Rúa da Oliva (Pontevedra)

rúa en Pontevedra

Coordenadas: 42°25′48″N 8°38′42″O / 42.430111111111, -8.6450555555556

A rúa da Oliva é unha rúa de Pontevedra situada no centro da cidade, na beira do centro histórico. É unha das principais rúas pontevedresas e das máis comerciais.[1][2]

Rúa da Oliva
Rúa da Oliva á noite
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,17 km
Formatopeonil (primeiro tramo), un carril e dúas beirrarúas (segundo tramo)
Localización
InicioPraza da Peregrina
FinPraza de San Xosé, Rúa Marqués de Riestra

Orixe do nome editar

A rúa denomínase da Oliva pola presenza dunha oliveira no lugar nos orixes da rúa.[3][4]

Historia editar

Despois de ser designada capital provincial en 1833, a mediados do século XIX melloráronse as conexións xerais de Pontevedra con outras poboacións de Galicia e entre 1847 e 1851 trazouse a rúa da Oliva e a actual rúa Rosalía de Castro cuxa prolongación como estrada comunicaba a cidade con Marín a través de Mollavao.[5][6]

O proxecto de 1854 xa recollía como tradicional o nome de rúa da Oliva.[3] Os comerciantes empezaron a instalarse pronto na rúa e a Oliva converteuse en pouco tempo nunha rúa comercial. Uns anos despois da súa apertura na rúa Michelena en 1856 a coñecida Xoiería-Reloxería Suárez trasladouse en 1861 á esquina da rúa da Oliva coa praza da Peregrina.[7]

O 25 de xullo de 1888 a rúa da Oliva converteuse na primeira de toda Galicia (xunto coa veciña rúa Michelena) en ter alumamento público, grazas á instalación de arcos voltaicos e lámpadas de incandescencia. Esta primeira rede eléctrica galega foi obra do marqués de Riestra, que construíu na praza da Verdura a primeira fábrica de electricidade de todo o noroeste peninsular e que adquirira en 1887 unha patente sobre un procedemento de axuste de dínamos.[8]

Entre 1889 e 1890 a escritora Concepción Arenal viviu no primeiro piso do número 27 da rúa da Oliva, onde organizaba un faladoiro para intelectuais.[9][10]

En 1895 a rúa denominouse Elduayen e o trazado era desde a praza da Peregrina ata Mollavao. En 1901 a rúa recuperou o seu tradicional nome da Oliva.[3]

Nas primeiras décadas do século XX estaban situadas na rúa coñecidas imprentas, librerías e tendas de xoguetes: a librería Francisco Viñas no número 6, a librería e imprenta Julio Antúnez contigua á anterior ou o Bazar Melero no número 13.[11][12]

En 1915 empezouse a construír na rúa da Oliva o novo edificio central de Correos na cidade, que se terminou en 1929.[13][14]

En 1927 cando os reis Afonso XIII e Vitoria Uxía visitaron Pontevedra, a rúa da Oliva xa era unha arteria central da cidade.[15]

Na década de 1940, a rúa converteuse no principal lugar de paseo da mocidade pontevedresa. Na década de 1950, a rúa experimentou un importante desenvolvemento comercial e presentou unha imaxe urbana diferenciada.[16]

En 1961 inaugurouse o primeiro tramo das Galerías comerciais da Oliva e en 1965 inaugurouse un segundo tramo das Galerías que permitiu a conexión da rúa da Oliva coa rúa Xeneral Gutiérrez Mellado.[17][18] Estas galerías comerciais fixéronse segundo o proxecto do arquitecto Enrique Barreiro para aglutinar a diversos comerciantes e modernizar e dinamizar o comercio e tiveron unha gran relevancia na época.[19]

En 1981 a rúa da Oliva sufriu a súa reforma máis profunda e o 23 de decembro converteuse no seu primeiro tramo na primeira rúa peonil do centro da cidade.[20]

En 2001 o tramo peonil da rúa reformouse de novo e en 2002 instalouse unha oliveira como a que deu nome á rúa diante do edificio central de Correos.[21]

En 2018 coa inauguración dun supermercado Gadis de 1700 metros cadrados no número 27 da rúa onde vivira Concepción Arenal recuperouse a fachada tradicional do edificio.[22]

Descrición editar

É unha rúa en pleno centro da cidade cun trazado de 175 metros en liña recta e predominantemente chaira. Ten unha anchura media de 8 metros.

É unha rúa céntrica no primeiro ensanche da cidade, peonil entre a praza da Peregrina na beira do centro histórico de Pontevedra e a rúa García Camba[20] e cun carril de circulación e dúas beirarrúas desde a rúa García Camba ata a praza de San Xosé.

No seu trazado conflúen varias rúas, de norte a sur: Galerías da Oliva, García Camba[23] e Marqués de Riestra. É unha das rúas principais do centro da cidade onde se atopan múltiples comercios.

Edificios destacados editar

Un dos extremos da rúa Oliva coincide coa praza de San Xosé e na esquina entre a praza e a rúa atópanse os restos do pazo barroco dos Gago de Mendoza e dos Montenegro que na actualidade consta de dous andares. Destacan na parte superior as súas ameas apuntadas adornadas no centro con estrelas de seis puntas inscritas nun círculo.[24]

Na metade da rúa da Oliva situáse facendo esquina coa rúa García Camba o histórico edificio central de Correos na cidade, sede da xefatura provincial de Correos. O edificio pertence ao estilo modernista que imperaba nos primeiros anos do século XX. A entrada principal preséntase no canto a xeito de chafrán con arcos repousando en columnas clásicas e escaleiras de pedra que dan acceso a un ástrago de entrada elevado. Consta de decoración de figuras xeométricas de pedra na fachada especialmente no nivel do faio con lucarnas, e xanelas xeométricas en cada un dos niveis. Coroando o nivel superior por riba da entrada principal atópase o escudo en pedra da cidade.[25] No interior o edificio está artellado ao redor dun atrio central de operacións sobre un vestíbulo público, salientando o uso de materiais como o vidro, a madeira e a escaiola, así como a bóveda acristalada en cores.[26]

Na rúa hai varias casas de pedra de finais do século XIX como a do número 33, con planta baixa comercial e un ou dous andares para vivenda, o primeiro con balcóns e o segundo con galerías, esquema que se repetía no século XIX nas rúas do primeiro ensanche da cidade.[27]

No número 30 da rúa da Oliva na esquina coa rúa Marqués de Riestra atópase un edificio racionalista do arquitecto Emilio Salgado Urtiaga.[28]

Galería editar

Notas editar

  1. "El comercio de la Oliva vuelve a salir a pie de calle". Pontevedra Viva (en castelán). 22 de abril de 2018. 
  2. "Sargadelos & Enmarcaciones Torrado estrenan tienda". Pontevedra Viva (en castelán). 10 de xaneiro de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "El punto neurálgico de la ciudad". Pontevedra Viva (en castelán). 30 de xuño de 2017. 
  4. "Los olivos en Galicia son únicos en el mundo". Diario de Pontevedra (en castelán). 12 de xuño de 2022. 
  5. Fortes Bouzán 2011, p. 386.
  6. Durán Villa 2000, p. 90.
  7. "A los pies de la Peregrina, en Pontevedra, desde hace 160 años" (en castelán). 18 de xuño de 2021. 
  8. "El alumbrado público de La Oliva y Michelena, el primero de toda Galicia, cumple 133 años". Diario de Pontevedra (en castelán). 6 de xullo de 2021. 
  9. "Cuando Concepción Arenal vivió en Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de decembro de 2019. 
  10. "La vida de Concepción Arenal en Pontevedra". Faro (en castelán). 10 de marzo de 2013. 
  11. "La Navidad de hace un siglo en Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 23 de decembro de 2015. 
  12. "Imprenta Librería Portela. Eladio Portela Gómez, el fundador (I)". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de novembro de 2020. 
  13. "La Casa de Correos, la obra interminable". Diario de Pontevedra (en castelán). 25 de agosto de 2019. 
  14. "A Correos sí, pero sin bebé". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2013. 
  15. "Cuando Alfonso XIII y Victoria Eugenia visitaron Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 29 de maio de 2022. 
  16. "Los paseos de moda: del Chocolate a la Oliva". Faro (en castelán). 13 de xuño de 2021. 
  17. "Adiós al acceso a las Galerías Oliva desde Gutiérrez Mellado". Diario de Pontevedra (en castelán). 31 de xaneiro de 2023. 
  18. "Medio siglo de las Galerías Oliva.Niní, la primera boutique de la ciudad, fue diseñada por el pintor Alonso Alonso". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de setembro de 2011. 
  19. "Medio siglo vendiendo bajo techo". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de outubro de 2011. 
  20. 20,0 20,1 "Inauguración de la Oliva como calle peatonal". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de decembro de 2018. 
  21. "Un olivo en la calle de la Oliva". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xaneiro de 2002. 
  22. "Un nuevo súper «con fachada bonita», wifi y 29 trabajadores". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de novembro de 2018. 
  23. "La trágica suerte de la familia Gay García Camba". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de setembro de 2019. 
  24. Fontoira Surís 2009, p. 342.
  25. Fontoira Surís 2009, p. 431.
  26. "El edificio de Correos volvió a la luz". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de maio de 2013. 
  27. Fontoira Surís 2009, p. 445-446.
  28. "Edificios singulares". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de maio de 2013. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Durán Villa, Francisco (2000). Provincia de Pontevedra (en castelán). Madrid: Mediterráneo. p. 90. ISBN 8471563371. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 342;431;445-446. ISBN 9788484573272. 
  • Fortes Bouzán, Xosé (2011). Pontevedra. Burgo, villa, capital (en castelán). Brión: Guiverny. p. 386. ISBN 978-84-939449-1-9. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar