Louis Armstrong

trompetista e vocalista de jazz estadounidense

Louis[2] Daniel Armstrong, nado en Nova Orleáns (Luisiana) o 4 de agosto de 1901[3] e finado en Corona (Nova York) o 6 de xullo de 1971, tamén coñecido polos seus alcumes Satchmo ou Pops, foi un trompetista, vocalista, compositor e actor estadounidense, unha das figuras máis influentes do jazz. A súa carreira estendeuse durante cinco décadas, dende os vinte ata os sesenta, cubrindo diferentes eras da historia do jazz.[4]

Louis Armstrong
Louis Armstrong restored.jpg
Armstrong en 1953
Nome completoLouis Daniel Armstrong[1]
AliasSatchmo ou Pops
Nacemento4 de agosto de 1901
OrixeNova Orleáns (Luisiana)
Falecemento6 de xullo de 1971
 Nova York
Causainfarto agudo de miocardio
SoterradoFlushing Cemetery
CónxuxeLil Hardin Armstrong
OcupaciónMúsico
XéneroDixieland, jazz, swing, pop tradicional
Instrumento(s)Trompeta
Tempo en activoc. 1914 - 1971
Armstrong-Alassio (crop).jpg
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Armstrong afirmou frecuentemente que naceu o 4 de xullo de 1900.[5] Aínda que faleceu en 1971, non foi ata mediados dos oitenta que a súa verdadeira data de nacemento, o 4 de agosto de 1901, foi descuberta por Tad Jones buscando os rexistros de bautismo.[6] Polo menos outras tres biografías consideran que a data de nacemento do 4 de xullo é un mito.[7][8][9]

Armstrong naceu en Nova Orleáns, fillo de Mary Albert e William Armstrong. Albert era de Boutte, Luisiana, e deu a luz na súa casa con dezaseis anos. William Armstrong abandonou a familia pouco despois.[10] Uns dous anos despois, tivo unha filla, Beatrice "Mama Lucy" Armstrong, que foi criada por Albert.[11]

Louis Armstrong foi criado pola súa avoa ata os cinco anos, cando volveu coa súa nai.[10] Pasou a súa mocidade na pobreza nun barrio duro coñecido como The Battlefield.[12] Aos seis anos asistiu á Escola Fisk para nenos,[13] unha escola que aceptaba nenos negros no sistema de segregación racial de Nova Orleáns. Traballou facendo tarefas para os Karnoffsky, unha familia de xudeus lituanos. Mentres vendía carbón en Storyville, escoitou spasm bands, grupos que tocaban música con obxectos cotiáns. Escoitou os primeiros sons de jazz das bandas que tocaban nos bordeis e nas salas de baile como Pete Lala's, onde actuaba King Oliver.[14]

Cando Armstrong tiña once anos, deixou o colexio.[13] Armstrong uniuse a un cuarteto de rapaces que cantaba nas rúas por cartos. Tamén se meteu en problemas. Tras coller sen permiso a arma do seu padrasto, disparou ao ar e foi arrestado o 31 de decembro de 1912. Pasou a noite no Tribunal Xuvenil de Nova Orleáns e foi sentenciado o día seguinte a arresto en Colored Waif's Home.[15] A vida nese lugar era espartana. Non había colchóns, as comidas eran pouco máis que pan con melaza. O capitán Joseph Jones dirixía a casa como un campamento militar e usaba o castigo físico.[16] Armstrong desenvolveu as súas habilidades coa corneta tocando na banda. Peter Davis, que aparecía con frecuencia na casa a petición do capitán Jones,[17] converteuse no seu primeiro profesor e escolleuno com líder da banda. Con esta banda, Armstrong atraeu a atención de Kid Ory con trece anos.[18] O 14 de xuño de 1914, Armstrong foi enviado á custodia do seu pai e a súa nova madrasta, Gertrude. Meses despois, cando Gertrud deu a luz unha filla, e como o pai de Armstrong non o recibira ben, volveu coa súa nai, Mary Albert. Tiña que compartir cama coa súa nai e a súa irmá.[19]

Armstrong comezou a traballar nos cabarés de Storyville, onde estaban concentrados todo os locais nocturnos da cidade. Foi nesta época e lugar onde coñeceu o cornetista King Oliver. Co paso do tempo foi gañando unha gran reputación como trompetista na cidade de Luisiana, sendo contratado polo director de orquestra, Kid Ory. Pouco tempo despois foi contratado por Fate Marable para a súa prestixiosa banda que tocaba diariamente no barco de vapor Sidney da liña Streckfus Steamers que percorría o río Mississippi.[20]

En 1922 chegoulle a súa grande oportunidade cando King Oliver o chamou dende Chicago para que se incorporase á súa Creole Jazz Band como segundo corneta. Alí comezou de verdade a súa apoteósica carreira. Pronto pasou a gravar como líder da súa propia banda os seus primeiros discos e ante o recoñecemento que acadou chegou a interesarse por el Fletcher Henderson, o mellor director negro de orquestra do momento, quen lle ofreceu un contrato para que se unise á súa banda, contrato que Armstrong aceptou.

En só un ano revolucionou o estilo e a maneira de tocar dos seus compañeiros e gravou cos mellores músicos da época, como Clarence Williams (amigo seu de Nova Orleáns), os Williams Blue Five, Sidney Bechet, e as cantantes de blues Alberta Hunter, Ma Rainey e Bessie Smith.[21][22] Deixou a banda de Fletcher e entre os anos 1925 e 1928 protagonizou un dos momentos fundamentais do jazz, fundando dous grupos. Primeiro os Hot Five, que incluía a Kid Ory (trombón), Johnny Dodds (clarinete), Johnny St. Cyr (banjo), Lil Armstrong (piano), e habitualmente non había tambor. Durante un período de doce meses dende novembro de 1925, o quinteto realizou vinte e catro gravacións.[23]

Na primeira metade de 1927, Armstrong montou o seu grupo Hot Seven, que engadiu o batería Al "Baby" Dodds e a tuba de Pete Briggs, ademais de conservar a maioría da liña orixinal dos Hot Five. John Thomas substituíu a Kid Ory no trombón. A finais dese ano organizou unha serie de novas sesións cos Hot Five que deron lugar en nove gravacións máis. A finais de 1928, comezou a gravar cun novo grupo: Zutty Singleton (tambor), Earl Hines (piano), Jimmy Strong (clarinete), Fred Robinson (trombón) e Mancy Carr (banjo).[24]

Viaxou a Europa en 1932 conseguindo un grande éxito na cidade de París.[25] Nesta época foi reclamado por Hollywood, aparecendo en numerosos filmes de maior ou menor calidade. A aparición de Joe Glaser en 1935 como o seu representante e a contratación da orquestra de Louis Russell como formación de apoio de Armstrong, estableceron o curso dos acontecementos durante o resto da década, en que Armstrong pasou de ser unha figura do jazz a un destacado membro da industria do entretemento en xeral.

En 1940, Glaser rompeu a súa relación comercial cona big band de Russell e contratou novos músicos; esa unidade foi o principal apoio co que contou Armstrong ata 1947. Tras pasar moitos anos de xira, asentouse permanentemente en Queens (Nova York) en 1943. Nos anos corenta as big bands entraron en decadencia debido aos cambios no gusto do público: moitas salas de baile pecharaon e entre os novos medios de comunicación como a televisión e o auxe de novos tipos de música, as big bands e o swing pasaron a un segundo lugar. Fíxose imposible manter e financiar orquestras itinerantes de 16 músicos.

Contra 1947 reduciu a banda a cinco instrumentos, volvendo así ao estilo Dixieland. Formou entón o seu grupo máis coñecido, os All Stars, co trombonista Jack Teagarden, o clarinetista Barney Bigard, o pianista Earl Hines, o batería ''Big Sid'' Catlett e o contrabaixista Arvell Shaw. A presentación oficial do grupo foi o 13 de agosto de 1947 no club Billy Berg's dos Ánxeles; durante este período, realizou moitas grabaciones e apareceu en arredor de trinta filmes.[25]

Na década de 1950, Armstrong era unha icona estadounidense e un embaixador cultural cunha lexión de fans internacional. Porén, notouse un crecente salto xeracional entre el e os novos músicos de jazz que xurdiran na posguerra como Charlie Parker, Miles Davis e Sonny Rollins. Estes describían a súa propia música como abstracta e consideraban o estilo de vodevil de Armstrong, metade música e metade entretemento, pasado de moda e estilo Tío Tom.[26] Chamou ao bebop "música chinesa".[27] Mentres estaba de xira en Australia en 1954, preguntáronlle se podería tocar bepop: "Bebop? Eu só toco música. Os tipos que inventan vocábulos como ese están paseando polas rúas cos seus instrumentos baixo o brazo".[28][29]

Na década de 1960, estivo de xira por Ghana e Nixeria.[30][31]

Tras finalizar o seu contrato con Decca Records, converteuse nun artista libre e gravou para outras discográficas.[32][33] Continuou coa súa intensa axenda internacional, mais en 1959 sufriu un ataque ao corazón en Italia e tivo que descansar.[34]

En 1964, Armstrong gravou a que foi a súa canción máis vendida, "Hello, Dolly, unha canción de Jerry Herman, cantada orixinalmente por Carol Channing. Chegou ao número un das listas dos Estados Unidos, superando os Beatles.[35] Armstrong tamén logrou polo disco un premio Grammy ao mellor cantante masculino e foi candidato ao mellor disco do ano. No álbum aparece tamén outro tema clásico de Armstrong, "Jeepers Creepers".

As gravacións de Armstrong cambiaron o jazz, convertendo unha música de improvisación colectiva nunha onde o fundamental é o solo, a expresión individual dun músico. Na derradeira etapa da súa vida tivo problemas cos beizos, que lle impedían tocar, e pasou a converterse cada vez máis en cantante e entertainer. O feito de que esta sexa a etapa coa que máis se identifique a Armstrong non cambia que foi quen nos anos 20 do século XX definiu o que dende entón entendemos como jazz.

 
Túmulo de Louis Armstrong en Flushing, Nova York.

Debido a problemas de saúde, restrinxiu as súas actuacións ao mínimo cara ao final da súa vida, aínda que continuou a tocar ata o día do seu pasamento. Louis Armstrong morreu dun ataque cardíaco o 6 de xullo de 1971 con 69 anos en Corona, Queens, Nova York, once meses despois de tocar o seu último solo na Sala Imperial do Waldorf-Astoria. As súas últimas palabras foron: "I had my trumpet, I had a beautiful life, I had a family, I had Jazz. Now I am complete." ("Tiven a miña trompeta, unha vida fermosa, unha familia, o Jazz. Agora estou completo."). Foi sepultado no Cemiterio Flushing, en Flushing, Nova York.[36]

Características da súa músicaEditar

Nos seus primeiros anos, Armstrong foi máis coñecido por tocar a corneta e a trompeta. Tamén nos seus primeiros anos, salientou pola gravación dos discos "Louis Armstrong Hot Five and Hot Seven Sessions" entre 1925 e 1928 cos seus grupos "Hot Five" e "Hot Seven". Esas gravacións, sobre todo os seus solos, estableceron un padrón que aínda hoxe é seguido por outros músicos.[37]

Vida persoalEditar

 
Armstrong con Lucille Wilson (c. 1960)

