Trompeta
A trompeta é un instrumento musical da familia de vento metal , fabricado en aliaxe de metal. O son da trompeta prodúcese coa vibración dos beizos na boquilla a partir da columna do aire (fluxo de aire). A trompeta, comunmente, está afinada en si bemol, é dicir, un ton por debaixo da afinación real (tamén hai trompetas afinadas en fa, en dó, en la e en mi bemol. É o instrumento máis agudo da súa familia (vento metal). O músico que toca a trompeta é chamado trompetista ou tamén simplemente trompeta.
Trompeta | |
---|---|
Información | |
Clasificación | |
Tesitura | |
Instrumentos relacionados | |
Músicos notables |
Está composta por tres pistóns que regulan o paso do aire que pasa desde a boquilla ata a campá.
Mecanismo
editarA trompeta está constituída por un tubo, de latón xeralmente, dobrado en espiral de aproximadamente 180 cm de largura, con diversas válvulas ou pistóns, rematado nunha boca acampanada que recibe o nome de campá ou pavillón. Os dous primeiros terzos do tubo son practicamente cilíndricos, o que proporciona un son forte e brillante, ao contrario do que ocorre coa corneta ou o fliscorno, que posúen un tubo cónico e producen un ton máis suave. O outro terzo restante é un tubo cónico, excepto nos últimos 30 cm, nos que o tubo se ensancha para formar a boca en forma de campá. O calibre é unha serie complexa de voltas, máis pequenas no receptor de boquilla e máis grande xusto antes do comezo da campá. O meticuloso deseño destas voltas é crítico para o que é a entoación da trompeta.[1]
Como con todos os instrumentos de metal, o son é producido polo ar que se sopra a través dos labios cerrados, obtendo un «zunido» na boquilla e comezando unha permanente onda de vibración na columna de aire no interior da trompeta. O trompetista pode seleccionar a execución dunha gama de matices harmónicos mudando a apertura e tensión dos labios exercidas sobre a boquilla.
Nos principios, a súa capacidade para producir sons limitábase a unha serie de harmónicos sobre a nota fundamental. Non obstante, coa posterior adaptación do mecanismo do pistón, a trompeta converteuse nun instrumento cromático. Está provista de tres pistóns e en xeral está afinada en si bemol, dó ou la. Cando a súa afinación é en dó non hai necesidade de transportar. Na trompeta en si bemol e en la, a transposición é basicamente a mesma que se utiliza para o clarinete.[2]
A trompeta ten tres pistóns que dirixen o son por diferentes partes do tubo que forma o instrumento, e deste xeito alonga ou acurta o percorrido do son e, polo tanto, consegue a súa afinación cromática. Cada un destes pistóns aumenta a lonxitude dos tubos cando son pulsados, o que reduce a tonalidade da nota. O primeiro pistón, que está conectado a un tubo de largura mediana, reduce a nota da trompeta en dous semitóns; o segundo pistón, conectado a un tubo de curta lonxitude, baixa a nota un semitón; e o terceiro pistón, conectado a un tubo longo, baixa a nota tres semitóns. Ás veces existe un cuarto pistón, como é o caso da trompeta piccolo, que reduce en 5 semitóns a nota da trompeta. Mediante a combinación destes tres (ou catro) pistóns, conséguese case toda a afinación cromática dado que se obteñen até oito lonxitudes diferentes no tubo resoador. O son proxéctase cara ao exterior pola campá.[1]
Desta forma, a trompeta en si bemol ao pulsar o primeiro pistón (dous semitóns menos), fai que dó baixe a si bemol, mi a re, e sol a fa. Na tonalidade real baixa, si bemol a la bemol, re a dó, e fa a mi bemol. Ao premer o segundo pistón (un semitón menos), dó baixa a si, mi baixa a re díese, e sol a fa díese. Na tonalidade real baixa si bemol a la, re a dó díese, e de fa a mi. Ao premer o terceiro pistón (tres semitóns menos), dó baixa a la, mi baixa a dó díese, e sol baixa a mi. Na tonalidade real baixa si bemol a sol, re a si, e fa a re. Ao pulsar dous pistóns á vez, súmanse as súas caídas de tonalidade, sendo tres tons o máximo que se pode baixar: pulsando os tres pistóns á vez: 2 semitóns + 1 semitón + 3 semitóns = 6 semitóns ou 3 tons.
A serie harmónica da trompeta aseméllase á escala de música, pero hai algunhas notas da serie que son comprometidas por estar lixeiramente fóra do rango e que se coñecen como tons de lobo (ou wolftone). Algunhas trompetas teñen un mecanismo deslizante para compensalas.
A afinación adóitase ver afectada pola temperatura ambiental, polo tanto é necesario quentar o instrumento antes de tocar soprando a través del. Para afinar correctamente a trompeta é necesario axustala bomba de afinación até conseguir a afinación desexada. A bomba de afinación é o cóbado metálico que remata a sección central da trompeta e que queda á mesma altura que a campá. Nesta mesmo punto atópase a chave de desaugadoiro, utilizada para expulsar a auga que se acumula no interior da trompeta como resultado da condensación do aire nos seus tubos.
A boquilla ten un bordo circular chamado anel que proporciona un ambiente cómodo para a vibración dos labios. Inmediatamente detrás do anel está a copa, que canaliza o aire por unha apertura moito menor, o granillo, que diminúe un pouco para que coincida co diámetro do tubo principal da trompeta. As dimensións destas partes da boquilla afectan ao timbre ou á calidade do son e á facilidade e comodidade da execución. En xeral, canto maior e máis profunda é a copa, máis escuro é o son do timbre.
A trompeta pode fabricarse en distintos estilos, con modelos para os principiantes, os trompetistas intermedios ou para músicos profesionais. No pasado, fabricáronse trompetas cun número de materiais improbables, incluíndo a madeira, a arxila e a cerámica. Tamén foron fabricadas completamente de latón, bronce, prata e níquel. A trompeta moderna está fabricada comunmente de latón e ás veces é galvanizada con prata, níquel, ouro ou cobre. Mide aproximadamente 50 cm.
A sordina é un mecanismo que serve para cambiar a calidade e atenuar o son producido pola trompeta. Ten forma de pera e encaixa perfectamente na campá do instrumento, aínda que existen outros tipos de sordinas que non se acoplan na campá (como a sordina desatascador). Normalmente son de fibra ou metal.[1]
As sordinas obstrúen os movementos das ondas sonoras nos metais, amplifican certos harmónicos e reducen outros. Os trompetistas teñen experimentado diversas formas de sordinas, desde inserir unha man no pavillón (técnica ortodoxa nalgúns metais clásicos) ou incluso cubrir a campá cun bombín.[3]
Tesitura
editarA tesitura básica da trompeta ten unha extensión de dúas oitavas e media, desde fa♯2 por debaixo do dó central do piano (Dó3), incluso nalgunhas ocasións desde notas máis graves, até dó6. Aínda que na actualidade o rexistro aumenta até un fa - sol por encima desta nota, aumentando o rexistro a tres oitavas. Por encima desta nota, a trompeta tende a emitir un son distorsionado, que é moi difícil de dominar. Polo tanto, existe a recomendación para os compositores que cando se escribe para estes instrumentos, non pasen os límites arriba mencionados. Esta recomendación é frecuentemente ignorada. Hai trompetistas dedicados a superar este réxime (os chamados «agudistas»), que superan amplamente estes límites, incluso podendo aumentar este rexistro en máis dunha oitava, e xogan cos tons agudos ou supra-altos, aproximadamente, até o terceiro dó por encima do central; entre este tipo de músicos atópase Arturo Sandoval, aínda que este agudista chega até o sol da terceira oitava.
Detalles especiais
editarA trompeta ao aire, sen pistóns pulsados, produce polo xeral as notas dó, mi e sol en todas as súas oitavas. Non obstante, existen 4 excepcións: na oitava por debaixo da central, sol non se produce ao aire, senón premendo o primeiro e o terceiro pistón. Na oitava central, o mi non se produce ao aire, senón premendo o primeiro e segundo pistón. Na segunda oitava, existe un si bemol ao aire. E na terceira oitava, existe re ao aire. Estas irregularidades débense aos harmónicos naturais.
No seguinte cadro amósanse as distintas notas que se obteñen premendo os distintos pistóns.
Mantemento
editarA trompeta é un instrumento moi sensible, polo tanto é moi importante baleirala sempre mediante a chave de desaugadoiro e secala por dentro e por fóra. Para este fin hai trapos e varillas especiais que se poden adquirir en comercios especializados.
Boquilla
editarA boquilla e o tudel poden danarse facilmente por un montaxe impropia, polo que hai que realizar con coidado dita acción. A forma correcta é inserir suavemente a boquilla no receptor e dar un leve xiro para aseguralo. Nunca hai que forzar a boquilla dentro do tudel, posto que pode chegar a atrancarse. En caso de que isto ocorra, non é recomendable en ningún caso usar ferramentas de agarre (tenazas, alicates,... ) para quitar a boquilla atrancada, senón que debe levarse o instrumento a un establecemento especializado na reparación de instrumentos.[4]
Os tipos de boquilla máis usados cando se empeza son os 7C; máis adinte utilízanse os tipos de boquillas como a 1-1/2C, 1-1/4C, sendo estes os máis comúns. A boquilla 3C axuda para alcanzar as notas agudas.
Pistóns
editarCada un dos 3 pistóns vai encaixado nuns cilindros ocos que reciben o nome de camisas. Os pistóns e camisas son partes moi importantes da trompeta, polo tanto, é necesario poñer moito coidado en non dobralos nin raialos. Un correcto mantemento dos pistóns esixe o lubricado antes e despois de cada uso da trompeta. Para iso, é necesario sacar o pistón en liña recta, sen xirar, e aplicarlle 2 ou 3 gotas de aceite lubricante específico para trompetas. Baixo ningún concepto debe usarse graxa para lubricar os pistóns. Despois vólvese a colocar o pistón con cuidado apoiándoo na camisa apropiada, aliñando a guía do pistón coa rañura da guía da camisa. Recoméndase pulsar o pistón varias veces para que se cubra toda a superficie co aceite lubricante.
É recomendable unha limpeza periódica dos pistóns. Para iso, é necesario sacar o pistón en liña recta, sen xirar, e deixalo sobre unha superficie limpa e que non raie o pistón. Cun cepillo de pistóns límpase o interior da camisa. En caso de non dispor de dito cepillo, recoméndase o uso dun pano dobrado ou unha varilla envolta nunha tea de algodón. Límpanse os pistóns de calquera tipo de sucidade acumulada na súa superficie ou orificios e vólvense introducir nas súas correspondentes camisas, aplicándolles 2 ou 3 gotas de aceite lubricante.[4]
Bombas
editarAo contrario que no caso dos pistóns, recoméndase empregar graxa para lubricar as bombas. A graxa de bombas mantenas herméticas e dótaas dun movemento suave, polo tanto, é un factor esencial no coidado da trompeta. Para realizar o mantemento das bombas é necesario quitar a bomba premendo o pistón correspondente. A continuación, insértase unha esquina dun pano de algodón limpo a través do burato da bomba e límpase calquera tipo de lixo dentro e fóra dela, así como na superficie das bombas interiores. Aplícase unha pequena cantidade de graxa de bombas e introdúcese varias veces consecutivas a bomba para que a graxa se estenda uniformemente.[4]
Tipos de trompetas
editarHai distintas trompetas segundo a súa tonalidade. As máis frecuentes son as trompeta en si ♭ (bemol), aínda que tamén as hai en dó (para música de orquestra) e outras menos utilizadas como a de mi ♭ (que aparece algunhas veces na música barroca, da que Bach foi representante); ou a tamén común trompeta píccolo en si bemol (moi empregada para acadar rexistros agudos, debido a escasa lonxitude do seu tubo). Outras trompetas existentes son a trompeta baixa en si bemol ou en dó, ademais da trompeta en fa, la ou re. Estes últimos son tipos moi pouco empregados e existen relativamente poucas trompetas nestas tonalidades.
Trompeta en dó ou en si ♭
editarAs trompetas correntes están afinadas en dó ou en si ♭ e o seu tubo apenas supera un metro de largo. Ten tres pistóns e a súa extensión cromática, debida ao mecanismo dos pistóns, é de dúas oitavas e unha sexta maior. A trompeta en si ♭ soa un ton máis grave que a trompeta en dó. Este tipo de trompetas son normalmente usadas nas bandas de música, nas orquestras de jazz e nas orquestras sinfónicas (excepto en Francia e España onde se impuxo a trompeta en dó, aínda que a trompeta en si continua sendo a máis utilizada nestes ámbitos).
Trompeta de varas
editar- Artigo principal: Trompeta de varas.
A trompeta de varas pode ser chamada «trompeta slide» ou tamén «trombón soprano». A vara é proporcional ao tamaño do instrumento e ten as sete posicións dun trombón convencional. Este instrumento está logrado para que os cativos poidan estudar o mecanismo da vara, de cara a tocar o trombón de varas nun futuro.
A trompeta de varas ten un rexistro exactamente igual á trompeta tradicional de pistóns, aínda que a súa execución é moito máis lenta comparada coa dos pistóns. Normalmente a tonalidade da trompeta de varas ou trombón soprano é si ♭.
Trompeta piccolo
editar- Artigo principal: Trompeta piccolo.
A trompeta piccolo, tamén denominada trompeta barroca, porque foi creada a finais do século XIX para interpretar obras barrocas (como as de Bach ou Händel, por exemplo), é máis pequena que o resto de trompetas e soa unha oitava máis aguda que as demais e alcanza con maior facilidade o rexistro sobreagudo. Normalmente está afinada en la ou en si ♭. Ten catro pistóns, aínda que existen modelos con tres pistóns. O cuarto pistón desempeña a función de transpositor e reduce en 5 semitons a nota da trompeta.[5]
Trompeta baixa
editar- Artigo principal: Trompeta baixa.
A trompeta baixa está afinada en dó ou en si ♭. Soa unha oitava máis grave que a trompeta normal e o seu tubo é máis longo. Foi utilizada por Wagner, mais o seu uso non está moi estendido e emprégase en ocasións excepcionais.[5]
Trompeta pocket
editar- Artigo principal: Trompeta pocket.
A trompeta pocket (trompeta de peto) é unha versión en miniatura da trompeta tradicional. Ten máis curvas que unha trompeta normal, polo tanto, o percorrido que fai o son é igual de longo, pero a trompeta en si ocupa menos espazo. Esta gran cantidade de curvas fai que nas oitavas altas, o son da trompeta se vaia volvendo máis seco que o dunha trompeta normal; require maior presión ao soprar, carecendo por completo de slide.
Trompeta de chaves
editar- Artigo principal: Trompeta de chaves.
A trompeta de chaves é un tipo de trompeta que no canto de usar pistóns usa chaves. Este tipo de trompeta é utilizada en moi poucas ocasións nas actuacións modernas, pero foi relativamente común o seu uso ata a introdución da trompeta de pistóns a mediados do século XIX. Este instrumento era capaz de emitir só a serie dos harmónicos naturais segundo a súa afinación alterando a presión dos beizos e do alento por medio da presión do músculo diafragmático. Por exemplo, unha trompeta afinada en dó daría a súa serie de harmónicos (dó, sol, dó, mi, sol, si ♭, dó ...), o que deixaba ocos na súa tesitura baixa aínda que basicamente se defendera nos rexistros altos. A trompeta de chaves inventada por Anton Weidinger baseábase nun sistema similar ao da frauta ou o fagot, e usouse en bandas militares durante o século XIX, decaendo o seu uso a principios do século XX.
Historia
editarAs trompetas son case tan antigas como a frauta, o instrumento máis antigo e xeneralizado, e xunto coa corneta, derivadas de corno de boi que aínda pode servir como trompa de caza. Polo tanto, as primeiras trompetas foron fabricadas con cornos de animais cocidos, canas de bambú, tubos vexetais furados ou cunchas de moluscos e eran empregadas polos homes primitivos para diversas cuestións como eran os enterros, rituais para espantar os malos espíritos, para a caza ou transmitir sinais.
A trompeta é citada na Biblia, onde se fala dun instrumento con formas moi diferentes, e construído con moitos materiais diferentes. Este instrumento era utilizado polos sacerdotes para anunciar as festividades e para facer sinais de guerra. Algúns exemplares de trompeta atopados indican que algunhas eran realizadas con corno de cordeiro. Tocábanse para sinalar eventos particulares ou cambios climáticos. Este tipo de trompeta aínda se utiliza nalgunhas cerimonias xudías.
Na mitoloxía grega, o inventor da trompeta foi Tyrsenus, fillo de Heracles e unha muller de Lidia[6]. Esta muller de Lidia acostuma ser identificada polos analistas como Ónfale[7], raíña gobernante de Lidia a quen Heracles serviu como escravo[8].
Nas civilizacións antigas
editarCo descubrimento dos metais comeza unha nova etapa para o desenvolvemento dos instrumentos de vento xa que o bronce é un material axeitado para a súa construción mellorando a súa sonoridade e brillantez. As primitivas trompetas carecían de boquilla e usábanse a modo de altofalante, gritando no seu interior para deformar aumentando ou distorsionando a voz do executante.
Nos pobos da antigüidade a trompeta aparece entre os seus instrumentos musicais. Os exipcios atribuían a súa invención ao deus Osiris e fora herdada dos pobos de Mesopotamia, dispoñían de diferentes trompetas que utilizan en paradas militares e rituais relixiosos. Estes instrumentos recibían o nome de Sneb e tiñan forma cónica e rectos. Encontráronse dúas trompetas na tumba do faraón exipcio Tutankamon, que reinou de 1353 a 1358 a. C. e nas pinturas antiquísimas que as representaban. Ditas trompetas miden respectivamente 50,5 cm e 58 cm de longo, presentando un ancho pavillón, pero sen unha embocadura propiamente dita. A primeira delas é de bronce e a segunda de prata, o cal constituíu sen dúbida unha excepción. Ditas trompetas estaban fabricadas en bronce co método de cera perdida. No Museo Británico, no Museo do Louvre de París e no Arqueolóxico de Nápoles atópanse trompetas de bronce exipcias e romanas e no Numantino de Soria consérvanse algunhas de barro cocido e de factura ibérica, unhas rectas e outras curvas. Tamén se conservan trompetas do Imperio persa no museo de Persépole (Irán).
Entre os pobos hebreos a trompeta recibía o nome de hazozra ou chatzótzráh e tiña un carácter case divino xa que atribuían a súa construción a Moisés, sendo tocada unicamente polos sacerdotes para anunciar as asembleas e acompañar as consagracións e os sacrificios. Tamén tivo uso militar e servía para levantar os campamentos nómades ou para dar sinais de alarma. A trompeta hebrea era curta, duns 45 cm de largo, cun tubo cónico de prata batida que producía un son homoxéneo e ininterrompido, ou ben en dúos de dúas trompetas, é dicir, articulando distintamente varias notas diferentes. Tamén existía outro tipo de trompeta, o shofár, que estaba fabricada a partir do corno dun animal kosher (carneiro, cabra, antílope e gacela) e era utilizado en varias festas xudías, así como nalgúns servizos doutras relixións cristiás e xudeocristiás.
Outros pobos que coñecían e desenvolveron diferentes trompetas foron o xermano e o celta. A forma primitiva de «ese» (S) cónica dos cornos xermánicos e escandinavos denominados lur, lures, lure ou luur (1500-400 a. C.) era debida a que estaba construída co cairo dun mamut. Consérvanse exemplares en perfecto estado achados en escavacións arqueolóxicas realizadas fundamentalmente en Dinamarca. A lure medía entre 1,50 e 2,50 m de media, era lixeiramente cónica e presentaba a forma de S. O tubo compoñíase de dúas partes curvas de diferente lonxitude, a segunda das cales estaba situada nun plano distinto á primeira. Polo xeral, os exemplares que se descubriron aparecen unidos de dúas en dúas, de idéntico tamaño e simétricos, o cal fai supoñer que se tocaban por parellas afinadas ao unísono, ou ben simultaneamente, ou en alternancia. Colgábanse na bandoleira e dous músicos, un canda outro, debían suxeitar cada instrumento en vertical por encima da súa cabeza. Realizáronse intentos cos exemplares mellor conservados cos que se conseguiron os doce primeiros harmónicos e unha escala cromática dunha sétima a partir do son fundamental, pero é pouco probable que os antigos aproveitaran esta extensión sonora. O carnyx, karnix ou karnyx celta era un instrumento de tubo recto que se dobra en ángulo recto ,en forma de gancho, parecido á trompeta e destinado a usos militares, construído enteiramente en bronce e coa campá en forma de dragón. Este tipo de trompeta foi reproducido no ano 113 no arco de Hadriano, en Roma.
Arredor do século IV a. C., os gregos xa incluían certames de trompetistas no programa dos Xogos Olímpicos. A trompeta recibía o nome de salpinx e a súa invención estaba atribuída á deusa Atenea. Estaba fabricada en ferro ou bronce, ás veces de prata, e era un tubo estreito e con embocadura de corno ou de óso. Antes do pavillón, que era esférico e de dimensións modestas, adoitaban colocarse argolas decorativas ou corredizas. Herdárona dos etruscos, que á súa vez a herdaran dos exipcios. Tamén usaban o keras que era un corno cocido de animal que empregaba con fins militares.
Durante o Imperio romano o uso das trompetas herdadas de gregos e etruscos adquire unha grande importancia social. Estaban fabricadas en prata e bronce e recibían diferentes nomes: buccina, cornus, salpinx, aduba, clario, tubesta, lituus ou argia entre outros, así como diversas formas rectas ou curvas. A máis coñecida de todas elas era a tubesta ou tuba que media 117 cm e era de forma cónica, con 1 cm de diámetro na embocadura. O tubo cónico era de bronce, cunha embocadura móbil e un pavillón lixeiramente ensanchado; a tuba era utilizada na infantaría, pero tamén tivo grande importancia nos combates de gladiadores xunto coa trompa e o órgano hidráulico, utilizándose ocasionalmente en determinados sacrificios relixiosos. O lituus, polo contrario, foi un instrumento de uso exclusivamente militar que se empregou na cabalaría: era unha longa trompeta cilíndrica, de dimensións variables (de 75 cm aproximadamente a 1,40 m de largo) que tiña o extremo oposto ao da embocadura dobrado en forma de J, aberto sobre un pavillón ás veces recortado. Como no caso da tuba, o tubo do lituus era de bronce. O timbre destes instrumentos debía resultar sen dúbida pouco agradable: os autores romanos cualifican o timbre da tuba de «ronco» e «aterrador». O do lituus era máis agudo e sen dúbida bastante máis estridente. Os corpos de trompetistas romanos favoreceron o desenvolvemento das trompetas utilizándoas para chamamentos, fanfarras militares e civís. Nas esculturas romanas pódese observar que as trompetas aparecían en todas as procesións.[9]
Tanto a Biblia como Homero na Ilíada corroboran a importancia da trompeta nas cerimonias relixiosas primitivas e o do seu uso nas batallas, incluso apúntase na Biblia que o son brillante das trompetas foi o causante da caída da cidade de Xericó.
Sete sacerdotes irán diante da arca do pacto, cada un cunha trompeta de corno de carneiro e o sétimo día daredes sete voltas á cidade mentres os sacerdotes tocan as trompetas.
A continuación Xoab ordenou que tocaran a trompeta, e as tropas deixaron de perseguir aos de Israel, porque Xoab as detivo.
Tocade a trompeta ao chegar a lúa nova, e tamén ao chegar a lúa chea, que é o día da nosa gran festa.
Soa a trompeta chamando á batalla; todos prepáranse, pero ninguén sae a loitar. Vou castigar con ira o orgullo de Israel.
Palas Atenea vociferou tamén e suscitou un inmenso tumulto entre os teucros. Como se oe a voz sonora da trompeta cando veñen cercar a cidade inimigos que a vida quitan; tan sonora foi entón a voz do Eácida.Canto XVIII da Ilíada, Homero
O primeiro anxo tocou a súa trompeta, e foron lanzados sobre a terra saraiba e fogo mesturados con sangue.Libro da Apocalipse 8, 6-13[10]
A cultura chinesa contribuíu en gran medida no desenvolvemento da trompeta, aportando unha curiosa trompeta composta por diferentes tubos cónicos que encaixaban uns noutros telescopicamente. Outra achega súa foi a trompeta helicoidal tocada polos mariñeiros e sacerdotes budistas. Tamén existía unha trompeta chamada Lapa ou Laba e outra chamada suona, que é un tipo de trompeta parecida ao óboe de tons altos e fortes que pode ter sete ou oito buratos.[11] O suona foi moi popular na primeira Dinastía Jin nas zonas da rexión de Xinjiang e está formado por un tubo cónico de madeira perforado de oito orificios (sete na parte dianteira e un na traseira), un tubo de cobre e un chifre de cana (o que o fai similar ao óboe) no extremo superior da madeira e un altofalante de cobre no extremo inferior.[12] Unha versión da suona é a corneta chinesa, un instrumento que é aínda moi utilizado como elemento melódico indispensable na «conga santiagueira», tipo de música popular imprescindible en festas populares na rexión oriental de Cuba.
Nos reinos de Xava e Balí existía durante o século X uns pequenos conxuntos musicais cunha formación de trompeta de forma curva. No Tíbet, desde o século VII, a influencia india ten como consecuencia a introdución de instrumentos como o dung-dkar,[13] fabricado cunha caracola e en ocasións con embocadura de metal e cunha prolongación feita cunha placa metálica, chamada á (gshog-ma), moi similar ao sankh da India,[14] e o wadun, fabricado cun corno. O mag-dun é unha gran trompeta de sons graves e roucos que pode medir até 5 metros e é un instrumento característico e orixinario do Tíbet.
En Australia, as tribos aborixes servíanse dun instrumento que consiste nun tubo de madeira longo e furado que usaban nos seus ritos e que recibe o nome de didgeridoo ou diyiridú.
É importante mencionar que todas estas trompetas non tiñan pistóns e só manexaban entre 2 e 5 notas.
A trompeta seguiu sendo utilizada en batallas e cerimonias moito despois da disolución destes pobos. Na Idade Media, con instrumentos feitos de aliaxes de metais, íase notando unha distinción entre dúas ramas de instrumentos de vento metálicos: os que posteriormente evolucionarían a trompetas e derivados, coñecida como claro, e os que se derivarían nos trombóns e familiares, denominada buccina.
Nun principio o claro era un tubo recto e longo, pero para facelo máis cómodos para o seu transporte, reduciuse a súa lonxitude dobrando o tubo en espiral, recibindo o nome de clarión.
O islam aporta varios instrumentos, as trompetas sarracenas son usadas polos musulmáns desde época moi antigas. Reciben o nome de al-nafir ou corno sarraceno que en España recibiría o nome de añafil. O añafil era un aerófono recto, cun son que saía da vibración dos beizos do intérprete nunha boquilla en forma de pequeno funil. Este tipo de instrumento enmárcase xeralmente dentro do grupo das denominadas «trompas naturais», xa que non presenta orificios, chaves nin ningún outro elemento construtivo que altere a afinación ou o timbre. Empregáfase principalmente para usos militares.[15]
Durante esta época a trompeta adquire popularidade debido á súa gran sonoridade. É o instrumento preferido da nobreza. Os trompetas e timbais tocan en festas solemnes, gozando dunha posición social máis elevada que o resto dos músicos. A trompeta constitúese nun elemento imprescindible para transmitir ordes no campo de batalla, no castelo, e logo empezaría a realizar funcións de entretemento para a nobreza. Isto daría lugar ao nacemento de trompetas trobadores de guerra e trompetas trobadores de corte ou cámara.
Como dato curioso cabe destacar que durante a Idade Media os músicos considerábanse «non honorables». A Igrexa negáballes os sacramentos[Cómpre referencia] e só cando entraban ao servizo dun nobre ou unha cidade adquirían a condición de honorables.
As trompetas antigas eran de bronce fundido ou pranchas de ferro fino, eran rectas e as súas embocaduras consistían nunha prominencia no extremo do tubo feita para apoiar os labios. A finais do século XIV, a trompeta deixa de ser recta, tomando nun primeiro momento a forma de ese (S) para facela máis manexable e posteriormente foi tomando a forma actual dun tubo cilíndrico nas dúas terceiras partes da súa lonxitude, cun ensanche no último terzo para formar o pavillón. Paralelamente a esta evolución aparece a trompeta de varas ou corredeiras, que é a antecesora do trombón. Esta consistía na prolongación da embocadura no primeiro tubo do instrumento, ficando a embocadura fixa, e facendo o instrumento de tubos que se afastaban ou volvían a si. Denominouse trompeta de corredeira, dobre trompeta ou sacabuche, entre outros nomes.
A grande importancia da trompeta nos conxuntos instrumentais medievais advírtese no feito de que, dos corenta e dous instrumentistas adscritos á corte de Henrique VIII de Inglaterra, catorce eran trompetistas.[9]
A chamada trompeta «natural» ou «barroca» foi o instrumento para o que escribiron Claudio Monteverdi, Jean-Baptiste Lully, Henry Purcell, Johann Sebastian Bach ou Georg Friedrich Händel: tratábase dunha trompeta baleirada en metal e de forma moderna (sección cilíndrica até o pavillón que se ensancha progresivamente), pero que non podía emitir debido á presión do aire nada máis que os harmónicos naturais do son fundamental que viña determinado pola lonxitude do tubo (teoricamente, esta lonxitude debería ser 2,34 m). A trompeta natural estaba afinada en dó, máis correntemente en re (en ocasións en fa na Alemaña do século XVIII). A súa sonoridade clara e penetrante, brillantísima, perfectamente adaptada ás interpretacións ao aire libre, fixo que se pasaran por alto as súas limitacións, polo que hai moitas pasaxes que, aínda tocadas en modelos de válvulas, seguen parecendo dunha dificultade incrible. As trompetas naturais que se tocaban en conxunto en fanfarras eran idénticas, é dicir, todas elas estaban na mesma tonalidade: o músico que tocaba a parte superior utilizaba unha embocadura máis pequena para facilitar a produción de notas sobreagudas. A actual trompeta de cabalaría é unha trompeta natural.
Empregábase durante os séculos XVII e XVIII, tanto en Italia como en Alemaña, a palabra clarino para designar unha trompeta natural de pequenas dimensións adaptada ao rexistro agudo e despois, pouco a pouco, acabou por aplicarse a calquera parte escrita neste rexistro para trompeta de orquestra. Incluso en obras de Bach e Händel, as partes correspondentes ao clarino interpretáronse cunha pequena trompeta afinada en re, aínda que o instrumento figura por primeira vez dunha maneira explícita na partitura do Orfeo de Monteverdi.
A comezos do século XVII, o papel da trompeta nos conxuntos orquestrais non era moi importante, aínda que existen excepcións. O Orfeo de Monteverdi (1607) é a primeira obra na que se integra a trompeta dentro das formacións orquestrais e dentro desta obra pódese encontrar unha tocata para cinco trompetas de diferentes afinacións. Cara a finais do século XVII, a trompeta comeza a tomar un papel máis protagonista e a ser un instrumento moi utilizado nas agrupacións orquestais. Apareceu entón o Modo per imparar a sonare di trompa, de Fantino ("Método para aprender a tocar a trompeta"), publicado en Frankfurt en 1638, que é un exemplo do amplo uso que se lle daba ao instrumento.
No mesmo período, Purcell empregou frecuentemente a trompeta. Na súa ópera Dioclesian, unha trompeta e unha voz de contralto cantan a dúo. As súas composicións adoitaban ir destinadas como era costume na época a John Shore, trompetista da corte e membro dunha familia de trompetistas que foi famosa durante todo un século. Nesta mesma época a gran maioría dos compositores alemáns incluían a trompeta nos conxuntos orquestrais.[16]
Händel, pouco tempo despois, escribiu partes moi agudas e floridas para este instrumento, como o seu «Let the bright seraphim» (en Sansón) e «The trumpet shall sound» (no Mesía). Händel indicaba na partitura «Clarino I, Clarino II e Prinzipale», o que demostra que naquela época aínda se mantiña a mesma distribución para os instrumentistas que se empregaba nas composicións orquestrais da época de Monteverdi. Bach tamén compuxo para a trompeta partes moi elaboradas, e en xeral, nun rexistro máis agudo. A interpretación de ditas pasaxes máis elaboradas e tan agudas era posible debido a que os instrumentistas se especializaban dependendo das características das pasaxes, uns en pasaxes agudas e outros nas graves das partes para trompeta. Así, o instrumentista encargado de tocar o clarino unicamente interpretaba as pasaxes máis agudas, sendo máis fácil a súa execución así.
Händel e Bach compuxeron música na que se lle daba o papel protagónico á trompeta e despois deles, comezou un período de decadencia da trompeta, na que foi degradada a un papel secundario. A trompeta convertuese nun instrumento harmónico de notas baixas e espazadas, e de vez en cando, nunha parte máis da percusión, sendo sempre posta en fortissimo nas partes finais dos movementos de, por exemplo, Mozart. Con Beethoven, a trompeta recupera certa forza xunto cos timbais, pero non a esperada.[9]
O proceso que permite dotar o instrumento dun cromatismo capaz de eliminar os inconvenientes presentados polas trompetas naturais é de finais do Barroco. Son numerosos os intentos realizados ao respecto: tonillos ou pezas de recambio, trompeta de tapadeira, trompeta de corredeiras ou de varas e por último a aplicación gradual dos pistóns.
As pezas de recambio permitiron durante algún tempo obter diferentes tonalidades ao aplicalas á trompeta, pero ao longo do século XVIII, seguiuse investigando para elevar os acordes dos cobres por medio de chaves e buratos. Foi Anton Weidinger investigador e virtuoso da trompeta de chaves, quen lle pon ao instrumento as chaves, baseándose nos mesmos principios nos que se basea a frauta ou o fagot. Esta trompeta constaba de 3 ou 4 chaves colocadas ao costado e grazas ao cal podían facer todas as notas da escala diatónica e cromática. Haydn e Hummel escribiron para Weidinger os seus famosos concertos. A pesar do éxito, a trompeta de chaves non se impuxo, sendo usada durante algúns anos por bandas militares de Austria e de Italia, e a finais dos anos 1920, desapareceu.
Tras os primeiros intentos consistentes en pórlle chaves á trompeta, pasouse a poñerlle unha vara (esta forma tivo certo éxito en Inglaterra, en gran parte debido a eminentes trompetistas defensores do seu uso como T. Harper e J. Horton, entre outros). A inclusión dos pistóns ten lugar de forma paulatina, sendo o inventor irlandés Charles Clagget quen constrúe en 1790 unha trompeta dobre afinada en re e mi bemol cunha única embocadura e como innovación un pistón. Máis tarde, cara a 1815, Blühmel e Stölzel inventarían o sistema de pistóns que posteriormente sería mellorado por Adolphe Sax e Périnet (en 1839) até chegar a unha forma moi parecida á actual de J.P. Oates, pasando polas melloras que introduciu Merry Franquin, profesor do Conservatorio de París, que permitiron aos executantes modificar a vontade a altura dos sons do instrumento. Dauverne en Francia construíu a primeira trompeta de dous pistóns e a inclusión do terceiro pistón produciuse en 1830 da man de Müller de Maguncia e Satter de Leipzig.
O primeiro compositor en usar a trompeta de pistóns na orquestra foi Halévy, na súa ópera A xudía de 1835. Na súa partitura escribe para dúas trompetas deste xénero e dúas trompetas naturais con tubos de recambio.[9]
A trompeta de pistóns chegou xusto a tempo para que Richard Wagner comezara a súa música con grande aplicación dos sons metálicos dos instrumentos como o trombón e a trompeta, dándolle un maior papel protagonista. Na segunda metade do século XVIII, as orquestras constituíanse correntemente con dúas trompetas (excepto para o acompañamento das obras corais, caso no cal se escoitaban tres e até catro destes instrumentos). Como norma xeral Wagner empregou tres, co fin de poder asignarlle á trompeta acordes enteiros. Na súa ópera Tannhäuser, un motivo especial lévao a empregar até doce trompetas. Desde Wagner, os compositores de obras para orquestra usaron a trompeta sen ningunha clase de restricións, sendo tres o número empregado normalmente.
Até finais do século XIX, a trompeta de pistóns non encontra o seu posto definitivo na orquestra: Hector Berlioz seguía utilizando a trompeta natural e até 1920 utilizouse unha trompeta de válvulas afinada en fa que xa non se usa.
A trompeta no século XX é un instrumento destacado en moitos e diferentes estilos musicais. Pódese encontrar en calquera sala de concertos sinfónicos ou de cámara como solista ou xunto a outros instrumentos ou en calquera club de jazz.
As partes nas obras que corresponden ao clarino barroco tócanse con pequenas trompetas de pistóns denominadas trompeta píccolo, afinadas en si bemol-la e con catro pistóns. Mais desde os anos 60, volveuse utilizar novamente unha trompeta natural en re, á que tamén se bautizou co nome de «clarino», moi apreciada en interpretacións de música barroca.
A finais do século XX, o éxito osténtaa a trompeta afinada en si bemol, aínda que o timbre peculiar da trompeta moderna en re foi empregado por compositores como Olivier Messiaen ou Arthur Honegger (compositor que lle dedicou a este último instrumento a súa Segunda sinfonía para orquestra de cordas e trompeta en re ad libitum). Igor Stravinskii tamén realizou composicións para trompeta.
A día de hoxe, a trompeta úsase en case todas as formas de música, incluída a clásica, jazz, rock, blues, pop, ska, funk, mambo, guaracha, merengue, cumbia, salsa e polca.
Na época posterior á Guerra Civil Estadounidense podíanse adquirir cornetas por un baixo prezo e as trompetas empregábanse nos funerais, nas bandas de baile, de ruadas e nas de jazz. A partir do ano 1927, case todos os cornetistas, con poucas excepcións, pasáronse á trompeta, xa que preferían o seu son máis melódico e a maior claridade das súas notas agudas, alén de ser máis fácil a súa execución. A trompeta seguiu sendo durante un tempo o instrumento principal nos pequenos grupos de jazz, e incluso nas bandas de swing.[17] Tamén é un instrumento destacado no estilo Dixieland.
A trompeta que se acostuma empregar no jazz ten un ton fundamental en si bemol. No jazz primitivo utilizábase a corneta, que no século XIX desempeñaba o papel que máis adiante se lle asignaría á trompeta. O fliscorno posúe un son máis suave e os trompetistas adoptárono como segundo instrumento nas bandas de jazz, aínda que algúns especializáronse nel, como Art Farmer.[17] O aperte á literatura para trompeta de músicos de jazz como Louis Armstrong, Joe King Oliver, Dizzy Gillespie ou Miles Davis foi decisiva.
A trompeta é un instrumento fundamental nos conxuntos de mariachi. A principios do século XX, non era común a existencia de conxuntos de mariachi con instrumentos de vento. A frauta, o clarinete, o saxofón soprano, o trombón, o cornetín e a trompeta non se vían con frecuencia nos grupos tradicionalmente integrados por instrumentos de corda, como o violín, a guitarra ou o guitarrón.
Na década de 1930, algúns mariachi de México, D.F. como Jesús Salazar, quen traballaba co Mariachi Tapatío de José Marmolejo, incorporaron a trompeta, que nos anos 40 seguiu cobrando forza até chegar a ser imprescindible para os conxuntos de mariachi. Pedro Infante gravou en 1949 as primeiras cancións cun mariachi con dúas trompetas, obtendo un notable éxito dita innovación.
O uso da trompeta no mariachi alcanzou completa aceptación en 1952, cando o conxunto Mariachi México, de Pepe Villa, gravou unha serie de discos de grande éxito que efectuou o cambio decisivo na instrumentación dos grupos de mariachi, que para os anos 1960 na súa maioría incluían xa dúas trompetas.[18] Tamén existiron excepcións, como o Mariachi Vargas que seguiu usando unha soa trompeta case até mediados da década dos 60. Arredor de 1964, un dos primeiros dúos de trompetas que tivo o Mariachi Vargas foi o dos irmáns Pedro e Crescencio Hernández.[19]
A trompeta é especialmente valorada no son xalisciense.
Obras destacadas
editarObras para trompeta solista
editar- Fantasía para trompeta (1969), de Malcolm Arnold.
- Concert for Trumpet and Orchestra (1950), de Alexander Arutunian.
- Legende, de George Enescu.
- Kryl de Robert Erickson.
- Eric Ewazen:
- Concerto para trompeta.
- Sonata para trompeta.
- Alexander Goedicke:
- Concerto para trompeta.
- Concerto Etude.
- Concerto para trompeta, de Edward Gregson.
- Exposed Throat, de H.K. Gruber.
- Concerto para trompeta e orquestra en mi bemol maior, de Joseph Haydn.
- Concerto para trompeta e orquestra de cordas en re maior, de Georg Philipp Telemann.
- Sonata para trompeta e piano, de Paul Hindemith.
- Sonatina para trompeta e piano (1950), de Bertold Hummel.
- Concerto para trompeta e orquestra en mi maior, de Johann Nepomuk Hummel. Habitualmente é transportado a mi bemol maior.
- Sonata para trompeta e piano, de Kent Wheeler Kennan.
- Sonatina para trompeta (en dó ou si) e piano, de Bohuslav Martinů.
- Concerto para trompeta e orquestra, de William Perry.
- Sonata para trompeta e piano, Halsey Stevens.
- Henri Tomasi:
- Concerto para trompeta.
- Tríptico.
- Concerto para trompeta e orquestra (1996), de John Williams.
- Andante e allegretto para trompeta e piano, de G. Balay.
- Rustiques, concerto para trompeta e piano de Eugène Bozza.
- Sonata VII, de Arcangelo Corelli para trompeta e piano.
- Sonata para trompeta e piano, de J. Hubeau.
Para trompeta natural ou trompeta piccolo
editar- Michael Haydn:
- Concerto para trompeta en re maior.
- Concerto para trompeta en dó maior.
- Concerto No. 1, No. 2 e No. 3, de Johann Melchior Molter.
- Concerto para trompeta en re maior, de Leopold Mozart.
- Concerto para trompeta, corda e continuo en re maior, de Georg Philipp Telemann.
- Sonata en re maior, de Giuseppe Torelli.
- Sonata para trompeta e cordas en re maior, de Henry Purcell.
Outras
editar- Johann Sebastian Bach:
- II Concerto de Branderburgo BWV 1047 (1721).
- Cantata BWV 51 (1731) de Johann Sebastian Bach.
- Georg Friedrich Händel:
- Obertura Leonora n.º 3 (Op. 72a) (1806) de Ludwig van Beethoven.
- Hector Berlioz:
- Les francs-juges (1826).
- Waverly, obertura.
- Guillermo Tell (1829), de Gioachino Rossini.
- Les Huguenots (1836), de Giacomo Meyerbeer.
- Richard Wagner:
- Rienzi (1842).
- Os mestres cantores de Núremberg (1867).
- Tetraloxía de O anel do nibelungo (1848-1874).
- Preludio de Parsifal (1882).
- A Marcha Triunfal ou Marcha das trompetas da ópera Aida (1871) de Giuseppe Verdi.
- Sinfonía número 5 (1902) de Gustav Mahler.
Trompetistas famosos
editar- Véxase tamén: Categoría:Trompetistas.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 "La trompeta y su diseño" (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2011.
- ↑ "Los instrumentos: La trompeta" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2001. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Batuta en mano... La trompeta" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2008. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Mantenimiento de la trompeta" (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ 5,0 5,1 hagaselamusica.com (ed.). "hlm.com - Fichas: la trompeta" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2011. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ Descrición de Grecia, 2.21.3, por Pausanias (xeógrafo)
- ↑ The dictionary of classical mythology, por Pierre Grimal
- ↑ Biblioteca, 2.6.3, por Pseudo-Apolodoro
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 el-atril.com (ed.). "Historia de la trompeta" (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 biblija.net (ed.). "La Biblia en internet" (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ Maria Dolores Garcia-Borrón Martínez. enfocarte.com, ed. "La Música en China" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ spanish.china.org.cn (ed.). "El suona, un tipo de trompeta". Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ musicaparaver.org (ed.). "Instrumentos del mundo: El dung-dkar" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2008. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ musicaparaver.org (ed.). "Instrumentos del mundo: El sankh" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2008. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ funjdiaz.net (ed.). "Instrumentos musicales en los Museo de Urueña: El añafil" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2015. Consultado o 9 de xaneiro de 2012.
- ↑ answers.com (ed.). "John Shore: Information and Much More" (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ 17,0 17,1 estadium.ya.com (ed.). "La trompeta en el jazz" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2008. Consultado o 9 de xaneiro de 2012.
- ↑ contactomagazine.com (ed.). "El Mariachi, un Gran Pedazo del Corazón Mexicano" (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ maricachi.com (ed.). "El Mariachi: Origen y desarrollo" (en castelan). Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2008. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Millán Esteban, Ángel (1985). Expomúsica Pacheco, ed. Programa de estudios sobre los orígenes de la trompeta y su evolución en la historia musical. p. 54. ISBN 978-84-398-5649-8.
- Andrés, Ramón (1995). Bibliograf, ed. Diccionario de instrumentos musicales: de Píndaro a J.S. Bach. p. 540. ISBN 978-84-7153-819-2.
- Michels, Ulrich (2003). Alianza, ed. Atlas de la música 1.
- Merino de la Fuente, J. Mariano (2006). Editorial Club Universitario, ed. Las vibraciones de la música. p. 421. ISBN 978-84-8454-536-1.
Ligazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Trompeta |