Abrir o menú principal

Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) é unha orquestra filharmónica con base en Santiago de Compostela. Creada pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, comezou a súa andaina en febreiro de 1996 cun concerto dirixido polo mestre Helmuth Rilling. Dende 2013 o seu director principal é o británico Paul Daniel, mentres que o compostelán Maximino Zumalave e o tamén británico Jonathan Webb ocupan os cargos de director asociado e principal director convidado respectivamente. Ten a súa sede no Auditorio de Galicia da capital galega, onde presenta a súa tempada de concertos.

Real Filharmonía de Galicia
Auditorio de Galicia.jpg
Auditorio de Galicia
AlcumeRFG
PaísGalicia Galicia
CidadeSantiago de Compostela
TeatroAuditorio de Galicia
Anos de actividadeDende 1996
Tipo de formaciónOrquestra filharmónica
XéneroMúsica sinfónica, ópera
EnderezoAv. Burgo das Nacións, s/n
15705 Santiago de Compostela
Membros actuaisPaul Daniel (director)
Christoph König (principal director convidado)
Circunstancias de creación
1996
Efectivo~50 músicos
Sitio webwww.rfgalicia.org

Levou a cabo xiras e concertos por Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal, así como algunhas das mellores salas e ciclos de concertos de España.

A Real Filharmonía de Galicia está estreitamente vinculada á Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia dende a creación desta última, formando un único proxecto xestionado polo Consorcio de Santiago.

HistoriaEditar

Antes da creación da Real Filharmonía de Galicia existía na capital galega a Xove Orquestra de Galicia,[a] unha orquestra non profesional fundada en 1987 e dirixida por Joám Trillo cuxa andaina finalizou abruptamente en 1996 por motivos políticos para dar paso a unha orquestra totalmente profesional, a actual Filharmonía.[2]

 
O director alemán Helmuth Rilling foi o primeiro director titular da orquestra compostelá.

A Real Filharmonía de Galicia ofreceu o seu primeiro concerto o 29 de febreiro de 1996 da man do seu primeiro director titular, o alemán Helmuth Rilling,[3][4] que traballou partindo do repertorio sinfónico clásico e barroco.[5] Tralas súas actuacións en 1996 no Auditorio Nacional en Madrid, e en 1997 na Coruña, Valencia e León.

O 17 de xaneiro de 1998 a agrupación emprendeu a súa primeira xira Europea con concertos en Alemaña e Austria baixo a dirección do seu director titular Helmuth Rilling, sendo acompañada polo coro Gächinger Kantorei de Stuttgart. No primeiro dos concertos, que tive lugar na Liederhalle de Stuttgart, a RFG interpretou As Estacións de Joseph Haydn coas voces da soprano Ghristiane Oelze, o tenor James Tayior e o barítono Andreas Schmidt. No segundo programa da xira a RFG interpretou O Mesías de Georg Friedrich Händel na revisión realizada por Wolfgang Amadeus Mozart en 1789 nas cidades de Villingen-Schwenningen, novamente en Stuttgart, e finalmente na cidade austríaca de Salzburgo o 25 de xaneiro, converténdose na primeira orquestra do Estado español en actuar no Grosses Festspielhaus de Salzburgo durante a Semana Mozart.[6][7]

En marzo de 1998, a Real Filharmonía de Galicia emprendeu o seu primeiro traballo discográfico da man de Rilling cas sinfonías completas de Franz Schubert para a discográfica Hänssler Classic. En xullo do mesmo ano, baixo a dirección de Zumalave, a orquestra actuou no marco da Expo-98 de Lisboa, e en agosto inaugurou, co Mesías de Haendel, a primeira edición do Compostela Millenium Festival, concerto ofrecido na Catedral de Santiago ante máis de 2 000 persoas.[8][9]

A comezos de 1999 realizou a súa segunda xira internacional, na que interpretou o Elías de Mendelssohn no Auditorio Nacional de Madrid, como parte do ciclo Orquestas del Mundo de Ibermúsica, e no Festival Europeo da Música de Stuttgart. O alto nivel amosado pola orquestra, coro e solistas converteu á interpretación do oratorio do compositor alemán nun inesquecible e altamente louvado concerto.

A Real Filharmonía de Galicia foi ademais unha das orquestras convidadas no XXIV Festival Internacional de Música de Segovia, do Festival Internacional de Música de Galicia e na II Edición do Compostela Millenium tocou baixo a batuta de Neville Marriner.

A partir do ano 2001 a orquestra, xa baixo a dirección de Antoni Ros-Marbà, ofreceu concertos por diferentes cidades españolas como Sabadell, Bilbao, Madrid ou Barcelona, salientando na tempada 2001-2002 os das óperas Fidelio de Beethoven e Così fan tutte de Mozart, que se representaron con grande éxito en Santiago, Vigo, Barcelona e A Coruña. A RFG tamén foi convidada ao Concurso Internacional de Piano de Santander "Paloma O’Shea" en 2002, 2008, 2012.[10] Dende xaneiro de 2013 o británico Paul Daniel é o director titular.[11]

Nunha enquisa realizada no 2005 entre directores de orquestra, solistas, críticos e músicos elixiu á Real Filharmonía de Galicia como a cuarta mellor orquestra do Estado español, unicamente por detrás da Orquesta Sinfónica de Tenerife, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquesta Ciudad de Granada[Cómpre referencia].

Na tempada 2010-11 a RFG celebrou o seu 15º aniversario cun total de 31 concertos programados, celebrándose o primeiro deles o 24 de setembro de 2010 cunha interpretación da Misa de Coroación baixo a batuta de Jonathan Webb. Salientou a presenza dos dous primeiros directores titulares da orquestra compostelá, con dous programas cada un, e outros directores que acadaran éxitos coa agrupación, así como figuras emerxentes do momento como o alemán David Afkham. Outro feito salientable foi a unificación na xestión da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia coa Real Filharmonía, pasando ambas a ser xestionadas polo Consorcio de Santiago dentro dun único proxecto.[12][13]

O 31 de xaneiro de 2014 faleceu Palmira Martínez, violonchelista da orquestra dende a súa fundación.[14][15]

A Real Filharmonía de Galicia presentou dous traballos discográficos inéditos adicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou, editados polos selos Claves e Warner respectivamente. O seu último disco, editado en 2013, leva por título “Variaciones”, no que a orquestra e a soprano María Bayo renden homenaxe a Antón García Abril.

A Real Filharmonía de Galicia está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).

RepertorioEditar

O amplo repertorio da RFG, que vai de J.S. Bach a compositores da actualidade, séguese enriquecendo con especial atención aos compositores do clasicismo vienés, e recuperando e asumindo asemade a obra de compositores galegos como Rogelio Groba, Xavier de Paz, Paulino Pereiro, O. Rodríguez, Xoán Viaño, Manuel Balboa, Andrés Gaos, Juan Durán ou J.J. Castro.

ProxectosEditar

A Real Filharmonía de Galicia ten un protagonismo central nos "Concertos Didácticos para Xoves" que ofrece o Auditorio a colexios e institutos galegos. Tamén potenciou a súa actividade en Compostela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela: co ciclo de cámara Música na Compañía e no proxecto son[UT]opías. Dende 2008 inicia diferentes actividades coordinadas co Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Además, a orquestra intervén, cada mes de agosto, no ciclo de música española co que o Auditorio de Galicia se suma á celebración de Música en Compostela, o curso internacional de música máis antigo do Estado español.

O traballo e obxectivos da Real Filharmonía de Galicia vense reforzados coa Escola de Altos Estudos Musicais, un proxecto pedagóxico de formación de músicos de alto nivel estreitamente vinculado á Real Filharmonía de Galicia (sendo algúns membros da orquestra os seus profesores) e xestionado polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).

DirectoresEditar

 
O director catalán Antoni Ros-Marbá foi o que máis tempo estivo á fronte da orquestra compostelá.

O primeiro director da Real Filharmonía foi o alemán Helmuth Rilling, que estivo á fronte da agrupación dende a súa creación ata o ano 2000,[5] cando chegou á orquestra compostelá o catalán Antoni Ros-Marbá logo do seu nomeamento o 3 de xullo dese mesmo ano. Ros-Marbá foi nomeado inicialmente ata o ano 2003,[16] aínda que finalmente a súa vinculación coa orquestra santiaguesa ampliouse ata o final do ano 2012, sendo substituído o 1 de xaneiro de 2013 como director principal polo inglés Paul Daniel, quen colaboraba coa orquestra dende 2007 como principal director convidado.[11]

Solistas e directores convidadosEditar

DiscografíaEditar

En marzo de 1998, a Real Filharmonía de Galicia comezou a gravar con Rilling o seu primeiro traballo discográfico ao rexistrar as sinfonías completas de Franz Schubert para a compañía discográfica Hänssler Classic. Este proxecto culminou coa saída ó mercado dos dous primeiros CDs coas Sinfonías nº 1, 2, 3 e 4.[18][19]

NotasEditar

  1. Non confundir coa Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, creada en 1996 e dirixida polo melidense Fernando V. Arias.[1]
Referencias
  1. "XOVE ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA" (en castelán). Orquestra Sinfónica de Melide. Consultado o 28 de setembro de 2019. 
  2. Barón, Santiago (23 de xullo de 2017). "«Nadie tiene reparo en decir que no ha escuchado una sinfonía de Beethoven»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  3. Estévez, Xerardo (4 de decembro de 2011). "Real Filharmonía de Galicia, la escala musical". El País (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  4. "...Cuando se celebró el concierto fundacional de la RFG, con el gran Helmuth Rilling como primer director titular". El Correo Gallego (en castelán). 23 de maio de 2019. Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  5. 5,0 5,1 Carrillo, Julián (27 de febreiro de 2016). "La Real Filharmonía cumple 20 años". El País (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  6. Gaviña, S. (16 de xaneiro de 1998). "LAREAL FILHARMONÍA, A LA CONQUISTA DE EOROPA". ABC (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  7. Gaviña, S. (30 de xaneiro de 1998). "LAREALFILHARMONÍAPONE UNAPICAENSALZBURBO". ABC (en castelán). Consultado o 28 de setembro de 2019. 
  8. Bravo, Julio (25 de febreiro de 1998). "Teresa Berganza abrirá el programa musical español de la Expo de Lisboa". ABC (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  9. "Puesta de largo de la Filharmonía en el Auditorio Nacional de Madrid". El Correo Gallego (en castelán). 22 de abril de 2006. Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  10. "Premiados, Jurados, Orquestas y Artistas Invitados" (en castelán). Concurso Internacional de Piano de Santander "Paloma O’Shea". Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  11. 11,0 11,1 "Paul Daniel será en 2013 el nuevo director titular de la Real Filharmonía de Galicia". El Correo Gallego (en castelán). 25 de xaneiro de 2012. Consultado o 28 de setembro de 2019. 
  12. Carrillo, Julián (16 de setembro de 2010). "La Real Filharmonía celebra su 15º aniversario con 31 conciertos". El País (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  13. "A EAEM" (en castelán). Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  14. Zumalave, Maximino (4 de febreiro de 2014). "Palmira Martínez Espuig, in memóriam". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  15. Carrillo, Julián (7 de febreiro de 2014). "La Filharmonía dedica su concierto a su violonchelista Palmira Martínez". El País (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  16. "Ros Marbá ya es el director oficial de la Real Filharmonía". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de xullo de 2000. Consultado o 28 de setembro de 2019. 
  17. 17,0 17,1 "Real Filharmonía de Galicia". Auditorio de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  18. "Franz Schubert, Sinfonías núm. 1 e 2". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  19. "Franz Schubert, Sinfonías núm. 3 e 4". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019. 

Véxase taménEditar