Armstrong estaba actuando na Brick House de Gretna, Luisiana, cando coñeceu a Daisy Parker, unha prostituta local. Comezou a relación como cliente. Vovleu a Gretna en varias ocasións para visitala. Atopou o valor para buscar a súa casa e vela fóra do traballo. Nesta ocasión descubriu que tiña marido. Pouco despois do fiasco, Parker viaxou a casa de Armstrong en Perdido Street.[38] Rexistráronse no hotel de Kid Green esa tarde. O día seguinte, 19 de marzo de 1919, Armstrong e Parker casaron na casa do concello.[38][39] Adoptaron un neno de tres anos, Clarence, fillo dunha prima de Armstrong que falecera pouco despois de dar a luz. Clarence Armstrong tiña unha discapacidade mental como resultado dunha lesión na cabeza cando era pequena e Armstrong pasou o resto da súa vida coidándoa.[40] O matrimonio con Parker rematou cando se separaron en 1923.

O 4 de febreiro de 1924 casou con Lil Hardin Armstrong, pianista de King Oliver. Ela divorciárase do seu primeiro marido uns poucos anos antes. A súa segunda esposa axudouno a desenvolver a súa carreira, pero separáronse en 1931 e divorciáronse en 1938. Armstrong casou entón con Alpha Smith.[41] A súa relación con Alpha comezou cando el estaba tocando no Vendome na década de 1920 e continuou moito despois.[42] O terceiro matrimonio durou catro anos, e divorciáronse en 1942. Armstrong casou entón con Lucille Wilson en outubro de 1942, cantante do Cotton Club, coa que continuou casado ata a súa morte en 1971.[43]

Armstrong non tivo fillos dos seus matrimonios.[44] Porén, en decembro de 2012, Sharon Preston-Folta, de 57 anos, afirmou que era filla dunha relación con Armstrong con Lucille "Sweets" Preston, bailarina do Cotton Club.[45] Nunha carta de 1955 ao seu representante, Joe Glaser, Armstrong afirmou que cría que o bebé de Preston era filla del e encargou a Glaser que pagase unha asignación mensual de 400 dólares ao mes á nai e á nena.[46]

DiscografíaEditar

  • 1923: Louis Armstrong and King Oliver (Milestone)
  • 1923: Clarence Williams' Blue Five (CSB)
  • 1928: Hot Fives And Sevens, Vol. 3 (JSP)
  • 1931: Stardust (Portrait)
  • 1933: Louis Armstrong Sings the Blues (RCA)
  • 1947: Satchmo at Symphony Hall, Vol. 2 [live] (Decca)
  • 1949: Satchmo Serenades (Polygram Records)
  • 1951: Satchmo at Pasadena [live] (Decca)
  • 1954: Louis Armstrong Plays W.C. Handy (Columbia/Legacy)
  • 1955: Louis Armstrong at the Crescendo, Vol. 1 [live] (Decca)
  • 1955: Ambassador Satch (Columbia/Legacy)
  • 1955: Satch Plays Fats: The Music of Fats Waller (Sony)
  • 1955: Satchmo the Great (Sony)
  • 1956: Ella and Louis (Polygram Records)
  • 1956: Pasadena Civic Auditorium June 20, 1956 (Giants of Jazz)
  • 1957: Porgy & Bess (Polygram Records)
  • 1957: Ella and Louis Again (Polygram Records)
  • 1957: Louis Armstrong Meets Oscar Peterson (Polygram Records)
  • 1957: Louis and the Angels (Umvd Labels)
  • 1959: The Five Pennies (Decca)
  • 1960: Happy Birthday, Louis! Armstrong & His All-Stars (Omega)
  • 1960: Satchmo Plays King Oliver (Varese Sarabande)
  • 1961: Together for the First Time (With Duke Ellington) (Roulette)
  • 1963: Hello, Dolly! (Mca)
  • 1968: What a Wonderful World (Verve)
  • 1968: Disney Songs the Satchmo Way (Disney)
  • 1969: On Her Majesty's Secret Service (Capitol). Banda sonora de No servizo secreto da súa maxestade.
  • 2002: The Best of Louis Armstrong: The Hot Five and Seven Recordings (Columbia/Legacy)
  • 2002: Satchmo Live (Orpheus Records)
  • 2006: Complete New York Town Hall & Boston Symphony Hall Concerts (DeFinitive)

Louis Armstrong no cineEditar

Coma actorEditar

  • 1930: Ex-Flame.
  • 1932: I'll Be Glad When You're Dead You Rascal You.
  • 1932: A Rhapsody in Black and Blue.
  • 1936: Pennies from Heaven.
  • 1937: Artists & Models.
  • 1937: Every Day's a Holiday (Todos os días son festa).
  • 1938: Dr. Rhythm.
  • 1938: Going Places.
  • 1941: Birth of the Blues.
  • 1943: Cabin in the Sky.
  • 1944: Jam Session.
  • 1945: Pillow to Post.
  • 1947: New Orleans.
  • 1948: A Song Is Born.
  • 1950: Botta e risposta.
  • 1951: The Strip.
  • 1951: Here Comes the Groom.
  • 1952: Glory Alley.
  • 1954: The Glenn Miller Story.
  • 1956: High Society.
  • 1959: The Five Pennies.
  • 1959: Kærlighedens melodi.
  • 1961: What About Linda?.
  • 1961: Paris Blues.
  • 1961: Auf Wiedersehen.
  • 1963: Berlin-Melodie.
  • 1965: When the Boys Meet the Girls.
  • 1966: A Man Called Adam.
  • 1969: Hello, Dolly!.

Coma músicoEditar

Ao longo da súa carreira compuxo case duascentas cancións que foron empregadas en bandas sonoras de películas como:

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Anderson, Gene H. (2015). Louis Armstrong. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-026875-6. 
  2. Prefería que o seu nome se pronunciase Louie [1] Arquivado 19 de novembro de 2008 en Wayback Machine..
  3. Armstrong dixo que non estaba seguro da data na que naceu exactamente, pero celebraba o seu aniversario o 4 de xullo.
  4. Cook, Richard (2005). Richard Cook's Jazz Encyclopedia. London: Penguin Books. pp. 18–19. ISBN 978-0-14-100646-8. 
  5. Teachout, Terry (2009). Pops: A Life of Louis Armstrong. Houghton Mifflin. p. 25. ISBN 978-0-15-101089-9. 
  6. "When Is Louis Armstrong's Birthday?". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 07 de xaneiro de 2021.  The Official Site of the Louis Armstrong House & Archives.
  7. Giddins, Gary (2001). Satchmo: The Genius of Louis Armstrong. Da Capo. p. 21. 
  8. Teachout (2009), pp. 26Modelo:Endash27.
  9. Bergreen (1996), pp. 14–15.
  10. 10,0 10,1 Giddins (2001), pp. 22Modelo:Endash23.
  11. Teachout, Terry (2009). Pops. Boston: Houghton Mifflin Harcourt. p. 30. 
  12. Giddins (2001), p. 26.
  13. 13,0 13,1 Bergreen (1997), pp. 27, 57–60.
  14. Bergreen (1997), pp.45Modelo:Endash47.
  15. Bergreen (1997), pp. 67–68.
  16. Bergreen (1997), pp. 70–72.
  17. Current Biography 1944. p. 16.
  18. Bergreen (1997), p. 78.
  19. Bergreen (1997), pp. 80–84.
  20. Howland Kenney, William (2005). Jazz on the River. Chicago: University of Chicago Press. p. 64. 
  21. Elliot Hurwitt et al., in Cary D. Wintz and Paul Finkelman, eds., Encyclopedia of the Harlem Renaissance (London: Routledge, 2012), 533 and elsewhere. ISBN 9781135455361 books.google.com/books?id=0L0ULjto_OEC&pg=PT533
  22. KEMP, LARRY. (2018). EARLY JAZZ TRUMPET LEGENDS. [Place of publication not identified]: ROSEDOG PR. ISBN 978-1-4809-7637-5. OCLC 1059329912. 
  23. Harker, Brian (2011). Louis Armsrtrong's Hot Five and Hot Seven Recordings. Oxford: Oxford University Press. p. 4Modelo:Endash5. ISBN 978-0-19-538840-4. 
  24. Harker (2011), p. 145.
  25. 25,0 25,1 "Biografía de Louis Armstrong". Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2008. Consultado o 30 de xaneiro de 2008. 
  26. Starkey, Brando Simeo (2015). In Defense of Uncle Tom: Why Blacks Must Police Racial Loyalty. Cambridge University Press. pp. 147–. ISBN 978-1-316-21408-4. Consultado o 13 de xuño de 2018. 
  27. Music : the definitive visual history. Ziegler, Robert (Conductor), Blenkinsop, Ian,, Day, Kiku,, Grant, R. G.,, Hayes, Malcolm,, Howard, Keith, 1956- (First American ed.). London: DK. 2013. p. 247. ISBN 9781465414366. OCLC 828055596. 
  28. Orixinal en inglés: "Bebop? I just play music. Guys who invent terms like that are walking the streets with their instruments under their arms".
  29. "Louis Armstrong And Band Get A Hot Reception". Sydney Morning Herald (NSW: 1842–1954). 28 de outubro de 1954. p. 1. Consultado o 13 de xuño de 2018. 
  30. Kelley, Robin D.G. (2012). Africa Speaks, America Answers: Modern Jazz in Revolutionary Times. Harvard University Press. pp. 72–. ISBN 978-0-674-06524-6. Consultado o 13 de xñuo de 2018. 
  31. Jet. Johnson Publishing Company. 1971. pp. 59–. Consultado o 13 June 2018. 
  32. Nollen, Scott Allen (2004). Louis Armstrong: The Life, Music, and Screen Career. McFarland. p. 127. ISBN 978-0-7864-1857-2. Consultado o 13 de xuño de 2018. 
  33. "Louis Armstrong". AllMusic. Consultado o 19 de outubro de 2019. 
  34. "Louis Armstrong". Biography.com. Consultado o 19 de outubro de 2019. 
  35. Hale, James. "Danny Barcelona: 1929–2007". www.jazzhouse.org. Consultado o 4 de xullo de 2007. 
  36. Louis Armstrong en Find a Grave (en inglés)
  37. "Hot Five and Hot Seven recordings. Louis Armstrong. (1925-1928) - National Recording Preservation Board". Consultado o 18 de abril de 2020. 
  38. 38,0 38,1 Bergreen (1997), 134–37.
  39. Collier, James Lincoln (1983). Louis Armstrong: An American Genius. Nova York: Oxford University Press. p. 81. ISBN 978-0-19-503377-9. 
  40. Giddins, Gary (16–22 April 2003). "Satchuated". Village Voice. Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2008. Consultado o 17 October 2007. 
  41. "Lillian Hardin Armstrong". RedHotJazz.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2013. Consultado o 16 de xaneiro de 2015. 
  42. Brothers, Thomas (2014). Louis Armstrong: Master of Modernism. Nova York: W.W. Norton & Company. pp. 318. ISBN 978-0-393-06582-4. 
  43. "Biography of Louis Daniel Armstrong". LouisArmstrongFoundation.org. Louis Armstrong Educational Foundation. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2014. Consultado o 16 de xaneiro de 2015. 
  44. "Louis Armstrong: FAQ". Louis Armstrong House Museum. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 18 de decembro de 2012. 
  45. Goddard, Jacqui (15 de decembro de 2012). "Louis Armstrong's secret daughter revealed, 42 years after his death". The Daily Telegraph. 
  46. Collier, James Lincoln (1983). Louis Armstrong: An American Genius. Nova York: Oxford University Press. p. 158. ISBN 978-0-19-503377-9. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar