Rómulo Augústulo

Rómulo Augústulo foi o derradeiro emperador do Imperio Romano de Occidente, entre os anos 475 e 476.

Rómulo Augústulo
Lugar de nacementoRávena
Lugar de falecementoCastelo do Ovo
NacionalidadeImperio Romano de Occidente e Roma Antiga
OcupaciónEmperador
PaiFlávio Orestes
editar datos en Wikidata ]
Solidus de Romulo Augústulo

Naceu en Rávena no 461, fillo de Flavio Orestes e mais dunha dama romana de alto avoengo, condición necesaria para o seu nomeamento. O seu nome de Rómulo puxéraselle en honor do tío de Orestes e Augustus era o título dos emperadores, pero dada a súa curta idade, os romanos chamáronlle Augustulus (pequeno emperador). Con todo, o emperador de Oriente Zenón non o recoñeceu como tal.

A presión dos hérulos reclamando a entrega de terras no centro da península Itálica provocou a caída de Rómulo cando contaba tan só 15 anos de idade. No seu lugar, o xeneral dos hérulos Odoacro reclamou o trono de Italia (476), confinando a Rómulo en Lucullanum, hoxe Castel dell'Ovo, na baía de Nápoles. A data da súa morte é descoñecida, xa que, a pesar de que a partir de 476 se perde o seu rastro histórico, existen algúns indicios que poderían testemuñar a súa supervivencia ata as décadas de 520 ou 530.

Considérase que a súa deposición marca o fin do Imperio Romano, aínda que a parte oriental sobreviviu ata 1453. Este feito levou a numerosos historiadores a considerala como o comezo da Idade Media. De feito, aínda que Odoacro reclamou o trono de Italia, non mostrou interese en aspirar á dignidade imperial e enviou as insignias do poder a Constantinopla, recoñecendo o seu monarca como único emperador. Este episodio serviu como xustificación xurídica aos emperadores de Bizancio para considerarse lexítimos soberanos do Imperio Romano e, eventualmente, tentar a reconquista dos territorios occidentais.

Traxectoria editar

Nomeamento editar

Flavio Orestes fora notario na corte de Atila. Pero as complexidades da política do Imperio nos seus derradeiros intres levárono a ser nomeado magister militum polo emperador Xulio Nepote no ano 475. Este nomeamento faise en oposición de Gundebaldo, tamén magister militum que nomeara antes o emperador Glicerio, quen entregara o seu trono a Xulio Nepote. Pero Gundebaldo abandonara neses intres Italia para lle axudar ao seu tío, que estaba sendo atacado por Eurico, rei dos visigodos. Gundebaldo era burgundio e xa nunca regresou a Italia coma magister, senón coma rei dos burgundios, xa que era a súa herdade.

Pero o nomeamento de Orestes ten outras consecuencias, xa que Xulio Nepote deixa Italia para atender os seus asuntos na Dalmacia, da que era magister militum e verdadeiro gobernador nela, xa que esa provincia practicamente era independente de Roma naqueles anos, a raiz da súa separación e acontecementos ocorridos tras a morte do emperador Maioriano.

Esta ausencia do emperador, que navegaba cara a Solona, é aproveitada por Orestes para dar un golpe de estado, noméase a si mesmo como patricio, e pola súa condición de ariano non pode proclamarse emperador, pero seguindo a tradición dos magistres militum do século V, nomea un emperador títere, que neste caso é o seu fillo de 15 anos, Rómulo Augústulo.

Porén, o verdadeiro poder queda en mans de Orestes, que toma todas as decisións que lle competen ao seu fillo. Un dos maiores problemas co que se atopa é o de pagar as diversas tropas de bárbaros que compoñían o exército imperial, xa que a ausencia de ouro obrigouno a cruñar moeda nas Galias coa imaxe de Rómulo. Pero estes pagos non son suficientes, o que fai que os hérulos, escirianos e outros pidan en troques terras para o seu pago, ao que se nega Orestes. Esta negativa fai que os soldados tornen e soliciten axuda a Odoacro, un pequeno rei dos hérulos, quen lles promete a súa axuda se o nomean rei. Isto ocorre en agosto do ano 476.

Deposición editar

O 28 de agosto, Odoacro fai prisioneiro a Orestes en Piazenza e dálle morte, o mesmo lugar onde morrera o emperador Avito. O día 31 do mesmo mes entra e ocupa Rávena, matando a Paulo, o irmán de Orestes. Fai que Rómulo Augústulo abdique, dándolle unha cantidade de 6 000 soldos de ouro ao ano, condenándoo ao exilio no castelo de Lucullus, na Campania. Ao lle conservar a vida hai que velo coma unha imaxe de Odoacro e a intención do seu recoñecemento por parte da Igrexa. O derradeiro acto de Rómulo Augústulo foi enviar unha carta ao emperador Zenón, xunto coas insignias imperiais, onde lle expoñía dun só emperador para o imperio, o de Constantinopla. Este envío das insignias imperiais interprétase como o final e derradeiro acto do Imperio Romano de Occidente, o "facedor" de civilizacións e culturas nos seus dominios. Máis de setecentos anos dende que Roma comezara a súa expansión rematara para sempre, aínda que a consciencia deste remate non chegue ata máis tarde, cando o Imperio Bizantino, o herdeiro do Imperio Romano, faga que as antigas terras do imperio sexan conquistables por medios militares.

O Senado romano tamén explica nesa carta que, ao non ter necesidade doutro emperador en Occidente, os asuntos do imperio podería levalos Odoacro como patricio, garantindo a gobernabilidade de Italia. Pero Zenón prometera axuda a Xulio Nepote, para a súa restauración. Odoacro tamén escribe a Xulio Nepote coa mesma intención de gobernar no seu nome, ao que Xulio Nepote lle ofrece o título de patricio até que el poida volver a Italia, pero nunca máis volverá a Roma.

Do que foi de Rómulo Augústulo non se sabe case nada. Sábese que quedou na Campania, pedindo permiso de matrimonio cunha nobre romana ao bispo de Milán. Tamén hai unha nova dun tal Rómulo que foi á corte do rei Teodorico o Grande para solicitarlle asilo xunto coa súa nai, pero non está identificado co antigo emperador.

Imperio Romano

Segue a:
Xulio Nepote
Rómulo Augústulo
Precede a:
Caída do Imperio Romano
Derradeiros emperadores

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Fontes primarias editar

  • Anales Valesiani , IIV 36, IIIV 37:
  • Marcellinus , Chronicon , 475-476.
  • Iordanes. De origine actibusque Getarum , 241; De summa temporum vel origine actibusque gentis Romanorum , 344.