Vexetación de Galicia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2016.) |
A vexetación de Galicia, ou flora de Galicia, caracterízase pola súa heteroxeneidade, con especies arbóreas entre a que se atopan carballos, abeleiras, bidueiros, sobreiras, aciñeiras, piñeiros, acacias, salgueiros, loureiros, pradairos, freixos, eucaliptos, ou érbedos, por mor de que esta vexetación se atopa en lugares de confluencia dos dous tipos de clima de Galicia, o oceánico ou atlántico e o mediterráneo.
O bosque orixinal ou primario galego é a fraga, e a árbore por excelencia o carballo, que forma carballeiras.
Os bosques de ribeira vense dominados polo ameneiro, acompañado de salgueiros, freixos e bidueiros.
Nas zonas altas son abundantes as matogueiras: uceiras, toxos e xestas dominan estas formacións polo xeral.
A acción do home modificou a paisaxe galega dende a antigüidade coa agricultura. Coa introdución de especies exóticas dende hai uns 150 anos, principalmente piñeiros e eucaliptos, as formacións galegas mudaron moito. Os incendios forestais son un problema engadido que favorece a perda de biodiversidade.
En xeral a vexetación existente nun territorio depende das características de tres factores, o solo, o clima e a acción antrópica.
Galicia caracterízase polo predominio de substratos acedos e de cursos de augas oligótrofas, así como pola oceaneidade do clima e a escasa incidencia do período de seca estival, aínda que esta aumenta progresivamente de norte a sur.
Factores
editarAs características dos factores que inflúen na vexetación de ribeira son:
- O solo, que varía segundo a natureza da rocha, que polo carácter de penechaira de Galicia é, maioritariamente, granito. As rexións nas que aflora o granito teñen solos pobres. Porén, nas depresións acumúlanse os sedimentos, polo que teñen bos solos para a agricultura, xa sexan solos areentos ou arxilosos. Nas rexións montañosas aflora o granito, polo que este solo é de tipo ránquer, que presenta pendentes moi fortes. Nesta rexión son moi habituais as ladeiras con bancais para o seu aproveitamento agrícola.
- O clima galego, chuvioso e tépedo, é moi bo para o desenvolvemento das especies típicas do bosque caducifolio. A pesar de que existe polo menos un mes de aridez, só no sur da rexión danse fenómenos de balance hídrico negativo, polo que só aquí aparecen especies xerófilas pertencentes ao dominio mediterráneo.
- A acción antrópica transforma intensamente a vexetación galega xa dende os tempos da Prehistoria, e que tivo seu momento de maior intensidade no século XX. Esta transformación obsérvase nos socalcos das ladeiras, na introdución do viñedo, no sur, e na abeleira. Ademais, dende 1950 prodúcese unha intensa reforestación do bosque con especies de crecemento rápido e aproveitamento económico como o piñeiro ou o foráneo eucalipto azul. Aínda que é certo o piñeiro é unha especie autóctona galega, crese que a súa extensión polas terras baixas dáse por mor do home. Estas dúas especies que foron introducidas ocupan as abas das montañas máis achegadas á beiramar.
Especies
editarNos bosques de ribeira as especies que mellor definen o territorio e que están máis estendidas son os ameneiros oceánicos oligótrofos, que posúen tres variantes: a típica, a termófila e a submediterránea. Tamén se atopan moitos salgueiros negros e abeleiras.
A árbore dominante do bosque galego é o carballo, con dúas especies: o rebolo, propio do interior e do sur e o carballo común, que aparece en todo o territorio. Forman as carballeiras do piso basal. A alturas superiores, como no piso montano, aparece a faia pero esta é en Galicia unha especie excepcional, onde ten o seu límite occidental de distribución nas serras orientais luguesas, xa que prefire solos preferentemente calcarios. Máis abundante nestes piso é a abeleira e as especies subseriais de acivro, teixo e pradairo. No sotobosque predominan os fentos. Nas poucas rexións que aparece o piso subalpinos predomina o bidueiro, mesturado con capudrees, acivros, abeleiras, freixos e umeiros.
Nos vales orientados cara á meseta do sur ourensán, aparecen especies mediterráneas como a aciñeira. Nas zonas ligadas aos fondos de val, destacan especies como o freixo e o umeiro.
Porén, máis da cuarta parte da vexetación galega fórmase por especies de matos, debido á degradación do bosque, ben sexa por causas naturais ou antrópicas. Nela predominan o toxo, o breixo nas zonas máis secas, os piornos e as xestas, as estevas e os xenebreiros, nas zonas máis elevadas.
Con menos importancia, aparecen tamén a variante típica dos ameneiros, a variante mesótrofa dos salgueiros negros oceánicos e os salgueiros salvifolios.