Coordenadas: 43°21′03″N 8°15′10″O / 43.3508, -8.25274

A Terraza é un edificio modernista sito na cidade de Sada, declarado Monumento Histórico Artístico nacional por decreto publicado no BOE con data do 4 de abril de 1975. En 2018 iniciouse o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural.[1]

A Terraza, fachada dianteira.

Historia editar

 
Interior do piso superior.

A Terraza ergueuse orixinalmente na Coruña no 1912 nos Xardíns de Méndez Núñez segundo proxecto do arquitecto Antonio López Hernández. Substituía aos antigos quioscos de bebidas e larpeiradas que había na zona coñecida como o Relleno, en terreos gañados ao mar nas obras de ampliación do peirao. A estrutura orixinal, unha planta baixa duns vinte metros de fachada, alargouse ata os trinta máis logo, facéndose tamén o tellado da parte superior e poñéndose dúas escaleiras exteriores nas veiras.

Despois de varias ampliacións, en 1919 o edificio da Terraza foi desmontado. No 1920 levouse á súa actual localización no paseo marítimo de Sada. A instalación esixiu a modificación do edificio orixinal, que se asentaba agora sobre un semisoto erguido un metro sobre a rasante e viu engadido un corpo posterior de fábrica para cociñas e servizos. Elimináronse desta volta as escaleiras exteriores, trocándoas por unha interior central, e simplificouse a cuberta.

Características editar

 
A Terraza, testeiro.

A Terraza é un edifico modernista, seguindo a moda da época, construído en madeira, ferro e vidro. Erguido na súa definitiva situación en tres andares, é simétrico con respecto ao seu eixe perpendicular a fachada. Consta dun semisoto, un andar baixo e un andar primeiro.

O semisoto é de fábrica, e ven usándose coma almacén e despensa. Ten maior tamaño en planta que o edificio en si, ao obxecto de dotalo de dúas terrazas exteriores, engadidas ao trasladarse dende A Coruña. O andar baixo ten 3,35 m de altura libre. Nel están a cafetería, o restaurante, a cafetería e os servizos. O andar superior, que chega os 4 m. de altura libre, úsase coma sala de jazz e concertos.

Erguese sobre piares de madeira, que valen á vez como sustento do edificio e como lugar de encaixe dos distintos módulos co compoñen. Estes módulos son a parte mais característica do edificio e están constituídos por unha serie de fiestras de distintas medidas, feitas de madeira e vidro de cores. Estas fiestras forman as fachadas de todo o andar alto e a maior parte do baixo, conferíndolle un aspecto de invernadoiro e dándolle aos salóns unha luz serena. O tellado descansa sobre unha serie de tesoiras metálicas de inspiración art déco, que suxeitan o tellado a dúas augas. este foi en tempos de lona embreada, pero foi substituída no intre do traslado por pranchas de zinc. Outras modificación feitas nese intre foron a instalación dun balcón central, a eliminación dos remates dos beirís e a instalación dunhas columnas no andar baixo, para axudaren a soportar o peso do andar superior namentres se usou de sala de baile.

A Terraza constitúe a imaxe mais representativa de Sada,[2] cidade na que o estilo modernista estivo representado por moitos edificios,a maior parte actualmente demolidos ao faltarlles protección, caídos baixo a especulación urbanística sufrida pola maior parte das cidades costeiras.

Notas editar

  1. "BIC para o edificio de A Terraza". Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2018. Consultado o 24 de abril de 2018. 
  2. "Web do concello de Sada". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 08 de maio de 2010. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Martínez Suárez, X.L. A Terraza de Sada. Dirección Xeral do Patrimonio Artístico e Monumental. Sada, A Coruña, 1985.

Ligazóns externas editar