O carnyx foi un instrumento de vento da Idade de Ferro Celta, entre os anos -300 e o 500. Era unha especie de trompeta de bronce, suspendida verticalmente e coa campá en forma de cabeza de xabaril. Empregouse na guerra, probablemente para incitar as tropas á batalla e intimidar ós inimigos. O porte vertical do instrumento permitía que as súas notas se elevasen por riba das cabezas dos participantes nas batallas e cerimonias.

Relevo dunha das trece placas do caldeiro de Gundestrup. Na parte esquerda poden observarse tres intérpretes de carnyx.
Figura que representa a un axudante de campo do xefe eduo Dumnorix portando un carnyx.

Etimoloxía editar

A palabra "carnyx" deriva da raíz gala "carn-" ou "cern-", que significa "corno", e da mesma raíz tamén provén o nome do deus Cernunnos[1]. Este é o nome que os romanos lle deron ó instrumento. O nome celta orixinal é descoñecido. Incluso baixo tortura, os intérpretes do Carnyx non quixeron revelar o nome celta do instrumento ós romanos.

Pegada na historia editar

Na escultura editar

O instrumento coñécese por representacións en moedas e en particular dende o descubrimento do caldeiro de Gundestrup.

Literatura editar

O nome coñécese a partir de fontes textuais. Téñense noticias do carnyx polos ataques celtas a Delfos en -279, así como das campañas de Xulio César na Galia e a invasión de Britania por parte de Claudio. Diodoro Sículo en torno ós anos -60 e -30 di:

As súas novas trompetas son dun tipo peculiar bárbaro, que sopran nelas e producen un son duro que se adapta ó tumulto da guerra
Diodoro Sículo, Historias, 5,30

Arqueoloxía editar

 
Carnyx de Leichestown Deskford e a súa reconstrución. Museum of Scotland.

Un exemplo ben conservado é o Deskford Carnyx, que se atopou nunha granxa de Leitchestown, en Banffshire, Escocia, no ano 1816. A localización e antigüidade do carnyx de Deskford suxiren que o instrumento foi usado de xeito cerimonial e non só para a guerra. Ata o 2004, só foran atopados fragmentos doutros catro carnyx, pero en novembro dese ano, os arqueólogos descubriron un depósito do século -I de cinco carnyx ben conservados baixo un templo galo-romano en Tintignac (Corrèze, Francia). Catro deles tiñan cabeza de xabaril e o quinto de serpe.

Noutras culturas editar

O carnyx non foi empregado exclusivamente polos celtas, senón que o seu uso está acreditado en Dacia e en varios relevos na columna de Traxano como botín resultante das Guerras Dacias. Pode que fose un instrumento común en toda a Idade de Ferro en Europa.

Foi adoptado polos gregos, tamén baixo o nome carnyx (κάρνυξ) e foi equivalente á trompeta romana lituus.

Uso actual editar

A reconstrución do Deskford Carnyx foi iniciado por John Purser en 1991 e financiado conxuntamente pola Glenfiddich Living Scotland e os Museos Nacionais de Escocia. Ademais de John Purser como musicólogo, o equipo estaba integrado polo arqueólogo Fraser Hunter, o ourive John Creed e o trombonista John Kenny. Despois de 2000 anos de silencio, o reconstruído Deskford Carnyx inaugurouse no Museo Nacional de Escocia en abril de 1993.

 
Notas do Deskford Carnyx.

En 1993, John Kenny converteuse na primeira persoa en tocar o carnyx despois de 2000 anos e dende entón impartiu clases e interpreta co instrumento internacionalmente, en salas de concertos e para a radio e a televisión. Na actualidade ten numerosas composicións para o carnyx, publicando varios CD, e o 15 de marzo de 2003 actuou en solitario ante un público de 65.000 persoas no Stade de France de París.

En Galicia editar

 
Abraham Cupeiro co seu carnyx en 2024.

O musicólogo galego Abraham Cupeiro reconstruíu un carnyx guiándose pola imaxe dunha moeda romana e xunto con outros instrumentos ancestrais, e no 2017, lanzou con Warner Classics un disco coa Real Filharmonía de Galicia, Os sons esquecidos.[2]

Notas editar

  1. Delamarre, 1987 pp. 106–107
  2. Abraham Cupeiro.com (ed.). "Novo disco: Os sons esquecidos". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2018. Consultado o 8 de maio de 2018. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar