Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra

entidade financeira galega

A Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra foi unha entidade financeira dependente da Deputación de Pontevedra, existente entre 1930 e 2000.

Sede da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra en Campolongo, actual sede de Afundación en Pontevedra.

HistoriaEditar

Constituíuse o 12 de xaneiro de 1930, sendo o seu primeiro presidente Daniel de la Sota e o seu primeiro director Alexandre Bóveda. Tras o cesamento de Daniel de la Sota como presidente da Deputación, ocupou o cargo o militar Manuel Casas Medrano, quen quixo pechar a entidade, e Alexandre Bóveda dimitiu do cargo. Nos anos da Segunda República Española comeza a súa expansión polo norte da provincia, con axencias en diversas vilas. A comezos de 1938 levouse a cabo unha depuración do persoal, en cumprimento das disposicións da Junta de Defensa Nacional.

Entre 1940 e 1960 as caixas de aforros viviron un período de expansión en toda España, ao abeiro das reformas lexislativas. Por entón ábrense as primeiras sucursais en Ponte Caldelas, Tomiño e Caldas de Reis. Nesa etapa en que hai enfrontamentos coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo por ocuparen diferentes espazos, situación na que media o Ministerio de Traballo.

En 1944 a entidade adquire un soar en Campolongo onde constrúe a súa sede, elaborada polo arquitecto Emilio Losada Quiroga. O edificio ampliouse na década de 1950, co deseño de Robustiano Fernández Cochón. O edificio foi de novo ampliado entre 1971 e 1973, coa construción dun auditorio e diversas oficinas, que acolleron durante un tempo as aulas da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

Participou no financiamento de obras públicas na cidade de Pontevedra, como o Estadio da Xuventude (actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva) ou o Estadio de Pasarón, así como a construción de diversas vivendas sociais. En 1965 construíu a residencia de estudantes Virxe Peregrina, en orixe destinada a Colexio Menor, destinada a alumnado de Bacharelato, Maxisterio e Mestría Industrial. Dentro da obra social, a entidade patrocinou equipos deportivos como o Pontevedra CF ou a SD Teucro.

En 1980 constituíu o Premio Julio Camba de Periodismo. En 1977 comezaron diversas conversas para crear unha gran caixa de aforros galega. Leváronse a cabo negociacións con Caixa Galicia, resultado da fusión das Caixas de Aforros da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol, mais a negativa da Caixa de Aforros de Vigo botaron atrás o proxecto conxunto. Ante esta diatriba, na década de 1980 levou a cabo unha fase de expansión coa apertura de sucursais en diversas vilas galegas e mesmo en Madrid.

En 1990 comezan diversas colaboracións coas Caixa de Aforros de Vigo e Ourense, que culminan no ano 2000 coa fusión e a creación da entidade privada Caixanova. A parte de accións que lle corresponderon na nova caixa foi do 24 %. Á súa vez Caixanova fusionouse en 2010 con Gaixa Galicia, e o proceso culminou na entidade Abanca.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • López Torre, R. (2000). La Caja de Pontevedra. 1930/2000. Caja de Pontevedra.