Codia terrestre
A codia terrestre é a capa máis superficial da Terra, parte da litosfera, que ten un espesor variable entre os cinco quilómetros de profundidade nos océanos ata 70 km de profundidade media nas cordilleiras continentais. A codia terrestre está composta por rochas silíceas, distinguíndose tres capas principais:
- Capa sedimentaria: está formada por rochas sedimentarias que se sitúan sobre os continentes e sobre as plataformas continentais. Esta capa está formada por rochas repregadas que forman parte das cordilleiras actuais e antigas dos continentes e da base da plataforma continental, e por sedimentos recentes que se depositan fundamentalmente sobre a plataforma continental e os fondos mariños próximos ao continente.
- Capa granítica: está formada por rochas como o granito e outras semellantes. Forma a masa fundamental das zonas continentais emerxidas. Entre esta capa e a seguinte apréciase a descontinuidade de Conrad, chamada tamén "canle da litosfera", que marca os límites da capa granítica e a capa inferior basáltica. Tanto a capa sedimentaria como a granítica son capas descontinuas e atópanse como flotando en equilibrio isostático sobre a capa basáltica, como o fai un iceberg sobre a auga.
- Capa basáltica: está formada por rochas semellantes ao basalto. É unha capa continua ao redor da Terra, ao contrario cás dúas anteriores. A descontinuidade de Mohorovičić separa a capa basáltica do manto.
A codia terrestre é unha gran descoñecida polas dificultades que presenta o seu estudo. Porén, os datos que facilitan os estudos sismolóxicos contribuíron de forma importante ao coñecemento da estrutura interna da Terra. A través da análise da propagación das ondas sísmicas constrúense perfís que proporcionan a xeometría das estruturas tectónicas.
En 2013, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas acordou celebrar no día 5 de decembro o Día Mundial do Chan[1], buscando destacar o valor deste recurso e concienciar ós gobernos dos diferentes países a necesidade de alcanzar un compromiso de mellora proactiva da saúde do chan (loita contra a desertización, potenciar unha agricultura sostible, facer fronte ó cambio climático, etc.).
Notas
editar- ↑ "Cuidado del suelo y desarrollo sostenible", en La Voz de Galicia, 4.12.2019.