Discóbolo

O Discóbolo[1] (do grego antigo δισκοβόλος diskobolos) é unha escultura[2] realizada por Mirón de Eleuteras ao redor do 455 a.C., que representa a un atleta xusto no intre de guindar un disco. Mirón, un dos escultores importantes do primeiro clasicismo, moi coñecido polas súas representacións de atletas é, tamén, citado por Plinio o Vello na súa Naturalis Historia, na que aparecen listadas as obras realizadas polo escultor.

Discóbolo
Discobolus in National Roman Museum Palazzo Massimo alle Terme.JPG
ArtistaMirón
Data455 a.C.
Técnicabronce (orixinal)
Dimensións124 cm ×  cm
LocalizaciónMuseo nazionale romano di palazzo Massimo (Roma)

DescriciónEditar

Mirón que, como Policleto, formárase no estilo severo, e mantén aínda algunha das súas características mentres vai evolucionando até representar formas atléticas masculinas cheas de forza[3]. Así, nesta obra, representa o corpo no intre da súa máxima tensión mais, con todo, ese esforzo non se reflicte totalmente no rostro, que amosa só unha feble concentración. A torsión do corpo é vigorosa, pero ao mesmo tempo harmoniosa e delicada. A beleza radica na súa composición xeométrica.

Porén, xunto do deseño anatómico, tamén está interesado en representar o movemento .Todo o corpo está botado cara adiante, para producir co abaneo posterior o impulso necesario para poder lanzar o disco. E aínda que os brazos crean un amplo arco, unha composición novidosa, a estatua segue manifestando unha clara idea de frontalidade, como en períodos anteriores, non sendo até o seguinte séculos que os escultores crearán estatuas para seren vistas dende tódolos puntos de vista[4].

Hai quen interpreta que a figura representa ao heroe «Hyakinthos» (Xacinto), amado por Apolo, o cal matouno de xeito involuntario cun disco. Despois, co seu propio sangue crearía a flor do mesmo nome. Sobre este tema existe un cadro, pintado por Giambattista Tiepolo, no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, e unha ópera de Mozart (Apollo et Hyacinthus, 1767).

DescubrimentoEditar

Como con case todas as esculturas gregas, non existe o orixinal, seguramente realizado en bronce, senón que se coñece a obra a partir das múltiples copias romanas en mármore talladas, neste caso, de época imperial. De entre estas copias que sobreviviron, a máis coñecida e valorada é a coñecida como Lancelotti, que apareceu na Vila Palombara propiedade da familia Massimo, en 1781. Actualmente atópase no Museo Nazionale Romano de Roma. Exposta no mesmo museo hai outra copia, denominada o Discóbolo Castelporziano, descuberto na localizade que lle dá o nome en 1906. Esta copia, que aparece sen cabeza e con sen pernas resulta máis realista no tratamento dos volumes e xa reflicte os avances técnicos conseguidos entre o clasicismo grego e a escultura romana imperial.

Outra copia notable foi descuberta en 1790, e procede da Vila Adriana de Tívoli. Esta escultura é propiedade do Museo Británico dende 1805, onde se atopa á vista do público e como elemento cabe dicir que a cabeza fora restaurada de xeito incorrecto e mira para diante en vez de mirar cara o disco[5].

InfluenciaEditar

 
O Discóbolo de Mirón no Xardín Botánico de Copenhague, Dinamarca.

Entre os autores que realizaron versión desta obra, unha das máis curiosas e a da interpretación surrealista de Salvador Dalí, titulada El atleta cósmico, que foi empregada como a imaxe que representaba a España nos Xogos Olímpicos de México (1968). Ao non chegar o artista a un acordo co goberno de Franco sobre o pago da obra, esta foi mercada a xeito particular por  Anselmo López Fuertes, subdelegado da Delegación Nacional de Educación Física, quen a finais dos anos 1970 cedeulla en calidade de depósito ao rei Xoán Carlos, que a empraza nun lugar destacado no seu despacho do Palacio da Zarzuela. En 2013 os herdeiros do propietario chegaron a un acordo con Patrimonio Nacional polo que percibiron 2,8 millóns de euros polo cadro[6].

Tamén se emprega esta figura na moeda de 2 €, impresa por Grecia como conmemoración dos Xogos Olímpicos de Atenas en 2004.

GaleríaEditar

NotasEditar

  1. O que guinda discos.
  2. Esta escultura, no orixinal de bronce, só a coñecemos a través de copias romanas en mármore.
  3. Hartt, Frederic (1989). Arte. Arte y estética. Akal. p. 179. ISBN 978-84-7600-411-1. 
  4. Manca, Joseph; Bade, Patrick; Costello, Sarah (2007). 1000 esculturas de los grandes maestros. Númen. p. 104. ISBN 978-1-78310-410-9. 
  5. "Britishmuseum.org". Consultado o 13-10-2016. 
  6. "El confidencial.com". Consultado o 13-10-2016. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar