non se manifestarían que nalgunhas incursións sobre as illas Baleares incorporándoas de maneira moi temporal ao seu imperio marítimo - ao reino pirata, máis exactamente - que crearon dende Cartago no Mediterráneo occidental.

A formación e apoxeo do reino vándalo: o reinado de Xenserico editar

 
O reino vándalo no ano 455.
Artigo principal: Reino vándalo.

Na primavera de 429, os vándalos, liderados polo seu rei Xenserico, decidiron pasar a África co fin de facerse coas mellores zonas agrícolas do Imperio. Para iso lograron barcos cos cales cruzaron o Estreito e chegaron a Tánxer e Ceuta. Logo desprazáronse ao leste, facéndose, tras algúns anos de loita, co control da África romana e, xa que logo, as fontes de produción da maior rexión cerealeira do vello imperio, que en diante tivo que comprar o grande aos vándalos, ademais de soportar as súas razzias piratas no Mediterráneo Occidental incluíndo, nestas, a cidade de Roma,[1] e a derrota da frota imperial de Maiorano en Potus Illicitanus no 460.[2] Para iso contaban co gran porto de Cartago e coa frota imperial nel apresada. Sobre a base desta última, Xenserico conseguiu apoderarse de bases marítimas de gran valor estratéxico para controlar o comercio marítimo do Mediterráneo occidental: as Illas Baleares, Córsega, Sardeña e Sicilia.

Con todo, o dominio vándalo do norte de África duraría só algo máis dun século e caracterizouse por un progresivo debilitamento militar do exército vándalo, unha grande incapacidade dos seus reis e aristocracia cortesá para atopar un modus vivendi aceptábel cos grupos dirixentes romanos e pola paulatina vida á parte de amplos territorios do interior, máis periféricos e montañeses, onde foron consolidándose embrións de Estados baixo o liderado de xefes tribais bérberes máis ou menos romanizados e cristianizados. A política da monarquía vándala foi fundamentalmente defensiva contra todos os seus máis inmediatos inimigos: a propia nobreza bárbara e a aristocracia provincial romana. Un labor de desatención social e descabezamento político que á forza habería de afectar ás mesmas estruturas administrativas herdadas do Imperio, o que ocasionaría a súa definitiva ruína. A causa profunda de devandita ruína non sería outra que a mesma base do poder dos reis vándalos, o exército, e as esixencias do mesmo.

 
Os vándalos na Península Ibérica no século V.

Xenserico (428-477), o auténtico fundador do Reino vándalo, puxo as bases do apoxeo do mesmo, pero tamén as da súa futura decadencia. O cénit do seu reinado e do poderío vándalo en África e o Mediterráneo constituír a paz perpetua conseguida con Constantinopla no verán do 474, en virtude da cal recoñecíanse a súa soberanía sobre as provincias norteafricanas, as Baleares, Sicilia, Córsega e Sardeña. Porén, desde os primeiros momentos da invasión (429-430) Xenserico golpeou á importante nobreza senatorial e aristocracia urbana norteafricanas, así como aos seus máximos representantes nestes momentos, o episcopado católico, procedendo a numerosas confiscacións de propiedades e entregando algúns dos bens eclesiásticos á rival Igrexa donatista e á nova Igrexa ariana oficial. Tampouco puido destruír as bases sociais da Igrexa católica, que se converteu así nun núcleo de permanente oposición política e ideolóxica ao poder vándalo. Respecto do seu propio pobo, Xenserico realizou no 442 unha sanguenta purga nas filas da nobreza vándalo-alana. Como consecuencia diso, dita nobreza practicamente deixou de existir, destruíndose así o fortalecemento da mesma, consecuencia do asentamento e repartición de terras. No seu lugar Xenserico tratou de pór en pé unha nobreza de servizo adicta á súa persoa e á súa familia. Elemento importante de devandita nobreza de servizo sería o clero ariano, favorecido con cuantiosas doazóns e recrutado entre bárbaros e romanos.

Co fin de eliminar posíbeis disensións no seo da súa familia e liñaxe por cuestión da sucesión real, suprimindo así tamén calquera papel da nobreza na mesma, Xenserico creou un estraño sistema de sucesión, talvez a imitación do que puidese existir nos principados bérberes, denominado seniorato ou «Tanistry», en virtude do cal a realeza transmitíase primeiro entre irmáns por orde de idade e só despois do falecemento do último destes pasábase a unha segunda xeración. Os reinados dos sucesores de Xenserico non fixeron máis que acentuar as contradicións internas da Monarquía, no medio dun debilitamento constante do poder central e a súa falta de substitución por outra alternativa.

A decadencia do reino vándalo editar

O reinado do seu fillo e sucesor Hunerico (477-484) supuxo un paso máis na tentativa de fortalecer o poder real, destruíndo toda xerarquía sociopolítica alternativa. O seu intento de establecer un sistema de sucesión patrilineal chocou coa oposición de boa parte da nobreza de servizo e da súa propia familia, co resultado de sanguentas purgas. O que dita oposición buscase apoio na Igrexa católica supuxo que Hunerico iniciase no 483 unha activa política de represión e persecución da mesma, que culminou na reunión en febreiro do 484 dunha conferencia de bispos arianos e católicos en Cartago, na que o rei ordenou a conversión forzosa ao arianismo. A morte de Hunerico no medio dunha gran fame negra testemuñou o comezo dunha crise no sistema fiscal do Reino vándalo, que habería de serlle fatal.

Guntamundo (484-496) trataría inutilmente de buscar boas relacións coa antes perseguida Igrexa católica para impedir a extensión do poder dos principados bérberes, e como lexitimación do Reino vándalo fronte a un imperio constantinopolitano que coa política relixiosa do emperador Zenón rompera co Catolicismo occidental.

Con todo, o reinado do seu irmán e sucesor Trasamundo (496-523) sería unha síntese dos dous precedentes, claro síntoma do fracaso de ambos. A falta de apoios internos, Trasamundo buscaría sobre todo alianzas externas con Bizancio e o poderoso Teodorico, casando coa irmá deste, Amalafrida.

A crise política do final do reinado do ostrogodo incitou ao seu sucesor e sobriño Hilderico (523-530) a buscar, custase o que custar, o apoio do emperador Xustiniano. Así, converteuse no monarca vándalo máis tolerante coa Igrexa católica africana e para facer as paces con ela, devolveulles as súas posesións e concedeu liberdade relixiosa favorecendo que os sínodods relixiosos se celebrasen de novo, no norte de África. Dado que tiña pouco interese nas cuestións bélica, estas quedaron baixo o control dun membro da familia, Hoamer. Mais cando este foi derrotado polos bérberes, o bando ariano dentro da familia real, liderou unha revolta na que se pretendía reinsturar o arianismo nacional e conseguiron que, Xelimero (530-534) o seu curmán, se convertese en rei. Daquela, Hoamer, e os seus familiares foron encarcerados.[3]

Porén, un intento de crear unha segunda Monarquía vándala carecía de futuro. A seguir, o emperador bizantino Xustiniano declarou a guerra coa intención de restaurar a Hilderico no trono, pero este foi asasinado no 533, por orde de Xelimero.[3] Así, mentres unha expedición bizantina estaba en camiño, unha gran parte do exército e armada vándalos dirixidos por Tzazo, irmán de Xelimero, dirixíase a Sardeña para facer fronte a unha rebelión, polo que os exercitos bizantinos duns 15.000 homes, liderados por Belisario puideron desembarcar sen oposición a apenas 15 quilómetros de Cartago. Xelimero armou, rapidamente, un exército[4] e se enfrontou a Belisario na batalla de Ad Decimum. Os vándalos estaban a piques de gañar a batalla cando caeron Ammatas, o irman de Xelimero, e o seu sobriño Xibamundo. Ao ver isto, Xelimero, tratou de fuxir e mentres o resto dos vándalos loitaban pola súa supervivencia, Belisario tomou Cartago.[5]

Lista de reis vándalos (Asdingos) editar

  1. Visumaro (Wisumarh): Século III. Coetáneo do rei visigodo Xeberico.
  2. Godexisilo (Godegisel): (¿? – 406).
  3. Gunderico (Gundaric/Gundioc): (407-428) Unión dos Silingos en 417.
  4. Xenserico: (428-477).
  5. Hunerico: (477-484).
  6. Guntamundo (Gunthamud): (484-496).
  7. Trasamundo: (496-523).
  8. Hilderico: (523-530).
  9. Xelimero: (530-534).

Lista de reis vándalos (Silingos) editar

  1. Fridibaldo: (¿?-417).

Notas editar

  1. Gibbon (1826), p. 371
  2. Riera & Roselló (2003), p. 105
  3. 3,0 3,1 Bury 1923, p. 131
  4. Collins 2000, páx. 126
  5. Bury 1923, pp. 133–135

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bury, John Bagnell (1923). History of the Later Roman Empire, from the Death of Theodosius I to the Death of Justinian (A.D.395 to A.D. 565). Vol. II (en inglés). Londres: Macmillan and Co. 
  • Collins, Roger (2000). "Vandal Africa, 429–533". En Cameron, Averil , Bryan Ward-Perkins, Michael Whitby; Ward-Perkins, Bryan; Whitby, Michael. The Cambridge Ancient History. Vol. XIV Late Antiquity: Empire and Successors, A.D. 425–600. (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. 
  • Gibbon, Edward (1826). The history of the decline and fall of the Roman empire (en castelán) III. Londres: Collins & Hanney. 
  • Merrills, Andrew H. (2004). Vandals, Romans and Berbers: New Perspectives on Late Antique North Africa (en inglés). Londres: Ashgate Publishing,. ISBN 9780754641452. 
  • Riera, Albert V; Rosselló, Miquel (2003). "Fin del mundo romano y el periodo visigodo (siglos IV-VIII)". En Gozalbes Fernández de Palencia, Manuel; Albiach Descals, Rosa; Bonet Rosado, Helena. Romanos y visigodos en las tierras valencianas (en castelán). Valencia: Diputación de Valencia. pp. 103–112. ISBN 84-7795-339-2. 
  • Thompson, E. A. (1982). Romans and Barbarians: The Decline of the Western Empire (en inglés). Madison, Wisconsin: University of Wisconsin Press. ISBN 9780299087043. 

Outros artigos editar