Jazz
O jazz é un estilo musical, nado entre 1890 e 1910 en Nova Orleáns. As súas raíces remontan á música dos negros e crioulos dos Estados Unidos desde as súas épocas como escravos que datan pouco antes de 1850. As influencias nomean o ragtime, as worksongs músicas cantadas polos negros ao traballaren e o blues, principalmente, non se sabe moi ben como era esta música anterior a 1910, o primeiro músico do que se ten noticia é Buddy Bolden, do que só se conservan unha foto e as opinións dos seus compañeiros, que falan dun virtuoso cun son potente e limpo.
Jazz | |
---|---|
![]() | |
Orixe musical | blues, folk, marcha, ragtime |
Orixe cultural | principios dos 1910 en Nova Orleáns |
Instrumentos típicos | saxofón, clarinete, baixo, contrabaixo, frauta, vibráfono, trompeta, piano, guitarra eléctrica, banjo, tuba, voz, trombón, piano Rhodes, batería |
Derivados | jump blues, jazz fusion, rhythm and blues, rock and roll, ska, reggae, funk |

Etimoloxía editar
Aínda que non semella existir un acordo definitivo en canto á orixe e significado exactos do termo "jazz", algúns historiadores sitúan a súa orixe arredor de 1912, e indican que procede da xerga dos xornalistas deportivos da costa oeste dos Estados Unidos, quen utilizaban o termo nos seus comentarios dedicados á Pacific Coast League, unha liga menor de béisbol, para referirse á enerxía e vitalidade dos xogadores do San Francisco Seals. O exemplo máis antigo deste uso do termo, achado polo bibliotecario da Universidade de Nova York George A. Thompson, Jr. en 2003, apareceu en Los Angeles Times o 2 de abril de 1912, nunha referencia ó pitcher de Portland Beavers, Ben Henderson, onde este afirmaba:
Chámoa a "pelota jazz" porque "treme" e, simplemente, non podes facer nada con ela"[1].
A partir de 1913, nunha serie de artigos de E.T. "Scoop" Gleeson para o San Francisco Bulletin, aparece xa o termo jazz de forma máis habitual, aplicado á música. A referencia máis antiga do seu uso musical corresponde ó 3 de marzo de 1913 e nela o termo utilizábase cun sentido negativo. Tres días máis tarde, o 6 de marzo, Gleeson usou o termo de forma máis exhaustiva cando, ó describir o tipo de música executada por unha orquestra do exército, sinalou que os seus integrantes ensaiaban a ritmo de ragtime e jazz[2].
Porén, non foi ata 1915, en Chicago, que o termo comezou a usarse completamente para definir un tipo de música. Para finais de 1916 e principios de 1917 o uso do termo estaba xa bastante estendido. A primeira vez que se utilizou a palabra jazz en Nova Orleáns (tamén escrita jas ou jass nos comezos) foi no Times-Picayune o 14 de novembro de 1916, un feito que foi descuberto polo lexicógrafo Benjamin Zimmer en 2009[3].
Non obstante, moitos estudosos cren que o termo ten unha raíz fanti (África occidental) e se refire ó acto sexual[4].
Historia editar
Nacemento editar
| ||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
A música que se tocaba polas rúas e nos locais de Nova Orleáns era festiva e desenfadada, tocada principalmente por músicos negros e crioulos. A maioría eran marchas e a instrumentación era a propia deste estilo: a tuba levaba o ritmo, e a corneta, clarinete e trombón tecían as melodías. Cando tocaban nun local, uníaselles piano, banjo e axiña un novo instrumento, criado especialmente para a nova música: a batería (que aquí durante moitos anos se chamou jazz band). O característico deste estilo que continúa até hoxe (co nome de Dixieland ou New Orleans) era a improvisación colectiva: a corneta toca unha melodía adornada por riba polo clarinete e complementada polos contracantos do trombón, todo sobre unha rítmica sólida e sincopada de batería, tuba ou contrabaixo, piano e banjo ou guitarra, a escritura non conta para nada, é unha arte puramente auditiva, a súa liberdade creadora vai máis alá da do compositor clásico, dúas versións distintas dun tema son dúas obras distintas; cando existe a composición e a escritura son elementos auxiliares da música jazz xa que a súa forma final depende da adaptación do músico ao lugar e ao momento onde ten lugar a actuación. Esta música foi gañando popularidade e foise estendendo cara ao Norte por Saint Louis e Chicago (di a lenda que o feche dos bordeis de Storyville en 1917 foi a causa desta emigración). É neste momento cando a nova música se comeza a se chamar jass, polo que parece utilizando un termo común no século XIX para referirse ao intercambio sexual. O 26 de febreiro de 1917, a Victor publicou o primeiro disco de jazz gravado pola Original Dixieland Jazz Band: un grupo de brancos liderados polo competente Nick LaRocca pero que non eran nin moito menos un dos baluartes desta música, como os músicos negros e crioulos King Oliver, Freddie Keppard, Kid Ory ou Jelly Roll Morton. Precisamente da banda de King Oliver sairía o home que levaría o jazz a ser o que hoxe coñecemos: Louis Armstrong. Entre 1925 e 1929 este cornetista e despois trompetista transformou a improvisación colectiva no solo, e converteu ao Jazz nun vehículo de expresión individual e autoafirmación, e xunto con Sidney Bechet configurou o Swing.
O swing editar
- Artigo principal: Swing (música).
Os anos 20 foron chamados a "Era do Jazz" [5] e a música foi o epítome dunha época de paro e desesperanza, e o alcol ilegal e o baile que lle servían de válvula de escape. Foi o nacemento das Big Bands, orquestras de baile que tocaban os temas de éxito nun estilo hot e chispeante e que conducirían á "Era do Swing (música)Swing|" onde toda América bailaba ao ritmo de Benny Goodman e Glenn Miller.
O bebop editar
- Artigo principal: Bebop.
Durante a segunda guerra mundial nace o bebop, estilo duro e agresivo que se xestou nos locais de Harlem. Na contrapartida xorde, entón, o cool jazz cunha proposta máis intelectualizada e con énfase nos arranxos. A continuación do bop é o hardbop, máis negro e con influencias do gospel e do rhythm and blues. Todas estas innovacións comportarán unha complicación progresiva desde o punto de vista técnico e, sobre todo, harmónico que afogaba aos solistas, isto levou a algúns músicos, principalmente despois do Kind of Blue de Miles Davis a apostar polo jazz modal, onde o solista xa non segue uns cambios de acorde, senón que ten unha serie de modos que lle deixan máis espazo á improvisación.
Na década de 1960 afundouse no jazz modal e apareceu o funk e sobre todo a vangarda con elementos de composición atonais, polirritmia e moita improvisación, foi unha fase bastante experimentalista do estilo. A aparición do rock como música maioritaria entre a xuventude branca e o soul entre os negros desprazou ao jazz dos gostos populares, fenómeno axudado polo carácter anticomercial do jazz da época. Ao mesmo tempo, a toma de conciencia do pobo negro tivo a súa expresión no free jazz (até o propio termo jazz, considerado derrogatorio, chegou a abandonarse, usándose denominacións como new thing). O entertainer era o novo Tío Tom e os músicos de free mostrábanse cínicos e condescendentes co público.
O jazz fusion editar
- Artigo principal: fusion.
Os 70 foron a época do fusion: a fusión do rock co jazz, liderada máis unha vez por Miles Davis, coa introdución de instrumentos electrónicos (ao comezo piano Fender Rhodes e baixo eléctrico e continuando despois con todo tipo de instrumentos amplificados). Apostouse por un estilo directo e rítmico (incluso bailábel) e pola existencia de bandas relativamente lonxevas no estilo rockeiro como Weather Report e Return to forever.
Fronte ao triunfo da vangarda e a fusión nos setenta, ambos os estilos moi afastados do jazz tradicional, nos oitenta apareceron os Young Lions coma Wynton Marsalis ou Roy Hargrove que propoñían un retorno ao jazz acústico e mainstream.
Grandes nomes do Jazz editar
Notas editar
- ↑ Charters, Samuel (2008). A trumpet around the corner: the story of New Orleans jazz (en inglés). University Press of Mississippi. p. 117. ISBN 9781578068982.
- ↑ Tirro 2007, p. 109
- ↑ Zimmer, Benjamin (8/6/2009). ""Jazz": A Tale of Three Cities". Word Routes (en inglés). The Visual Thesaurus. Consultado o 22 de setembro de 2015.
- ↑ O'Meally, Robert G., ed. (1998). The Jazz Cadence of American Culture (en inglés). Columbia University Press. p. 21. ISBN 0-231-10448-0.
- ↑ Francis Scott Fitzgerald, Tales of the Jazz Age (1922)
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jazz |
Bibliografía editar
- Tirro, Frank (2007). The history of jazz (en inglés). TEIA. ISBN 8495601125.