Árbore do ceo

especie de planta
Árbore do ceo

Exemplar novo con froito

Grande especime nun parque na Alemaña
Grande especime nun parque na Alemaña

Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Sapindales
Familia: Simaroubaceae
Xénero: Ailanthus
Especie: A. altissima
Nome binomial
Ailanthus altissima
(Mill.) Swingle
Sinonimia

Ailanthus glandulosa Desf.

A árbore do ceo (Ailanthus altissima, ailanto) é unha árbore simurabácea. Nativa do norte da China, introduciuse en Europa a partir de 1751 como ornamento en parques e xardíns. É unha árbore de crecemento rápido resistente á contaminación adaptándose a todo tipo de temperaturas; en zonas con temperaturas semellantes ao seu hábitat natural (como en Galicia), convértese nunha especie invasora que despraza ás especies nativas. É unha planta tóxica, que mesmo pode causar alteracións na pel, pero ao tempo hai investigacións para a empregar contra certos tipos de cancro.

Descrición editar

É unha árbore de talle medio.Pode acadar unha altura de 25–35 m, con pólas esparexidas bota moitos rebentos, ás veces a máis de 100 m. Pode chegar a vivir de 40 a 50 anos.

O toro ten unha casca cinsenta e lisa, con tons pardos e tornándose gretada en exemplares máis vellos.

Os rebentos son rexos, lisos e lixeiramente pubescentes e de cor parda avermellada. Teñen lenticelas. Os botóns ou xemas son algo pubescentes, en forma de cúpula e parcialmente agochados tralos pecíolos, polo que son completamente visíbeis no inverno.[1] As pólas son de cor cinsenta, lisas e lustrosas con lenticelas que se tornan fendas cos anos. O extremo das pólas están algo penduradas. Todas as partes da planta botan un cheiro característico que lembra ao dos cacahuetes, algo desagradábel.[2]

As follas caen no outono despois de se virar amarelentas. Botan o mesmo cheiro desagradábel que é moi característico da especie. Son compostas, pinnadas e alternas, longas (40–80 cm) con 10-41 folíolos organizados en parellas e pecioladas. O pedúnculo é verde encarnado claro cunha base inchada. Os folíolos son ovados lanceolados co bordo enteiro, cada un de 5 a 18 cm de longo e 2.5 a 5 de largo. Teñen a punta afiada mentres as bases teñen de 2 a 4 dentes, contendo unha ou máis glándulas na punta. A face superior é de cor verde escuro con veas verde claras, mentres a parte de abaixo é dun verde máis abrancazado. Os pecíolos miden de 5 a 12 mm

As flores son miúdas e aparecen en panículas grandes que chegan aos 50 cm de longo nos extremos dos rebentos novos. As flores individuais son amarelas verdosas tirando a avermelladas, cada unha con cinco pétalos e sépalos. Aparecen a mediados de abril no sur de Europa e en xullo nas zonas máis ao norte. A. altissima é unha planta unisexual, con flores masculinas e femininas en diferentes individuos. Os pés masculinos producen de 3 a 4 máis flores cós femininos. Ademais os machos botan durante a floración un fedor especial para atraer os insectos e favorecer a polinización. As flores femininas adoitan ter dez estames estériles (estamenoides) con anteras ácorazonadas. O pistilo componse de cinco carpelos non fusionados, contendo cadanseu óvulo independente. Os estilos fican unidos e teñen forma estrelada.[1] As flores masculinas aseméllanse aparentemente, mais carecen obviamente de pistilo e estames, porén remátanse cunha antera globular e un disco verde glandular.[1] A semente das femias mide uns 5 mm de diámetro e fica encapsulada nunha sámara de 2,5 cm de longo e 1 cm de largo, aparecendo entre xullo e agosto, porén pode ficar na árbore até a primavera seguinte. A sámara é grande e algo torta nas puntas o que facilita o espallamento das sementes polo vento e pola auga. As femias poden producir gran cantidade de sementes, normalmente arredor das 30.000 por pé.

 
Sementes inmaturas nun exemplar feminino.

Propiedades editar

Principios activos: contén glicósidos, resina, esencia acre, taninos, mucilaxes.[3]

Indicacións: é adstrinxente, antihelmíntica, antidiarreica, rubefacente, emética. Cómpre actuar con prudencia no seu uso por vía interna, pois unha dose excesiva ten en primeiro lugar un efecto purgante e despois emético.[3]

Outros usos: as follas empréganse para a fabricación de papel e como corante amarelo da lá.[3]

Taxonomía e historia editar

 
A. altissima (detalle).
 
A casca da árbore do ceo é cinsenta e lisa, mais se torna áspera e gretada lonxitudinalmente nas árbores adultas
 
Flores de A. altissima

As primeiras descricións científicas da árbore do ceo fixéronse pouco despois da súa introdución en Europa polo xesuíta francés Pierre Nicholas d'Incarville. D' Incarville enviara sementes dende Pequín a través da Siberia a seu amigo o botánico Bernard de Jussieu na década de 1740. Creuse que as sementes enviadas por d'Incarville eran dunha árbore semellante e de grande importancia económica, a Toxicodendron vernicifluum, que ollara na rexión do baixo Yangtzé. D' Incarville engadiu unha nota que indicaba isto, o que causou gran confusión taxonómica nos decenios a seguir. En 1751, Jussieu plantou algunhas sementes en Francia e enviou outras a Philip Miller, o superintendente do xardín: Chelsea Physic Garden, e a Philip C. Webb , o dono dun xardín de plantas exóticas en Busbridge, Inglaterra.[1]

A confusión no nome comezou cando a árbore foi descrita polos tres homes con tres nomes diferentes. En París, Carl von Linné deulle á planta o nome de Rhus succedanea (pensando que era un sumagre), mentres que popularmente era coñecida coma grand vernis du Japon. En Londres, as mostras foron chamadas por Miller Toxicodendron altissima e en Busbridge foi chamada no antigo sistema de clasificación como Rhus Sinese foliis alatis. Hai rexistros existentes da década de 1750 de disputas sobre o nome axeitado entre Philip Miller e John Ellis, curador do xardín de Webb en Busbridge. Máis que arranxar a cuestión, logo apareceron máis nomes para a planta: Jakob Friedrich Ehrhart ollou unha mostra en Utrecht en 1782 chamándoa Rhus cacodendron.[1]

A cuestión aclarouse un chisco en 1788 cando René Louiche Desfontaines ollou as sámaras dos espécimes de París, que aínda foran etiquetados como Rhus succedanea, e chegou á conclusión que a planta non era un sumagre (xénero Rhus). Publicou un artigo cunha descrición ilustrada e deulle o nome de Ailanthus glandulosa, colocándoo no mesmo xénero das especies tropicais entón coñecidas como A. integrifolia (hoxe, A. triphysa). O nome deriva da palabra ambonesa ailanto, que significa precisamente árbore do ceo ou árbore que acada o ceo.[1][4] Deulle o nome específico de glandulosa en referencia ás glándulas nas follas; ese nome perdurou até datas recentes, 1957, mais finalmente resultou inválido por un homónimo tardío a nivel de especie.[1] O nome da especie actual provén de Walter T. Swingle que foi contratado polo Departamento dos Estados Unidos de Industria de Plantas. Decidiu transferir o nome específico máis antigo de Miller ao xénero de Desfontaines, dando como resultado o nome hoxe aceptado de Ailanthus altissima.[5] Altissima é a expresión en latín que quere dicir "o máis alto",[6] e se refire ás alturas que a árbore pode acadar. Ás veces a esta planta chámaselle, incorrectamente, co epíteto específico na forma masculina (glandulosus ou altissimus), mais non é correcto porque os botánicos, como no latín clásico ou o galego, tratan á maioría dos nomes das árbores en feminino.

Variedades editar

Hai tres variedades de A. altissima:

  • Ailanthus altissima var. altissima, a variedade tipo orixinaria da China continental.
  • Ailanthus altissima var. tanakai, un endemismo das terras altas do norte de Taiwán. Difire do tipo en que ten unha casca amarelenta, follas pinnadas que tamén acostuman ser máis curtas con 45–60 cm de longo con só 13–25 fascículos semellantes a unha fouce.[7][8][9] Está incluída na Listaxe Vermella da UICN de especies ameazadas por mor á perda de hábitat pola construción e as plantacións industriais.[10]
  • A. altissima var. sutchuenensis, que se diferenza en que ten ramiñas vermellas.[7][8]
 
Un exemplar feminino de A. altissima cunha intensa carga de sementes maduras, en Valladolid, España.

Distribución e ecoloxía editar

En moitas partes do mundo coma en Australia, nos Estados Unidos ou o sur de Europa asilvestrouse, converténdose en invasora polo seu rápido crecemento e a súa capacidade para prosperar en calquera lugar, formando densos arboredos nos beirados das estradas. Medra en zonas non colonizadas por outras especies; non é unha árbore forestal. Por mor do seu potencial colonizador e constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, foi catalogada no Catálogo Español de Especies exóticas Invasoras, aprobado polo Real Decreto 1628/2011, do 14 de novembro, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, pertenza, transporte, tráfico e comercio.

Introduciuse da China a mediados do século XVIII, polo seu rápido crecemento, e seguindo a moda chinesa da época, coa intención de reforestar montes, porén, a má calidade da madeira fixeron fracasar o proxecto.

Porén a árbore do ceo é unha boa colonizadora de espazos degradados.

Galicia editar

A planta necesita certa humidade edáfica polo que en Galicia xa ocupa grandes zonas do sur do país, especialmente na provincia de Ourense, pola súa apetencia polos climas máis termófilos. En Galicia a primeira cita como naturalizada é de 1986.[11] Aparece puntualmente en diferentes zonas do país, agás nas proximidades da cidade de Ourense, onde é abundante. A área potencialmente invasíbel parece ser a dos vales termófilos de Ourense, aínda que existe unha zona de Ferrol onde a especie se desenvolve coma invasora. Tamén está presente nalgúns puntos de Santiago, Betanzos, Quiroga, Ponteareas, e na cidade de Lugo.

Os mecanismos de control non son doados. O control mecánico é practicamente imposíbel.

Sinonimia editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Hu, Shiu-ying (1979). "Ailanthus altissima" (PDF). Arnoldia 39 (2): 29–50. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19-07-2011. Consultado o 7-2-2010. 
  2. Davies, Rob (17 de setembro de 2006). "The toxic Tree of Heaven threatens England's green and pleasant land". The Observer. Consultado o 21 de agosto de 2010. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Ailanthus altissima". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 13 de outubro de 2009. 
  4. Shah, Behula (1997). "The Checkered Career of Ailanthus altissima" (PDF). Arnoldia 57 (3): 21–27. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xullo de 2011. Consultado o 2010-02-07. 
  5. Swingle, Walter T. (1916). "The early European history and the botanical name of the tree of heaven, Ailanthus altissima". Journal of the Washington Academy of Sciences 6 (14): 490–498. 
  6. Dictionary of Botanical Epithets. Último acceso, 15-4-2008.
  7. 7,0 7,1 Huang, Chenjiu (1997). Shukun Chen, ed. Ailanthus Desf. Flora Reipublicae Popularis Sinicae. 43(3) (Pequín: Science Press). pp. 1–5. ISBN 7-03-005367-2. 
  8. 8,0 8,1 Zheng, Hao; wu, Yun; Ding, Jianqing; Binion, Denise; Fu, Weidong; Reardon, Richard (2004). "Ailanthus altissima" (PDF). Invasive Plants of Asian Origin Established in the United States and Their Natural Enemies, Volume 1. USDA Forest Service. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28-09-2006. Consultado o 7-2-2010.  Arquivado 28-09-2006 en Wayback Machine. FHTET-2004-05
  9. Li, Hui-lin (1993). "Simaroubaceae". En Editorial Committee of the Flora of Taiwan. Flora of Taiwan, Volume 3: Hamamelidaceae-Umbelliferea (2.ª ed.). ISBN 957901941X. 
  10. Pan, F.J. (1998). "Ailanthus altissima var. tanakai". 2006 IUCN Red List of Threatened Species. Arquivado dende o orixinal o 07-11-2007. Consultado o 7-2-2010. 
  11. "Flora invasora de Galicia. Ailanto". cmatv.xunta.gal. Consultado o 2020-01-11. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar