Orquestra

formación instrumental típica da música académica

Unha orquestra[1] é unha formación instrumental típica da música académica que se divide tradicionalmente nas seccións de corda, de vento e de percusión. Nace no século XVII e toma coma base a corda fretada. Pouco a pouco iranse engadindo instrumentos ata chegar á orquestra sinfónica actual. O termo emprégase tamén para facer referencia a conxuntos instrumentais diversos, falándose de orquestras de jazz, de baile, de vento etc.[2]

Orquestra Filharmónica.
Actuación da orquestra Panorama en Barrantes.

As principais orquestras galegas son a Orquestra Sinfónica de Galicia (con sede na Coruña) e a Real Filharmonía de Galicia (con sede en Santiago de Compostela).

Etimoloxía editar

A palabra orquestra provén do grego ορχήστρα, orchestra, e significa lugar para bailar.

Esta definición remóntase ao século V a.C., cando as actuacións facíanse nos teatros ao aire libre. Fronte á área principal da actuación había un espazo para cantantes, danzantes e músicos. Este espazo chamouse orquestra. Hoxe en día, o termo refírese a un conxunto de instrumentos musicais e aos músicos que os tocan ou executan, independentemente do xénero musical que realicen (clásico, tropical, moderno etc.).

Na Idade Media o termo pasou a referirse ao escenario en si mesmo. A partir do final do século XVII, usouse para se referir ao conxunto de intérpretes, como é hoxe. Non obstante, o termo aínda denota o conxunto de asentos colocados a nivel do chan fronte ao escenario en teatros e salas de concertos.

Evolución histórica editar

Na historia da música académica occidental, a instrumentación da orchestra foise expandindo ao longo do tempo, engadindo novos instrumentos e adaptándose aos requirimentos dos novos repertorios. Deste xeito, partindo da orquestra barroca vanse desenvolvendo a orquestra clásica, orquestra sinfónica e orquestra romántica até chegar á orquestra moderna, que pode incorporar máis de cen instrumentos, entre os cales se poden atopar instrumentos electrónicos. O termo orquestra de cámara refírese a agrupacións musicais dun tamaño menor de cincuenta instrumentos.

As orquestras especializadas en música barroca de J.S. Bach e Handel ou no repertorio clásico de compositores como Haydn ou Mozart adoitan ter un formato máis reducido que aquelas que interpretan o repertorio romántico como, por exemplo, as sinfonías de Brahms. O crecemento das orquestras durante os séculos XVIII e XIX alcanza o seu cumio coas orquestras de 120 instrumentistas necesarias para interpretar as obras de Wagner ou Mahler. Nos últimos tempos apréciase unha certa tendencia a retornar a orquestras máis reducidas dos períodos clásico ou barroco.[2]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para orquestra.
  2. 2,0 2,1 Latham (2008), pp. 1132–1134

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Latham, Alison (2008). Diccionario enciclopédico de la música (en castelán). México D.F.: Fondo de Cultura Económica. ISBN 6071600200. 

Outros artigos editar


 
 Este artigo sobre música é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.