Flora invasora de Galicia
A flora invasora de Galicia é o conxunto de especies plantas que foi transportado e introducido polo ser humano en Galicia, fóra da súa área de distribución natural. Estas especies conseguiron establecerse e espallarse resultando as máis das veces daniñas ecolóxica e/ou paisaxisticamente. Que unha especie vexetal invasora resulta daniña significa que produce cambios importantes na composición, a estrutura ou os procesos dos ecosistemas naturais ou seminaturais, pondo en perigo a diversidade biolóxica nativa (en diversidade de especies, diversidade dentro das poboacións ou diversidade de ecosistemas).
Certas especies vexetais teñen un comportamento invasor nas localidades de introdución, sendo máis susceptíbeis os hábitats alterados ou degradados, como por exemplo en terreos despois dos lumes. O principal problema a nivel ecolóxico é a perda de diversidade autóctona. Os casos máis soados en Galicia son o do eucalipto na costa e o da mimosa no sur do país, especialmente na Comarca do Ribeiro en Ourense[Cómpre referencia].
O control e erradicación é custoso e non sempre posible. Identificar os invasores potenciais e evitar o seu establecemento é o mellor camiño para frear un problema que incrementa ao mesmo ritmo que a globalización. Considéranse medios mecánicos, biolóxicos e químicos.
A introdución das especies é polo xeral recente. Algunhas árbores coma o castiñeiro pénsase que foron introducidas polos romanos hai uns 2000 anos, porén non pode considerarse daniña nin invasora, malia terse naturalizado. O mesmo ocorre co piñeiro bravo, quizais introducido dende Portugal no século XVIII. A verdadeira flora invasora introdúcese a partir de finais do século XIX e especialmente coas reforestacións masivas efectuadas durante o franquismo. Deste xeito entraron en Galicia, eucaliptos, robinias e acacias. A mimosa plantouse para fixar os noiros do camiño de ferro. Recentemente estanse a espallar outras especies como a árbore do ceo (plantada como ornamental), a carriza da Pampa (plantada como ornamental nas autoestradas galegas) ou a herba do coitelo ou uña de gato (plantada nas praias).
Listaxe de plantas invasoras en GaliciaEditar
A seguir dáse unha relación das especies foráneas introducidas polo home e naturalizadas en Galicia:
- Acacia dealbata - Mimosa;
- Ailanthus altissima – Árbore do ceo, ailanto;
- Amaranthus retroflexus – Amaranto, herba pulgueira, beldro, herba pexegueira[1]
- Arctotheca calendula
- Arundo donax – Cana, falso bambú;
- Azolla filiculoides- Fento de auga;
- Bacopa monnieri - Bacopa anana;
- Bidens aurea - Té de horta;
- Buddleja davidii - Lilar;
- Carpobrotus edulis – Herba do coitelo, uña de gato;
- Conyza canadensis - Eixerón;
- Cortaderia selloana – Herba da Pampa, carrizo da Pampa;
- Cotula coronopifolia – Santolina de auga[2];
- Crocosmia x crocosmiiflora – Crocosmia;
- Cyperus eragrostis – Xunca olorosa;
- Egeria densa – Elodea densa;
- Eucalyptus globulus – Eucalipto azul, eucalipto;
- Helichrysum petiolare – Sempreviva, herba de San Pedro;
- Ipomoea indica – Campaíña;
- Ludwigia grandiflora – Ludwigia;
- Oenothera glazioviana – Herba do asno[3], onagra, boas noites;
- Oxalis pescaprae – Vinagreta, pan de cuco;
- Paraserianthes lophantha - Albicia amarela
- Paspalum dilatatum – Pasto mel;
- Phytolacca americana – Herba carmín, herba tintureira;
- Reynoutria japonica – Herba nodosa xaponesa[4];
- Robinia pseudoacacia – Falsa acacia;
- Senecio mikanioides – Sebes;
- Spartina patens – Espartina;
- Stenotaphrum secundatum – Gramón, grama americana, grama galega, grama de santo Agostiño;
- Tradescantia fluminensis – Orella de gato;
- Tropaeolum majus – Chagas[5], flor de sangue;
- Vinca difformis – Herba da envexa, pervinca, cangroia [6].
NotasEditar
- ↑ Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000. Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009
- ↑ Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000
- ↑ Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004
- ↑ "Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras." (PDF). Boletín Oficial do Estado. Suplemento en lingua galega ao núm. 185. Consultado o 08/03/2017.
- ↑ Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991
- ↑ Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, 2004
Véxase taménEditar
Outros artigosEditar
- Especie invasora
- Especie ameazada
- Acacia negra
- 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo
Ligazóns externasEditar
- Flora: Especies invasoras (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) [consultada o 28.01.2015]