Praza da Ferrería

praza en Pontevedra

Coordenadas: 42°25′53″N 08°38′39″O / 42.43139, -8.64417

A Praza da Ferrería é unha praza situada no límite do casco antigo de Pontevedra, no interior das antigas murallas da cidade. É a praza principal do centro histórico e ten unha superficie duns 2.000 m2. Inclúe as pequenas prazas anexas da Estrela no lado norte, a praza de Ourense no lado sur e a praza do Casto Sampedro no lado este, facendo un total de case 5.000 m2.

Praza da Ferrería
Pontevedra-Praza da Ferrería (14912666433).jpg
Centro da praza
Tipoloxíapraza
Dimensións
Lonxitude78 m
Largura77 m
Área5 000 m2
Localización
LocalidadePontevedra
Código postal36002
Construción
Comezo1325

Orixe do nomeEditar

A praza toma o seu nome das ferrerías que alí se situaban na Idade Media, xa que os Reis Católicos decretaron ordes para armar aos cabaleiros españois con armas de Pontevedra e Oviedo.[1]

HistoriaEditar

As primeiras referencias á praza datan de entre 1325 e 1330. Na Idade Media era coñecida como Praza de Trabancas,[2] e tomou o nome de Ferrería cara a 1820 en recordo dos antigos artesáns e ferreiros que vivían alí, que fabricaban todo tipo de armas e instrumentos de ferro e que chegaron a ser famosos en todo o país.

A praza ampliouse no século XV para acoller o mercado da Feira Franca,[3] un mercado libre de impostos que comezou a celebrarse na cidade por un privilexio real establecido polo rei Henrique IV de Castela en 1467.

 
Praza da Ferrería na parte de abaixo á dereita, na cidade vella

No centro dos xardíns de Casto Sampedro, no lado leste da praza, atópase unha fonte do século XVI que estivo no lado empedrado da praza, no centro, ata 1857.[4] Financiada en 1537 por Carlos V,[5] cuxo escudo leva, e terminada 15 anos despois,[6] foi construída ao estilo das fontes (chafarices) portuguesas por João Lópes e Domingo Fernández. A fonte servía para dar a benvida aos peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela tras entrar no recinto amurallado da cidade pola porta de Trabancas das murallas. Menciónase na cantiga popular:[7].

PONTEVEDRA É BOA VILA,
DÁ DE BEBER A QUEN PASA.
A FONTE NA FERRERÍA,
SAN BARTOLOMEU NA PRAZA
.

Desde o século XVII celebrábanse corridas de touros na praza, que estaba pechada con valos de madeira.[8] En 1820 a praza pasou a chamarse Praza da Ferrería, o seu nome actual, en recordo do gremio dos ferreiros.[2] En 1845 niveláronse os terreos baixo o Convento de San Francisco para o seu axardinamento. En 1853 construíuse a escalinata de acceso á igrexa.[9] En 1928 restaurouse a fonte e instalouse na praza de Casto Sampedro[10] (resultado deste axardinamento), a uns cincuenta metros da súa localización orixinal. Serviu de modelo para moitas das fontes que se construíron nos claustros dos conventos e diante dalgúns pazos.

Entre 1854 e 1931, a praza chamábase Praza da Constitución[2]. O mercado da cidade celebrábase antigamente no lado empedrado da praza. En 1910, a praza foi remodelada e pavimentada e construíronse os dous edificios modernistas fronte ao convento de San Francisco.

DescriciónEditar

Á praza van dar as rúas dos Soportais da Ferrería, do Conde de San Román, Pasantería, Benito Corbal, Figueroa, e a antiga Porta de Trabancas, pola que discorre o camiño portugués do camiño de Santiago. Preto dela está a capela da Virxe Peregrina.

 
Un home vendendo castañas na praza da Ferrería.

Os seus locais comerciais son na súa maioría establecementos téxtiles ou de hostalería. A famosa tenda téxtil Almacenes Clarita abriu as súas portas en 1916.[11] A praza atópase xunto ao Convento de San Francisco e as prazas da Estrela (700 m2), e Ourense (700 m2), así como a praza do Casto Sampedro de 1.000 m2.

Na praza atópanse dúas dos cafés máis antigos da cidade[12]: O Café Savoy (actual Bar restaurante Savoy), lugar de encontro intelectual desde 1936, e o Carabela, que abriu dez anos despois, en 1946.[13]

Edificios destacadosEditar

Os edificios da praza datan do século XIV ao XX. Ao leste e ao norte da praza atópanse o convento e a igrexa gótica de San Francisco, e debaixo, no medio da praza de Casto Sampedro, está a famosa fonte renacentista da Ferrería.

Ao oeste da praza hai dous destacados edificios de estilo Art Nouveau. O edificio modernista do número 8, máis ao sur, é o máis antigo dos dous. Foi deseñado polo arquitecto Andrés López de Ocáriz Robledo, que terminou o proxecto en xuño de 1912.[14] O edificio foi promovido por Juan Pazos, un rico emigrante que regresou de América, que comprou catro das cinco casiñas do século XV que delimitaban a praza polo oeste e que foron derrubadas.[15] Consta dunha planta baixa con soportais de dobre altura, tres pisos e un ático. A decoración modernista con motivos florais e xeométricos aparece na fachada principal por encima e por baixo das portas e fiestras, así como no frontón central curvo con arco de medio punto e nas cornixas a ambos os dous lados.[14] O edificio ten dous grandes balcóns centrais de ferro forxado nas dúas primeiras plantas e catro balcóns laterais na terceira. Foi completamente reformado en 2007 polos arquitectos César Portela e Enrique Barreiro Álvarez.[16]

O edificio modernista do número 9, máis ao norte, foi construído nos anos 20.[17] Ten unha planta baixa con arcos de dobre altura e catro pisos, rematados por un pequeno frontón central con decoración xeométrica. Esta decoración tamén está presente nos laterais das portas dos balcóns e, sobre todo, baixo os balcóns da primeira planta. O edificio destaca polo balcón de pedra en cada unha das catro ventás francesas de cada planta,[14] que teñen vidreiras vermellas, verdes e azuis en harmonía cromática coas da igrexa de San Francisco. O edificio, que ten dúas portas de acceso desde a praza, con dous tramos diferentes de escaleiras para permitir o acceso independente aos dous pisos de cada planta, foi completamente renovado polo arquitecto Mauro Lomba en 2022.[18][19]

Ao sur da praza atópase a igrexa da Virxe Peregrina ao fondo. A Casa das Caras atópase na Praza da Estrela.

CulturaEditar

A praza adoita estar chea de pombas ás que aos nenos gústalles dar para comer.[20] En xullo celébrase aquí a Feira de Artesanía e Deseño do Atlántico.[21] Na praza celebrábase antigamente o mercado da cidade. Na actualidade celébrase nela o mercado das flores a véspera do día de defuntos, así como diversos mercados populares, en días como a Feira Franca ou o día do libro.

Ademais celébranse nela a maioría dos concertos gratuítos de verán e a queima do Papagaio Ravachol.[22] No outono é o lugar onde se atopan os tradicionais vendedores de castañas.[23]

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. "Un país mágico: Pontevedra". TVE (en castelán). 26 de xaneiro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "¡La Herrería y su entorno revindican su historia, su reconocimiento y su duende!". Pontevedra Viva (en castelán). 2 de abril de 2021. 
  3. Nadal, Paco, 2012, Rias Baixas. Escapadas, Madrid, El País Aguilar, p. 32
  4. "Las artísticas fuentes de hierro y el enigma de la 5ª fuente". Pontevedra Viva (en castelán). 6 de xaneiro de 2017. 
  5. Villares, Ramón: Historia de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, 2004 (p. 192).
  6. "Un museo para valorar el agua". Faro (en castelán). 21 de marzo de 2009. 
  7. "Pontevedra". Xunta de Galicia. 2 de abril de 2015. 
  8. "Ciento nueve años de historia taurina". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xullo de 2009. 
  9. "La iglesia de San Francisco es un ilustre panteón de Pontevedra". El Correo Gallego (en castelán). 13 de decembro de 2014. 
  10. "La fuente de A Ferrería revive". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de decembro de 2010. 
  11. "Nueva vida para Almacenes Clarita después de 105 años vendiendo en el corazón de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xaneiro de 2021. 
  12. "10 destinations where you can ditch your car this summer". National Geographic (en inglés). 18 de maio de 2022. 
  13. "Qué ver en Pontevedra, de paseo por sus rúas y plazas". ¡Hola! (en castelán). 11 de setembro de 2020. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Fontoira Surís 2009, p. 439
  15. "Los derribos de las antiguas casitas bajas de la Herrería". Faro (en castelán). 3 de xaneiro de 2021. 
  16. "Un edificio de lujo que revaloriza el centro histórico". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xaneiro de 2009. 
  17. Fontoira Surís 2009, p. 516
  18. "La plaza de A Ferrería completa su recuperación tras destaparse la fachada de su último inmueble". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de agosto de 2022. 
  19. "Ocho pisos de lujo darán lustre a una Ferrería que renueva su fachada". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de novembro de 2021. 
  20. "Bocinazo para una bonita foto en A Ferrería". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de decembro de 2019. 
  21. "Artesanía y diseño por doquier". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 2017. 
  22. "La quema del loro Ravachol despide hoy el entroido". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de febreiro de 2010. 
  23. "Las castañas de la Plaza de la Herrería". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de outubro de 2019. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 42-44. ISBN 8403509340.
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 439; 516. ISBN 8484573273.
  • Nadal, Paco (2012). Rías Baixas. Escapadas (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 32. ISBN 978-8403501089.
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 36-37. ISBN 8482890859.

Outros artigosEditar