Praza de San Xosé

praza en Pontevedra

Coordenadas: 42°25′46″N 8°38′45″O / 42.429444444444, -8.6458611111111

A Praza de San Xosé é unha praza do século XIX situada no centro da cidade de Pontevedra, no ensanche, preto do barrio de Campolongo.

Praza de San Xosé
Monumento á tertulia no centro da praza
Tipoloxíapraza
Dimensións
Lonxitude43 m
Largura26 m
Área715 m2
Localización
LocalidadePontevedra
Código postal36001
Construción
Comezoséculo XIX

Orixe do nome editar

A praza debe o seu nome á demolida capela de San Xosé, situada no lado sueste da praza.[1]

Historia editar

A praza xurdiu dun encontro de vías de comunicación a finais do século XIX na confluencia das rúas Marqués de Riestra, Oliva e Augusto González Besada. Está situada no antigo Campo de San Xosé ao que daba nome a desaparecida capela,[2] que estaba no soar que na actualidade ocupa o edificio da Caixa de Pontevedra. Na primeira metade do século XIX no Campo de San Xosé había unha carballeira que formaba rúas baixo a sombra da cal se celebraba unha feira de gando (vacún, porcino, cabalar e lanar) os días primeiro e quince de cada mes.[3]

A capela barroca de San Xosé foi construída en 1712. Era unha edificación de tamaño medio en cuxa fachada destacaba a imaxe de San Xosé situado nun nicho na parte superior dun frontón circular por riba do cal se situaban os escudos de armas dos Gago e os Montenegro, entre outros. Atribúese a súa construción a Pablo Payo Gago de Mendoza e Sotomayor. Nela celebráronse importantes vodas e funerais e foi derrubada a principios dos anos 1940 por estorbar na urbanización do centro da cidade.[1][4]

Na praza estaba tamén o pazo barroco dos Gago de Mendoza e dos Montenegro, con orixe no século XV.[1] O pazo estaba no lado norte da praza, e o seu centro situábase no soar ocupado actualmente polo café Moderno.[5] Del queda parte da estrutura situada á esquerda da casa-pazo no arranque da rúa Oliva. Na década dos anos 1980 déronlle un andar novo e trasladaron as ameas orixinais á parte superior. Tiña unha torre central de tres andares e dúas ás laterais de dous andares con ameas apuntadas no centro das cuais se atopaban estrelas de seis puntas inscritas nun círculo. O espazo que hoxe é a praza funcionou hai séculos como praza de armas do pazo. Nel naceron os tres irmáns Gago de Mendoza, mariños distinguidos.[6]

O 12 de abril de 1888 inaugurouse o Hotel Méndez Núñez (demolido nos anos 1980) no lado oeste da praza. Contaba con restaurante e sala de reunións. Ao pechar converteuse en central de autobuses de liña.[7] O hotel naceu no primeiro auxe hostaleiro que atraeu a chegada do ferrocarril á praza da Estación, situada moi preto.[8] En 1932 a redacción da revista literaria Cristal estaba situada no faiado do hotel e foi visitada por Federico García Lorca. [9]

En 1902, finalizouse o edificio do Café Moderno mandado construír por Bernardo Martínez Bautista, emigrante que se fixo rico en Cuba, no soar do antigo pazo dos Gago de Mendoza e dos Montenegro. En 1903 inaugurouse nos seus baixos o Café Moderno cun ambiente distinguido, punto de reunión de faladoiros e proxeccións cinematográficas, e realizouse o empedrado da praza polo mestre de obras Sr. Miranda.[1] A praza, moi transitada, serviu en 1904 como escenario para unha sesión de cinematógrafo coa película Alí Baba.[1] Nas primeiras décadas do século XX tiña un quiosco no seu centro e converteuse en epicentro cultural e lugar de encontro dos intelectuais galegos.[10]

En decembro de 1943 aprobouse a reforma da pavimentación e das beirarrúas da praza así como da rede de sumidoiros.[1] En 1944 a Caixa de Aforros de Pontevedra adquiriu un edificio en construción no soar da antiga capela de San Xosé para a súa sede provincial e inaugurou o novo edificio en 1948.[11]

A praza denominouse praza de San Xosé ata 1931 en que pasou a denominarse praza de Pablo Iglesias. O 28 de decembro de 1936 retómase a denominación de praza de San Xosé,[12] pasando a denominarse na democracia praza de Calvo Sotelo antes de retomar a súa denominación tradicional de praza de San Xosé o 25 de abril de 1996.

A praza foi remodelada completamente en 2001 e converteuse nun espazo case peonil.[13][14]

En 2006 instalouse no centro da praza o Monumento á tertulia,[15] que rende homenaxe aos intelectuais galegos relacionados co Café Moderno nas primeiras décadas do século XX. [16]

Descrición editar

A praza ten unha forma triangular irregular e nela conflúen as cinco rúas Marqués de Riestra, Oliva, Rosalía de Castro, San Xosé e Augusto García Besada. É un dos puntos neurálxicos do ensanche da cidade.

A praza está pavimentada con lousas alternando as cores gris e sepia[17] e é semipeonil, tendo un só carril de circulación na súa parte norte que canaliza o tráfico desde a rúa Marqués de Riestra cara á rúa Augusto González Besada.[18][13][14] Está arborizada con magnolias de Soulange e maceiras.[19]

A praza está dominada no lado norte polo edificio do Café Moderno, e no lado sueste polo edificio da Caixa de Pontevedra. No medio da praza sobre unha base de granito negro pulido sitúase o Monumento á tertulia realizado en 2006 polo escultor César Lombera para conmemorar os faladoiros que realizaban aquí os intelectuais galegos.[20] Enriba do edificio da Caixa de Aforros de Pontevedra dominando a praza atópase a estatua de Teucro, mítico fundador da cidade, realizada tamén en 2006 polo escultor Cándido Pazos.[21]

Edificios destacados editar

No lado noroeste da praza atópanse os restos do pazo barroco dos Gago de Mendoza e dos Montenegro que na actualidade consta de dous andares. Destacan na parte superior as súas ameas apuntadas adornadas no centro con estrelas de seis puntas inscritas nun círculo.[22]

No lado norte da praza e contiguo ao antigo pazo dos Gago de Mendoza está o edificio do Café Moderno, con fachada de pedra de estilo ecléctico e co interior modernista máis importante da cidade. Ten tres plantas, albergando no baixo o Café Moderno. Na fachada destacan as galerías de ferro forxado e un tratamento xeométrico de elementos ornamentais.[23]

No lado sueste da praza atópase o Edificio central da Caixa de Pontevedra. É un edificio nobre de pedra con catro andares e unha planta baixa. O gran vestíbulo ao que se accede desde a entrada principal conecta as diferentes salas.[24]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "La desconocida capilla de San José". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de marzo de 2021. 
  2. "50 años de San José y la Virgen del Camino". Faro (en castelán). 27 de marzo de 2011. 
  3. González Zúñiga 1848, p. 6
  4. El Correo Gallego 1940, p. 2
  5. "Piden el inventariado de cuatro construcciones nobiliarias". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de novembro de 2004. 
  6. Fontoira Surís 2009, p. 342
  7. "El ferrocarril, la Estación Vieja y los hoteles de antaño". Pontevedra Viva (en castelán). 23 de decembro de 2016. 
  8. "El Méndez Núñez y el Calixto, pioneros en la publicación". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2013. 
  9. "Las dos visitas de García Lorca". Faro (en castelán). 18 de novembro de 2012. 
  10. Aganzo 2010, p. 98-99
  11. "La sede que la Caja no inauguró nunca". Faro (en castelán). 3 de marzo de 2013. 
  12. "Praza de San Xosé, el lugar emblemático de los intelectuales gallegos". Diario de Pontevedra (en castelán). 21 de maio de 2023. 
  13. 13,0 13,1 "Agua pulverizada para San José". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de xaneiro de 2002. 
  14. 14,0 14,1 "Lo peor está por venir". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2001. 
  15. Aganzo 2010, p. 99
  16. Riveiro Tobío 2008, p. 51-52
  17. "Las obras de la calle Salvador Moreno llevan paradas una semana". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xullo de 2001. 
  18. "La peatonalización de Salvador Moreno se amplía desde San José a Reina Victoria". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de abril de 2001. 
  19. "Nuevos árboles en A Verdura". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2001. 
  20. "César Lombera recreará en San José una tertulia con seis intelectuales". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de outubro de 2005. 
  21. "Teucro ya pisa el reloj". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2006. 
  22. Fontoira Surís 2009, p. 342
  23. "Ocho cafés históricos de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de agosto de 2018. 
  24. "Una nueva forma de actuar". El Correo Gallego (en castelán). 22 de xullo de 2006. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar