Gustav Klimt, nado en Baumgarten o 14 de xullo de 1862 e finado en Viena o 6 de febreiro de 1918, foi un pintor simbolista austríaco e un dos membros máis importantes do movemento do Art Nouveau de Viena.

Gustav Klimt
Nacemento14 de xullo de 1862
 Baumgarten e Viena
Falecemento6 de febreiro de 1918
 Altes AKH e Viena
Nacionalidadeaustríaco
FillosGustav Ucicky, Otto Zimmermann e Gustav Zimmermann
EidoPintor
MovementoSimbolismo, Art Nouveau
TraballosJudith e a cabeza de Holofernes, Retrato de Adele Bloch-Bauer I, O bico, Danaë
Influenciado porEgon Schiele
Na rede
IMDB: nm4310544 Musicbrainz: 2a882a06-1af6-4bcd-aa14-89d7a6089c68 WikiTree: Klimt-1 Find a Grave: 1293 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Retrato de Adele Bloch-Bauer I, constitúe un récord de venda ó custar 135 millóns de dólares no 2006. Neue Galerie, Nova York.
O Bico. 1907–1908. Óleo sobre lenzo. Österreichische Galerie Belvedere.
Mäda Primavesi. 1912. Óleo sobre lenzo. 150 × 110 cm. Metropolitan Museum of Art, Nova York.

Entre os seus traballos destaca as súas pinturas, murais, bosquexos e outros obxectos que están expostos na Galería da Secesión de Viena. O principal suxeito das obras de Klimt foi o corpo da muller, o que fixo que as súas obras estivesen marcadas por un franco erotismo. Os seus numerosos traballos a lapis, constitúen o seu maior legado hoxe en día.

Traxectoria editar

Xuventude e formación editar

Klimt foi o segundo de sete fillos (tres rapaces e catro rapazas).[1] Xa dende cativos, os tres fillos homes amosaron inclinacións artísticas, que podían ter herdado tanto do seu pai,[2] Ernst Klimt (1832-1892) que era gravador de ouro, como da súa nai, Anna Klimt (Finster, de solteira), cuxa ambición frustrada era dedicarse ao canto. Klimt viviu nunha relativa pobreza a maior parte da súa infancia, en tanto que como familia de inmigrantes, o traballo escaseaba tanto como as oportunidades de promoción social. Foi polo tanto só grazas ao seu talento que en 1876, con catorce anos, recibiu unha bolsa para estudar na Kunstgewerbeschule, a Escola de Artes e Oficios de Viena, onde se formaría ata 1883 como pintor e decorador de interiores [2]. Os seus mestres foron Michael Rieser, Ludwing Minnigerode e Karl Hrachowina. Klimt admiraba e reverenciaba ao entón pintor de moda, Hans Makart, e someteuse gustoso aos ditados dunha educación artística clasicista. É por iso que a súa obra temperá pode considerarse académica. En 1877 o seu irmán Ernst -que co tempo se convertería en gravador, como o seu pai- tamén foi admitido na escola. Os dous irmáns, coa compañía do seu amigo común Franz Matsch, comezaron a traballar xuntos: Cara a 1880 xa xestionaban modestos encargos como un colectivo que se facía chamar a "Compañía de artistas", colaborando como asistentes do seu profesor na decoración do Kunsthistorisches Museum de Viena. Klimt comezou a súa carreira individual como pintor de interiores en grandes edificios públicos da Ringstraße, desenvolvendo xa algúns temas alegóricos que posteriormente se converterían nun trazo distintivo da súa obra.

En 1888, Klimt recibiu a Orde de Ouro ao Mérito de mans do Emperador Francisco Xosé I de Austria polo seu traballo nos murais do Burgtheater de Viena [2]. Foi nomeado membro honorario das universidades de Múnic e Viena, e para cando en 1892 o seu pai e o seu irmán Ernst morreron, Klimt estaba en condicións de soportar a carga económica dos seus parentes. A traxedia familiar pesou tamén na súa expresión artística, e marcou o inicio da definición do seu estilo persoal. A principios da década de 1890, Klimt coñeceu tamén a Emilie Flöge, quen aparentemente soportou as constantes aventuras amorosas do artista e converteríase na súa compañeira ata o final da súa vida. O compoñente sexual desta relación foi obxecto de certa discusión, aínda que está documentado que Klimt tivo polo menos catorce fillos durante esta relación.[3] Despois da morte do seu irmán Ernst, Klimt foi incapaz de pintar durante case 6 anos, cando volveu tomar o pincel en 1897 o seu estilo mudara por completo. Dende 1890 empezara a poder estudar cadros impresionistas, neoimpresionistas, puntillistas e simbolistas en varias exposicións vienesas. Estes, así como outros que puido ver da Irmandade pre-rafaelista inglesa, o norteamericano James McNeill Whistler, o holandés Jan Toorop e o movemento alemán "Jugendsil" deron a Klimt o estímulo que necesitaba para crear unha forma especificamente austríaca do Art Nouveau.[4]

A Secesión vienesa editar

Artigo principal: Secesión de Viena.
 
Fragmento do Friso de Beethoven

Klimt converteuse nun dos membros fundadores -e presidente- da Wiener Sezession, un grupo de artistas fundado en 1897, e do colectivo temporal "Ver Sacrum" (a "Sacra Primavera"). A Sezession xurdira como unha alternativa independente aos artistas promocionados pola Academia vienesa -da que o mesmo Klimt formara parte na súa mocidade-. Entre os seus obxectivos contábanse a promoción de artistas novos, a exhibición de obras producidas no estranxeiro e a publicación dunha revista sobre as principais obras realizadas polos membros.[5] A diferenza da maioría dos grupos de vangarda, o grupo nunca redactou un manifesto, e tampouco se definiu por unha determinada dirección estilística: entre os seus membros contábanse naturalistas, realistas e simbolistas. O grupo atopou certo apoio gobernamental -aínda que as súas obras eran xeralmente detestadas- e puido construír unha sala de exposicións permanente sobre un soar cedido polas autoridades. Os artistas da Sezession tomaron a Palas Atenea, a deusa grega da sabedoría e a xustiza como o seu símbolo. Klimt, que realizou unha aproximación bastante radical á imaxe da deusa en 1898, estivo adscrito a este colectivo até 1908.

En 1894, Klimt recibira o encargo de crear tres pinturas para decorar o teito da aula Magna da Universidade de Viena. Inacabadas até o fin de século, este tres obras -Filosofía, Medicina e Xurisprudencia- foron moi criticadas polo radical do seu enfoque e a súa propia representación, que algúns consideraron "pornográfica".[6] Klimt adaptaba a forma clásica da alegoría e o seu simbolismo convencional, dándolle forma coa súa propia linguaxe plástica, abertamente sexual e de matices provocativos.[6] O clamor foi xeral: protestaron políticos, pero tamén personalidades vencelladas co mundo da arte e a moral pública. A universidade decidiu finalmente non colocar as obras de Klimt, e este non volvería admitir encargos a partir de entón. Por desgraza as tres obras foron destruídas polas SS durante a súa retirada, en maio de 1945. En 1899, Klimt confirmouse no seu estilo: Provocadora e chea de turbadora enerxía, a súa Nuda Veritas -a "Verdade espida"- supuña un paso adiante na súa estética persoal, pero tamén constituía unha declaración de principios, case un desafío, dirixido principalmente aos críticos da súa obra máis conservadores: O cru espido frontal dunha muller, sostendo un alegórico "espello da verdade", ía coroado cunha coñecida sentenza de Schiller:

Se non podes agradar a todos cos teus méritos e a túa arte, agrada a poucos. Agradar a moitos é malo.[7]
Schiller

En 1902, Klimt concluíu o seu traballo no Friso de Beethoven a tempo para a XIV exposición dos secesionistas vieneses, que se organizou a modo de homenaxe ao compositor, e na que se presentaba unha monumental escultura policromada de Max Klinger. Destinado a ser exposto temporalmente, o friso foi pintado directamente sobre a parede cunha técnica lixeira. Tras a exposición, con todo, o friso foi conservado, aínda que non volveu ser exposto en público até 1986. Ao ano seguinte Klimt viaxou por Italia, visitando Florencia, Venecia e Rávena, e descubrindo os mosaicos bizantinos das igrexas de San Vital e San Apolinar. Comezaba entón o que algúns críticos interpretaron como a etapa de madurez artística do pintor: liberado de encargos públicos, Klimt comezara en 1890 a viaxar coa familia Flöge ao lago Attersee, onde realizou numerosas paisaxes. Estas obras convertéronse nunha excepción no corpus de Klimt, dedicado dende sempre á figura con enérxica devoción:

"Non existe ningún autorretrato meu. Non me interesa a miña propia personalidade como obxecto dun cadro, senón máis ben interésanme outras persoas, en especial mulleres, outras aparencias ...estou convencido de que como persoa non son especialmente interesante".
Gustav Klimt

Klimt foi un pintor enérxico e arrebatado,[8] e os seus propios parentes comentaban sorprendidos sobre a súa dedicación:

"Cada noite viña a casa, tomaba a cea en silencio e íase á cama" Cando descansara, retomaba con tal ímpeto o traballo que a miúdo pensabamos que as chamas da súa xenialidade consumiríano vivo..."

Estilisticamente, as paisaxes realizadas naquela tempada caracterizábanse polo mesmo refinado deseño ornamental e por un enfático uso de motivos compositivos. O espazo pictórico aparece "aplanado" dun modo tan rotundo que algúns críticos sinalaron a posibilidade de que Klimt os pintase servíndose dalgún tipo de anteollo.[9]

Notas editar

  1. GOTTFRIED, Fliedl; op. cit. páx. 230.
  2. 2,0 2,1 2,2 Sabarsky, p. 7.
  3. John Collins, Klimt: Modernism In The Making, Harry N. Abrams, 2001, p.99, ISBN 0-8884-718-1
  4. Las Bellas Artes, Volume 7 Impresionistas y Post-Impresionistas, Editorial Grolier,1969,p.58
  5. Frank Whitford, Klimt, Thames and Hudson, 1990. p.69.
  6. 6,0 6,1 Sabarsky, p. 9.
  7. Frank Whitford Klimt, Thames and Hudson, 1990, p.52.
  8. Referíndose á enerxía do pintor, os ribeiregos do Attersee chamaban a Klimt "Waldschrat", ou o demo do bosque. Koja, Stephan, et al.: Gustav Klimt Landscapes, páx. 27. Prestel, 2002.
  9. Anselm Wagner: "Klimt's Landscapes and the Telescope", Gustav Klimt Landscapes, páxs. 161-171. Prestel, 2002.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar