Bosque temperado caducifolio

bioma

Un bosque caducifolio[1] ou foresta caducifolia é un tipo de bosque tépedo que pode atoparse en gran parte de Europa, na zona leste e oeste dos Estados Unidos, así coma no Canadá, en Chile, na China, no Xapón, na Corea e na Rusia europea.[2] Este tipo de bosque componse de árbores caducifolias que perden as follas todos os anos pola tempada invernal fría e seca e renóvanse para a tempada cálida e chuviosa propia do clima continental húmido, como é o caso dos bosques de carballospradairos, faias e ulmeiros. Forma parte do bioma denominado bosque temperado de frondosas.

Bosque caducifolio checo polo inverno.

Pola contra, na Europa Occidental o bosque caducifolio é a biocenose propia do clima marítimo, onde se encadraría a vexetación propia de Galiza. Predominan as especies que perden a folla polo outono e o inverno. Atópase entre os 35° e os 55° de latitude nas fachadas occidentais, e nas fachadas orientais atópase entre 35° e os 45°. Ten un réxime térmico moderado, con temperaturas medias mensuais sempre por riba dos 0 °C, e un réxime pluviométrico abundante e ben distribuído ao longo do ano, no que non adoita haber aridez en ningún mes (agás a seca estival propia do sur de Galiza), co que a humidade para as plantas está garantida. De feito, as plantas teñen que facer fronte ao fenómeno contrario: un exceso de auga que chega ao chan e o solo non é quen de absorber e chega a alagar as zonas baixas. Presenta catro estacións ben definidas: primavera, verán, outono e inverno, cunha actividade biolóxica diferenciada en cada unha delas.  O claro exemplo destas formación é a fraga. Tamén estarían neste grupo as carballeiras,soutos, faiais, formacións de pradairos, ulmeiros e bosques de ribeira (amieirais).  

Plantas e as súas adaptacións editar

As plantas deste bioma deben estar moi ben adaptadas para sobrevivir nestas condicións. Por exemplo, árbores como as faias (Fagus), o abeto branco ou o ulmeiro teñen follas que absorben auga e radiación solar. As pólas das árbores fan algo máis que prover de sombra a outras criaturas deste bioma, xa que tamén fornecen os nutrientes necesarios para que a árbore poida prosperar. Outro exemplo de adaptación destas árbores é o feito de que as súas follas muden no inverno. Tras dita muda, as árbores quedan sen xeito de transpirar, co que son capaces de reter auga para subsistir todo o inverno.

Acción antrópica editar

O ser humano ten colonizado en numerosas ocasiones áreas pertencentes a este tipo de bosque. Tamén utilizou estes bosques para a obtención de madeira. Como resultado, quedan menos dunha cuarta parte dos bosques caducifolios orixinais no mundo.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Nome galego do tipo de bosque en Vocabulario forestal, VV. AA. (2012), Santiago de Compostela, Universidade / Deputación de Lugo
  2. Pierre George 1991, Estisilva Diccionario Akal de Geografía

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar