Biodiversidade

(Redirección desde «Diversidade biolóxica»)

Biodiversidade (neoloxismo do inglés biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), ou diversidade biolóxica, é a variedade de vida dun hábitat ou dun ecosistema, ou mesmo o conxunto presente na Terra. Este termo polo xeral refírese á riqueza de especies, inda que se pode referir tamén á variación a nivel xenético, fenotípico ou o presente en comunidades ou ecosistemas.[1][2]

Imaxe dun Lince Lynx lynx, unha das cerca de 2 millóns de especies identificadas que conforman o patrimonio da Biodiversidade no mundo

A diversidade de especies do planeta actual supera os 10 millóns de especies, e meirande parte desta aínda non foi descrita.[3] Algunhas estimacións cuantifican a riqueza total en mil millóns de especies diferentes.[4] A distribución das especies ten diferenzas na súa distribución bioxeográfica e temporal. A riqueza de especies varía segundo a latitude e nos ecosistemas terrestres é maior no ecuador[5] e nos ecosistemas mariños posiblemente nas faixas arredor do ecuador, nas zonas costeiras con afloramento e nos arrecifes de coral. Ademais destes existen outros puntos quentes de biodiversidade con interese de conservación.

Os cambios ambientais abruptos polo xeral producen extincións masivas.[6][7][8] Desde o inicio da vida na terra, houbo cinco grandes extincións masivas e varios eventos menores que diminuíron a diversidade. Grazas á explosión do cámbrico, o fanerozoico (os últimos 540 millóns de anos) foi un crecemento continuo de diversidade de organismos multicelulares. Nese período producíronse eses eventos de perdas, como o colapso dos bosques tropicais no carbonífero que reduciu a riqueza de plantas e animais.[9] A extinción máis acusada deuse entre pérmiano e o triásico (hai 251 millóns de anos), que supuxo que os vertebrados precisasen 30 millóns de anos para recuperar a súa diversidade.[10] A máis recente foi a da transición entre o cretáceo e o paleóxeno (hai 65 millóns de anos), e que produciu a extinción dos dinosauros non avícolas. Desde a aparición dos humanos modernos a biodiversidade global está a verse reducida, tanto pola perda de especies como pola súa diversidade xénica por procesos como a destrución de hábitats. Este proceso actual de extinción chámaselle extinción do Holoceno.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou o 22 de maio como o Día internacional da Diversidade Biolóxica [11].

Historia do termo

editar
  • 1916 – a primeira referencia bibliográfica ao termo diversidade biolóxica atópase no artigo "The Variable Desert" de J. Arthur Harris. A súa mención a esta faise dicindo que "a afirmación básica de que a rexión contén unha rica flora en xénero e especies e de variada diversidade xeográfica ou afinidade é totalmente inadecuada como unha descrición da súa diversidade biolóxica real."
  • 1975 – o termo diversidade natural menciónase para un informe estatal dos Estados Unidos.[12]
  • 1980Thomas Lovejoy menciona o termo biodiversidade biolóxica nun libro.[13] O termo axiña acada popularidade na comunidade científica.
  • 1985 – segundo Edward O. Wilson a forma contraída biodiversidade foi acuñada por W. G. Rosen. Cita que "O Foro Nacional de BioDiversidade [...] conceviuno Walter G. Rosen [...]. Dr. Rosen presentou a NRC/NAS coa cas fases de planificación do proxecto. Inda mais, el introduciu o termo 'biodiversidade'".[14]
  • 1985 - o termo "biodiversidade" aparece no artigo "A New Plan to Conserve the Earth's Biota" de Laura Tangley.[15]
  • 1988 - o termo "biodiversidade" segue a ser empregado e emprégase como tema central dun artigo.[16][17]
  • Actualidade - o concepto de biodiversidade gaña popularidade desde a década de 1990.

Definicións

editar

Concepto inicial

editar

"Biodiversidade" polo xeral emprégase como un substitutivo dos termos máis claros e específicos de diversidade de especies e riqueza de especies.[18]

Outras definicións

editar

Wilcox 1982 e 1984

editar

Bruce A. Wilcox preparou para a "Conferencia de Parques Naturais do Mundo" de 1982 da "Comisión Internacional da Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais" (IUCN) unha definición concreta do termo. Indicou que "a diversidade biolóxica é a variedade de formas de vida [...] en todos os niveis dos sistemas biolóxicos (i.e., molecular, organismos, poboacións, especies e ecosistemas) [...]".[19]

Wilcox indicou en 1984 que esta biodiversidade tamén se pode definir en termos xenéticos como a diversidade de alelos e xenes dun organismo, e empregala en procesos onde actúa a mutación e a transferencia xénica, os cales están ligados a procesos evolutivos.[19]

Nacións Unidas 1992

editar

As Nacións Unidas definiron no Congreso da Terra o concepto de "diversidade biolóxica" como a "variabilidade entre os organismos de toda orixe, incluídas, 'inter alia', a terrestre, a mariña e a dos sistemas acuáticos e os procesos ecolóxicos complexos dos que son parte: o cal inclúe a diversidade nas especies, entre as especies e nos ecosistemas."[20] Esta definición segue a ser a empregada na Convención da Diversidade Biolóxica das Nacións Unidas.[20]

Gaston e Spicer 2004

editar

En 2004 Gaston e Spicer definiron a biodiversidade como a "variación da vida a todos os niveis de organización biolóxica".[21]

Outras definicións de xenes a ecosistemas

editar

Outras definicións populares amplían o termo de biodiversidade definíndoa como "a totalidade dos xenes, especies e ecosistemas dunha rexións".[22]

Indícase que esta definición ten a vantaxe de describir a meirande parte das circunstancias presentes na visión unificada dos tipos de variedade biolóxica que se foran definindo. Estas son a diversidade taxonómica (ou riqueza e diversidade de especies), a diversidade morfolóxica (que xorde dos conceptos de diversidade xénica e molecular)[23], a diversidade funcional (ou a medida das funcións que realiza unha comunidade biolóxica), e a diversidade ecolóxica (ou diversidade dos ecosistemas)[23].

Concepto actual

editar

As principais agrupacións de ecólogos concretan a definición en dúas liñas similares:

  • A BES defínea como "a abreviatura de 'diversidade biolóxica' [e que se] emprega polo xeral para describir a riqueza de especies. Esta variación biolóxica que se atopa nunha área espacial definida pódese referir: á variación a nivel xenómico, fenotípico, de especies, de comunidades ou de ecosistemas."[1]
  • A ESA tamén cita que se acepte para "todos os organismos, especies e poboacións: na súa variación xénica entre eles, a súa complexidade nos seus ensamblados das comunidades e dos ecosistemas". Especifica que é "rango de variacións" que se atopan entre os grupos de organismo e que tamén é a "riqueza de especies dos organismos vivos" e a súa "interrelación cos xenes, especies e ecosistemas e a súas interacción co ambiente". Isto é, recoñecen a existencia de "diversidade xénica", "diversidade de especies" e "diversidade de ecosistemas".[2]

Distribucións

editar
 
Distribución espacial das especies de vertebrados terrestres obtida por Mannion (2014). A súa maior diversidade de especies mostrase en vermello e a menor en azul. Esta está nas rexións concentrada nas rexións ecuatoriais e avanza dminuíndo cara aos polos.

O estudo da bioxeografía reflicte que a biodiversidade non están distribuída dunha maneira homoxénea. Varía amplamente entre rexións e latitudes. Algúns dos principais factores que afectan á distribución da biota son a temperatura, a precipitación, as altitudes, a tipoloxía de solos e outros factores xeográficos.[24][25]

Gradientes latitudinais

editar

Polo xeral, existen un aumento na biodiversidade desde os polos cara aos trópicos. Isto é, os ecosistemas dos puntos a menor latitude presentan menos riqueza de especies que os de maior latitude: descende desde os trópicos cara ás rexións polares. A este patrón dáselle o nome de gradientes latitudinais en diversidade. Existen varios factores que contribúen a este gradiente, inda que se entende que a temperatura media é o máis determinante.[26][27][28] Con todo, o gradiente de aumento da biodiversidade dos polos aos trópicos acontece en particular do Ártico ao ecuador, mais non está tan definido no hemisferio sur. No sur dáse un claro patrón de aumento da biodiversidade coa altitude.[29]

A diversidade terrestre está consistentemente máis concentrada nos trópicos e nalgúns casos localizada nalgunha rexión, como o fitocorio da surafricana do Cabo. Os bosques tropicais, como o Parque nacional Yasuní ecuatoriano e que teñen climas húmidos durante máis tempo, teñen unha biodiversidade elevada. [30][31]

Inda que si está claro que exista un patrón de decrecemento latitudinal da biodiversidade terrestre[32] algúns estudos mostran que iso non se cumpre nos ecosistemas acuáticos, en especial nos mariños.[33] A diversidade mariña é maior nas costas que nos océanos abertos, en particular nas rexións de afloramento, e nos sistemas bentónicos que nos sistemas peláxicos. Unha rexións de alta diversidade mariña é o arquipélago indonésico. [29]

Así mesmo, en grupos taxonómicos como os fungos e as bacterias non existen patróns claros de gradientes xeográficos. Para estes si que se observou que existen patróns de variación no solos ligados aos gradientes de altitude, de par cos da flora. A diversidade dos fungos e das bacterias do solo munda de par á flora segundo aumenta a altitude.[34] No caso das comunidades bacterianas descoñecese aínda máis se existe patróns latitudinais xeográficos claros xa que ademais a súa diversidade ten unha alta variacións temporal a curta escala. No caso dos microorganismos mariños peláxicos poderían existir máximos de diversidade nas zonas temperás, e tense suxerido que podería ser algo común na comunidade bacteriana mariña.[35] No caso das especies de parasitos semella non existir ningún tipo de patrón latitudinal.[24]

Puntos quentes

editar

Os "puntos quentes" ou "hotspots" son rexións cunha alta riqueza de especies endémicas e que están cun alto risco de perda de especies, pro procesos como os de degradación de hábitats.[36][37][38][39][40] Os puntos quentes distribúense por todo o planeta, inda que fundamentalmente concéntranse nas áreas de maior biodiversidade terrestre, os trópicos.

Un caso son os bosques atlánticos do Brasil, onde habitan 20 mil especies de plantas, 1350 de vertebrados e millóns de insectos. Moitas destas especies son endemismos ou incluso non están descritas.[41] Outras zonas deste tipo son as illas de Madagascar, a India ou países tropicais como Colombia. Só en Colombia atópase o 10% das especies da terra.[42]

Os bosques secos e caducifolios de Madagascar e as selvas de baixa altitude desta son áreas cunha alta riqueza de endemismos.[43][44] A súa historia de separación da África continental hai 66 millón de anos favoreceu procesos de especiación e formación de ecosistemas diversos.[45] Nas 17 mil illas da indonesia Indonesia habita o 10% da diversidade da flora vascular do planeta, o 12% de mamíferos e o 17% de réptiles e anfibios.[46]

Moitas rexións de alta diversidade ou cantidade de endemismos xurdiron por procesos evolutivos de especialización en hábitats ou procesos evolutivos complexos.

Evolución

editar
Artigo principal: Evolución.
 
Estimación da diversidade de fósiles mariños durante o fanerozoico.[47]

Cronoloxía

editar

A biodiversidade actual é o resultado do proceso de evolución da vida durante 3,5 miles de millóns de anos.[8]

O momento concreto da orixe da vida na Terra aínda non está ben estudada, inda que as evidencias están a mostrar que xa estaba ben asentada tan só tras uns poucos centos de millóns de anos despois da formación do planeta. Ata hai 2,5 miles de millóns de anos os grupos presentes eran formas microorgánicas: arqueas, bacterias e algúns organismos unicelulares de protozoos e protistas. A historia da biodiversidade do fanerozoico, os últimos 540 millóns de anos, comezou co rápido crecemento da explosión cámbrica. Ese foi o momento onde case todos os filos de organismos multicelulares apareceron por primeira vez.[48] Nos seguintes 400 millóns de anos, ou preto destes, a diversidade dos grupos invertebrados mudou menos do que o fixeron os vertebrados, que aumentaron a súa riqueza de xeito exponencial.[23] Este aumento drástico da diversidade sufriu posteriores períodos de perdas masivas de especies: os procesos de extincións masivas.[49] Unha perda importante aconteceu cando os bosques tropicais colapsaron durante o carbonífero.[23]

O proceso de extinción do permiano-triásico, hai 251 millóns de anos, foi o período coñecido de maiores perdas de diversidade. Aos vertebrados levaríalles recuperarse deste período uns 30 millóns de anos.[10]

O rexistro fósil indica que os últimos millóns de anos está a acontecer un fenómeno de perda de biodiversidade aínda maior, e que sería o máis relevante.[23] Porén, a complexidade da cuantificación do proceso de perda de especies e o feito de que as sección xeolóxicas dos últimos períodos teñen fósiles mellor conservados, fai que non exista un consenso científico arredor desta observación.[50] Incluso, algunhas estimacións nas que se aplica unha correccións dos erros de campo conclúen que a diversidade actual non é excesivamente diferente da existente hai 300 millóns de anos atrás.[48] Outros, porén, seguen considerando que o rexistro fósil reflicte correctamente os procesos de diversificación da vida do planeta.[23]

As estimacións da diversidade de especies macroscópicas do planeta están nos 9 millóns de especies, inda que cunha posible variación entre 2 e os 100 millóns de especies, dos cales a meirande parte deles serían artrópodos.[51] A diversidade semella estar en continuo crecemento mesmo cando existen os procesos de redución por selección natural.[52]

A diversificación

editar

Se existe ou non unha capacidade de carga global, ou un número máximo de especies que poden coexistir no planeta, é un debate sen resolver. Esa capacidade de carga suporía que existen un límite máximo de especies habitándoo ao mesmo tempo.

Os rexistros de especies dos océanos apunta a un crecemento loxístico, e na terra (en particular para os insectos, plantas e tetrápodos) a un crecemento exponencial da diversidade.[23] Algúns grupos, como os tetrápodos, incluso poderían continuar a ocupar exponencialmente máis hábitats, que serían adecuados para estes.[23] A diversidade de especies podería ter un crecemento continuo, e ligado á diversidade funcional, despois de extincións masivas.[53]

Os cambios na diversidade ao longo do fanerozoico explícanse mellor por modelos hiperbólicos, e non polos exponenciais ou loxísticos. Iso implica unha relación directa (a máis antecesores, máis descendentes) e unha relación negativa co aumento da limitación de recursos.[54] Procesos como as diferenzas entre a intensidade dos procesos de competividade interespecífica puido ter efectos na re-diversificación de grupos como os amonoideos en comparanza cos bivalvos a finais da extinción do permiano.[54] Ese patrón de crecemento tamén pode estar relacionado co efecto da diversidade sobre do aumento na complexidade da estrutura de comunidades.[55][56]

Con todo, constantemente estanse a descubrir novas especies: entre 5-10 mil novas especies por ano. Moitas destas, inda que se descobren, non son clasificadas. Un caso son os artrópodos, dos cales se estima que preto do 90% están sen clasificar.[51] Estímase que a diversidade terrestre, en particular os trópicos, albergan á meirande parte da biodiversidade coñecida, uns 8,7 millóns de especies, mais existirían cando menos outros 2.1 millóns de especies mariñas.[57] Inda así, todo indica que a subestimación da diversidade da comunidades microbianas, e en particular a súa riqueza mariña, e importante e que a riqueza global podería chegar ao trillón de especies.[58]

Existen un consenso de que desde a aparición dos humanos iniciouse un proceso de extinción masiva, o chamado evento de extinción do Holoceno, que é un resultado do impacto antrópico sobre dos ecosistemas. Algúns autores chegan a afirmar que á taxa actual de extinción podería supoñer unha extinción da vida terrestre en 100 anos.[59]

A riqueza de especies

editar

En 2011 estimouse que a diversidade terrestre estaba arredor dos 8,7 millóns de especies e que a diversidade mariña sería menor, ao estar preto de 2,2 millóns de especies. Con todo, nesas estimacións xa se indicou que eran de maior confianza para os eucariotas que para os procariotas, para os cales serían só un valor mínimo de especies posibles.[3]

Especies
Terra Océanos
Catalogadas Estimadas ±SE Catalogadas Estimadas ±SE
Eucariotas
Animalia 953.434 7.770.000 958.000 171.082 2.150.000 145.000
Chromista 13.033 27.500 30.500 4.859 7.400 9.640
Fungi 43.271 611.000 297.000 1.097 5.320 11.100
Plantae 215.644 298.000 8.200 8.600 16.600 9.130
Protozoa 8.118 36.400 6.690 8.118 36.400 6.690
Total 1.233.500 8.740.000 1.300.000 2.210.000 2.210.000 182.000
Procariotas
Archaea 502 455 160 1 1 0
Bacteria 10.358 9.680 3.470 652 1.320 436
Total 10.860 10.100 3.630 653 1.320 436
Total global 1.244.360 8.750.000 1.300.000 194.409 2.210.000 182.000
Resumo do número especies coñecidas e estimación do total de especies terrestres e mariñas realizado por Mora et al. en 2011.[3]

Con todo, varias estimacións indicaron que inda que a diversidade de especies de microorganismos coñecida é reducida, a súa diversidade real atoparíase preto das 1012 especies.[60][61] De feito, varias campañas de mostraxe trans-oceánicas e de secuenciación revelaron unha riqueza de 44.493 OTUs planctónicas, que sumándolle ás do bentos, chegaron ata as 120.436. Outras campañas similares recolleron 102.360 OTUs de protistas mariños.[62][63][64][65] Estas observacións estarían a mostrar unha diversidade menor que estimada por metodoloxías de estimación, mais aínda así sería unha diversidade elevada.[66]

Ademais da sub-estimación de especies, moitas especies cando se describen atópanse en estados críticos de desaparición. Iso implica que puideran existir especies que se extingan antes de que sexan descritas.[67]

Así mesmo, como se constata cos microorganismos, existen tendencias a subestimar algúns grupos taxonómicos. Un caso é o dos animais, nos cales os seus grupos máis estudados son as aves e os mamíferos. Porén, os peixes e os artrópodos son grupos menos estudados e con menos especies descritas, cando poderían superar en riqueza.[68]

Algunhas compilacións para grupos específicos ou algúns estudos concretos ofrecen os seguintes datos de riqueza de especie:

  • Hai 158.872 especies catalogadas de algas (no sentido amplo do termo).[70][71]
  • Hai entre 10-30 millóns de especies de insectos estimadas e 0,9 millóns catalogadas.[73][74]
  • Hai 458.799 especies mariñas catalogadas, incluíndo virus e especies dos reinos Fungi, Protozoa, Plantae, Chromista, Bacteria e Animalia.[79]
  • Hai 6.590 especies de virus catalogados.[80]

Cuantificación da biodiversidade

editar

A medida directa da biodiversidade é a riqueza de especies dunha comunidade biolóxica ou dunha área ou rexión. A riqueza de especies simplemente cuantifica o número de especies presentes nesa área. Esta medida pode empregar tamén o número de grupos taxonómicos (p.ex. xéneros presentes) ou OTUs en mostras metaxenómicas no canto de "especies".[81][82][83] A cuantificación da diversidade dunha comunidade non equivale á medida de especies nunha área ou volume. Iso é só a densidade de especies. A biodiversidade céntrase nunha comunidade biolóxica de interese e esa pode ocupar diferentes áreas de terreo ou volumes en augas fluviais ou mariñas.[81]

Outras cuantificacións consideran a proporción relativa das abundancias das especies, como son os índices de biodiversidade. Con eles pódese considerar máis diversa unha comunidade cando as abundancias das especies se reparten máis homoxeneamente dentro da comunidade e non se concentran só nunha ou varias especies.[83][82][81]

A cuantificación da biodiversidade pode considerar ademais a distancia taxonómica ou filoxenética entre as especies da comunidade, empregar medidas de diferenciación, ou beta-diversidade, ou a capacidade funcional dos grupos de especies que a compoñen.

Cuantificación da riqueza de especies

editar

Estimación non-paramétrica

editar

Os estimadores non-paramétricos empregan os valores da abundancia de especies raras, ou de pouca abundancia, como un indicativo das especies que non foron atopadas coas mostras recollidas de campo. Ao valor de especies observadas, Sobs, engádenlle unha corrección (C) obtida dun cálculo sobre da proporción de especies de abundancias de entre 1 e n individuos (f1, f2,...,fn), en xeral ata un máximo de f=10 para obter unha estimación de especies (Sest = Sobs + C).[83][82][81]

Os estimadores Jackniffe, Jack1 e Jack2, deseñáronse empregando datos de recaptura de especies na pesca. Logo, empregáronse como estimadores da diversidade real dunha comunidade. Os estimadores como Chao1 deseñáronse como estimadores do mínimo de especies esperables nunha comunidade.[83][82][81]

Curvas de acumulación de especies

editar

As curvas de acumulación de especies representan a relación entre as mostras obtidas ou o número de individuos totais acumulados co número de especies acumulado que se observou nunha mostra. Estas curvas medran rapidamente e antes de chegar a un punto comenzan a medrar lentamente, isto é, aproxímanse "satúranse" ao chegar a unha asíntota. A cuantificación da asíntota da curva de acumulación de especies é un método de cuantificación da riqueza.[83][82][81]

Curvas de rarefaction curves e extrapolación
editar

A rarefacción é un método de interpolación da curva de acumulación de especies esperable para unha comunidade baseándose só no número máximo de mostras ou individuos ou mostras recolectadas e o número de especies observadas. Permite comparar comunidades nas que o esforzo de recollida de mostras é diferente, e permite outras estimacións a partir desa curva.[83][82][81]

O método de rarefacción foi ampliado para ademais extrapolar a curva de acumulación de especies a un valor maior que o número máximos de mostras ou individuos observados no campo.[84][85]

Distribucións de abundancia de especies

editar

As distribucións de abundancia das especies son unha representación das especies ordenadas en función do seu número de individuos (un diagrama de rango-abundancia) representadas como histograma o unha función probabilística. Reflicten sempre que nunha comunidade biolóxica abundan un número reducido de especies e as restantes son raras ou de baixa abundancia.[86][83]

Describíronse múltiples distribucións que se axustan ás observacións de distribución de especies observadas na natureza. Varios casos son a serie xeométrica, a log-series, a log-normal, a brocken-stick, a Zipf-Mandelbrot ou a binomial negativa.[86][83][81]

Algunhas distribucións deseñáronse só baseándose en metodoloxía estatística para explicar datos obtidos de campo (como a log-normal ou a log-series) e outras ligáronse a ou creáronse para explicar patróns observados (como a brocken-stick ou as fraccións aleatorias). A algunhas das primeiras déuselle unha explicación teórica a posteriori (p.ex. a log-series).[86]

As súas funcións permiten probar como se axustan a datos de campo e a continuación, coas súas funcións, obter un valor de riqueza de especies para un valor determinado de individuos.[86][83][82][81]

Índices de diversidade

editar

Os índices de diversidade son unha medición cuantitativa da abundancia relativa entre especies que pretende reflectir as características de distribución destas na comunidade. Pretenden cuantificar riqueza e a dominancia ou paridade existente na mostra.[83] Algúns destes estimadores son os índices de Shannon e Simpson.

Diversidade filoxénica

editar

Os índices de diversidade filoxenética son unha medida do a historia evolutiva entre un grupo de taxons ou especies. Representan a historia evolutiva dun grupo de interese considerando os procesos de cladoxénese e anaxénese, que se tenden que representan a súa diversidade. Empregan cálculos baseados nas sumas das lonxitude das pólas da árbore filoxenética.[87][88]

Diversidade funcional

editar

A diversidade funcional cuantifica os grupos funcionais de especies que existen nunha área ou ecosistema, considerando varios factores que defina un espazo multifuncional baseado en varias compoñentes. Pódese entender tamén como a distribución dos grupos funcionais de especies en área concretas ou ecosistemas. As áreas que definen ese espazo funcional son características, características morfolóxicas (como o tamaño), funcionais (como a capacidades de ocupar hábitats), entre outras, e que definen o rol que realizan as especies. Isto, algúns destes índices son unha aproximación dos nichos de Hutchinson que as especies están a ocupan.[89][90][91]

Escalas da biodiversidade

editar

Cando se cita a que escala se mide a diversidade taxonómica ou filoxenética empréganse os seguintes termos:

  • Diversidade alfa (α-diversidade): a diversidade dunha área concreta, comunidade ou rexión concreta.
  • Diversidade beta (β-diversidade): a diversidade compartida ou que diferencia a varias áreas concretas, comunidades ou rexións.
  • Diversidade gamma (γ-diversidade): é a medición da diversidade total acumulada entre varias áreas, comunidades ou rexións.

Extinción global de especies

editar
Artigo principal: Extinción masiva do Holoceno.

Os rexistros de extincións e as estimacións da perda de especies indican que nos últimos séculos se está a producir unha extinción masiva de especies[92], a cal se coñece como extinción masiva do Holoceno ou do antropoceno. A taxa de perda de especies dalgúns grupos concretos estímase que nos últimos 300 anos foi máis de 100 veces maior do do que se esperaría a partir de estudos de rexistros fósiles.[93] Coñécese ademais que o risco de extinción de especies catalogadas como en perigo aumenta constantemente.[94] A perda e a fragmentación de hábitats son uns dos motivos principais da desaparición de especies.[93] O impacto antrópico é o outro caso máis importante. Está contrastado como foi a perda de especies de aves por mor de accións humanas. Nos últimos séculos o 10% de especies de aves extinguiuse polo impacto antrópico sobre das súas poboacións ou ecosistemas. Nalgunhas áreas do planeta esa taxa chegou ata o 90% da súa diversidade.[93]

Está contrastado que perda de especies afecta directamente ás poboacións de vertebrados, ás aves especializadas en hábitats, a todas as aves limícolas, ás masas forestais, ós mangleirais, ós prados mariños de anxiospermas, e aos corais mariños.[94] En 2019 estimouse que nos trinta anos anteriores perdeuse o 80% da diversidade de insectos, a maioría dos grupos de lepidópteros, himenópteros e coleópteros e os grupos acuáticos. Un 40% das actuais especies estarían en risco de extinción en especial pola agricultura intensiva e a polución de compostos químicos empregados neste sector.[95][96]

En 2014 unha estimación feita pola IUCN cuantificou o estado de 71.576 especies terrestres e fluviais. Concluíu que 860 xa estaban extintas, 4.286 en alto risco de extinción e 21.286 en risco. Nas especies terrestres en perigo a porcentaxe de risco variou do 12% das aves ata o 41% de anfibios e ximnospermas. Nos ecosistemas fluviais iso variou entre o 23% das especies de peixes e mamíferos ao 39% dos réptiles.[97] No caso das especies dos océanos, os rexistros das especies destes ecosistemas é limitado: só se pode avaliar arredor do 2% das especies coñecidas. As estimacións para estas especies mariñas indica que o risco de extinción podería chegar ata o 16%, fundamentalmente pola sobreexplotación da pesca, a perda de hábitats e por efectos do cambio climático actual.[97]

A fragmentación de hábitats a escala global tamén supón un aumento no perigo de extincións. Dous exemplos son a fragmentacións producida pola explotación da masa forestal atlántica, que agora son parches de menos de 0,5 km2, e as presas e as reservas de augas nos ríos de caudal importante.[94]

Ademais, os endemismos concéntranse en especial nuns poucos puntos quentes, que ao mesmo tempo son hábitats en alto risco de desaparición.[93]

Está contrastado que aumenten as extincións polo consumo agregado dos humanos dos recursos do planeta, a deposición de nitróxeno reactivo, as especies introducidas en Europa, a sobreexplotación de peixe para consumo e os efectos do actual cambio climático sobre das poboacións de aves europeas.[94]


Necesidade de conservar a biodiversidade

editar

Aínda que algunhas especies desaparecen por causas naturais, hai un gran número de razóns para evitar a súa desaparición por causas non naturais; entre elas destacan:

  • Razóns éticas. Respectar a diversidade de formas de vida e evitar as accións que poñan en perigo os seres vivos é necesario para preservar os recursos das futuras xeracións.
  • Razóns comerciais. A biodiversidade proporciona recursos que poden chegar a esgotarse. Moitos materiais que necesitamos habitualmente, como a madeira, o papel, os alimentos etc., obtéñense de organismos vivos. Algunhas substancias producidas por seres vivos utilízanse para curar ou previr enfermidades, como os antibióticos obtidos dos fungos. A maior parte dos materiais que utilizamos no vestir teñen unha orixe animal (peles, la etc.) ou vexetal (algodón, liño etc.). Outros materiais, coma o caucho, o aceite, as fibras, o papel e a resina obtidas de especies vexetais son fontes de materia prima para a industria.
  • Razóns estéticas ou recreativas. As plantas e os animais salvaxes son fonte de admiración para moitas persoas, teñen un alto valor estético e son obxecto de lecer. Por outro lado, posibilitan a obtención de ingresos do turismo, a caza controlada, os safaris fotográficos etc.
  • Razóns científicas. Manter a biodiversidade permite coñecer mellor o funcionamento dos ecosistemas e o papel dos distintos seres vivos en cada un deles.
  1. 1,0 1,1 British Ecological Society. "Biodiversity en "Glossary"". 
  2. 2,0 2,1 ESA (1997). "Biodiversity" (PDF). Washington, DC. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Mora, Camilo; Tittensor, Derek P.; Adl, Sina; Simpson, Alastair G. B.; Worm, Boris; Mace, Georgina M. (23 August 2011). "How Many Species Are There on Earth and in the Ocean?". PLOS Biology 9 (8): e1001127. PMC 3160336. PMID 21886479. doi:10.1371/journal.pbio.1001127. 
  4. Kenneth J. Locey, Jay T. Lennon (Maio de 2016). "Scaling laws predict global microbial diversity". Proceedings of the National Academy of Sciences 113 (21): 5970–5975. doi:10.1073/pnas.1521291113. 
  5. Gaston, Kevin J. (11 de maio de 2000). "Global patterns in biodiversity". Nature 405 (6783): 220–227. PMID 10821282. doi:10.1038/35012228. 
  6. Charles Cockell; Christian Koeberl; Iain Gilmour (18 de maio de 2006). Springer Science & Business Media, eds. Biological Processes Associated with Impact Events (1 ed.). pp. 197–219. ISBN 978-3-540-25736-3. 
  7. Bond, David P.G.; Wignall, Paul B. (1 de xuño de 2008). "The role of sea-level change and marine anoxia in the Frasnian–Famennian (Late Devonian) mass extinction". Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology (3–4 ed.) 263: 107–118. doi:10.1016/j.palaeo.2008.02.015. 
  8. 8,0 8,1 Algeo, T. J.; Scheckler, S. E. (1998). "Terrestrial-marine teleconnections in the Devonian: links between the evolution of land plants, weathering processes, and marine anoxic events". Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences (1365 ed.) 353: 113–130. PMC 1692181. doi:10.1098/rstb.1998.0195. 
  9. Sahney, S.; Benton, M.J.; Falcon-Lang, H.J. (2010). "Rainforest collapse triggered Pennsylvanian tetrapod diversification in Euramerica". Geology (12 ed.) 38: 1079–1082. doi:10.1130/G31182.1. 
  10. 10,0 10,1 Sahney, S.; Benton, M.J. (2008). "Recovery from the most profound mass extinction of all time". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences (1636 ed.) 275: 759–765. PMC 2596898. PMID 18198148. doi:10.1098/rspb.2007.1370. 
  11. "Día Internacional de la Diversidad Biológica, 22 de mayo" (en castelán). Consultado o 2022-11-23. 
  12. John W. Humke et. al. (1975). The Nature Conservancy for Nature Conservancy (U.S.A), eds. The Preservation of Natural Diversity: A Survey and Recommendations : Final Report. pp. 1975 – 212. 
  13. Soulé, Michael E.; Wilcox, Bruce A. (1980). Sinauer Associates, eds. Conservation biology: an evolutionary-ecological perspective. Sunder*land, Mass. ISBN 978-0-87893-800-1. 
  14. Wilson, E. O. (1988). National Academy Press, eds. Biodiversity. Washington, D.C. p. vi. ISBN 978-0-309-03739-6. PMID 25032475. doi:10.17226/989. 
  15. Tangley, Laura (1985). "A New Plan to Conserve the Earth's Biota". BioScience (6 ed.) 35: 334–336+341. JSTOR 1309899. doi:10.1093/bioscience/35.6.334. 
  16. Wilson, E.O. (1 de xaneiro de 1988). National Academies, eds. Biodiversity. ISBN 978-0-309-03739-6. Archived from the original on 13 de setembro de 2006. Consultado o 09 de agosto de 2020. 
  17. Cambridge University Press, eds. (1995). Global Biodiversity Assessment: Summary for Policy-makers. ISBN 978-0-521-56481-6. Annex 6, Glossary 
  18. Walker, Brian H. (1992). "Biodiversity and Ecological Redundancy". Conservation Biology (en inglés) (1 ed.) 6: 18–23. ISSN 1523-1739. doi:10.1046/j.1523-1739.1992.610018.x. 
  19. 19,0 19,1 Wilcox, Bruce A. (1984). J.A. McNeely e K.R. Miller, Smithsonian Institution Press, eds. "In situ conservation of genetic resources: determinants of minimum area requirements". In National Parks, Conservation and Development, Proceedings of the World Congress on National Parks: 18–30. 
  20. 20,0 20,1 D. L. Hawksworth (1996). Springer, eds. Biodiversity: measurement and estimation. Philosophical Transactions of the Royal Society of London. Series B, Biological Sciences 345 (1311 ed.). p. 6. ISBN 978-0-412-75220-9. PMID 7972355. doi:10.1098/rstb.1994.0081. 
  21. Gaston; Spicer, John I. (13 de febreiro de 2004). Wiley, eds. Biodiversity: An Introduction. ISBN 978-1-4051-1857-6. 
  22. Tor-Björn Larsson (2001). Wiley-Blackwell, ed. Biodiversity evaluation tools for European forests. p. 178. ISBN 978-87-16-16434-6. 
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 23,6 23,7 Sahney, S.; Benton, M.J.; Ferry, P. (2010). "Links between global taxonomic diversity, ecological diversity and the expansion of vertebrates on land". Biology Letters (4 ed.) 6: 544–547. PMC 2936204. PMID 20106856. doi:10.1098/rsbl.2009.1024. 
  24. 24,0 24,1 Morand, Serge; Krasnov, Boris R. (1 de septembro de 2010). Oxford University Press, eds. The Biogeography of Host-Parasite Interactions. pp. 93–94. ISBN 978-0-19-956135-3. 
  25. Cardinale, Bradley. J.; et al. (Marzo de 2011). "The functional role of producer diversity in ecosystems". American Journal of Botany (3 ed.) 98: 572–592. PMID 21613148. doi:10.3732/ajb.1000364. hdl:2027.42/141994. 
  26. Mora C & Robertson DR (2005). "Causes of latitudinal gradients in species richness: a test with fishes of the Tropical Eastern Pacific" (PDF). Ecology 86 (7): 1771–1792. doi:10.1890/04-0883. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 15 de agosto de 2020. 
  27. Currie, D. J.; Mittelbach, G. G.; Cornell, H. V.; Kaufman, D. M.; Kerr, J. T.; Oberdorff, T. (2004). "A critical review of species-energy theory". Ecology Letters 7 (12): 1121–1134. doi:10.1111/j.1461-0248.2004.00671.x. 
  28. Allen A. P.; Gillooly J. F.; Savage V. M.; Brown J. H. (2006). "Kinetic effects of temperature on rates of genetic divergence and speciation". PNAS 103 (24): 9130–9135. Bibcode:2006PNAS..103.9130A. PMC 1474011. PMID 16754845. doi:10.1073/pnas.0603587103. 
  29. 29,0 29,1 John S. Gray (1997). "Marine biodiversity: patterns, threats and conservation needs". Biodiversity & Conservation 6: 153–175. doi:10.1023/A:101833590184. 
  30. Dot Earth blog, New York Times, ed. (20 de xaneiro de 2010). "A Durable Yet Vulnerable Eden in Amazonia". 
  31. Margot S. Bass; Matt Finer; Clinton N. Jenkins; Holger Kreft; Diego F. Cisneros-Heredia; Shawn F. McCracken; Nigel C. A. Pitman; Peter H. English; Kelly Swing; Gorky Villa; Anthony Di Fiore; Christian C. Voigt; Thomas H. Kunz (2010). "Global Conservation Significance of Ecuador's Yasuní National Park". PLOS ONE (1 ed.) 5: e8767. Bibcode:2010PLoSO...5.8767B. PMC 2808245. PMID 20098736. doi:10.1371/journal.pone.0008767. 
  32. Hillebrand H (2004). "On the generality of the latitudinal diversity gradient" (PDF). The American Naturalist 163 (2): 192–211. PMID 14970922. doi:10.1086/381004. 
  33. Karakassis, Ioannis; Moustakas, Aristides (September 2005). "How diverse is aquatic biodiversity research?". Aquatic Ecology 39 (3): 367–375. doi:10.1007/s10452-005-6041-y. 
  34. Nottingham, A.T., Fierer, N., Turner, B.L., Whitaker, J., Ostle, N.J., McNamara, N.P., Bardgett, R.D., Leff, J.W., Salinas, N., Silman, M.R., Kruuk, L.E.B. and Meir, P. (2018 1). "Microbes follow Humboldt: temperature drives plant and soil microbial diversity patterns from the Amazon to the Andes". Ecology 99: 2455–2466. doi:10.1002/ecy.2482. 
  35. Ladau, J., Sharpton, T., Finucane, M. et al. (2013). "Global marine bacterial diversity peaks at high latitudes in winter". ISME 7: 1669–1677. doi:10.1038/ismej.2013.37. 
  36. Biodiversity A-Z. "Biodiversity Hotspots". 
  37. Myers N (1988). "Threatened biotas: 'hot spots' in tropical forests". Environmentalist (3 ed.) 8: 187–208. PMID 12322582. doi:10.1007/BF02240252. 
  38. Myers N (1990). "The biodiversity challenge: expanded hot-spots analysis" (PDF). Environmentalist (4 ed.) 10: 243–256. PMID 12322583. doi:10.1007/BF02239720. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de setembro de 2022. Consultado o 15 de agosto de 2020. 
  39. Tittensor D.; et al. (2011). "Global patterns and predictors of marine biodiversity across taxa" (PDF). Nature (7310 ed.) 466: 1098–1101. Bibcode:2010Natur.466.1098T. PMID 20668450. doi:10.1038/nature09329. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de agosto de 2021. Consultado o 15 de agosto de 2020. 
  40. McKee, Jeffrey K. (Decembro de 2004). Rutgers University Press, eds. Sparing Nature: The Conflict Between Human Population Growth and Earth's Biodiversity. p. 108. ISBN 978-0-8135-3558-6. 
  41. Galindo-Leal, Carlos (2003). Island Press, eds. The Atlantic Forest of South America: Biodiversity Status, Threats, and Outlook. Washington. p. 35. ISBN 978-1-55963-988-0. 
  42. Alexander von Humboldt Institute for Research on Biological Resources (eds.). "Colombia in the World". Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 15 de agosto de 2020. 
  43. godfrey, laurie. "isolation and biodiversity". pbs.org. 
  44. Harrison, Susan P. (15/03/2013). "Plant Endemism in California". Plant and Animal Endemism in California (University of California Press): 43–76. ISBN 978-0-520-27554-6. 
  45. "Madagascar – A World Apart: Eden Evolution". www.pbs.org. 
  46. Normile, Dennis (10 de setembro de 2010). "Saving Forests to Save Biodiversity". Science (5997 ed.) 329: 1278–1280. Bibcode:2010Sci...329.1278N. PMID 20829464. doi:10.1126/science.329.5997.1278. 
  47. Bjerrum, C.; Rosing, M.; Bird, D.; Sleep, N. (2010). "No climate paradox under the faint early Sun". Nature (7289 ed.) 464: 744–747. Bibcode:2010Natur.464..744R. PMID 20360739. doi:10.1038/nature08955. 
  48. 48,0 48,1 Alroy, J; Marshall, CR; Bambach, RK; Bezusko, K; Foote, M; Fursich, FT; Hansen, TA; Holland, SM; et al. (2001). "Effects of sampling standardization on estimates of Phanerozoic marine diversification". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America (11 ed.) 98: 6261–6266. Bibcode:2001PNAS...98.6261A. PMC 33456. PMID 11353852. doi:10.1073/pnas.111144698. 
  49. Sahney, S.; Benton, M.J.; Falcon-Lang, H.J. (2010). "Rainforest collapse triggered Pennsylvanian tetrapod diversification in Euramerica". Geology (12 ed.) 38: 1079–1082. Bibcode:2010Geo....38.1079S. doi:10.1130/G31182.1. 
  50. Schopf, J. William; Kudryavtsev, Anatoliy B.; Czaja, Andrew D.; Tripathi, Abhishek B. (2007). "Evidence of Archean life: Stromatolites and microfossils". Precambrian Research. Earliest Evidence of Life on Earth (3–4 ed.) 158: 141–155. Bibcode:2007PreR..158..141S. doi:10.1016/j.precamres.2007.04.009. 
  51. 51,0 51,1 "Mapping the web of life". Unep.org. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2010. Consultado o 09 de agosto de 2020. 
  52. Okasha, S. (2010). "Does diversity always grow?". Nature (7304 ed.) 466: 318. Bibcode:2010Natur.466..318O. doi:10.1038/466318a. 
  53. Knope, M., Heim, N., Frishkoff, L. et al. (2015). "Limited role of functional differentiation in early diversification of animals.". Nature Communication 6: 6455. doi:10.1038/ncomms7455. 
  54. 54,0 54,1 Hautmann, Michael; Bagherpour, Borhan; Brosse, Morgane; Frisk, Åsa; Hofmann, Richard; Baud, Aymon; Nützel, Alexander; Goudemand, Nicolas; Bucher, Hugo; Brayard, Arnaud (2015). "Competition in slow motion: the unusual case of benthic marine communities in the wake of the end-Permian mass extinction". Palaeontology (5 ed.) 58: 871–901. doi:10.1111/pala.12186. 
  55. Markov, AV; Korotaev, AV (2008). "Hyperbolic growth of marine and continental biodiversity through the phanerozoic and community evolution". Journal of General Biology (3 ed.) 69: 175–194. PMID 18677962. 
  56. Markov, A; Korotayev, A (2007). "Phanerozoic marine biodiversity follows a hyperbolic trend". Palaeoworld (4 ed.) 16: 311–318. doi:10.1016/j.palwor.2007.01.002. 
  57. Mora C, Tittensor DP, Adl S, Simpson AGB, Worm B (2011). "How Many Species Are There on Earth and in the Ocean?.". PLOS Biology 9 (8). doi:10.1371/journal.pbio.1001127. 
  58. Kenneth J. Locey, Jay T. Lennon (May 2016). "Scaling laws predict global microbial diversity". Proceedings of the National Academy of Sciences 113 (21): 5970–5975. doi:10.1073/pnas.1521291113. 
  59. Wilson, Edward O. (1 de xaneiro de 2002). Alfred A. Knopf, eds. The Future of Life. ISBN 978-0-679-45078-8. 
  60. Carlos Pedrós-Alió (2006). "Marine microbial diversity: can it be determined?". Trends in Microbiology 14 (6): 257–263. ISSN 0966-842X. doi:10.1016/j.tim.2006.04.007. 
  61. Carlos Pedrós-Alió; Susanna Manrubia (Xuño de 2016). "Unknown microbial diversity". Proceedings of the National Academy of Sciences 113 (24): 6585–6587. doi:10.1073/pnas.1606105113. 
  62. Estimación da riqueza a partir de OTUS obtidas con técnicas HTS e excluíndo OTUs con frecuencia dunha soa cadea.
  63. Gasol, J.M; Kirchman, D.L (Marzo de 2018). Wiley-Blackwell, eds. Microbial Ecology of the Oceans. p. 528. ISBN 978-1-119-10718-7. 
  64. De Vargas, Colomban; Audic, Stephane; Tara Oceans Consortium, Coordinators; Tara Oceans Expedition, Participants (2017). "Total V9 rDNA information organized at the metabarcode level for the Tara Oceans Expedition (2009-2012)". PANGAEA. doi:10.1594/PANGAEA.873277. 
  65. Zinger L; Amaral-Zettler LA; Fuhrman JA; Horner-Devine MC; Huse SM; Mark Welch, DB; Martiny, JBH; Sogin, M; Boetius, A; Ramette, A; et al. (2011). "Global Patterns of Bacterial Beta-Diversity in Seafloor and Seawater Ecosystems". PLOS ONE 6 (9). doi:10.1371/journal.pone.0024570. 
  66. Louca S, Mazel F, Doebeli M, Parfrey LW. (2019). "A census-based estimate of Earth's bacterial and archaeal diversity.". PLoS Biol. 17 (2). doi:10.1371/journal.pbio.3000106. 
  67. Alexander C. Lees, Stuart L. Pimm (2015). "Species, extinct before we know them?". Current Biology 25 (5): R177–R180. ISSN 0960-9822. doi:10.1016/j.cub.2014.12.017. 
  68. Bautista, Luis M.; Pantoja, Juan Carlos (2005). British Ecological Society, ed. "hat species should we study next? Bulletin of the British Ecological Society". Bulletin of the British Ecological Society 36 (4): 27–28. 
  69. "The Plant List - a working list of all plantas". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2019. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  70. Algas no sentido amplo do termo de organismos uni ou multicelulares "fotosintetizadores osixénicos e excluíndo a plantas terrestres embriófitas".
  71. Guiry, M.D. & Guiry, G.M. National University of Ireland, eds. "AlgaeBase. World-wide electronic publication". Galway. 
  72. "MYCOBANK Database: Fungal Databases, Nomenclature & Species Banks". 
  73. "Numbers of Insects (Species and Individuals)". Smithsonian Institution. 
  74. Galus, Christine (5 de marzo de 2007). "Protection de la biodiversité : un inventaire difficile". Le Monde (en French). 
  75. Insects.ummz.lsa.umich.edu, eds. (10 de novembro de 2003). "Acari at University of Michigan Museum of Zoology Web Page". 
  76. "Amphibian Species of the World 6.0, an Online Reference". 
  77. "The Reptil database". 
  78. "FishBase". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2021. Consultado o 11 de agosto de 2020. 
  79. "WoRMS: World Register of Marine Species". 
  80. "International Committee on Taxonomy of Viruses (ICTV)". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2020. Consultado o 15 de maio de 2018. 
  81. 81,0 81,1 81,2 81,3 81,4 81,5 81,6 81,7 81,8 Magurran, Anne E. (Abril de 2013). Wiley-Blackwell, eds. Measuring Biological Diversity. p. 264. ISBN 978-1-118-68792-5. 
  82. 82,0 82,1 82,2 82,3 82,4 82,5 82,6 Magurran, Anne E. e McGill, Brian J. (7 de xaneiro de 2011). Oxford University Press, eds. Biological Diversity: Frontiers in Measurement and Assessment. p. 345. ISBN 0199580677. 
  83. 83,00 83,01 83,02 83,03 83,04 83,05 83,06 83,07 83,08 83,09 Anne E. Magurran e Brian J. McGill, eds. (2011). "Chapter 4. Estimating species richness (Nicholas J. Gotelli e Robert K. Colwell)". Biological diversity : frontiers in measurement and assessment. Oxford University Press. ISBN 9780199580675. 
  84. Chao, A., Gotelli, N.J., Hsieh, T.C., Sander, E.L., Ma, K.H., Colwell, R.K. & Ellison, A.M. (2014). Rarefaction and extrapolation with Hill numbers: a framework for sampling and estimation in species diversity studies. Ecological Monographs. pp. 45–67. doi:10.1890/13-0133.1. 
  85. Chao, A. & Jost, L. (2012). "Coverage‐based rarefaction and extrapolation: standardizing samples by completeness rather than size". Ecology (93): 2533–2547. doi:10.1890/11-1952.1. 
  86. 86,0 86,1 86,2 86,3 McGill, B.J., Etienne, R.S., Gray, J.S., Alonso, D., Anderson, M.J., Benecha, H.K., Dornelas, M., Enquist, B.J., Green, J.L., He, F., Hurlbert, A.H., Magurran, A.E., Marquet, P.A., Maurer, B.A., Ostling, A., Soykan, C.U., Ugland, K.I. and White, E.P. (2007). "Species abundance distributions: moving beyond single prediction theories to integration within an ecological framework". Ecology Letters (10): 995–1015. doi:10.1111/j.1461-0248.2007.01094.x. 
  87. Faith D.P. (2016). "The PD Phylogenetic Diversity Framework: Linking Evolutionary History to Feature Diversity for Biodiversity Conservation.". En Springer, Cham. In: Pellens R., Grandcolas P. (eds) Biodiversity Conservation and Phylogenetic Systematics. Topics in Biodiversity and Conservation 14. doi:10.1007/978-3-319-22461-9_3. 
  88. Davies TJ, Buckley LB. (2011). "Phylogenetic diversity as a window into the evolutionary and biogeographic histories of present-day richness gradients for mammals". Philos Trans R Soc Lond B Biol Sci. 366 (1576): 2414–2425. doi:10.1098/rstb.2011.0058. 
  89. Mouchet, M.A., Villéger, S., Mason, N.W.H. and Mouillot, D. (2010). "Functional diversity measures: an overview of their redundancy and their ability to discriminate community assembly rules.". Functional Ecology (24): 867–876. doi:10.1111/j.1365-2435.2010.01695.x. 
  90. Villéger, S. & Mouillot, D. (2008). "Additive partitioning of diversity including species differences: a comment on Hardy & Senterre (2007)". Journal of Ecology (96): 845–848. doi:10.1111/j.1365-2745.2007.01351.x. 
  91. Rosenfeld, J.S. (2002). "Functional redundancy in ecology and conservation". Oikos (98): 156–162. doi:10.1034/j.1600-0706.2002.980116.x. 
  92. Gerardo Ceballos, Paul R. Ehrlich, Anthony D. Barnosky, Andrés García, Robert M. Pringle, Todd M. Palmer (19 de xuño de 2015). "Accelerated modern human–induced species losses: Entering the sixth mass extinction". Science Advances 1 (5, e1400253). doi:10.1126/sciadv.1400253. 
  93. 93,0 93,1 93,2 93,3 Dirzo, Rodolfo e Raven, Peter H. (2003). "Global State of Biodiversity and Loss". Annual Review of Environment and Resources 28 (1): 137–167. doi:10.1146/annurev.energy.28.050302.105532. 
  94. 94,0 94,1 94,2 94,3 Stuart H. M. Butchart, Matt Walpole, Ben Collen, Arco van Strien, Jörn P. W. Scharlemann, Rosamunde E. A. Almond, Jonathan E. M. Baillie, Bastian Bomhard, Claire Brown, John Bruno, Kent E. Carpenter, Geneviève M. Carr, Janice Chanson, Anna M. Chenery, Jorge Csirke, Nick C. Davidson, Frank Dentener, Matt Foster, Alessandro Galli, James N. Galloway, Piero Genovesi, Richard D. Gregory, Marc Hockings, Valerie Kapos, Jean-Francois Lamarque, Fiona Leverington, Jonathan Loh, Melodie A. McGeoch, Louise McRae, Anahit Minasyan, Monica Hernández Morcillo, Thomasina E. E. Oldfield, Daniel Pauly, Suhel Quader, Carmen Revenga, John R. Sauer, Benjamin Skolnik, Dian Spear, Damon Stanwell-Smith, Simon N. Stuart, Andy Symes, Megan Tierney, Tristan D. Tyrrell, Jean-Christophe Vié, Reg Watson (2010). American Association for the Advancement of Science, eds. "Global Biodiversity: Indicators of Recent Declines". Science 328 (5982): 1164–1168. ISSN 0036-8075. doi:10.1126/science.1187512. 
  95. Clemente Álvarez. "Dicen que exageramos, pero si hemos perdido el 80% de los insectos, la palabra es 'catastrófico'". eldiario.es (en castelán). Consultado o 22/08/2019. 
  96. Sánchez-Bayoa, F. e Wyckhuysbcd, Kris A.G. (April 2019). "Worldwide decline of the entomofauna: A review of its drivers". Biological Conservation 232: 8–27. doi:10.1016/j.biocon.2019.01.020. 
  97. 97,0 97,1 "The biodiversity of species and their rates of extinction, distribution, and protection". Science 344 (6187). Maio de 2014. doi:10.1126/science.1246752.