Claustro

galería con columnas que rodea o patio interior dun mosteiro ou igrexa

Un claustro (do latín claudere, co significado de "pechar") é un patio cuadrangular que ten nos seus catro lados unha galería porticada con arcadas ou arquerías que descansan en columnas ou dobres columnas. Os claustros adoitan estar edificados a continuación dunha das naves laterais dunha catedral ou da igrexa dun mosteiro. Cada galería toma o nome de panda e en cada panda distribúense os distintos espazos necesarios para a vida monacal ou catedralicia. Adoita ser lugar de recollemento. O patio está case sempre axardinado e no centro atópase unha fonte ou un pozo.

Claustro da portería do mosteiro de Santa María de Montederramo.
Claustro do mosteiro de San Xulián de Samos.

Descrición dun claustro

editar

O claustro é de planta cadrada e cada un dos catro lados recibe o nome de panda. No centro adoita haber un pozo e no espazo restante, un pequeno xardín con catro camiños. Cada panda ten unha galería ou corredor cuberto limitado por arcadas. Na panda leste áchase case sempre unha pequena estancia que servía como estudo ou biblioteca, independentemente da gran biblioteca que tiñan algúns mosteiros importantes. A continuación achábase a sala capitular, peza que se consideraba de grande importancia e que xeralmente construíase con rica ornamentación arquitectónica. Era o lugar de reunión da comunidade, onde se lían os capítulos da regra da orde e onde o abade organizaba as distintas tarefas a seguir polos monxes. Nesta sala era onde se expuñan posibles faltas dalgún deles para que o superior o reprendese. Dicíase chamar a capítulo.

Na panda sur adoitaba estar o calefactorio, lugar caldeado onde podían ir os monxes de cando en vez para descansar e entrar en calor. Ao seu lado, o refectorio, que era o comedor, e lindeiro con el, a cociña.

A panda oeste adoitábase chamar de leigos e tiña a ruela tamén de leigos e a cilla coa adega. As celas dos monxes ou o gran dormitorio común (depende da época e das distintas ordes) estaban no piso superior.

Os capiteis das columnas dos claustros románicos están especialmente decorados e tallados e ás veces constitúen verdadeiras obras de arte.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar