Antílope é o nome comúm que se aplica a numerosas especies de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos,[1] especialmente aos das subfamilias dos alcelafinos, antilopinos, cefalofinos e hipotraguinos, pero tamén aos doutras subfamilias próximas (e mesmo a algunhas das especies da subfamilia dos bovinos).

Lámina con varias especies de antílopes. En Kunstformen der Natur (Formas de Arte da Natureza), de Ernst Haeckel (1904).
Unha gacela, antílope típico.

Todos eles caracerízanse polas súas formas esveltas, elegantes, con patas delgadas e cornos longos, arqueados, que viven nas estepas e sabanas de África e Asia, e incluso de Norteamérica (no caso de Antilocapra americana, chamado berrendo polos castelanfalantes), e tamén nos bosques e nos desertos, segundo as especies. O seu tamaño e o seu peso son variábeis, oscilando a súa lonxitude entre os 30 e os 40 cm e o seu peso, entre os 3 a 5 kg dos dicdics (xénero Madoqua) e os 3,80 m e 800 kg do eland do Cabo (Taurotragus oryx).

Os antílopes, como os outros ruminantes, aliméntanse de vexetais, especialmente de gramíneas. Prefiren adoito a herba verde, pero algúns non son exclusivamente herbívoros. e comen de cando en vez, ou mesmo prioritariamente, follas de arbustos.

Os antílopes descenden do Eotragus, que viviu na era secundaria,, no mioceno inferior e medio (hai de 20 a 14 millóns der anos) en Europa, Asia e África. De pequeno tamaño, corpo compacto e patas longas, e con cornos pequenos situados en posición vertical, lixeiramente curvados cara a atrás. O seu aspecto demallaría ao dos actuais duiqueros (xénero Cephalophus) ou talvez ao antílope anano (Neotragus pygmaeus).

As múltiplas variedades de ruminantes evolucionaron rapidamente. Numerosas especies xa desapareceron; todos os animais considerados hoxe como antílopes apareceron hai uns 2 millóns de anos.

Etimoloxía editar

 
Ilustración dun antílope na obra de Edward Topsell The History of Four-footed Beasts. (1607).

O termo antílope entrou nas linguas modernas a través do francés antilope que usou por primeira vez quizais o naturalista alemán Peter Simon Pallas en 1766, cando describiu a especie Antilope buselaphus (hoxe coñecida como Alcelaphus buselaphus).

O nome antilope tirouno do baixo latín ant(h)alopus. E, de onde veu este ant(h)alopus? Pois os etimoloxistas din que foi na forma coa que os tradutores adaptaron a voz do grego bizantino ἁνθόλοψ anthólops.

A palabra anthólops foi empregada por primeira vez contra o ano 336 por Eustacio de Antioquía, bispo desta cidade, coa que denominou a un animal fabuloso "que habitaba nas beiras do río Éufrates, e que era moi salvaxe, difícil de capturar e que tiña longos cornos en forma de serra capaces de abater árbores".[2]

O termo debeu pasar ao francés no século XIII baixo as formas antelu, antelop, antalopus e antholops (co significado de "animal fabuloso"). Do francés medieval pasou máis tarde ao inglés, como antelope,[3] antes de volver a entrar no francés no século XVII coa forma actual antilope,[4][5]

Segundo outros, antílope talvez deriva do grego άνθος ánthos, "flor" e ώψ óps, ollo), o quer viría a significar "ollos fermosos" aludindo ás longas pestanas destes animais; porén, esta hipótese pode ser unha etimoloxía popular posterior.

Características editar

 
Litocranius walleri, coñecido como antílope xirafa, pode permanecer de pé sobre as súas patas posteriores para comer follas e pólas das árbores.

Todos os bóvidos teñen pezuños, pupilas horizontais e (polo menos os machos) cornos óseos cubertos por un estoxo córneo. Estas características básicas, porén, ocultan enormes diferenzas de aspecto entre vacas, cabras e ovellas, e entre os propios antílopes.[6] Por exemplo, un eland do Cabo (Taurotragus oryx) macho pode chegar até os 180 cm de altura na cruz e pesar case 950 kg, mentres que un antílope anano (Neotragus pygmaeus) adulto pode alcanzar tan só 24 cm de altura na cruz e tan só 1,5 kg de peso.

Os antílopes son animais de longas, potentes e esveltas patas, e moitos poden correr a gran velocidade. Algúns están adaptados para habitar en zonas rochosas. E tanto o dibatag ou antílope de Clarke (Ammodorcas clarkei) como o antílope xirafa (Litocranius walleri) caracterízanse polas súas patas e pescozos moi longos e finos, adaptados aos seus costumes de comer ramallos de árbores e arbustos.[7]

Algúns antílopes son capaces de correr moi rápido en distancias curtas. Os máis veloces poden chegar puntualmente a 90 ou 100 km/h, e correr a 50 ou 60 km/h en distancias máis longas. E poden dar saltos de até 4 m de altura e de até 15 m de lonxitude. A natureza seleccionou as formas dos antílopes adaptados á carreira, que é unha característica vital para a maioría deles, expostos a múltiples depredadores nas sabanas e estepas africanas onde viven. O feito de que as crías sexan capaces de camiñar e correr moi pouco trempo despois de naceren, é tamén unha consecuencia desta presión de selección.

Distribución e hábitat editar

 
Hippotragus niger do suroeste de África.
 
Un macho e dúas femias de Antilope cervicapra,.

A maior parte das especies de antílopes son nativas de África, pero algunhas habitan en Asia, e unhas poucas en Europa (xéneros Saiga e Rupicapra) e en Norteamérica onde ademais do actual Antilocapra americana, habitou o saiga durante o plistoceno medio, pero se extinguiu a principios do holoceno.[8]

Moitas especies de antílopes se introduciron noutras partes do mundo diferentes dos seus lugares de orixe, ben parea aproveitar a súa carne como alimento, ben para a caza, especialmente nos Estados Unidos, onde en Texas, en particular, debido ao hábitat e clima adecuados para distintas especies de antílope das chairas de África e Asia, hai numerosos coutos de caza onde poden encontrarse poboacións asilvestradas de Antilope cervicapra (o antílope negro, da India), de Oryx gazella (órice do Cabo) e de Boselaphus tragocamelus (nilgó).[9]

Os antílopes viven nunha gran variedade de hábitats. Numericamente, a maioría viven nas sabanas africanas.

Porén, tamén hai especies como o saiga (Saiga tartarica, adaptada ao frío e a ambientes áridos, que vive nas estepas de Rusia e Asia central, o órice da Arabia (Oryx leucoryx, adaptado ao deserto, o chamado antílope salta rochas (Oreotragus oreotragus) a ambientes rochosos, e a sitatunga (Tragelaphus spekii), propia de ambientes semiacuáticos.[10]

As especies que viven nos bosques tenden a seren sedentarias, pero moitas das que habitan nas chairas realizan grandes migracións, o que lles permite seguir as chuvias e poder aproveitar así os pasteiros nos que se alimentan.

Os ñus e as gacelas de África oriental realizan algunhas das máis impresionantes migracións en masa de todos os mamíferos.[11]

Taxonomía editar

As aproximadamente 90 especies de antílopes, das que a maioría son propias de África, clasifícanse nuns 30 xéneros. A clasificación das subfamilias dentro dos bóvidos é aínda un tema de debate, con varios sistemas alternativos propostos.

Os antílopes non son un clado ou grupo taxonomicamente definido. O termo utilízase para designar a todos os membros da familia dos bóvidos que no entran na categoría de ovellas, vacas ou cabras. Polo xeral, todas as especies das subfamilias dos alcelafinos, antilopinos, hipotraguinos, reduncinos e cefalofinos, entre outras, son chamados antílopes. Así mesmo, os rebezos (xénero Rupicapra) tamén se consideran antílopes.[12]

Ademais, tamén se denomina antílopes o berrendo ou antílope americano (Antilocapra americana), da familia dos antilocápridos e o hiemosco (Hyemoschus aquaticus), da familia dos tragúlidos, aínda que moitos non os consideran como verdadeiros antílopes.[7]

Xéneros e especies editar

Aínda que as especies ás que se lles pode atribuír o nome de antílope sexa algo impreciso, unha lista de xéneros e especies pode ser a seguinte:

Notas editar

  1. antílope Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. antelope no Dictionary.com. Online Etymology Dictionary. Douglas Harper, Historian. Consultado o 2 de setembro de 2014.
  3. antelope no Merriam-Webster Online Dictionary.
  4. antilope no Centre national de ressources textuelles et lexicales.
  5. antilope no Trésor de la langue française informatisé.
  6. E. S. Vbra & G. B. Schaller (2000): Antelopes, deer, and relatives: fossil record, behavioral ecology, systematics, and conservation. New Haven (Connecticut): Yale University Press.
  7. 7,0 7,1 Matthews, L. Harrison (1977): La Vida de los Mamíferos, Tomo II. Historia Natural Destino, vol. 17. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0700-X.
  8. Van der Made, J. (2005): "La fauna americana" en E. Carbonell, ed. Homínidos: las primeras ocupaciones de los continentes 1ª edición . Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6789-5.
  9. Elizabeth Cary Mungall (2007): Exotic Animal Field Guide: Nonnative Hoofed Mammals in the United States. Texas A&M University Press. College Station. ISBN 1-58544-555-X.
  10. Spinage, C. A. (1986): The Natural History of Antelopes. New York: Facts on File Publications.
  11. Estes, Richard D. (1992): The Behavior Guide to African Mammals. University of California Press.
  12. Cuisin, Michel (1977): "Glosario" en: L. Harrison Matthews, ed. La Vida de los Mamíferos, Tomo I Historia Natural Destino, vol. 16. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0699-2.
  13. Ás veces clasificado como Sigmoceros lichtensteinii,
  14. Véxase Alcelaphus.
  15. Hoxe incluída, pola maioría dos autores, na subfamilia dos reduncinos.
  16. Vésaxe peleinos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar